- A Pobra non tiña banda municipal dende o ano da Gran Depresión, 1929
A Pobra, 10 de xullo de 2011. Onte, sábado 9 de xullo, o Teatro Elma acubillou o peche do curso 2010-2011 da Escola de Música que conta na actualidade con 76 alumnos/as, un director e seis mestres e tamén se presentou a Banda de Música, integrada por 21 nenas e nenos desta escola, na que aprenden e tocan dende os catro anos de idade instrumentos como piano, frauta, batería, clarinete, saxo, tuba, trompeta, guitarra, marimba, pandeireta, metalófono, caixón flamenco ou guitarra.
No acto estiveron presentes varios membros do equipo de goberno, ademais do alcalde, Isaac Maceiras, que dixo estar "moi orgulloso da Escola de Música, xa que en só dous anos que leva funcionando, acadou os seus obxetivos como era o reto de poñer en funcionamento a Banda de Música". Lembrouse que A Pobra non ten unha banda dende o ano 1929; e hoxe en día era un dos poucos concellos que non a tiña. Fixo referencia a que este esforzo "é posible primordialmente ao traballo dos alumnos e dos seus pais, pola dedicación e o entusiasmo que poñen nisto, así como a profesionalidade dos seus mestres. E como recompensa o mellor premio que poden recibir é o apoio e o cariño de tódolos pobrenses".
Tamén estivo no acto o Director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, que dixo que "un pobo culto e o que crea cultura, e que dá gusto ver a todos estes nenos e nenas, mozos e mozas volcados nunha tarefa nada fácil como a de involucrarse na creación dunha Banda de música, pero coa súa tenacidade, empeño e ilusión conseguíronno nun tempo simbólico". Tamén fixo referencia a que dende a Dirección Xeral que el dirixe e dende a Xunta de Galicia "farase todo o que estea nas nosas mans para apoiar iniciativas como ésta, que poñen á Pobra do Caramiñal no lugar que debe ocupar no mapa cultural de Galicia".
O teatro-cine Elma estaba totalmente ateigado e ao remate da actuación da Banda de Música, o público pusoxe en pé para cos seus aplausos fecilitar aos compoñentes desta Banda recén estreada.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia