9.11.10

Dodro: Xaquín Ocasión S.L. presenta este venres 12 na bisbarra o novo modelo de Ford

Download now or preview on posterous
INVITACION.pdf (286 KB)

Dodro, 9 de novembro de 2010. A empresa Xaquín Ocasión S.L., afincada en Dodro e adicada á venta de vehículos a motor, presenta este venres 12 de novembro a partires das sete da tarde o novo Ford C-Max e convida a todo aquel que queira achegarse a ver as súas instalacións e servizos.  
Dende que a parella de propietarios, Marisol Boga Grela e Xaquín Pérez Duarte, comezaron a súa andaina neste negocio mudaron moito os tempos. O primeiro negocio era unha compra-venta en Santiago, aló polo ano 1995 e con esforzo conseguiron inaugurar as novas instalacións en Dodro cinco anos despois e deron o paso para integrarse na Rede Ford de Galicia da comarca do Sar en 2002. Xa recibiron a visita do presidente de Ford España, José Manuel Machado, no ano 2004, polo seu bo facer.

Para Marisol Boga e Xaquín Pérez, "a clave do éxito radica na transparencia co cliente e a constancia no traballo diario". Están especializados como taller multimarca, onde priman a atención ao cliente e a actualización do persoal técnico, o cal da como resultado un alto estándar de calidade no servizo postventa.

Ford C-Max, o vehículo máis avanzado da marca, este venres

Os que desexen achegarse a Dodro, ás instalacións de Xaquín S.L. este venres, terán a oportunidade de ver e probar antes que ninguén o novo Ford C-Max, modelo de turismo no que Ford volcou as tecnoloxías máis modernas e que trae novos niveis de estilo e atractivo dentro do competitivo mercado dos monovolumes compactos. Na presentación servirase un viño galego.

Web de Xaquín Ocasión S.L.
http://www.xaquinsl.com
Web do Ford C-Max
http://www.ford.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: a Sociedade Galega de Historia Natural pide mellores medidas de seguridade no eido da caza


Recoller setas sen saber (na imaxe, unha rebentabois ou amanita muscaria) pode ser tan perigoso como ir cazar sen sentidiño

Reproducimos, polo seu interese, o artigo íntegro:


SOBRE A SEGURIDADE NA CAZA

O luctuoso accidente acontecido onte en Ordes pon novamente de actualidade o nunca resolto problema da seguridade de todos os cidadáns (non só os cazadores) durante os días hábiles de caza.

Ó respecto a SGHN reitera á Consellería de Medio Rural as peticións feitas hai xa 6 anos á Consellería de Medio Ambiente (véxanse arquivos adxuntos):

Que a Consellería de Medio Ambiente estableza para a vindeira tempada de caza a obrigatoriedade dun exame que determine a aptitude de todos os que soliciten a obtención ou renovación dunha licencia de caza.

Que, tomando como modelo as decisións do Ministerio do Interior para os permisos de conducir, a Consellería de Medio Ambiente estableza «carnets por puntos» para os titulares de licencias de caza, dos que sexan descontados puntos por infraccións da Ley de Caza de Galicia, especialmente no relativo ó incumprimento das medidas de seguridade durante a caza, pero tamén en todo o relacionado coa conservación das especies, cinexéticas ou non, afectadas pola práctica da caza.

Que a Consellería de Medio Ambiente estableza controles obrigatorios de alcoholemia, ou consumo doutras drogas, para os cazadores, pois o consumo de alcohol ou drogas combinado co emprego de armas de fogo é alomenos potencialmente tan perigoso como o seu consumo combinado coa conducción de vehículos a motor.

Que a Consellería de Medio Ambiente subvencione tamén seguros para tódolos colectivos de cidadáns que, como os cazadores, adican parte do seu tempo de lecer a actividades na natureza: sendeirismo, montañismo, recollida de cogomelos e froitos silvestres, pesca, observación de fauna e flora, fotografía da natureza, ciclismo de montaña, etc.

Que a Consellería de Medio Ambiente distribúa tamén gratuitamente entre os devanditos colectivos chalecos de alta visibilidade que axuden a reducir o seu perigo de ser víctimas inocentes de accidentes de caza.

Máis información en www.sghn.org

Download now or preview on posterous
Seguros_caza.pdf (21 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: oito loitadores locais parten a Sicilia, ao Campionato Mundial de Artes Marciais

Ribeira, 9 de novembro de 2010.  Oito combatentes naturais deste concello, acompañados por dous adestradores, viaxan hoxe ás nove da noite cara a Sicilia (Italia), co gallo de participar no Campionato Mundial de Artes Marciais que organiza a WUMA (World United Martial Arts Federation). Esta competición disputarase esta fin de semana (días 12, 13 e 14) en Sicilia (concretamente, na localidade de Alcamo, de 45.000 habitantes).

Alcamo ten unha historia moi semellante a moitas cidades españolas: invadida polos árabes, logo polos viquingos e máis tarde polos suevos. Está entre Trapani e Palermo

O alcalde, José Luis Torres Colomer, así como a primeira tenente de alcalde, María Dolores Elorduy Callón, e o concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal Tomé, saudaron e desexaron moita sorte a estes combatentes, unha selección dos cales acudiron esta mañá á Casa Consistorial en compañía dos dous adestradores que viaxarán con eles, Iván Parada Novo e Miguel Pérez Paz.

No torneo concorrerán arredor de 1.000 loitadores de multitude de países, practicantes de diferentes estilos (kempo, kung-fu, kick-boxing, sandá, full contact, light contact, semi contact, defensa persoal, formas creativas musicais, armas e rompementos).

Os oito rapaces participantes son: Juan Carlos Fandiño Casais, Aitor Sampedro Ares, Míriam Santiago Armental, Carolina Rey Pérez, Miguel Rey Pérez, Rubén Novo Ruiz, Adrián Gude Gude e Laura Laíño Vidal. As disciplinas nas que van participar son: catas creativas, catas con armas, catas solo, catas por equipos, light contact e semi contact.

O Concello concede unha subvención nominal a cada loitador, consistente no financiamento do 50% dos gastos derivados do desprazamento, aloxamento, manutención, inscrición e demais. Da importancia do Campionato dá fe o feito de que será retransmitido pola cadea pública da televisión italiana RAI Sport, segundo o Concello. Todo o recadado no evento será doado integramente a UNICEF.


Sitio web do Campionato (non agarden atopalo nin en castelán): http://www.womaa.it

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua Galega: Porto do Son e Pobra do Caramiñal acollen unha sesión de poesía e teatro de Bocaberta o martes 16 de novembro


Barbanza, 9 de novembro de 2010. As localidades barbanzanas de A Pobra do Caramiñal e Porto do Son acollerán o vindeiro martes 16 de novembro a obra "Señor Mundo, Dígame?". Esta actividade está inserida no programa de dinamización Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende achegar o galego á poboación máis nova.

Na Pobra representarase ás dez da mañá e en Porto do Son, ás doce do mediodía.

Señor mundo, dígame? é un recital de poesía e é tamén unha representación teatral que lle cede a palabra ao público para converterse en obradoiro de teatro. A partir de textos de Antonio García Teijeiro, a compañía Factoría Teatro ofrece 50 minutos de ritmo e de xogo á procura da palabra, nun recital tolo de poesía sonora e visual para facer gozar os máis novos.Está recomendado para nenos de seis a oito anos.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Reportaxe: Galicia celebra o Día do Peón polo San Martiño mentres se produce unha invasión de trompos xaponeses de plástico

O fenómeno BeyBlade invade colexios e parques galegos. A asociación Brinquedia continúa intentando revitalizar a buxaina tradicional, de madeira e con punta de metal e moi barata, mentres os xaponeses crearon un peón con lanzador de plástico que vale dez veces máis e ten a súa propia serie de debuxos animados e xogo para consola.

Barbanza-Noia, 8 de novembro de 2010. Hai dous anos advertimos da febre dos Gormiti neste mesmo espazo de Certo e non nos equivocamos nadiña: quedamos curtos! Ata a revista humorística Retranca se refire a eles neste polémico número sobre a visita do Papa e reclama que a Xunta de Galicia pague por traer a eses deuses infantís creados por unha mente italiana. Non perdan de vista aos Gormitis nas peticións para os vindeiros Reis Magos, pero atendan ao invento xaponés -non tan novo, foi creado en 1999 e xa arrasou noutros países, imos con retraso- que ameaza con substituír aos trompos tradicionais: o trompo beyblade.


Instrucións do trompo beyblade (7 euros no sitio máis barato) e buxaina tradicional (0,75 euros)

O vindeiro xoves 11 de novembro Brinquedia convoca unha nova edición do Día do Peón. Despois das 5 edicións anteriores, a data vaise asentando para todas aquelas entidades que traballan arredor do xogo tradicional deste país, nomeadamente nos centros de ensino. A repercusión e participación medra ano tras ano (aseguran que nas últimas edicións se acadaron cifras superiores ás 10.000 persoas). Entre os obxectivos desta xornada está o de divulgar iniciativas encamiñadas á recuperación e conservación das actividades lúdicas tradicionais.

Este é o trompo que promove o Día do Peón

A convocatoria non só está dirixida aos centros de ensino, malia seren os maiores organizadores desta campaña, senón aos concellos, asociacións, institucións e mesmo a colectivos de galegas/os no exterior. Lembran que a estacionalidade deste xogo ven marcada na fraseoloxía galega por varios refráns tais como "Polo San Martiño, peóns ao camiño", "Polo Santo Amaro, peóns ao faiado", "Polo Santo Antón, trompos ao caixón", "Pola Santa Olaia, peóns á borralla".

Pero esa fraseoloxía está pasando á historia. En Certo levamos observando a invasión de buxainas xaponesas dende as vacacións de verán, cando se puxo en marcha unha nova canle de televisión na TDT: Boing. Nela, os novos heroes dos nenos son os protagonistas de BeyBlade. Se a iso sumamos os anuncios das rechamantes peonzas, que se poden construír segundo os gustos de cada cativo, pois levan diferentes pezas intercambiables, e "tuneables" con distintas pegatinas de cada heroe, o éxito está asegurado. Ao aspecto lúdico-hipnótico das peonzas (o que exercen aínda os trompos tradicionais, co seu xiro elegante) as novas beyblade engaden o afán do colecionista, que non é moi difícil espertar nos máis pequenos, e o estímulo da emulación. Os nenos queren determinada buxaina de plástico porque se identifican co personaxe que a fai xirar na serie.


Beyblade e peón tradicional rodando

Tamén está o compoñente da fraseoloxía máxica: se vostede escoita a un rapaciño dicir algo así como "leri rí" mentres tira un trompo de plástico, é que está enmeigado con este xoguete xaponés. O lema dos protagonistas de BeyBlade é "Let it rip!" (déixaa xirar!). Xa máis dun neno puxo en apuros ao seu profesor de inglés ao preguntarlle que signifca beyblade e a fraseciña de marras.

Nenos nun parque coas súas beyblade

Aproveitan este tipo de columpios para convertelos en estadios de combate de beyblade

Un prezo considerable

Canto vale unha destas peonzas? Nos sitios máis baratos, sete euros. Nas xogueterías de vilas medianas están case a 10 (9,95 euros). O trompo tradicional atópase (non é tan doado como antes, hai poucas xogueterías que aposten por el, porque deixa poucos beneficios) por 75 céntimos de euro.

E cal dura máis? Nin que dicir ten que o trompo tradicional. Se tiras a beyblade en superficies rugosas, estrágala de contadiño (hai xa estadios de combate, que se venden á parte, para xogar con elas). O trompo de sempre aguanta o que lle boten: é a diferenza fundamental entre ter unha punta de plástico ou unha de metal.

Cal é máis doado de tirar? A beyblade. Trae un tirador con forma de cremalleira que se engancha nunha peza á que se une a peonza de plástico e calquera cativo a pode tirar (está recomendada para nenos de oito anos en diante, pero xa vimos xogar a nenos de cinco). Para tirar un trompo tradicional hai que ter a paciencia de aprender: debes liar ben o cordel arredor da madeira cos sucos, colocalo na posición axeitada e darlle o impulso idóneo, ou o trompo queda enganchado, ou sae arrebolado como se dunha pedra lanzada cunha honda se tratase.

Beyblade en pleno "rip"

Para o día 11 de novembro, este xoves, ás 12 da mañá, proponse a leitura dun Manifesto do Día do Peón e a concentración de nenas, nenos e persoas maiores, coa finalidade de bailar milleiros de peóns en diferentes escolas, prazas públicas e/ou espazos cubertos do noso país. O acto central, que organiza Brinquedia coa axuda da Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional, terá lugar en Melide, organizado pola propia AGXPT e o Concello de Melide.

Di, entre outras cousas, o escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor no pregón para celebrar o Día do Peón 2010:

"Aquí, no Campo Grande, no Campo de San Roque, nas rúas máis cativas desta vila, nos arredores desta capital da Gándara e do Camiño do Norde e do Francés e onde sempre houbo xoguetes da fábrica de noso, propias as maus e propios os beneficios. Ata chegarmos á industria que nos veu de lonxe: monecas e vestidos, guerras con pistolas de estralotes, trebellos de fóra, máquinas que falan por nós, deseños doutros mundos, voces que non son galegas, caras e xeitos de todos os lugares que temos que aprehender axiña, porque o di a tele e dinllo tamén á mamá e ao papá, á avoa e ao avó, aos parentes todos:  "xoguetes riquiños e ventureiros coma ti e coma nós”. Tanta mentira".

Sentimos, incluso lamentamos, contradicilo: o xoguete tradicional galego non se soubo adaptar aos tempos. Apenas temos fábricas de xoguetes (neste país concéntranse no Levante español). Non tivemos a ninguén para facer unha serie de debuxos, ou unha calquera de ficción, onde os nenos tirasen os trompos ou fixesen campionatos con eles. Tampouco o estamos a ver cos bolos tradicionais ou coa billarda. Non atopamos programadores aos que se lles ocorra deseñar para as consolas (beyblade xa está en Wii, por algo é unha consola xaponesa) unha adaptación do xogo real. Mesmo na Wikipedia nótase o predominio da reinvención xaponesa do trompo: consulte beyblade, e logo consulte trompo (ambos en castelán) e buxaina (en galego).

Non hai inversión en investigación e desenvolvemento neste eido tan importante da cultura, o do xogo, que é cada vez máis consumista. Por iso terá que vir a industria de lonxe a encher ese oco, e os cartos irán para fóra (aínda que aquí quedan tamén, nos intermediarios, que levan un bo pico). Porque non fomos quen de investir nas nosas tradicións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación de veciños de Carreira programa o seu magosto para este sábado 13

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical