O fenómeno BeyBlade invade colexios e parques galegos. A asociación Brinquedia continúa intentando revitalizar a buxaina tradicional, de madeira e con punta de metal e moi barata, mentres os xaponeses crearon un peón con lanzador de plástico que vale dez veces máis e ten a súa propia serie de debuxos animados e xogo para consola.
Barbanza-Noia, 8 de novembro de 2010. Hai dous anos advertimos da febre dos Gormiti neste mesmo espazo de Certo e non nos equivocamos nadiña: quedamos curtos! Ata a revista humorística Retranca se refire a eles neste polémico número sobre a visita do Papa e reclama que a Xunta de Galicia pague por traer a eses deuses infantís creados por unha mente italiana. Non perdan de vista aos Gormitis nas peticións para os vindeiros Reis Magos, pero atendan ao invento xaponés -non tan novo, foi creado en 1999 e xa arrasou noutros países, imos con retraso- que ameaza con substituír aos trompos tradicionais: o trompo beyblade.Instrucións do trompo beyblade (7 euros no sitio máis barato) e buxaina tradicional (0,75 euros) O vindeiro xoves 11 de novembro Brinquedia convoca unha nova edición do Día do Peón. Despois das 5 edicións anteriores, a data vaise asentando para todas aquelas entidades que traballan arredor do xogo tradicional deste país, nomeadamente nos centros de ensino. A repercusión e participación medra ano tras ano (aseguran que nas últimas edicións se acadaron cifras superiores ás 10.000 persoas). Entre os obxectivos desta xornada está o de divulgar iniciativas encamiñadas á recuperación e conservación das actividades lúdicas tradicionais.
Este é o trompo que promove o Día do PeónA convocatoria non só está dirixida aos centros de ensino, malia seren os maiores organizadores desta campaña, senón aos concellos, asociacións, institucións e mesmo a colectivos de galegas/os no exterior. Lembran que a estacionalidade deste xogo ven marcada na fraseoloxía galega por varios refráns tais como "Polo San Martiño, peóns ao camiño", "Polo Santo Amaro, peóns ao faiado", "Polo Santo Antón, trompos ao caixón", "Pola Santa Olaia, peóns á borralla". Pero esa fraseoloxía está pasando á historia. En Certo levamos observando a invasión de buxainas xaponesas dende as vacacións de verán, cando se puxo en marcha unha nova canle de televisión na TDT: Boing. Nela, os novos heroes dos nenos son os protagonistas de BeyBlade. Se a iso sumamos os anuncios das rechamantes peonzas, que se poden construír segundo os gustos de cada cativo, pois levan diferentes pezas intercambiables, e "tuneables" con distintas pegatinas de cada heroe, o éxito está asegurado. Ao aspecto lúdico-hipnótico das peonzas (o que exercen aínda os trompos tradicionais, co seu xiro elegante) as novas beyblade engaden o afán do colecionista, que non é moi difícil espertar nos máis pequenos, e o estímulo da emulación. Os nenos queren determinada buxaina de plástico porque se identifican co personaxe que a fai xirar na serie.
Beyblade e peón tradicional rodandoTamén está o compoñente da fraseoloxía máxica: se vostede escoita a un rapaciño dicir algo así como "leri rí" mentres tira un trompo de plástico, é que está enmeigado con este xoguete xaponés. O lema dos protagonistas de BeyBlade é "Let it rip!" (déixaa xirar!). Xa máis dun neno puxo en apuros ao seu profesor de inglés ao preguntarlle que signifca beyblade e a fraseciña de marras.
Nenos nun parque coas súas beyblade
Aproveitan este tipo de columpios para convertelos en estadios de combate de beyblade
Un prezo considerable
Canto vale unha destas peonzas? Nos sitios máis baratos, sete euros. Nas xogueterías de vilas medianas están case a 10 (9,95 euros). O trompo tradicional atópase (non é tan doado como antes, hai poucas xogueterías que aposten por el, porque deixa poucos beneficios) por 75 céntimos de euro. E cal dura máis? Nin que dicir ten que o trompo tradicional. Se tiras a beyblade en superficies rugosas, estrágala de contadiño (hai xa estadios de combate, que se venden á parte, para xogar con elas). O trompo de sempre aguanta o que lle boten: é a diferenza fundamental entre ter unha punta de plástico ou unha de metal. Cal é máis doado de tirar? A beyblade. Trae un tirador con forma de cremalleira que se engancha nunha peza á que se une a peonza de plástico e calquera cativo a pode tirar (está recomendada para nenos de oito anos en diante, pero xa vimos xogar a nenos de cinco). Para tirar un trompo tradicional hai que ter a paciencia de aprender: debes liar ben o cordel arredor da madeira cos sucos, colocalo na posición axeitada e darlle o impulso idóneo, ou o trompo queda enganchado, ou sae arrebolado como se dunha pedra lanzada cunha honda se tratase.
Beyblade en pleno "rip"Para o día 11 de novembro, este xoves, ás 12 da mañá, proponse a leitura dun Manifesto do Día do Peón e a concentración de nenas, nenos e persoas maiores, coa finalidade de bailar milleiros de peóns en diferentes escolas, prazas públicas e/ou espazos cubertos do noso país. O acto central, que organiza Brinquedia coa axuda da Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional, terá lugar en Melide, organizado pola propia AGXPT e o Concello de Melide. Di, entre outras cousas, o escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor no pregón para celebrar o Día do Peón 2010:"Aquí, no Campo Grande, no Campo de San Roque, nas rúas máis cativas desta vila, nos arredores desta capital da Gándara e do Camiño do Norde e do Francés e onde sempre houbo xoguetes da fábrica de noso, propias as maus e propios os beneficios. Ata chegarmos á industria que nos veu de lonxe: monecas e vestidos, guerras con pistolas de estralotes, trebellos de fóra, máquinas que falan por nós, deseños doutros mundos, voces que non son galegas, caras e xeitos de todos os lugares que temos que aprehender axiña, porque o di a tele e dinllo tamén á mamá e ao papá, á avoa e ao avó, aos parentes todos: "xoguetes riquiños e ventureiros coma ti e coma nós”. Tanta mentira". Sentimos, incluso lamentamos, contradicilo: o xoguete tradicional galego non se soubo adaptar aos tempos. Apenas temos fábricas de xoguetes (neste país concéntranse no Levante español). Non tivemos a ninguén para facer unha serie de debuxos, ou unha calquera de ficción, onde os nenos tirasen os trompos ou fixesen campionatos con eles. Tampouco o estamos a ver cos bolos tradicionais ou coa billarda. Non atopamos programadores aos que se lles ocorra deseñar para as consolas (beyblade xa está en Wii, por algo é unha consola xaponesa) unha adaptación do xogo real. Mesmo na Wikipedia nótase o predominio da reinvención xaponesa do trompo: consulte beyblade, e logo consulte trompo (ambos en castelán) e buxaina (en galego). Non hai inversión en investigación e desenvolvemento neste eido tan importante da cultura, o do xogo, que é cada vez máis consumista. Por iso terá que vir a industria de lonxe a encher ese oco, e os cartos irán para fóra (aínda que aquí quedan tamén, nos intermediarios, que levan un bo pico). Porque non fomos quen de investir nas nosas tradicións.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario