18.12.10

Natureza: os eucaliptos de Taragoña e as sobreiras de Campelos seguen sen estar no catálogo de árbores senlleiras de Galicia

O Catálogo galego de árbores senlleiras inclúe 127 exemplares. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza vai a publicar unha Orde pola que se actualizará o Catálogo con máis de 50 novas árbores e formacións

Unha das sobreiras de Campelos, que están na faldra do monte Tahúme

Barbanza-Noia, 18 de decembro de 2010.- O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras recolle un total de 127 elementos recoñecidos, dos cales 106 corresponden a árbores de 60 especies diferentes e 21 a distintas formacións arboradas compostas por 14 especies distintas. As provincias da Coruña (con 38 árbores e 11 formacións) e Pontevedra (con 33 e 7, respectivamente) son as que posúen un mostrario máis amplo; Lugo ten catalogados 25 arbustos e 1 formación, mentres que Ourense ten 10 e 2. Entre estes 127 elementos seguen sen aparecer as enormes sobreiras centenarias de Campelos, nas faldras do monte Tahúme, entre os concellos de Porto do Son, Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Tampouco foron catalogados como tales aínda os enormes e tamén centenarios eucaliptos de Taragoña, situados enfronte á igrexa. Alguén dos concellos nomeados debería ter feito algo, se é que non está en marcha, ao respecto.

O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Xuntanza do Comité
Esta semana tivo lugar a xuntanza do Comité das Árbores Senlleiras para informar novas propostas de catalogación de árbores e formacións. En total, foron 42 as novas solicitudes de inclusións, 31 de árbores e 11 de formacións, que serán estudadas polo Comité para avaliar se son merecedoras de formar parte deste mostrario. Por outra banda, nesta reunión a Dirección Xeral de Conservación da Natureza informou que vai a proceder a publicar en breve prazo unha Orde pola que se actualizará o catalogo con máis de 50 novas árbores e formacións que xa contaban con informes favorables previos deste Comité.

Este Comité é o órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en relación co Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Os membros do Comité, designados por diferentes institucións e organismos teñen como finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras.

Nesta reunión, presisida  polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, estiveron tamén presentes o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández; o subdirector xeral de Recursos Forestais, José Luis Chan; Francisco Fernández, presidente da Asociación Forestal de Galicia; Javier Silva Pando, do departamento de ecoloxía do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; e como representantes da Universidade estiveron tamén Elvira Sahuquillo, do departamento de bioloxía animal, vexetal e ecoloxía da Facultade de Ciencias da Coruña; e Antonio Rigueiro do departamento de produción vexetal da Escola Politécnica Superior da USC en Lugo.

Inclusións e exclusións
Aínda que existe unha primeira selección de exemplares e formacións, o catálogo configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

Os exemplares e formacións non incluídos finalmente no Catálogo poderán ser protexidos mediante instrumentos de carácter local (catálogos municipais de árbores senlleiras, plans de ordenamento municipal) ou a través doutras figuras de protección da natureza (Espazo Natural de Interese Local, Espazo Privado de Interese Natural como por exemplo, o espazo das Sobreiras do Faro, no concello pontevedrés de Oia, declarado como espazo privado de interese natural a proposta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso).

No que atinxe aos eucaliptos, hai un blog do Eucalyptus Endeavour Project no que se fala dos eucaliptos de Taragoña (tomamos a imaxe dalí, aínda que teñen unha galería máis ampla aquí) e se sinala que o avó de Chavín, o que se supón eucalipto máis vello de Galicia, poucos anos máis terá que os de Taragoña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: Torre Xunqueiras convertiuse por intres en plató para un documental sobre Valle Inclán


Xerardo Pardo de Vera facendo de Valle no balcón de Torre Xunqueiras

A Pobra do Caramiñal, 18 de decembro de 2010. A rodaxe do documental "Este que veis aquí" sobre Valle-Inclán producido por Gona Film e dirixido por José Luis García Sánchez, que estes días se estaba a desenvolver en terras santiaguesas e que tiña previsto gravar tamén en escenarios babanzanos, atópase xa nas terras da Pobra do Caramiñal.

Juan Luis Galiardo en Torre Xunqueiras. Fai do hidalgo Juan Manuel de Montenegro

Atópanse os actores Juan Diego e José Luis Galiardo, xunto con Xerardo Pardo de Vera dando vida ao propio Valle-Inclán e ós seus personaxes o Marqués de Bradomín e don Juan Manuel de Montenegro.

Ao longo desta mañá gravaron dentro dos dominios de Torre Xunqueiras, que no seu día fora escenario de "Sonata de Otoño" para continuar logo coa rodaxe de exteriores no monte da Curota. Pola tarde achegáronse ao Museo Valle-Inclán, sito no centro da vila da Pobra, onde Valle-Inclán se puido percibir máis vivo ca nunca encarnado por Xerardo Pardo de Vera. O director deste docudrama, García Sánchez, xa ten experiencia co escritor arousán, pois en 1994 foi premiado co Goya ao mellor guion adaptado por Tirano Banderas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical