26.1.12

Rianxo: publicadas as bases para o Certame de Carrozas de Entroido do martes 21 de febreiro

Rianxo_entroido_2012


Rianxo, 26 de xaneiro de 2012. O Concello de Rianxo, a través da súa Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística, e co obxectivo de promociona-las tradicións propias na celebración do Entroido, vén de convocar un Certame de Carrozas, a celebrar vindeiro martes día 21 de febreiro dotado cun único premio de 600 €.

De seguido achégase un estrato das Bases, que en breve se poderán consultar de xeito íntegro.

A Asociación de hosteleir@s de Rianxo, colabora na organización deste Certame e establece ademáis outros 3 premios dotados de 300, 200 e 100 €.

ESTRATO DAS BASES
PARTICIPANTES:  Entidades non lucrativa legalmente constituídas, ou ben os grupos informais de persoas. No caso de  menores poderase requirir autorización. Estarán conformadas por un mínimo de 6 persoas.
INSCRICIÓNS: Cubrir e asinar impreso normalizado, xunto coa presentación de documentos acreditativos. Lugar: Auditorio de Rianxo. Data tope de inscrición:  luns 23  de febreiro antes das 14:00 horas.
TEMA: confección, motivo, materiais, etc. totalmente libres. A efectos do Certame,  enténdese por carroza  aquel aparello móbil ou  plataforma  adornada, sobre a que, alomenos, a metade dos membros desenvolvan unha escenificación.  
VALORACIÓN: Premiarase, a orixinalidade, o esforzo na  realización, ornamentacións, coreografías e todo o que implique creatividade e utilización de recursos non comerciais. As carrozas inscritas deberán participar no  correspondente desfile. Non se  permite publicidade comercial.
PREMIO: O Concello de Rianxo establece un único premio dotado de 600 €. Suxeito a retención de IRPF.
7º.- Os/as gañadores serán dados a coñecer durante a tarde  do Martes de Entroido e farán efectivo o seu cobro na mesma data, previa cumprimentación e presentación da documentación xustificativa  requirida nas bases.
8º.- A inscrición no certame conleva a aceptación e cumprimento das bases.

NOTA:  Recoméndase a lectura detida das Bases na súa totalidade e a formalización da inscrición coa suficiente antelación


PREMIOS DA ASOCIACIÓN DE HOSTELEIR@S DE RIANXO
A Asociación de Hosteleir@s de Rianxo establece ademáis outros  tres premios, dotados de 300, 200 e 100 €.

Máis información no Auditorio de Rianxo Tfno. 981 100 688 / 664 180 632.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as andainas do ciclo "Ponte a andar" voltan este domingo 29 cun roteiro á Fervenza da Madanela en Porto do Son

Ribeira, 26 de xaneiro de 2012. O ciclo de andainas "Ponte a Andar" está organizado conxuntamente pola Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira, programando distintas rutas cunhas características determinadas:

  1. Terán lugar o domingo pola mañá, con horario de saida ás 10:00 h. e chegada aproximada as 12:00 h.
  2. A inscrición é libre e gratuita, non fai falla anotarse en ningún sitio, ainda que se agradece que notifique a asistencia pois dende a organización temos que facer certas previsións.
  3. As distancias estarán entre os 10 e os 12 km. en función das particularidades do terreno polo que discurra a ruta.
  4. Están dirixidas a tódolos públicos e non se precisa dunha forma física excepcional, pero sí unha boa disposición a camiñar (o ritmo de camiñata será de 4-5 km./h).
Os únicos requisitos que se piden son:

  1. Puntualidade na hora da saida, e no lugar que se indica en cada ruta.
  2. Roupa e calzado cómodo e apto para o tipo de actividade que se vai levar a cabo.
  3. Algo de beber para o camiño, ou un recipiente no que poder portar líquido.
  4. E, por suposto, atende-las intruccións dos monitores en cada ruta.
  5. Os nenos e menores de 16 anos deben ir acompañados dos pais ou tutores que se facerán responsables deles e lle notificarán ós monitores quén é o adulto que os tutela.
  6. Non se permiten animais de compañía.
Rutas programadas e vindeiras datas:

Domingo 29 de xaneiro , 10.00 h.: Fervenza da Madalena: Campo de futbol de Caamaño (na carretera de Ribeira-Noia, ó pasar Xuño -logo da ponte- hai un indicador a man dereita que tamén indica Casa da Cultura) - Monte do Castro - Monte Esperoi - Monte Grallade - Xufres - Fervenza da Madalena - Capela de San Pedro de Ribasieira (e regreso ó punto de partida). A saída terá lugar dende o Campo de futbol de Caamaño (Porto do Son) a ruta discurre toda por pistas de terra cun perfil asumible na súa maioría, ainda que nos atopamos con algunha rampa pronunciada pero curta e ben transitable, polo que se califica coma de "dificultade media ".

Media_httpfarm3static_ydexh

Domingo 26 de febreiro , 10.00 h.: Calzada Romana de Vitres - Saida dos Chans das Cañizadas (na pista de asfalto da Curota, donde remata o asfalto)- alto da Portela - castelo de Vitres - Mosquete - monte de Piñeiro - alto da Portela - chans das Cañizadas. Ruta moi asumible no seu primeiro tramo (4 km.) ata chegar á calzada romana de Vitres, no que nos atopamos con algunha dificultade técnica na baixada, e a subida polo monte de Piñeiro dende Mosquete require unha condición física axeitada para facer frente a 2 km. largos de subida, ainda que a dificultade técnica é baixa neste traxeito convén ir prevenido sabendo o que nos imos atopar; por isto calificámola coma de "dificultade media".

Media_httpfarm7static_xacfc

Domingo 25 de marzo , 10.00 h.: Subida a Forcados - Saida do miradoiro de Valle Inclán - San Amedio - Os Forcados - Alto da Curota - miradoiro de Valle Inclán: a subida a Forcados pola cara norte é un dos sendeiros máis duros (ou quizais o que mais) que nos podemos atopar na serra do Barbanza, tanto técnicamente -xa que temos moita pedra solta- coma físicamente, pois ten unha inclinación moi elevada. Compénsase a dificultade cas vistas, e ca sensación de superar un desafio ó alcance de moi poucos. O resto da andaina é moi asumible pois as forzas hai que gastalas na "parede" de pouco máis dun kilómetro de longo que nos vai levar ó alto dos forcados. Recomendamos levar bastóns e insistimos máis ca nunca nun calzado apropiado. Sobra dicir que esta andaina está calificada coma de "dificultade ALTA".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: organizan viaxe a Madrid entre o 22 e o 25 de marzo

A Pobra, 26 de xaneiro de 2012. O concello da Pobra do Caramiñal programa unha viaxe por terras de Madrid entre os días 22 e 25 do vindeiro mes de marzo. Esta excursión foi presentada nunha rolda de prensa que se celebrou hoxe na sala de xuntas do Concello, na que deron a información María José Rivadulla Santos e Dolores Devesa Casais, organizadoras da excursión.

Trátase dunha saída de catro días aberta a todos os públicos que ten establecida a súa saída para as seis da mañá do xoves día 22 e percorrerá lugares como o Mosteiro do Escorial, a Catedral da Almudena ou o Senado, con paradas na xornada de retorno na cidade de Segovia para poder visitar o acueducto, a catedral e o alcázar.

Os veciños que estén interesados en inscribirse ou queiran ter máis información, poden pasar polas dependencias do concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: curso de manipulador de alimentos dende o venres 10 de febreiro

Manipulador alimentos curso.pdf Download this file

Dodro, 26 de xaneiro de 2012. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro organiza un curso de Manipulador de Alimentos. É de balde e terá lugar o venres 10 de febreiro en horario de 20h a 23h nas aulas da Paxareira.

As prazas son limitadas. Os interesados deberán inscribirse no departamento de Servizos Sociais do concello ou ben chamando ó teléfono 981 802 466.

O prazo de inscricións remata o 9 de febreiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Sociedade Liceo convoca asemblea xeral o martes 31 de xaneiro

Noia, 26 de xaneiro de 2012. Unha nova convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria de socios da Sociedade Liceo de Noia terá lugar o vindeiro martes 31 de xaneiro no Salón de Actos da Sociedade a partires das 20:30 horas.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: adican a pista multideporte da Casa da Xuventude aos irmáns futbolistas Parada Alvite

  • Eran coñecidos como Suco I e Suco II e militaron no Barça, no Dépor e no Celta, entre outros clubs de Primeira División

Ribeira, 26 de xaneiro de 2011.- A Pista Multideporte que se está a rematar na parte traseira da Casa da Xuventude de Ribeira recibirá o nome de ‘Irmáns Parada Alvite’, en homenaxe aos míticos futbolistas Suco I e Suco II. 

Así llo transmitiu o alcalde Manuel Ruiz Rivas aos irmáns Andrés e José Manuel Parada Alvite, os cales aceptaron esta proposta, coa que o Concello pretende distinguir a traxectoria deportiva dos irmáns máis sobresaíntes da historia deportiva de Ribeira, con permiso dos González Pérez -José Ramón e Fran- aos que tamén se quere homenaxear no futuro. 

A Concellería de Deportes xa está a traballar nos actos preparativos da inauguración da pista, que incluirán un partido entre dous equipos locais e contarán coa presenza dos irmáns homenaxeados e dos González Pérez. 

Cunhas dimensións de 14x28 metros, a pista ten un pavimento de céspede sintético e alta durabilidade, cun peche de aceiro galvanizado e madeira tratada para soportar as inclemencias meteorolóxicas.  

A instalación é apta para practicar deportes como o fútbol, o baloncesto, o balonmán, o voleibol e, por regra xeral, todos aqueles que non danen a superficie. 

Traxectorias

Andrés Parada Alvite, Suco I, foi un dos mellores extremos que dou o fútbol galego. Saído da canteira do Atlético Riveira, foi fichado polo Racing de Ferrol e as súas brillantes actuacións o levaron con 20 anos ás filas do FC Barcelona, onde xogaría dúas tempadas. Posteriormente militou no Racing de Santander e Valencia CF, para acabar a súa carreira no Deportivo da Coruña. Nos seus equipos compartiu vestiarios con  outros mitos galegos como o bota de ouro Luis Suárez e Marcelino, o autor do famoso gol na final da Copa de Europa de Seleccións de 1964. 

José Manuel Parada Alvite, Suco II, defendeu durante dez tempadas as cores do Real Club Celta, chegando a ser seleccionado coa Selección B Española e disputando co conxunto celeste o histórico partido de Aberdeen, debut dun equipo galego na copa da UEFA.  Defendeu tamén a camiseta do Racing de Ferrol, Pontevedra e Atlético Riveira. Na súa etapa xuvenil participou no mundial celebrado no ano 1962 en Romanía, converténdose no primeiro deportista internacional nado en Ribeira.



 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: ata o 1 de febreiro para anotarse nun curso de orientación deportiva

  • Organizado pola asociación Sálvora, será impartido na Casa da Xuventude dende a vindeira semana
 
Media_httpfarm5static_byecj

Moncho Sampedro é un ribeirense que gañou trofeos nesta especialidade

Ribeira, 26 de xaneiro de 2011.- A Casa da Xuventude vai ser escenario dende a próxima semana do Primeiro Curso de Iniciación á Orientación Deportiva “Oriéntate”, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Sálvora / Riveira Trek-aventura, coa colaboración de Tradistudios e o Concello de Ribeira (Áreas de Xuventude e Deportes). 

O obxectivo da acción  é facilitar o acceso a todos aqueles que deseñen acceder a unha disciplina deportiva tan completa como descoñecida en permanente contacto coa natureza e adquirir os coñecementos necesarios para participar en probas de orientación e raid.  

A actividade comprenderá  catro sesións teóricas (os días 4, 11, 18 e 25 de febreiro, en horario de 10 a 13 horas) e, a continuación, tres sesións prácticas que se desenvolverán os días 3, 10 e 17 de marzo na praia da Barra, na lagoa de Castiñeiras e na Serra da Barbanza. 

A inscrición inclúe a participación nunha proba da liga galega de orientación. 

O prezo é de 10 euros para socios da Asociación Sálvora e de 15 euros para os non socios. Inclúe material didáctico e técnico máis avituallamento. Ao remate farase entrega dun certificado de aproveitamento. 

Para inscricións e información adicional, pórse en contacto coa Asociación Sálvora a través das contas de facebook ou tuenti de riveiratrekaventura. Tamén chamando ao número 600 341 825 ou no correo electrónico riveitratrekaventura@gmail.com

Data límite de inscrición: 1 de febreiro. Prazas limitadas.




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o alcalde estivo noutra presentación de La Vuelta a España na Deputación

  • A presentación oficial das dúas etapas que pasarán pola Coruña tivo lugar esta mañá na sede da institución provincial
  • Diego Calvo voltou falar das bondades de que este espectáculo deportivo -cada día máis cuestionado pola dopaxe- pase polas nosas bisbarras, pero de novo obviou canto poñemos os galegos dos nosos impostos para que se celebre
A Coruña, 26 de xaneiro de 2012. O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá o percorrido da Volta a España 2012 pola provincia da Coruña, que este ano pasará por 35 concellos coruñeses.

Na presentación, ademais dos alcaldes de Boiro (Juan José Dieste), Dumbría (José Manuel Pequeño), A Laracha (José Manuel López Varela) e Culleredo (Julio Sacristán de Diego), tamén estivo presente o director xeral da Volta, Javier Guillén Bugayo, quen realizou unha exposición técnica sobre o percorrido e sobre as razóns que levaron á organización a escoller ese itinerario.

“Despois de cinco anos, A Volta volve á Coruña, pero coas chegadas e as saídas desta edición a provincia recupera o protagonismo que non ten nesta competición desde fai case vinte anos”, lembrou Diego Calvo. E é que a última ocasión na que a provincia foi escenario deste circuíto foi no 2007, cunha etapa que uniu Allariz con Santiago de Compostela. Pero esta cidade, todo un clásico no campionato que cumpre 76 anos e que foi sede en sete ocasiones, leva sen acoller unha saída desde hai 25 anos. Ademais, Ferrol non é chegada desde 1993".

“A Coruña vai achegar lugares nunca vistos nos 67 anos de historia da Volta, como o Miradoiro do Ézaro. Unha chegada en costa que está a levantar moita expectación entre os corredores e os espectadores”, explicou o titular provincial, que insistiu na importancia que supón que o pelotón percorra 35 concellos da provincia nunhas datas tan turísticas como son o 30 e o 31 de agosto. “Gustaríame tamén resaltar que, a pesar de que este é un deporte de elite, é gratuíto e moitos veciños da Coruña poderán velo desde a porta das súas casas. É importante tamén que coa Volta móvese a afección e ao seu paso, ademais, crea máis”, matizou Calvo.

En total, os ciclistas percorrerán un total de 330 quilómetros na provincia, por lugares nunca vistos nos 67 anos de historia da Volta, como é o Miradoiro de Ézaro. Ademais, tal e como insistiu o presidente provincial, “veremos ao pelotón na costa do Barbanza, o sur da Costa da Morte, as Mariñas coruñesas e, ademais, as tres grandes cidades da provincia”.

Diego Calvo tamén recalcou que a provincia ofrece escenarios con moitos alicientes no aspecto deportivo aínda que, matizou, “A Volta é moito máis que un deporte”. “O ciclismo é un deporte ligado á natureza e non se entende sen os desafíos que esta propón ao ciclista no camiño. Os desafíos que lles imos propor na Coruña serán, sen dúbida, moi interesantes”, concluíu o presidente.

Javier Guillén Bugallo, ademais de explicar o percorrido que realizarán os ciclistas, insistiu en que a deste ano é unha “volta moi galega que non vai a quedar nunha mera anécdota” e aludiu a que toda a organización estaba moi interesada en repetir visita a Galicia “pola excelente acollida que temos cada vez que vimos”. Quixo ademais destacar a innovación que supón a “chegada explosiva” a Ézaro e adiantou que “non será a última vez que se faga” para referirse finalmente ás etapas coruñesas como “unha viaxe de paisaxes”.

Finalmente, agradeceu a Diego Calvo o seu “esforzo e traballo” para conseguir que o percorrido da Volta pasase polo maior número de municipios coruñeses posible.

Repercusión mediática, segundo os organizadores

A Volta ciclista a España é retransmitida en 143 países do mundo e cada sede (tanto de chegada  como de saída) ten unha presenza media en televisión superior aos 10 minutos, segundo datos -complicados de contrastar- dos organizadores.

Durante A Volta 2011, a etapa máis vista foi seguida polo 18,9% da xente que estaba a ver a televisión neses momentos, é dicir, por 2.277.000 espectadores. A media de espectadores da Volta foi máis vista que a semifinal da Copa Davis ou a liga Eurobasket, disque. Ademais, máis de 6.000 noticias en radio, prensa e televisión fixeron seguimento de cada xornada durante o 2011, o que supuxo un incremento do 6,24% de seguimento con respecto ao ano anterior.

O gran seguimento desta competición tamén se pode medir polo 1.765.000 persoas que asistiu o ano pasado como público a esta etapa, polos máis de 6 millóns que visitaron a páxina oficial nesa mesma edición e polos seguidores que acumulan nas redes sociais e as  227.500 visualizacións da Volta que se realizaron na canle oficial de Youtube.

Por tanto, tanto o seguimento mediático como a retransmisión de imaxes supón unha presenza nos medios que no mercado estaría valorada por riba dos 300.000 euros, aseguran sen complexos nun evidente panorama de recesión da publicidade e do seu custo económico.

Activación da hostalería e o consumo

“Un dos poucos sectores nos que se prevé crecemento a curto prazo é o do turismo. Por iso a Deputación da Coruña non vai deixar o seu esforzo por potenciar esa panca da economía nos momentos que estamos a vivir”, explicou o titular provincial despois de que Javier Guillén se explicase  A iso hai que sumar o aloxamento de preto de 1.500 persoas que xestiona directamente Unipublic (referido por televisións, medios de seguridade, a oficina permanente, organización, patrocinadores, prensa e produción das etapas, entre outros) que supón un gasto en cada sede de 200.000 euros.

A activación da economía na zona pola que pasa A Volta aumenta ademais ao ocorrer o evento nas mesmas rúas da cidade. A organización calcula que o incremento de gasto en consumo dunha xornada co paso dos ciclistas con respecto a unha ordinaria é de 60.000 euros para a cidade. En total, o retorno medio da sede calculado polos organizadores da volta supera os 560.000 euros, mais en ningún momento ofrecen cifras do que aporta a Deputación, ou sexa, os impostos dos galegos.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical