26.1.12

Boiro: o alcalde estivo noutra presentación de La Vuelta a España na Deputación

  • A presentación oficial das dúas etapas que pasarán pola Coruña tivo lugar esta mañá na sede da institución provincial
  • Diego Calvo voltou falar das bondades de que este espectáculo deportivo -cada día máis cuestionado pola dopaxe- pase polas nosas bisbarras, pero de novo obviou canto poñemos os galegos dos nosos impostos para que se celebre
A Coruña, 26 de xaneiro de 2012. O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá o percorrido da Volta a España 2012 pola provincia da Coruña, que este ano pasará por 35 concellos coruñeses.

Na presentación, ademais dos alcaldes de Boiro (Juan José Dieste), Dumbría (José Manuel Pequeño), A Laracha (José Manuel López Varela) e Culleredo (Julio Sacristán de Diego), tamén estivo presente o director xeral da Volta, Javier Guillén Bugayo, quen realizou unha exposición técnica sobre o percorrido e sobre as razóns que levaron á organización a escoller ese itinerario.

“Despois de cinco anos, A Volta volve á Coruña, pero coas chegadas e as saídas desta edición a provincia recupera o protagonismo que non ten nesta competición desde fai case vinte anos”, lembrou Diego Calvo. E é que a última ocasión na que a provincia foi escenario deste circuíto foi no 2007, cunha etapa que uniu Allariz con Santiago de Compostela. Pero esta cidade, todo un clásico no campionato que cumpre 76 anos e que foi sede en sete ocasiones, leva sen acoller unha saída desde hai 25 anos. Ademais, Ferrol non é chegada desde 1993".

“A Coruña vai achegar lugares nunca vistos nos 67 anos de historia da Volta, como o Miradoiro do Ézaro. Unha chegada en costa que está a levantar moita expectación entre os corredores e os espectadores”, explicou o titular provincial, que insistiu na importancia que supón que o pelotón percorra 35 concellos da provincia nunhas datas tan turísticas como son o 30 e o 31 de agosto. “Gustaríame tamén resaltar que, a pesar de que este é un deporte de elite, é gratuíto e moitos veciños da Coruña poderán velo desde a porta das súas casas. É importante tamén que coa Volta móvese a afección e ao seu paso, ademais, crea máis”, matizou Calvo.

En total, os ciclistas percorrerán un total de 330 quilómetros na provincia, por lugares nunca vistos nos 67 anos de historia da Volta, como é o Miradoiro de Ézaro. Ademais, tal e como insistiu o presidente provincial, “veremos ao pelotón na costa do Barbanza, o sur da Costa da Morte, as Mariñas coruñesas e, ademais, as tres grandes cidades da provincia”.

Diego Calvo tamén recalcou que a provincia ofrece escenarios con moitos alicientes no aspecto deportivo aínda que, matizou, “A Volta é moito máis que un deporte”. “O ciclismo é un deporte ligado á natureza e non se entende sen os desafíos que esta propón ao ciclista no camiño. Os desafíos que lles imos propor na Coruña serán, sen dúbida, moi interesantes”, concluíu o presidente.

Javier Guillén Bugallo, ademais de explicar o percorrido que realizarán os ciclistas, insistiu en que a deste ano é unha “volta moi galega que non vai a quedar nunha mera anécdota” e aludiu a que toda a organización estaba moi interesada en repetir visita a Galicia “pola excelente acollida que temos cada vez que vimos”. Quixo ademais destacar a innovación que supón a “chegada explosiva” a Ézaro e adiantou que “non será a última vez que se faga” para referirse finalmente ás etapas coruñesas como “unha viaxe de paisaxes”.

Finalmente, agradeceu a Diego Calvo o seu “esforzo e traballo” para conseguir que o percorrido da Volta pasase polo maior número de municipios coruñeses posible.

Repercusión mediática, segundo os organizadores

A Volta ciclista a España é retransmitida en 143 países do mundo e cada sede (tanto de chegada  como de saída) ten unha presenza media en televisión superior aos 10 minutos, segundo datos -complicados de contrastar- dos organizadores.

Durante A Volta 2011, a etapa máis vista foi seguida polo 18,9% da xente que estaba a ver a televisión neses momentos, é dicir, por 2.277.000 espectadores. A media de espectadores da Volta foi máis vista que a semifinal da Copa Davis ou a liga Eurobasket, disque. Ademais, máis de 6.000 noticias en radio, prensa e televisión fixeron seguimento de cada xornada durante o 2011, o que supuxo un incremento do 6,24% de seguimento con respecto ao ano anterior.

O gran seguimento desta competición tamén se pode medir polo 1.765.000 persoas que asistiu o ano pasado como público a esta etapa, polos máis de 6 millóns que visitaron a páxina oficial nesa mesma edición e polos seguidores que acumulan nas redes sociais e as  227.500 visualizacións da Volta que se realizaron na canle oficial de Youtube.

Por tanto, tanto o seguimento mediático como a retransmisión de imaxes supón unha presenza nos medios que no mercado estaría valorada por riba dos 300.000 euros, aseguran sen complexos nun evidente panorama de recesión da publicidade e do seu custo económico.

Activación da hostalería e o consumo

“Un dos poucos sectores nos que se prevé crecemento a curto prazo é o do turismo. Por iso a Deputación da Coruña non vai deixar o seu esforzo por potenciar esa panca da economía nos momentos que estamos a vivir”, explicou o titular provincial despois de que Javier Guillén se explicase  A iso hai que sumar o aloxamento de preto de 1.500 persoas que xestiona directamente Unipublic (referido por televisións, medios de seguridade, a oficina permanente, organización, patrocinadores, prensa e produción das etapas, entre outros) que supón un gasto en cada sede de 200.000 euros.

A activación da economía na zona pola que pasa A Volta aumenta ademais ao ocorrer o evento nas mesmas rúas da cidade. A organización calcula que o incremento de gasto en consumo dunha xornada co paso dos ciclistas con respecto a unha ordinaria é de 60.000 euros para a cidade. En total, o retorno medio da sede calculado polos organizadores da volta supera os 560.000 euros, mais en ningún momento ofrecen cifras do que aporta a Deputación, ou sexa, os impostos dos galegos.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical