10.11.10

Rianxo: o Bng cualifica como "aldraxe" que o PP non queira declarar 2011 como "Ano Castelao"


Rianxo, 10 de novembro de 2010.-  O Partido Popular no Parlamento de Galicia negouse a declarar o Ano 2011 como Ano Castelao e votou en contra dunha iniciativa do BNG que tiña por obxecto conmemorar o 125 aniversario do seu nacemento e o recoñecemento da súa figura, para que "non fose víctima da política de ocultación e esquecemento que practica o goberno da Xunta contra as figuras senlleiras da cultura e as letras galegas", segundo explica a formación nacionalista.

Ana Pontón, durante o debate en pleno desta proposta nacionalista, que foi votada no transcurso desta mañá, advertiu que se introducían na mesma unha serie de aspectos para que de ter sido aprobada non puidera ficar como algo “ritual” senón para dotala de contido e que se fixera efectiva. Salientou a necesidade de organizar unha grande exposición da obra gráfica máis relevante de Castelao na Cidade da Cultura e actividades de divulgación nos centros educativos. Asemade, avogou pola organización de estudos e congresos e, sobre todo, porque se incluira na lei de orzamentos unha partida con suficiente dotación para o desenvolvemento de todas as actividades.


As leas sobre Castelao son continuas. Este ano ata o seu sartego no Panteón de Galegos Ilustres estivo pechado.

A parlamentaria tamén reivindicaba a través desta iniciativa que se cumpra outro acordo unánime do pasado mes de febreiro relativo á protección e difusión da obra de Castelao e á súa declaración como Ben de Interese Cultural, pois ningún dos puntos que incluia se está a desenvolver.

Para a deputada nacionalista, a pertinencia desta proposta vén dos antecedentes que se puideron comprobar con nitidez durante o 2010, ano no que se produciron efemérides doutros personaxes claves para a cultura galega, como o 125 aniversario da morte de Rosalía ou o centenario do nacemento de Carballo Calero, “semella que non teñen a talla suficiente para que a Consellería lles prestara a súa atención”.

Ana Pontón denunciou que mentres non hai recursos para conmemorar estas datas si apareceron publicados no DOG convenios para dotar con case 500.000 euros á Fundación Cela, “aquí non hai austeridade –dixo- pero a Fundación Rosalía recibiu só 20.000 e a Fundación Castelao nin aparece. Non só se premian as figuras que non son representativas do sistema literario e cultural galego senón que isto se fai en detrimento das que si precisarían do apoio deste goberno”.


Minipiso da Fundación Castelao

A parlamentar advertiu durante o debate que xa non tiña moitas esperanzas en que esta proposta fora saír adiante e asegurou que esta actitude, a de votar en contra "porque o pensamento de Castelao é nacionalista" , ou aprobar cousas que logo fican nun caixón  é expresiva de como entende o PP o galeguismo, como un “galeguismo de galería” que logo contradí todo coa súa práctica.


Busto de Castelao con flores en Rianxo

“Con esta votación vostedes aldraxan a Castelao, tentan censurar e manipular a súa figura  e quen como vostedes atacan á lingua e cultura galegas, servíndose das institucións nesa batalla, non poden dicir que seguen o credo de Castelao”, concluiu.

Relacionadas:


Castelao: piden que a súa obra se declare BIC


Valle e Calero: homenaxe institucional ao primeiro, esquecemento do segundo


Moito antes, en xaneiro deste ano, publicamos isto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Bng di que a Xunta segue "escapando do problema da planta de reciclaxe"

A parlamentaria Ana Pontón propuxo a creación  dunha empresa pública que xestione a planta coa que se garantan os postos de traballo

Lousame, 10 novembro de 2010.- . A deputada do BNG, Ana Pontón, formulou hoxe en sesión plenaria, unha pregunta sobre as accións que levará adiante a Xunta ante a situación da Planta de Tratamento de Residuos da Mancomunidade do Barbanza, destinadas a  garantir a súa viabilidade e os postos de traballo.

Ana Pontón lembrou que esta planta atende a 9 concellos e máis de 85.000 persoas representando un modelo de xestión de residuos “excelente” que ten demostrado ser máis barato que outras opcións, nomeadamente Sogama, e que funciona con total normalidade.

Neste sentido, a deputada nacionalista cualifica de case “temerario” o desleixo que está a amosar até o de agora o goberno da Xunta, toda vez que a situación de Sogama, no que atinxe á súa capacidade, fai supoñer que non podería asumir os residuos desta zona en caso de pechar a Planta do Barbanza.

Ecoembes debe manter as condicións de recollida de residuos

Para Ana Pontón, a intervención da Xunta pasa por garantir, a través do convenio que está negociando con Ecoembes, que esta empresa manteña as condicións de recollida dos materiais que ten na actualidade coa planta de Lousame e tamén por realizar as xestións oportunas para facilitar a amortización da débeda que varios concellos da comarca manteñen coa mancomunidade, pois foron os impagos destes concellos os que provocaron que a empresa que xestiona a planta solicitara a rescisión do contrato por incumprimento.

Xestión pública 

A parlamentar propuxo igualmente que se inicien conversacións coa Mancomunidade a fin de constituír unha empresa pública que xestione a Planta de Lousame por seren un referente na reciclaxe, non só para Galiza senón tamén para o resto do estado.

En resposta á parlamentaria nacionalista, o conselleiro de Medio Ambiente asegurou que a Xunta está negociando un novo marco con Ecoembes pero o obstáculo segue sendo a falta de pagamento pola cota de tratamento dos residuos sólidos de varios concellos integrantes da mancomunidade e a Xunta está a apoiar á mancomunidade para resolver os problemas da planta de Lousame para que no futuro poida acollerse ao plan de xestión de residuos 2010-2011.

A Xunta segue sen responsabilizarse

Para a deputada do BNG, a Xunta segue “escapando deste problema” porque é responsable de garantir os obxectivos do plan de residuos de Galiza” e considerou que o Goberno galego non  responde a quen lle dará a razón na negociación, se a  Ecoembes ou a Mancomunidade porque iso  afirmou ,”condicionará o futuro da planta”.

Pontón concluíu a súa intervención aludindo a un terceiro problema que na súa opinión “non é menor”, xa que a Xunta de Galiza conta cun plan de residuos que, na súa opinión, é “errático” e criticou que non sexa destinado, “ni un só euro público” para a ampliación da planta de Lousame. A parlamentaria nacionalista reiterou a necesidade de ir cara unha xestión pública porque por parte da Mancomunidade tamén existe esta disposición.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o conselleiro de Medio Ambiente di que a planta de reciclaxe "é unha peza importante do Plan de Xestión de Residuos de Galicia"

Lousame, 10 de novembro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou hoxe no Parlamento que a Planta de tratamento de residuos de Lousame, xestionada pola Mancomunidade da Serra do Barbanza, constitúe "unha importante peza para a consecución dos obxectivos de incremento da valorización e redución da eliminación en vertedoiro sinalados polo novo Plan de Residuos de Galicia".

A este respecto, destacou que a Xunta de Galicia inclúe no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2010 a necesidade de xestionar 'in situ' determinados residuos a través do tratamento en plantas locais ou comarcais. Neste contexto, sinalou que a Xunta asumiu unha posición de colaboración activa coa Mancomunidade da Serra do Barbanza e está a desenvolver diversas iniciativas destinadas ao mantemento e potenciación da planta de Lousame, considerando que a mesma está a funcionar con bos resultados e que as dificultades que a instalación vén experimentando derivan de causas alleas ao modelo de xestión asumido pola entidade supramunicipal.

Mediación con Ecoembes

Polo que respecta á controversia xurdida entre a concesionaria da planta e a entidade Ecoembes, sinalou que a Xunta está a realizar unha labor de mediación co fin de fomentar o logro dunha solución consensuada que poña fin á diferenza de criterio que ambas partes manteñen en relación coa pretensión do devandito sistema integrado de xestión de reducir os pagamento dos custes de tratamento de determinados residuos plásticos xestionados na planta de Lousame.

Ese labor de mediación que está a levar o Goberno galego ten conseguido que Ecoembes desistise de aplicar unilateralmente o seu criterio de forma inmediata, evitando así unha importante perda de ingresos para a instalación. Asegurou que a problemática xurdida en torno a este asunto está moi presente na formulación do novo convenio marco que a Xunta está a negociar con Ecoembes.

Lembrou que o principal obstáculo para a viabilidade da planta de Lousame vén constituído pola falta de pagamento das cotas correspondentes ao tratamento de residuos por parte de varios concellos integrantes da Mancomunidade. Esta falta de pagamento ocasionou que o ente supramunicipal incorrese nunha importante débeda coa empresa concesionaria da planta de residuos, motivo polo que a dita empresa instou a resolución do contrato de xestión do servizo en xullo do presente ano.

Retencións da Xunta aos concellos morosos


Por solicitude da propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia xa viña retendo fondos correspondentes aos concellos debedores desde mediados deste ano 2010, de conformidade co previsto pola Lei galega de Administración local, transferíndoos directamente á entidade supramunicipal a fin de que esta puidese ir afrontando os pagamentos pendentes.

En definitiva, insistiu en que a Xunta de Galicia está a prestarlle un apoio decidido e eficaz á Mancomunidade para a resolución dos problemas concretos que afectan á planta de Lousame.

Almacén de explosivos
O conselleiro tamén fixo referencia, para ilustrar o apoio da Xunta á planta, a achega de 100.000 euros instrumentalizada a través dun convenio subscrito coa Mancomunidade, co fin de financiar a adquisición dos terreos ocupados polo almacén de explosivos lindeiro coa instalación, como paso necesario para o traslado dese polvorín a un novo emprazamento.

Esta medida, ademais de ofrecer a posibilidade de ampliar as instalacións de tratamento de residuos, permite evitar a execución da sentenza que ordenaba o seu peche a causa da proximidade dunha actividade de especial perigosidade, como é un polvorín, o que ata datas recentes constituía o risco máis inminente que pendía sobre a viabilidade da planta.

Rematou asegurando que ante a situación actual da planta "non imos regatear esforzos para tratar de manter e potenciar estas instalacións ambientais, porque entendemos que representan un dos modelos a promover na estratéxica ambiental do actual Goberno, tal e como se recolle no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia para a vindeira década".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Comercio: a Xunta integra novidades como a escolla do "mellor praceiro" e cheques desconto para impulsar as prazas de abastos


Praza de abastos de A Pobra do Caramiñal

Barbanza-Noia, 10 de novembro de 2010. A Consellería de Economía e Industria acaba de poñer en marcha unha nova iniciativa de dinamización do pequeno comercio a través da campaña “Escolle o teu praceiro”, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro en 92 prazas de abastos de toda Galicia, e para o que a Consellería realizará un investimento total de 110.000 euros.

O obxectivo desta iniciativa é impulsar e visualizar o noso consumo nos mercados municipais galegos, así como potenciar a figura profesional dos praceiros, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, durante o acto de presentación desenvolvido esta mañá. “Estes mercados supoñen a mellor oferta de produtos frescos de alimentación, especialmente galegos, dunha calidade altísima, e que garanten ademais un servizo profesional e personalizado”, explicou Nava Castro. “Querémoslle transmitir a todos os galegos que mercar nas prazas de abastos é unha garantía de calidade tanto no tocante aos produtos como no que se refire ao trato por parte dos profesionais encargados dos postos. E a isto engadímoslle que as compras que se fagan durante estes meses tamén poden ter premio”, indicou a directora xeral de Comercio.

Cheques desconto e profesional mellor valorado

Praza de abastos de Noia
Nesta campaña, ademais de sortear cheques de desconto de ata 75 euros entre os consumidores, a Consellería pretende recoñecer a figura dos praceiros, a través da posta en marcha dunha votación do profesional mellor valorado, para o que será necesario a colaboración dos clientes.

En cada un dos mercados municipais participantes o procedemento será o mesmo: cada praceiro entregaralle un cupón por compra aos seus clientes para que poidan participar na campaña e no que, ademais dos seus datos, deberá quedar reflectido o seu voto ao mellor praceiro. Cada 15 días realizarase un sorteo en cada un dos mercados onde resultarán premiadas tres participacións con bonos de desconto de 25, 50 e 75 euros, que se poderán utilizar no propio mercado. Nestes sorteos determinarase tamén o praceiro preferido polos consumidores de cada mercado.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: Barbanza e Noia non existen para os que miden a contaminación do aire en Galicia


Parafraseando aquel anuncio de salvaslips: a que cheiran as nubes de Barbanza e Noia?

Barbanza-Noia, 10 de novembro de 2010. Ecologistas en Acción, co apoio de VerdeGaia en Galicia, vén de presentar o informe da calidade do aire en España. No que se refire aos datos de Galicia, varias zonas, entre elas Barbanza e Noia, non existen no informe, ben porque non teñan estacións, ben porque, aínda con estacións, a Xunta de Galicia non subministrou os datos.

¿Pedirá algún grupo político destas bisbarras que se arranxe esta eiva? ¿Ou non nos preocupa aos barbanceses e noieses saber o que respiramos? ¿Acaso non hai polígonos industriais nestas comarcas? ¿Temos todo en estado de revista? Xa nos gustaría que así fose, pero o único que temos, no que atinxe á calidade do aire é falta de información.

Download now or preview on posterous
pdf_Aire2009.pdf (884 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Amicos recepciona este venres 12 un novo certificado de calidade para o centro de día

Download now or preview on posterous
UNE 158201 2007.pdf (2727 KB)


Amicos organiza cursos variados, como este de viveirista
Ribeira, 10 de novembro de 2010.  O venres 12 de novembro, ás doce e media da mañá, a asociación Amicos presentará a certificación de calidade certificadas por AENOR UNE-EN 158201 / 2007 para o servizo de centro de dia. A obtención deste certificado supón a consolidación do proxecto de calidade e excelencia levada a cabo durante estes últimos dous anos e que sitúa a Amicos e os seus centros como referentes a nivel estatal en política de calidade.

Este novo certificado súmase os tres anteriores ( UNE EN ISO 9001:2008; UNE EN ISO 14001:2004; EMASS ), co cal consolídase desta maneira a aposta de AMICOS polo paso dun modelo asistencial e de beneficencia a un modelo de aposta pola calidade e a excelencia na atención a persoas con discapacidade intelectual e na xestión dos centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, con especial incidencia no respecto ao medio ambiente como motor de desenvolvemento rural.

Esta aposta pola calidade supón unha mellora considerable tanto na atención como na xestión dos Centros de AMICOS, o cal, segundo explican, "sitúanos como referentes a nivel galego e estatal". 

PROGRAMA DO ACTO:

12:20 h: Recepción de Autoridades

12:30 h: Intervención de autoridades:

                      1.- Alcalde do Concello de Ribeira – 3 min

                        ( Excmo. Sr. D. Jose Luis Torres Colomer)

                      2.- Presidente com. Benestar da Deputación de A Coruña – 3 min

                        ( Dist. Sr. D. Manuel Sande Muñiz)

                      3.- Delegado Territorial de AENOR – 5 min

                        ( Dist. Sr. D. Martín Pita López )

                      4.- Presidenta de AMICOS – 3 min

                        ( Dna. Mª  Esther Vidal Rodríguez )

                      5.- Secretaria Xeral de Familia e Benestar – 8 min

                        ( Ilma Sra. Dna. Susana López Abella )

12:55 h: Entrega de Certificacións de Calidade por Delegado Territorial de AENOR e Secretaria Xeral de Familia e Banestar

13:00 h: Visita aos Centros de AMICOS – Servirase un viño galego

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lecer: aberto prazo nas Oficinas de Información Xuvenil para inscribirse no programa "Invernízate con nós"

Download now or preview on posterous
invernizateconnos.pdf (1863 KB)


Unha das actividades será o tiro con arco

Barbanza-Noia, 10 de novembro de 2010. Invernízate con nós é un programa de lecer no medio natural, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que se levará a cabo no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña) durante as fins de semana de outono e inverno. Este programa está dirixido a mozos e mozas que teñades entre 18 a 35 anos, e ten un custo de 75 € (60€ co carné xove).

As actividades que se van a realizar son: recoñecemento de estrelas, orientación nocturna, BTT, tiro con arco, corda tirolesa, iniciación ao rapell, orientación, xogos tradicionais, dinámicas de grupos, rutas de senderismo, obradoiro de recoñecemento fotográfico da paisaxe e obradoiros de construccións. No suposto de mal tempo, levaranse a cabo actividades alternativas.

O programa inclúe o aloxamento no albergue xuvenil de Gandarío, manutención completa, programa de actividades, monitoraxe e o material preciso para o seu desenvolvemento. O desprazamento ata o albergue será por conta vosa.

Para facer a reserva, terás que cubrir a ficha de inscrición, que poderás descargar na páxina xuventude.net, e deixala no Servizo de Información Xuvenil, xunto coa fotocopia do DNI. Finalmente, cando lle confirmen as prazas ó Servizo, debes facer o ingreso na conta que se indique.

Vía Portelo de Rianxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical