- Percibirá 2.500 euros en metálico polo traballo Rianxo 2112: construíndo un pasado para o noso futuro
Premiados por Política Lingüística cinco traballos doutros tantos centros entre os 75 presentados
Rianxo, 8 de xaneiro de 2012.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística premia cinco centros educativos de Galicia polo seu labor innovador en dinamización lingüística. Trátase do CPI Dr. López Suárez do Saviñao, do IES Félix Muriel de Rianxo, do IES Rodeira de Cangas, do IES Perdouro de Burela e do IES As Bizocas do Grove. Todos eles foron os gañadores dos premios aos proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para desenvolver no curso académico 2011-2012.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba esta semana a resolución dos premios, que teñen como obxectivo prioritario fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.
As iniciativas galardoadas, que recibirán 2.500 euros cada unha, foron seleccionadas entre un total de 75 proxectos, unha cifra que duplicou os presentados na pasada edición dos premios. Ademais, o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras recibirá unha xornada de asesoramento e orientación. Para dar a coñecer os proxectos, a secretaría xeral difundiraos a través do seu portal web, http://www.xunta.es/linguagalega, xunto cos materiais educativos que se realicen para a súa posta en marcha.
Amplo abano de experienciasOs proxectos premiados abranguen un amplo abano de ámbitos e de temas. O CPI Dr. López Suárez do Saviñao aposta por poñer en valor o galego a través do estudo da actividade que lle imprime máis personalidade á zona xeográfica de influencia do centro educativo e presentan o proxecto A elaboración do viño na Ribeira Sacra. No marco desta experiencia, realizarán actividades de investigación sobre o proceso de elaboración do viño na Ribeira Sacra, recompilarán vocabulario relacionado coa viticultura e empregarán o galego dialectal como vehículo para a aprendizaxe da lingua inglesa, poñendo en valor os usos lingüísticos da contorna do alumnado.
Entre os proxectos gañadores tamén se encontran algúns de centros educativos que xa viron recoñecido noutras ocasións o seu labor de dinamización lingüística e que agora propoñen novas accións para avanzar no seu traballo. É o caso do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña), do IES Perdouro de Burela (Lugo), do IES As Bizocas do Grove (Pontevedra) e do IES Rodeira de Cangas (Pontevedra).
O primeiro destes centros resultou seleccionado pola iniciativa Rianxo 2112: construíndo un pasado para o noso futuro. No marco deste novo proxecto, o centro procurará a realización de actividades baseadas na lingua oral, o achegamento ao galego por parte do alumnado estranxeiro e a colaborará con diversas entidades da contorna do centro, como empresas, asociacións e o Concello de Rianxo. As novas tecnoloxías protagonizarán outras das principais accións do proxecto, entre as que se encontran a realización dun mapa interactivo de Rianxo e unha presentación multimedia sobre o seu patrimonio.
O fomento do galego no ensino
Ademais da convocatoria destes premios, a secretaría xeral promove outras iniciativas no ámbito educativo que reforzan o asentamento da lingua na actividade cotiá dos centros, entre as que destacan as axudas para os proxectos de fomento do galego. Tamén promove a realización de concursos, de seminarios de dinamización para os docentes ou de programas en colaboración con outras institucións, como é o caso do Festival OUFF Escola, das Xornadas de Normalización Lingüística de Ferega, do programa Papá Pío da Fundación Carlos Casares ou da Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia