5.8.11

A Pobra: organizan viaxe a Vilanova de Arousa o domingo 14 de agosto

  • Os excursionistas irán á Festa de Mexillón e o Berberecho
  • Viaxe en catamarán, cun custo de 15 euros/adulto e 6 os menores de 12
Media_httpfarm7static_veaaa

A Pobra, 5 de agosto de 2011. O Concello da Pobra do Caramiñal ten programado para o domingo 14 de agosto un día de lecer cunha excursión a Vilanova de Arousa con motivo da celebración da Festa do mexillón e o berberecho, celebración que este ano chega á súa XVII edición e que funciona como un dos reclamos turísticos máis destacados da localidade.

A viaxe, que ten un prezo de 15 euros por persoa no caso dos adultos e seis euros para os nenos menores de 12 anos, inclúe o desprazamento desde A Pobra a Vilanova en catamarán, onde terá lugar o pregón e a entrega da insignia de ouro, para logo poder disfrutar da degustación do mexillón e a feira de artesanía.

As persoas interesadas en sumarse a este día ou desexen máis información, poden facelo no concello da Pobra ou nas dependencias da oficina de turismo a partir do vindeiro luns día 8.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Internet: a Xunta cae da burra e recuperará o contido de Flocos.tv na web da Agadic

  • A páxina da Axencia Galega de Industrias Culturais mantén o enderezo agadic.info, pero actualiza o seu deseño e estrutura para dar cabida aos contidos multimedia, ás redes sociais e á actualidade xerada polo propio sector, entre outras novidades
  • A sección Canle TV albergará o catálogo audiovisual anteriormente aloxado na plataforma flocos.tv
  • Lamentablemente, será unha canle unidireccional e pérdese o progreso que supuña Flocos.tv, onde os espectadores-usuarios podían comentar e valorar cada produción audiovisual alí acubillada. A Consellería de Cultura pasa do 2.0 ao 1.0

Santiago, 5 de agosto de 2011.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo estrea nova páxina web que, mantendo o seu enderezo www.agadic.info, actualiza o seu deseño e estrutura para dar cabida a novas seccións multimedia, ás redes sociais e aos contidos de actualidade xerados polo propio sector.

Así, xunto cos apartados de novas, carteleira e avisos relacionados directamente coa actividade da Agadic, incorpórase agora unha sección que, baixo o título Olladas, recolle noticias e eventos protagonizados polos propios profesionais das industrias culturais e clasificados por sectores: audiovisual, escena, música, etc.

Canle TV
Esta nova páxina está preparada, así mesmo, para albergar os contidos audiovisuais anteriormente aloxados na plataforma web flocos.tv, tal e como fora anunciado polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero. Nestes momentos, estanse a desenvolver os axustes técnicos precisos para a visualización deste catálogo audiovisual directamente dende a web da Agadic, a través dunha nova sección denominada Canle TV.

A web da Agadic incorpora, ademais, dous novos apartados multimedia –Galería e Vídeos–, así como os vínculos ás redes sociais ás que a entidade da Consellería de Cultura se incorporou recentemente a través dunha canle propia en YouTube e unha páxina en Facebook.

Tamén se reestruturou e actualizou a información de carácter institucional e de servizo ao sector, que agora conta cun acceso directo ao apartado de Axudas, a través do que se informa puntualmente do estado das distintas convocatorias de subvencións da Agadic ao sector (industrias culturais e audiovisual). Programacións, proxección exterior, centros de produción, premios, publicación e prensa son outros dos apartados informativos desta web, desde a que se facilita o acceso, asemade, á intranet galescena.info como ferramenta de traballo para as compañías e programadores dos espazos adscritos ás redes e circuítos promovidos pola Agadic.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: do 10 ao 12, Campionato local de volei-praia por parellas, en Tanxil

Media_httpfarm7static_aqnef

Choverá? Fará sol? Andará o demo por Ferrol?

Rianxo, 5 de agosto de 2011. O Club Voleibol Rianxo, coa colaboración do Concello de Rianxo, organiza o Campionato Local de Volei-Praia, na modalidade de parellas que se desenvolverá dende o 10 ó 12 de agosto na Praia de Tanxil.

Os partidos celebraranse en horario de tarde quedando o prazo de inscrición xa aberto. Esta é totalmente gratuíta e estableceranse as seguintes categorías en función do número e idade dos inscritos.


  • Masculino maiores: nados nos anos 97-96-95...

  • Feminino maiores: nadas nos anos 97-96-95...

  • Masculino menores: nados nos anos 98-99-00...

  • Feminino menores: nadas nos anos 98-99-00...

  • MIXTO: Categoría única.

  • Federad@ + Non Federad@.


Para formalizar inscricións e ampliar información:

  • Servizo de Deportes – Cuartel Vello . Praza Castelao. Tel: 981 86 63 81

  • Pavillón Polideportivo de Rianxo. Tel.: 981 86 61 10

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: do 18 ao 21 de agosto, Festa de Exaltación do Mexillón en Cabo de Cruz

Pesca: o Psoe esixe a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, por incompetente

-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira advirte que a esperpéntica situación que se esta vivindo na planta de Xove “é unha boa mostra do caos que reina na Conselleira do Mar”

-“Salvando as diferenzas estamos vivindo a mesma situación patética da xestión do Goberno Fraga co Prestige”, asegura Soneira, quen lembra que naquela ocasión “paseamos un petroleiro por todo o Atlántico, e neste caso paseamos unha batea por toda a Mariña luguesa”

-Preguntouse quen Goberna os intereses pesqueiros de Galicia

- Lembrou que onte mesmo o PSdeG-PSOE denunciou publicamente “que o 40% da ameixa fina que se trasladou o novo asentamento de Xove morre nos primeiros cinco días”


Rosa Quintana na pasada Festa do Percebe de Aguiño

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira esixiu hoxe a dimisión da Conselleira do Mar, pola incompetencia na xestión das políticas de pesca e marisqueo que esta levando adiante a Xunta de Feijoo, e tamén pola falla de liderazgo e de peso político na aposta por un deseño dunha política pesqueira e marisqueira acordes coa realidade socio-produtiva de Galicia. 

Soneira advirte que a esperpéntica situación que se esta vivindo na planta de Xove “é unha boa mostra do caos que reina na Conselleira do Mar”, espetou.

A portavoz de Pesca replica que “salvando as diferenzas estamos vivindo a mesma situación patética da xestión do Goberno Fraga co Prestige”, lembra que naquela ocasión “paseamos un petroleiro por todo o Atlántico, e neste caso paseamos unha batea por toda a mariña luguesa”, insistiu.

Afirmou que “a día de hoxe non sabemos quen goberna os intereses pesqueiros de Galicia” e preguntouse, si é a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, ou Pescanova, as confrarías, o Presidente Feijóo” e ironizou “ou un ente non identificado”, quen esta diante da política pesqueira da nosa Comunidade. Denuncia tamén que a día de hoxe “a Xunta aínda non explicou, quen, cando, onde, porque e en base a que estudios se tomou a decisión de fixar a reinstalación de moluscos en Moras (Xove)”, proclamou. 

Sinala ademais que tampouco deron explicacións sobre os índices de mortandade na zona de reinstalación de especies como a ameixa fina. Neste punto lembrou que onte mesmo o PSdeG-PSOE denunciou publicamente “que o 40% da ameixa fina que se trasladou o novo asentamento de Xove morre nos primeiros cinco días”. 

Por iso insistiu nas súas criticas “non sabemos se a enseada de Moras é o lugar idóneo para instalar estas especies”. E emprazou ao executivo autonómico a amosar os custes “deste dislate, e desta improvisación e das ocorrencias da Conselleira, Rosa  Quintana e o seu equipo”. 

E concluíu “por todo isto seria bo que Feijoo puxera ao fronte dos intereses pesqueiros e marisqueiros de Galicia a persoas acordes coa importancia que ten este sector para a estratexia económica de Galicia, porque senón el será o responsable único de toda esta desfeita”.

Outras leas nas que se mete Rosa Quintana:


Gaiolas de salmón: manifestación espontánea na Ría contra elas


Gaiolas de salmón na Ría: o Bng tamén se opón no Parlamento

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o boletín "Forte e claro" do Psoe denuncia o nepotismo do goberno local

A Pobra: o Psoe denuncia os cartos tirados no amaño dos xardíns de Valle Inclán

A Pobra, 5 de agosto de 2011. Segundo denuncia o Partido Socialista da Pobra, "fai un ano que os xardíns de Valle Inclán se pecharan por mor dunha remodelación por valor de 200.000 euros. Na obra colocouse un gran letreiro no que se dicía que se levantara acta notarial conforme as árbores  estaban enfermas, supoñendo que algún profesional avalara tales teses. Na inauguración, e segundo a nota de prensa da alcaldía con data do 10 de setembro de 2010, o Alcalde declaraba que os xardíns tiñan un gran problema: estaban enfermos. Así llo fixeron saber os distintos informes de enxeñeiros agrónomos de Tatiana Rodilla e a dirección de Medio Rural. Ditos enxeñeiros levaron a cabo un tratamento fitoparasitario contra pragas e enfermidades das árbores e arbustos. Despois de tantos tratamentos, de plantar 20 árbores xa grandes no mes de novembro todos esperábamos que tales tratamentos foran radicais e efectivos. Pois ben, nestes intres temos 26 árbores enfermas  e 20 mortas e gastamos 200.000 euros en combater tales doenzas".

Os socialistas engaden que no pasado outono, para acabar de rematar o asunto, "déuselle unha poda drástica e contundente ás árbores e algunhas delas xa non recuperaron despois de semellante corta. Disque lle cambiaron a terra por outra vexetal con máis de 70 camións de terra fértil e axeitada. Vistos os resultados é para botar a correr e non parar".

En resumo, "antes das obras tiñan tres árbores enfermas e por este motivo xustificaron esta inversión de forte impacto visual, (que é a que obtén os réditos electorais), primando a estética urbana sobre as necesidades que puideron paliarse con eses cartos. Agora, despois de gastar 200.000 euros ,(33 millóns das extintas pesetas), teñen 26 árbores  para recibir a extremaunción e agonizando e 20 xa defuntas (irrecuperables)", explican no Psoe pobrense, que rematan, en plan retranqueiro, louvando este "asesoramento e xestión eficaz e eficiente".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical