5.8.11

A Pobra: o Psoe denuncia os cartos tirados no amaño dos xardíns de Valle Inclán

A Pobra, 5 de agosto de 2011. Segundo denuncia o Partido Socialista da Pobra, "fai un ano que os xardíns de Valle Inclán se pecharan por mor dunha remodelación por valor de 200.000 euros. Na obra colocouse un gran letreiro no que se dicía que se levantara acta notarial conforme as árbores  estaban enfermas, supoñendo que algún profesional avalara tales teses. Na inauguración, e segundo a nota de prensa da alcaldía con data do 10 de setembro de 2010, o Alcalde declaraba que os xardíns tiñan un gran problema: estaban enfermos. Así llo fixeron saber os distintos informes de enxeñeiros agrónomos de Tatiana Rodilla e a dirección de Medio Rural. Ditos enxeñeiros levaron a cabo un tratamento fitoparasitario contra pragas e enfermidades das árbores e arbustos. Despois de tantos tratamentos, de plantar 20 árbores xa grandes no mes de novembro todos esperábamos que tales tratamentos foran radicais e efectivos. Pois ben, nestes intres temos 26 árbores enfermas  e 20 mortas e gastamos 200.000 euros en combater tales doenzas".

Os socialistas engaden que no pasado outono, para acabar de rematar o asunto, "déuselle unha poda drástica e contundente ás árbores e algunhas delas xa non recuperaron despois de semellante corta. Disque lle cambiaron a terra por outra vexetal con máis de 70 camións de terra fértil e axeitada. Vistos os resultados é para botar a correr e non parar".

En resumo, "antes das obras tiñan tres árbores enfermas e por este motivo xustificaron esta inversión de forte impacto visual, (que é a que obtén os réditos electorais), primando a estética urbana sobre as necesidades que puideron paliarse con eses cartos. Agora, despois de gastar 200.000 euros ,(33 millóns das extintas pesetas), teñen 26 árbores  para recibir a extremaunción e agonizando e 20 xa defuntas (irrecuperables)", explican no Psoe pobrense, que rematan, en plan retranqueiro, louvando este "asesoramento e xestión eficaz e eficiente".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical