Rosa Quintana destacou que a Consellería do Mar apoia todas aquelas accións que se realicen co fin de rematar coas prácticas de pesca ilegal como é o uso de explosivos no mar. A conselleira tamén lamentou a existencia deste tipo de lacras “que son nocivas para todos” e incidiu en que o Servizo de Gardacostas de Galicia está tamén a realizar inspeccións co fin de perseguir esta práctica ilegal.
Asemade, a titular do departamento autonómico lembrou que a Consellería do Mar se personou na causa aberta contra o emprego de dinamita na pesca do cerco no marco da “Operación Abuelo”. Entre os obxectivos desta personación está a de recabar toda a información antes de tomar decisión algunha en relación coas accións administrativas a adoptar no eido pesqueiro. Neste senso, Rosa Quintana manifestou que o departamento que dirixe actuará a este respecto con todas as cautelas e preservando sempre a presunción de inocencia para evitar a adopción de medidas que puideran ou tiveran que ser revogadas posteriormente.
Visitas a confrarías
A responsable de Mar realizou estas declaracións na súa visita á confraría de Portosín, a onde se desprazou logo de asistir a Porto do Son, onde mantivo unha xuntanza cos seus representantes co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades. Estes encontros enmárcanse na rolda de visitas que a responsable autonómica de Mar está a facer a todas as Confrarías de Galicia, para atender as demandas do sector.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia