14.6.12

Boiro: este sábado 16, teatro para público familiar na casa da cultura mañá e tarde

Boiro_sabado_16

  • 11:00 horas: Obradoiro de teatro cos alumnos do taller de Abanqueiro. No patio exterior da Casa de Cultura.
  • 12:30 horas:  Representación de “Diálogos” cos alumnos de Boiro e Abanqueiro.
  • 19:00 horas:  Representación da obra de teatro “O vertedoiro, un xogo de ratas” a cargo dos alumnos da aula de Abanqueiro.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres 15 inaugúrase a prazoleta García Márquez cunha lectura de "Cen anos de soidade"

Plazuela_garca_mrquez

  • Neste acto en homenaxe ao escritor colombiano haberá unha lectura partillada da novela "Cen anos de soidade" en inglés, galego e castelán

 

Ribeira, 14 de xuño de 2012.- Un dos acontecementos máis atractivos do programa de mañá do Xuño da Cultura e as Artes vai ser a inauguración oficial da nova prazoleta Gabriel García Márquez, situada a carón da praza de Compostela, na que está ubicada a sede do Ateneo Valle-Inclán.

 

O acto, ao que están convidados todos os veciños e visitantes, terá lugar ás 20.30 horas e contará coa participación do alcalde Manuel Ruiz; o presidente do Ateneo Valle-Inclán, Santos Oujo; e a concelleira de Cultura, Elvira Pisos.

 

No transcurso do mesmo haberá unha lectura compartida da novela do premio nobel de Aracataca “Cen anos de soidade” en inglés, galego e castelán. Organiza o Concello coa colaboración do Ateneo Valle-Inclán.

 

Clausura da Mostra

Tamén no día de mañá terá lugar a última xornada da XV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira. Será como sempre no Auditorio Municipal ás 20 horas. Nesta ocasión haberá unha función única, a cargo do Grupo Municipal Infantil, que, formado por 10 actrices, escenificará a obra “Vaia Maraña”, con guión adaptado e dirección de Segundo Chiki Durán, a partir do texto “Princesas y Fantasmas”, orixinal de Carmen Vázquez Vigo.

 

Unha enfermidade como o sarampón pode converterse na escusa perfecta para levar a cabo unha aventura teatral onde a imaxinación axude a recuperar dos males sufridos aos que padecen este mal... Comedia de enredo onde xogarán un papel importante tres protagonistas inesperados.  Unha vez rematada a función terá lugar a clausura oficial coa entrega de diplomas e agasallos aos participantes.

 

Os artistas en San Roque

Por último, mañá haberá tamén no Centro de Interpretación Arqueolóxica do parque de San Roque unha nova xornada de “Os artistas en San Roque”, na que escolares de 5º e 6º de Primaria do municipio toman parte activa nun conxunto de xogos, obradoiros e outras actividades lúdicas e de divertimento, co fin de aprenderlles coñecementos sobre o megalitismo, a idade de bronce e a idade de ferro. Organizada pola Concellería de Turismo, a iniciativa terá lugar entre as 9 e as 13.30 horas.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado, campionato galego de Atletismo e o domingo, Día da Bici

Da_da_bici_-_horizontal

  •  O Día da Bici oferta desta volta dúas rutas. Segundo a idade, os participantes poderán escoller a súa. Para adultos, hai unha a Aguiño, para cativos, outra máis curta
  • Adíase por chuvia o Día do Deporte, que estaba previsto para este venres

Ribeira, 14 de xuño de 2012.- A tradicional Día da Bici volve este domingo a Ribeira cargada de novidades. O concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez, foi o encargado de explicar as características deste evento (organizado coa colaboración das peñas ciclistas Ácido Láctico, Saltamontes, Tahúme e Os Espantallos e o patrocinio de Sportbike) cuxa inscrición está aberta a todos os veciños do municipio.

 

Un dos compoñentes que se manteñen de anos anteriores é o percorrido que irá dende Ribeira a Aguiño pola estrada de Castiñeiras e despois regresará á cidade en sentido inverso. A saída terá lugar ás 10.30 horas dende a praza de España e finalizará no mesmo punto. Esta ruta está pensada para os veciños de 8 anos en adiante e nela xa están apuntadas máis de 200 persoas, pero se esperan aínda máis (as inscricións pódense facer online na páxina www.riveira.com).

 

Unha das principais novidades consiste en que vai haber tamén unha segunda ruta para os menores de 8 anos que sairá tamén da praza de España e pasará pola praza do Concello, avenida do Malecón, rúa Lepanto, avenida Miguel Rodríguez Bautista e desembocará de novo na praza de España. A continuación os cativos poderán participar alí nunha gincana deportiva.

 

Maratón de spinning

Outra novidade é o maratón de spinning que se vai desenvolver no pavillón de Santa Uxía, en Coroso. O edil de Deportes advertiu que inicialmente esta actividade ía ter lugar na praza do Concello, pero ante o desapacible tempo anunciado preferiuse trasladar esta acción a unha instalación baixo teito. Das 70 prazas convocadas, 65 xa foron reservadas online.

 

Tamén estaba prevista a celebración dunha exhibición de BMX, pero por consideracións meteorolóxicas decidiuse postergar e facela coincidir co Día do Deporte.

 

Retraso por chuvia do Día do Deporte

Precisamente, o concelleiro anunciou que o Día do Deporte previsto para mañá venres non vai ter lugar dado que se anuncia ata un 97% de probabilidades de chuvia. En consecuencia, unha vez máis vai ser aprazado e a nova data elixida é o sábado 30 de xuño.

 

Ademais, Juan Luis Martínez deu a coñecer no transcurso desta presentación que este sábado pola mañá a partir das 10.30 horas, as instalacións deportivas da Fieiteira van acoller o Campionato Galego de Atletismo por Equipos nas categorías benxamín, alevín e infantil. Está organizado pola Federación Galega de Atletismo e vai congregar entre 500 e 600 participantes.  O acceso será libre e gratuíto para os que queiran presenciar esta competición.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: finalizou o obradoiro de reforzo educativo de Aguiño, Oleiros, Palmeira e Santa Uxía

 


 

Ribeira, 14 de xuño de 2012.- O local da confraría de pescadores de Aguiño deu cabida esta mañá ao acto de clausura do Obradoiro de Reforzo Educativo: unha acción incardinada dentro do Programa para a Dinamización dos nosos Maiores do Concello que estivo a ter lugar no presente curso escolar nas parroquias de Aguiño, Oleiros, Palmeira e Ribeira, recabando a participación dunhas cincuenta persoas maiores de 65 anos, principalmente mulleres.

 

O concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio, foi o encargado de presidir este acto, no que unha representación dos asistentes ao taller expuxeron un traballo de fin de curso en torno á embarcación tradicional da dorna.

A actividade tivo lugar en coordinación do persoal do grupo de voluntariado social, cuxas integrantes María Gago e Cruz Rivadulla impartiron as correspondentes clases.

Esta actividade xurdiu por primeira vez no ano 2004. Neste último curso se levou a cabo, de xuño a setembro, unha clase semanal de 80 minutos nas Aulas do Concello da rúa Cristóbal Colón, Casa do Mar de Palmeira, Confraría de Aguiño e Colexio a Milagrosa de Oleiros.

Os maiores asistentes puideron revivir os seus recordos e as historias que a literatura oral foi deixando no acervo cultural de Ribeira, ao tempo que se lles axudou a  mellorar as habilidades comunicativas dos asistentes e incorporar a seguridade na fala e na escrita en lingua castelá e galega, cálculo e outras materias.

Os obxectivos polos que foi concibida a acción son:

        Impulsar a participación comunitaria e a integración social do colectivo da terceira idade.

        Fomentar o emprego do tempo libre na aprendizaxe e a cultura.

        Fomentar a saúde e a calidade de vida das persoas maiores.

        Fomentar as relacións interpersoais; aumentar a cantidade e calidade das relacións interpersoais, proporcionar ferramentas para resolver os conflitos, motivar as persoas menos participativas, integrándoas en actividades diversas e procesos grupais gratificantes.

        Dar formación básica a aquelas persoas con inquietudes de aprender e recordar o aprendido.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: comeza hoxe "Tomando as rendas", iniciativa para autoemprego e emprendemento de mulleres no rural

  • Tamén comezou en Abegondo, Quiroga, Redondela e Barreiros, todos concellos do PP, igual que Boiro

  • A través de videconferencia as participantes destes municipios recibirán a primeira charla do itinerario formativo. Agardan que as participantes elaboren o seu propio plan de empresa co apoio de titores e profesionais especializados

  • No programa están inscritas máis de 150 mulleres de 40 concellos integrados na rede de aulas CeMIT das catro provincias
  • A organización sen ánimo de lucro que está detrás ten patronos con moito "lucro" como El Corte Inglés, HP, Intel ou Telefónica.

Boiro, 14 de xuño de 2012. – O concello boirense, ademais dos de Abegondo, Quiroga, Redondela e Barreiros, acolle hoxe a primeira sesión formativa da iniciativa "Tomando as rendas", que ten como obxectivo fomentar o autoemprego e o emprendemento entre as mulleres de zonas rurais e formalas no uso das novas tecnoloxías.

A través de videconferencia as participantes destes municipios recibirán a primeira charla do itinerario formativo. A formación será presencial e online e impartirase en 40 municipios integrados na Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica (CeMIT) da Amtega.

“Tomando as Rendas” é un proxecto impulsado pola fundación Fundetec, a Plataforma Enlaces e Deglobé, e desenvólvese en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar, a Secretaría Xeral da Igualdade e BIC Galicia.

Perfil das participantes
As máis de 150 mulleres que se inscribiron na iniciativa teñen un perfil heteroxéneo. Abranguen un amplo tramo de idade que vai dos 20 aos 50 anos, e participan mulleres en situación de desemprego, como traballadoras por conta allea e mesmo emprendedoras que acaban de poñer en marcha a súa propia empresa e queren ampliar a súa formación.

Charlas informativas
A primeira fase do proxecto, que comeza hoxe nestes municipios, é a de motivación ao emprendemento e xeración e maduración de ideas empresariais, na que a través de charlas impartidas por profesionais de BIC Galicia, as participantes afianzarán a súa idea de negocio e tomarán o pulo necesario para acometer esta labor con éxito.

Ademais, farase fincapé na importancia de elaborar un plan de viabilidade e daranse a coñecer as ferramentas e axudas que teñen á súa disposición as emprendedoras galegas. A formación impartirase de xeito presencial nas aulas CeMIT a través do sistema de videoconferencia en grupos de catro ou cinco concellos ata primeiros de xullo.

Capacitación en alfabetización dixital
O itinerario formativo complétase con cursos de capacitación dixital que se ofrecerán como complemento opcional e que proporcionarán os axentes TIC das aulas CeMIT, que son os profesionais que se ocupan destes centros. Así, as usuarias que o soliciten poderán acceder á formación dixital básica, xestión de empresa e capacitación en ofimática.

Talleres para elaborar un Plan de Empresa
A última fase do programa é a elaboración dun Plan de Empresa, que se articula a través de cinco talleres online sobre coñecementos a nivel financeiro, contable e laboral requiridos para a elaboración dun plan de empresa. Estes talleres póñense a disposición das usuarias a través da plataforma do proxecto: www.tomandoasrendas.es.

Nos talleres abordaranse os aspectos económicos como a elaboración dun plan financeiro; coñecementos de mercadotecnia analizando estudos de mercado e técnicas de venda, e a xestión de recursos humanos para aprender a seleccionar contratar e formar os colaboradores da organización.

Para desenvolver o Plan de Empresa as usuarias teñen á súa disposición un programa de titorización e acompañamento permanentes a través dunha Rede de Asesores altamente cualificados que Fundetec pon a disposición do programa. Ademais, as participantes terán a posibilidade de participar nunha rede social específica onde poidan intercambiar experiencias sobre o proxecto que están a poñer en marcha con outras usuarias doutras comunidades coas súas mesmas inquietudes emprendedoras.

Suma de sinerxías
O proxecto "Tomando as rendas" conta con fondos Avanza 2 do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e do Fondo Social Europeo, e está coordinado por Fundetec en colaboración coa Plataforma Enlaces e Deglobé. O seu desenvolvemento en Galicia é posible grazas á suma das sinerxías e recursos cos que conta a Administración autonómica: a Rede CeMIT da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, os medios e profesionais en formación de emprendedores da Consellaría de Traballo e Benestar e BIC Galicia, e a capacidade de difusión da Secretaría Xeral da Igualdade a través dos Centros de Información á Muller.

Sobre Fundetec
A Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (www.fundetec.es) é unha fundación sen ánimo de lucro cuxos patronos son empresas tan lucrativas como El Corte Inglés, Telefónica -inda non se molestaron en poñer Movistar-, Intel, HP e a web gubernamental Red.es. Disque o seu principal obxectivo é contribuír ao fomento de sociedade da información en España mediante o desenvolvemento de iniciativas que favorezan o acceso de cidadáns, empresas e institucións ás Tecnoloxías da Información (TIC) e a redución da brecha dixital. As accións promovidas por Fundetec estrutúranse en torno a tres liñas de traballo: alfabetización dixital de colectivos sociais en risco de exclusión; fomento do uso das TIC en pemes, microempresas e autónomos como ferramenta para mellorar a súa competitividade; e estímulo á formación en TIC dos empregados a través dos programas Fogar Conectado a Internet (HCI).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado, terceira asemblea de peñas para a Festa da Dorna ás 20:33


Se algo caracteriza a Festa da Dorna son os seus xogos en terra, mar, e incluso aire

Ribeira, 14 de xuño de 2012. Este sábado, 16 de xuño, terá lugar a Terceira Asemblea de Peñas de cara á Celebración da LXIV Singladura da Festa da Dorna. Tódolos peñeiros están convidados a asistir en representación das súas peñas ás 20:33h na CASA DO MAR (salón de actos debaixo do local dos Xubilados).

O obxetivo principal desta asemblea e falar das múltiples actividades e xogos dos que consta a Festa da Dorna. Agardan a colaboración de tódalas peñas na organización de actividades e xogos: como cada ano poden propoñerse novas actividades que se tratarán de encaixar dentro do programa da festa. Alí poderán entregarse as solicitudes para facerse socio ou socia da Cofradía da Dorna e tamén as actulización de datos dos asociados que tiveron problemas coas súas cuotas. Agárdase unha gran participación, por iso a escolla dun local de maior capacidade que a sede social, segundo explicou o excelentísimo e reverendísimo vicepresidente da Real e Moi Ilustre Cofradía da Dorna, o honorable (mellorando o presente) Arturo González Mariño.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo 17, Festival de Danza Clásica no conservatorio

  •  É a tradicional maneira de finalizar o curso do alumnado da Escola Municipal de Ballet

 

Ribeira, 14 de xuño de 2012.- O próximo domingo 17 de xuño, no marco da Xuño da Cultura e das Artes, terá lugar un ano máis o Festival de Danza Clásica co que se pon o remate final a este curso da Escola Municipal de Ballet.

 

Para falar dos pormenores desta cita fixeron acto de presenza no Auditorio Municipal a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e a directora da Escola mencionada, Cristina Riveiro, á cal así mesmo dirixirá o espectáculo do domingo, que será gratuíto e aberto ao todo o mundo que queira asistir.

 

No desenvolvemento do programa, que dará inicio ás 20.30 horas, máis de trinta bailaríns distribuídos en tres grupos en función das súas idades ofrecerán un festival composto por cinco bloques diferenciados.

 

En primeiro lugar, os danzaríns máis pequenos representarán o segundo acto Mirtha – Willis de “Giselle”, con música de Adolphe Adam, coreografía orixinal de Jean Coralli e Jules Perrot (adaptada por Cristina Riveiro).

 

A continuación, alumnos de idade media porán en escena o tema “Polonaise”, con música de D. Staaskapelle.

 

No terceiro bloque regresan os pequenos para representar o “Adagio” de John Williams da banda sonora da película “A Lista de Schindler”.

 

A continuación, os bailaríns de máis idade danzarán baixo a música de “Danza Macabra”, de Saint-saëns.

 

Michael Jackson

E por último, o broche final do evento estará conformado por o tema de Michael Jackson “They don’t care about us”, por unhas selección de nenos dos distintos tramos de idade.

 

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, quixo salientar o gran mérito dos pais e nais dos alumnos da Escola Municipal de Ballet, que co seu sacrificio son os auténticos artífices de que estes nenos e nenas teñan a oportunidade de aprender esta expresión artística. Así mesmo, animou a toda a cidadanía a que non deixe de asistir a este acontecemento.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: rematan este venres 15 as charlas "Elixidos para o triunfo" cos ciclistas Ezequiel Mosquera, David Blanco e Alex Marque

Noia, 14 de xuño de 2012. Rematan mañá as charlas-encontros no Liceo de Noia con deportistas olímpicos ou de alto nivel. Desta volta adícase ao ciclismo, deporte duro onde os haxa, e no ollo do furacán polo problema da dopaxe. Estarán Ezequiel Mosquera, David Blanco e Álex Marque. As charlas son abertas a todo o público, que pode facerlle preguntas aos deportistas e mesmo pedirlle autógrafos e fotos. Dende as oito da tarde no salón de actos da Sociedade Liceo de Noia (na alameda noiesa).




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: medio cento de veciños achegáronse á Coruña e foron recibidos polo alcalde Negreira

 

Son os mesmos que foron ás instalacións de Sogama

 

 

Ribeira, 14 de xuño de 2012.- Unhas horas antes da visita que, antonte pola tarde, medio cento de veciños de Ribeira (entre eles o tenente de alcalde Vicente Mariño de Bricio) fixeron ás instalacións de Sogama (en Cerceda) no marco da Semana do Medio Ambiente, a expedición barbanzana tivera ocasión de recalar na cidade da Coruña onde, por cortesía do Consorcio de Turismo desta localidade, percorreron algúns dos seus lugares máis emblemáticos, como os Cantóns, a torre de Hércules, o monte de Sampedro ou o pazo de María Pita, sede da Casa Consistorial.

 

Neste último enclave foron recibidos incluso polo propio alcalde herculino, Carlos Negreira. Unha parte da comitiva estaba conformada por integrantes do grupo de cantareiras da Asociación de Amas de Casa -entre elas a súa presidenta Magdalena Bringas-, así que, en deferencia á hospitalidade recibida, agasallaron ao rexedor coruñés cunha mostra da súa arte á hora de cantar temas tradicionais.


Onte publicamos:


Sogama: visita de medio cento de veciños a Cerceda

Pode que tamén lle interese:


Ribeira: o Psoe pide que compareza o alcalde polo delito ecolóxico que investiga a Fiscalía


Venres 15 de xuño: charla sobre herdanzas en Carreira


Roteiro sábado 16 de xuño: por Palmeira. Organiza O Faiado 2



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical