14.6.12

Boiro: comeza hoxe "Tomando as rendas", iniciativa para autoemprego e emprendemento de mulleres no rural

  • Tamén comezou en Abegondo, Quiroga, Redondela e Barreiros, todos concellos do PP, igual que Boiro

  • A través de videconferencia as participantes destes municipios recibirán a primeira charla do itinerario formativo. Agardan que as participantes elaboren o seu propio plan de empresa co apoio de titores e profesionais especializados

  • No programa están inscritas máis de 150 mulleres de 40 concellos integrados na rede de aulas CeMIT das catro provincias
  • A organización sen ánimo de lucro que está detrás ten patronos con moito "lucro" como El Corte Inglés, HP, Intel ou Telefónica.

Boiro, 14 de xuño de 2012. – O concello boirense, ademais dos de Abegondo, Quiroga, Redondela e Barreiros, acolle hoxe a primeira sesión formativa da iniciativa "Tomando as rendas", que ten como obxectivo fomentar o autoemprego e o emprendemento entre as mulleres de zonas rurais e formalas no uso das novas tecnoloxías.

A través de videconferencia as participantes destes municipios recibirán a primeira charla do itinerario formativo. A formación será presencial e online e impartirase en 40 municipios integrados na Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica (CeMIT) da Amtega.

“Tomando as Rendas” é un proxecto impulsado pola fundación Fundetec, a Plataforma Enlaces e Deglobé, e desenvólvese en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar, a Secretaría Xeral da Igualdade e BIC Galicia.

Perfil das participantes
As máis de 150 mulleres que se inscribiron na iniciativa teñen un perfil heteroxéneo. Abranguen un amplo tramo de idade que vai dos 20 aos 50 anos, e participan mulleres en situación de desemprego, como traballadoras por conta allea e mesmo emprendedoras que acaban de poñer en marcha a súa propia empresa e queren ampliar a súa formación.

Charlas informativas
A primeira fase do proxecto, que comeza hoxe nestes municipios, é a de motivación ao emprendemento e xeración e maduración de ideas empresariais, na que a través de charlas impartidas por profesionais de BIC Galicia, as participantes afianzarán a súa idea de negocio e tomarán o pulo necesario para acometer esta labor con éxito.

Ademais, farase fincapé na importancia de elaborar un plan de viabilidade e daranse a coñecer as ferramentas e axudas que teñen á súa disposición as emprendedoras galegas. A formación impartirase de xeito presencial nas aulas CeMIT a través do sistema de videoconferencia en grupos de catro ou cinco concellos ata primeiros de xullo.

Capacitación en alfabetización dixital
O itinerario formativo complétase con cursos de capacitación dixital que se ofrecerán como complemento opcional e que proporcionarán os axentes TIC das aulas CeMIT, que son os profesionais que se ocupan destes centros. Así, as usuarias que o soliciten poderán acceder á formación dixital básica, xestión de empresa e capacitación en ofimática.

Talleres para elaborar un Plan de Empresa
A última fase do programa é a elaboración dun Plan de Empresa, que se articula a través de cinco talleres online sobre coñecementos a nivel financeiro, contable e laboral requiridos para a elaboración dun plan de empresa. Estes talleres póñense a disposición das usuarias a través da plataforma do proxecto: www.tomandoasrendas.es.

Nos talleres abordaranse os aspectos económicos como a elaboración dun plan financeiro; coñecementos de mercadotecnia analizando estudos de mercado e técnicas de venda, e a xestión de recursos humanos para aprender a seleccionar contratar e formar os colaboradores da organización.

Para desenvolver o Plan de Empresa as usuarias teñen á súa disposición un programa de titorización e acompañamento permanentes a través dunha Rede de Asesores altamente cualificados que Fundetec pon a disposición do programa. Ademais, as participantes terán a posibilidade de participar nunha rede social específica onde poidan intercambiar experiencias sobre o proxecto que están a poñer en marcha con outras usuarias doutras comunidades coas súas mesmas inquietudes emprendedoras.

Suma de sinerxías
O proxecto "Tomando as rendas" conta con fondos Avanza 2 do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e do Fondo Social Europeo, e está coordinado por Fundetec en colaboración coa Plataforma Enlaces e Deglobé. O seu desenvolvemento en Galicia é posible grazas á suma das sinerxías e recursos cos que conta a Administración autonómica: a Rede CeMIT da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, os medios e profesionais en formación de emprendedores da Consellaría de Traballo e Benestar e BIC Galicia, e a capacidade de difusión da Secretaría Xeral da Igualdade a través dos Centros de Información á Muller.

Sobre Fundetec
A Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (www.fundetec.es) é unha fundación sen ánimo de lucro cuxos patronos son empresas tan lucrativas como El Corte Inglés, Telefónica -inda non se molestaron en poñer Movistar-, Intel, HP e a web gubernamental Red.es. Disque o seu principal obxectivo é contribuír ao fomento de sociedade da información en España mediante o desenvolvemento de iniciativas que favorezan o acceso de cidadáns, empresas e institucións ás Tecnoloxías da Información (TIC) e a redución da brecha dixital. As accións promovidas por Fundetec estrutúranse en torno a tres liñas de traballo: alfabetización dixital de colectivos sociais en risco de exclusión; fomento do uso das TIC en pemes, microempresas e autónomos como ferramenta para mellorar a súa competitividade; e estímulo á formación en TIC dos empregados a través dos programas Fogar Conectado a Internet (HCI).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical