20.3.12

Noia: o alcalde vaise dun acto do conselleiro de Infraestruturas "pola súa falla de educación"

  • A Xunta emprega o servizo de prensa do conselleiro para botarlle a culpa do retraso da variante aínda ao Bipartito (que gobernou por última vez en 2009, hai tres anos) nun acto no que, en teoría, víñanse a presentar os colectores de saneamento
  • Non se deu nin chío do que está a pasar co castro de Taramancos, un xacemento de primeira magnitude que está totalmente silenciado e por enriba do cal pasará un viaduto da variante
  • A variante tiña que estar rematada en xullo deste ano, segundo os pronósticos da mesma Xunta que a licitou. Agora o conselleiro Hernández fala de 2013 e sen concretar sequera o mes. A obra está a realizala Puentes y Calzadas, unha empresa para a que traballou este conselleiro do goberno de Núñez Feijóo dende setembro de 2006 ata marzo de 2008, segundo datos do Rexistro Mercantil

Noia, 20 de marzo de 2012.- Novo choque entre administradores por causa das obras en Noia. Desta volta, entre o administrador da consellería de Infraestruturas, Agustín Hernández (PP), e o administrador do Concello de Noia, Rafael García Guerrero (PSOE). Ante os ataques á xestión do bipartito na Xunta, que deixou de gobernar hai tres anos (cumpríronse neste mes de marzo), o rexedor noiés foise do acto de presentación, como explicou nun twitt "pola falla de educación do conselleiro Agustín Hernández". Aínda que ao primeiro se deron a man e todo, como se visualiza na imaxe, o alcalde, en declaracións a este xornal, explicou que "ante o uso partidista dun acto institucional e ante o mínimo respecto e consideración entre administracións houben de abandonar o acto. Á miña persoa poden faltarlle ao respecto, pero non podo consentir o máis mínimo desprezo á institución que represento por parte de quen confunde as institucións coa súa eira privada".

Variante de Noia: moito respeto aos moluscos e pouco ao patrimonio

Segundo a nota da Xunta, "a execución dos tres viadutos da Variante de Noia, e que supoñen un 88% da infraestrutura, avanzan a bo ritmo. Sobre o viaduto que cruza a ría dende o Porto do Testal ata A Barquiña, o o de maior envergadura, manifestou que se iniciaron os traballos de cimentación e que se están a executar os pilotes.

As obras avanzan co ritmo normal e apropiado a este tipo de construcións, sen deixar de lado as medidas de control ambiental necesarias e programadas. Recordou que dende o inicio das obras se manteñen controis (a través de postes oceanográficos e turbidímetros) na ría, sen que se detectara ningún dato negativo de cara ao cultivo de moluscos. A Xunta mantén contactos coa Confraría de Pescadores de Noia e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños; e autorizouse un convenio de colaboración para compensar a afección aos recursos marisqueiros". Nembargantes, Hernández non aludiu en ningún momento ao que vai suceder co xacemento do castro de Taramancos, que é atravesado polo viaduto da variante e cuxos restos a un e outro lado da nova vía son numerosos. As escavacións paralizáronse e o Concello de Noia -así como todos os galegos aos que se nos deben explicacións pois un castro é patrimonio de todos- segue sen recibir unha memoria sobre o que alí se atopou, quen o atopou e onde pensan conservalo.

Unha variante que fai unha empresa "amiga"

A Xunta de Galicia adxudicou as obras da Variante de Noia por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U. Segundo explicou no seu día o xornal El País, Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas, traballou para esta empresa que está a facer a variante de Noia. Para que non se producisen estas fichaxes escandalosas e faltas de toda ética de cargos públicos por parte de empresas privadas, tivo que ser o Bipartito que tanto denosta agora Agustín Hernández, o que sacase un decreto que impedise que antes de 24 meses -igual que a lei estatal- se producisen estes contratos que evidencian -e segue a suceder en todos os partidos políticos- pagos de favores entre empresas concesionarias e administradores dos cartos públicos.

Dobre raseiro de Patrimonio

Como ben se explica no blog "Que pasa en Noia", namentres Patrimonio anda desaparecido no que respecta aos achádegos de Taramancos, buleu rápido para parar a obra dos colectores que presentou esta mañá o conselleiro, pois hai no proxecto unhas tubaxes de cores que afearían a ponte de San Lázaro e a de Noia.

Solución ao tráfico, disque

Namentres a Xunta de Galicia se farta de vender que "esta vía suporá eludir o paso polo núcleo de Noia, onde existe unha elevada intensidade de tráfico e circulación de vehículos pesados. A posta en servizo deste tramo mellorará as comunicacións do eixo Santiago-Brión-Noia e, polo tanto, a poboación directamente beneficiada por esta infraestrutura é de máis de 40.000 persoas, que actualmente viven na comarca", veciñanza e técnicos non relacionados con partido político algún dubidan desta solución aos atascos que se producen sobre todo nas fins de semana do verán. Todo dependerá das canles de evacuación de vehículos en forma de rotondas que finalmente se constrúan e a ubicación destas, para que non se produzan colos de botella.

Datos da obra dos colectores

As obras da primeira fase dos colectores de Noia contan cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros e que leva a cabo a UTE Movex Vial, S.L. & Abeconsa S.L.U. As actuacións teñen un prazo de execución de 36 meses. Na actualidade xa se ten certificado un 23%.

A actuación pretende dar unha solución aos problemas que existen en época de chuvia, posto que a rede de sumidoiros existente é unitaria nun 95 por cento, só o Casco Histórico conta con rede separativa. Esta rede de colectores presenta graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións; treitos en contrapendente; bombeos inutilizados; colectores por praias ou marxes da ría e algún vertido directo do efluente da EDAR á costa sen condución de vertido.

Concretamente, as actuacións constan das seguintes infraestruturas:

 
COLECTORES RESIDUAIS
COLECTOR SEPARATIVO DE PLUVIAIS
Colector interceptor norte
Colector interceptor sur
2 colectores (423 m.)
10 colectores (2.888 m.)

1.656 m. de tubaxe en 17 treitos

1 bombeo para 41 m3/h.
5 bombeos

453 m. tubaxe impulsión

1.108 m. tubaxe impulsión

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: programación da Semana Santa 2012

Imaxe da presentación do programa, coa "evidente" separación de poderes Igrexa-Estado

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o mes de xuño será este ano "Mes da cultura" local

  •  Contarán coas asociacións para elaborar o programa de actos e intentarán acometer algún récord Guinness


 

Ribeira, 20 de marzo de 2012.- O vindeiro mes de xuño vai ser erixido a partir deste ano 2012 en Mes da Cultura de Ribeira. Así foi decidido durante a reunión do Órgano de Goberno desenvolvida hoxe, de cuxos principais asuntos dou conta a voceira Herminia Pouso Maneiro.

 

Con esta iniciativa, o Executivo presidido por Ruiz Rivas pretende que as rúas e as distintas instalacións culturais radicadas no municipio sirvan de escaparate das moitas potencialidades artísticas que Ribeira posúe, a través da confección dunha completa programación na que teñan oco todo tipo de disciplinas: dende a pintura ata o baile, dende a música á arquitectura, pasando pola escultura, a literatura ou o gravado.

 

Para isto, e segundo destacou Herminia Pouso, vai resultar fundamental contar coa colaboración das asociacións con fins culturais radicadas no municipio. Neste sentido, a voceira municipal manifestou que o Concello está aberto a través da súa Delegación de Cultura a recibir todas as suxestións e achegas que poidan aportar os moitos colectivos interesados e poder consolidar así o mes de xuño nunha gran festa cultural nunha época coincidente cos primeiros síntomas de afluencia turística de verán.

 

Día da Mancomunidade


Herminia Pouso avanzou que un dos eventos cos que xa se está a traballar de cara á programación do Mes da Cultura 2012 é o Día da Mancomunidade, que terá lugar a mediados de xuño no municipio ribeirense (cabe lembrar que esta iniciativa ten carácter rotatorio, de tal xeito que en vindeiros anos a efeméride celebrarase noutros concellos de Arousa Norte).

 

Busca do Guinness (o dos récords, non a cervexa)


Asemade, a edil anticipou que un dos retos que se pretende acometer durante este mes é o de superar algún tipo de récord Guinness relacionado co eido cultural para que esta acción sirva de reclamo para captar a interese do exterior.

 

Día da Árbore, o venres 23

Media_httpfarm6static_gffej

Imaxe do ano pasado do Día da Árbore


Outro dos asuntos explicados por Pouso Maneiro é a celebración este venres 23 da tradicional Día da Árbore, na que participarán alumnos dos colexios Galaxia, Bayón, Sagrado Corazón de Castiñeiras, A Milagrosa de Oleiros e CEIP Frións, así como usuarios de Ámbar.

 

Os actos da Día da Árbore terán lugar no parque natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Está prevista a chegada dos escolares participantes ao CIELGA ás 11 horas, e acto seguido tomarán parte activa nunha xornada didáctica composta por unha plantación de árbores, unha charla sobre o parque natural e as súas especies, e actividades con monitores e xogos de natureza.

 

Por outra parte, e enmarcada tamén dentro da programación do Día da Árbore, o sábado 24 alumnos da gardería Barbanziños da Hospital Comarcal farán unha nova plantación no parque periurbano de San Roque.

 

Semáforos definitivos

Media_httpfarm7static_upure

Tamén anunciou Pouso Maneiro a saída a licitación de semáforos definitivos para a avenida do Malecón. Esta actuación ten un orzamento de 80.800 euros e adscríbese ao proxecto Ribeira Atlántica dentro do apartado de mobilidade.

 

Substituiranse os semáforos existentes e engadiranse a maiores puntos de semáforo no paso de peóns máis cercano á praza da Concordia, así como no carril interior situado fronte ás instalacións de Capitanía Marítima.

 

Avenida de Ferrol

Por último, avanzou que o acondicionamento da zona verde da avenida de Ferrol está prácticamente ultimada, a falta da instalación do rego e outros pequenos detalles.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este venres 23 de marzo, mesa política, poesía salvaxe con dez vates e primeiro concerto do Curota Sound

Boiro, 20 de marzo de 2012. O venres desta semana, o día 23, está ateigado de actos culturais. En primeiro lugar haberá unha mesa política na Asociación Boirense de Empresarios (ás oito da tarde), logo celébrase, xa no pub Pousada das Ánimas, a primeira Noite de Poesía Salvaxe (ás nove da noite) e, para rematar, dende as once da noite, poderase escoitar neste mesmo pub o balbordo dos dous primeiros grupos en participar no Curota Sound, que serán Agoraphobia e outro que descoñecemos.


Na lectura colectiva de poemas participarán 10 poetas e será presentada por Lucía Aldao e María Lado. Na primeira e na última actividade organiza a asociación cultural Borobó.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este mércores 21, charla sobre facendas municipais a cargo do catedrático Luís Caramés

  • Baixo o título “A Facenda Municipal: entre a fragmentación territorial e a insuficiencia financeira” parece que se busca preparar á poboación para futuras fusións municipais
Media_httpfarm5static_sjafu

Ribeira, 20 de marzo de 2012.- Logo da verba "crise", semella que a que máis se vai escoitar en Galicia, ademais de "recortes", "axustes" e outros eufemismos que significan que nos van ao peto dos cidadáns, será "fusión". Para ir preparando as mentes dos veciños, as administracións vannos ir vendendo as "enormes" vantaxes de algo que non se lles ocorreu en séculos e que agora ofertan como menciña curadora de desfeitas dos administradores públicos que escollemos ou, máis correctamente, escolleron os lobbies dos partidos.

Mañá mesmo, o catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés Viéitez, vai pronunciar, ás 20 horas, unha conferencia na aula multimedia titulada “A Facenda Municipal: entre a fragmentación territorial e a insuficiencia financeira”.

O acceso é libre para todas aquelas persoas interesadas no tema.

Quen é o conferenciante?

Luis Caramés é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela. Ampliou estudos na Universidade de Burdeos, cunha bolsa de estudos do Ministerio de Facenda. É catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais na USC desde 1987. Foi Decano da Facultade de Económicas da USC e director do seu Departamento de Economía Aplicada. Foi Profesor visitante nas Universidades de Burdeos e Pau en Francia; da Business School de Curitiba, en Brasil. Tamén foi director da Cátedra Bolívar (USC) para as relacións con América Latina.

Co-Editor da “Urban Public Economics Review” e director executivo do Plan Estratéxico de Santiago de Compostela, primeiro Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais e avaliador da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (Ministerio de Ciencia e Innovación) e presidente da Organización de Economistas de la Educación (OEE) son outros dos cargos que figuran no seu amplo currículo profesional.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical