13.7.10

Expertos deseñan a axenda estratéxica para a Ría de Arousa, con Ribeira e Vilagarcía como motores económicos

Membros da Corporación de Ribeira e axentes socioeconómicos da banda norte da ría foron os seus interlocutores nestas xuntanzas

Ribeira, 13 de xullo de 2010.- Técnicos cualificados da entidade Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular reuníronse hoxe en Ribeira co obxectivo de avanzar na elaboración dunha Axenda Estratéxica para a Ría de Arousa que vala de instrumento para marcar prazos e delimitar prioridades na procura da  dinamización social e económica do conxunto deste contorno territorial. O que se pretende é a elaboración dunha folla de ruta en cuxa confección están actuando como principais motores as cidades de Vilagarcía e Ribeira na súas calidades respectivas de capitais de comarca.

A primeira das xuntanzas, que se celebrou na Casa Consistorial ribeirense entre as 10 e as 14 horas, tivo como interlocutores a unha ducia de membros da Corporación Local, incluíndo ao seu alcalde, José Luis Torres Colomer, a catro concelleiros da Corporación (Vicente García, Juana Ermitas Crugeiras, José Manuel Brión Gago e Elvira Pereira), e a distintos técnicos municipais. Esta xuntanza tivo por obxecto recoller as visións cualificadas destes membros da Administración Municipal e contrastar con eles un primeiro esquema de temas ou eixos estratéxicos a ter en conta para a confección da axenda, que xiran en torno aos seguintes conceptos: desenvolvemento sostible e ordenación do territorio; turismo e desenvolvemento socioeconómico; e administración local e xestión.

Déronse cita na Casa do Concello os seguintes expertos do Eixo Atlántico: en materia de desenvolvemento sostible e ordenación do territorio, Luís Ramos (da UTAD, Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, que tamén é o coodinador dos traballos); en canto a turismo e análise estratéxica, Xulio Pardellas de Blas e Alfonso Sola Limia (da Universidade de Vigo); e en xestión pública e análise xurídica, Pablo González Mariñas (ex- político, agora na Universidade de A Coruña).

Xa pola tarde, e dentro do mesmo obxectivo de recopilar a maior e mellor cantidade de datos posible a fin de que no estudo de diagnose previo queden plasmadas todas as inquedanzas do territorio, houbo unha nova reunión (esta vez no Conservatorio Municipal) dos técnicos do Eixo citados, ademais de Emilio Fernández e Gonzalo Méndez (ambos da Universidade de Vigo e expertos en sustentabilidade).

Esta vez, os seus interlocutores foron os representantes dunha vintena de colectivos sociais, turísticos, veciñais e económicos que son protagonistas, tanto no municipio ribeirense como nalgúns casos na banda Norte da ría. Tal é o caso da Mancomunidade Arousa Norte, o Centro Empresarial da Construción da Barbanza (CECB), a Asociación de Empresarios Turísticos Arousa Norte (AETAN), a Asociación Mar e Terra, a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa, a Unidade de Promoción e Desenvolvemento Banbanza-Noia ou Ámbar, ademais da Asociación de Empresarios de Ribeira, a Asociación de Amas de Casa, as Confrarías de Pescadores de Aguiño e de Ribeira, a Asociación de Armadores de Palangre de Ribeira e Aguiño ou as Comunidades de Montes Veciñas de Oleiros e de Olveira, entre outros. 

Os expertos do Eixo Atlántico efectuarán mañá outra xuntanza semellante en Vilagarcía de Arousa.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xornada de sensibilización para nenos sobre patrimonio cultural, histórico e paisaxístico


Ribeira, 13 de xullo de 2010. Un total de 50 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos do concello participarán mañá, entre as 11 e as 20 horas, na primeira das Xornadas de Sensibilización á Poboación Infantil sobre o Patrimonio, a Arte e a Paisaxe de Ribeira. 


Esta iniciativa, que cumpre a súa sétima edición, está promovida pola Concellería de Cultura e Festexos que dirixe Luciano Fernández dentro da programación do Verán Cultural 2010, co fin de potenciar o coñecemento do patrimonio cultural e histórico de Ribeira, o aspecto artístico existente nos museos locais, así como os elementos paisaxísticos propios da zona a través de visitas lúdicas sensibilizando aos participantes sobre a súa importancia, coidado e respecto, así como a realización de actividades de xogo e divertimento. 


Neste sentido, os rapaces pasarán a mañá no Parque Periurbano de San Roque, no cal visitarán o seu Centro de Interpretación e desenvolverán xogos e actividades deportivas, ademais de realizar pequenas rutas de sendeirismo polo recinto.  

Parque natural


Xa pola tarde, despois de almorzar, os nenos serán recibidos no CIELGA do parque natural, onde verán un documental sobre o complexo dunar e tamén se entreterán con diversos xogos e cancións. Ao finalizar recibirán unhas lambetadas por obsequio do Concello de Ribeira. 

A segunda e última xornada deste séptima edición terá lugar o día 18 de agosto, con visitas ao Porto de Aguiño, o Peirao da Covasa, o Lavadoiro de Penisqueira e o Parque Periurbano de Couso.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: tes un can? Pois ollo con esta información, as multas poden pasar dos 15.000 euros

Boiro, 13 de xullo de 2010. Foi presentada a campaña "Ponlle o chip" para que os donos de cans respecten unha serie de normas que veñen indicadas na información. E sobre todo lembramos, pola época na que nos atopamos, que os cans non poden andar polas praias ata o 30 de setembro, a non ser que sexan especiais para invidentes ou minusválidos.

 

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Curiosidades: algúns xeitos de celebrar a victoria no Mundial de fútbol en Barbanza

En Boiro:

En Rianxo:

En A Pobra do Caramiñal:

En Ribeira:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: rematou o segundo obradoiro de memoria en Carreira

Ribeira, 13 de xullo de 2010.A pasada semana rematou en Carreira a segunda edición do obradoiro de memoria, que tivo unha duración de cinco meses e ao que asistiron 15 persoas. O obradoiro foi impartido por un sicólogo clínico, Carlos Silva, "co que os alumnos se mostraron moi satisfeitos", explícannos dende a asociación de veciños de Carreira.
Agora, co gallo das vacacións estivais, haberá un descanso de dous meses mais a intención da directiva da Asociación de Veciños é retomar esta actividade unha vez se inicie o vindeiro curso escolar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: Tarde de teatro, este xoves 15 de xullo no Liceo Pueblense

A Pobra do Caramiñal, 13 de xullo de 2010. Este xoves 15 o Liceo Pueblense presenta o seu grupo infantil de teatro, coa obra "Rebelión Disney". Para completar a velada, haberá bailes de "El Tomasón" e contacontos con "Cocolín e Cocoletas". Todo a partires das nove da noite.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical