31.1.12

Mar: despois dun ano de poñelas á forza, a Xunta crea unha comisión de seguimento das gaiolas de salmón de Muros

Rosa_quintana_comisin_seguimen

  • Hai representantes das confrarías de Noia, Portosín, Porto do Son e Muros

Media_httpfarm8static_toxam

As gaiolas da polémica están enfronte á praia de San Francisco, en Muros

Noia-Muros, 31 de xaneiro de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar constituíu esta tarde a comisión de seguimento das gaiolas de salmón da Ría de Muros-Noia, "coa finalidade de establecer os mecanismos necesarios para que o sector poida facer un seguimento preciso do funcionamento destas estruturas instaladas no polígono Muros C". Esta comisión quedou constituída despois dunha xuntanza co sector bateeiro que posúe bateas nesta ría, cos representantes das confrarías de Muros, Noia, Portosín e Porto do Son e cos representantes da empresa concesionaria das bateas experimentais, North West Food.

Esta mesa de traballo entre a administración e o sector constitúese unha vez que as confrarías aceptaron formar parte dela, algo que rexeitaron nun primeiro momento. Ademais de avaliar o impacto das gaiolas, este grupo de seguimento ten como misión estudar o resultado deste proxecto experimental así como propor novas probas e análise de ser o caso.

A Xunta ocúpase de destacar que "para o desenvolvemento deste proxecto experimental a Consellería do Medio Rural e do Mar actuou con transparencia ante o sector en todo momento e que este proxecto conta con informes favorables do Clúster de Acuicultura e da Universidade de Vigo que valoraron positivamente o desenvolvemento deste cultivo experimental na ría de Muros-Noia". Unha afirmación bastante cuestionable, logo das informacións obtidas por mariñeiros da zona sobre salmóns mortos fóra das gaiolas que disque sirven de alimento a granxas de visóns e sobre o emprego dun barco de Salvamento Marítimo para osixenar as gaiolas para evitar que os peixes alí criados non morresen. Xa para colocalas, a Xunta tivo que facer uso da forza, pois o sector mariñeiro apoñíase coas súas embarcacións aos barcos que as traían, aló por marzo de 2011.

En Certo vimos informando sobre este controvertido asunto medioambiental dende que comezou. Pode ler todas as informacións aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o alcalde reitera que o proxecto da limpeza da Ría foi aprobado e que só se retrasará por "intereses do PP"

Media_httpfarm7static_doaap

A famosa escolleira vai ser retirada só en parte "un ano destes"

Noia, 31 de xaneiro de 2012. Segundo informou hoxe o alcalde de Noia, o socialista Rafael García Guerrero, "xa se rematou toda a tramitación do proxecto de limpeza da Ría: Portos de Galicia autorizou a obra e cedeu xa parte da escolleira (que agora é competencia do estado de Punta Abruiñeiras cara Testal) hai máis dun ano coa condición de que se reserven tres treitos de cen metros cada un diante de Labarta para a futura intervención na zona portuaria que faría o ente público Portos de Galicia".

Segundo aclara, ante informacións noutro sentido publicadas estes días, "a Declaración de Impacto Ambiental  foi aprobada o 21 de Marzo de 2011 e posteriormente foi aprobado o proxecto e orzamentada a obra que xa foi adxudicada a Tragsa. Os informes son favorables xa que dos cálculos feitos dedúcese que da comparativa entre deixar a escolleira e retirala prodúcese unha mellora ambiental xa que o eixe principal da corrente desprázase ao sul, máis preto da zona urbana, ao seu estado primitivo o que aumentaría a limpeza nesa zona de xeito gradual".

A culpa do retraso actual sería do PP

"O único que pode impedir a realización da obra son os intereses do PP e do deputado Pérez Ínsua no seu ánimo de impedir que Noia dea o primeiro paso para a limpeza da ría, coa agravante da hipocrisía que supón que no ano 2007 o PP e o propio Pérez Insua prometeron a retirada da escolleira", remata o alcalde noiés.

Outros asuntos

Tamén se informou hoxe de que a compañía Movistar (antes Telefónica), como beneficiaria da realización das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia 2010-2013, puxo en servizo unha nova infraestrutura de telefonía e banda larga móbil 3G nos núcleos de Alvariza, Boña, O Canabal, Carreira, A Fialla, Orro, Ousoño, Sampaio, Vilafabeiro, Vilanova, Vilar de Ousoño, Vilardante e Vilaverde.

Ademais, e por outra banda, grazas a unha subvención da Deputación Provincial de A Coruña, comézase esta semana a realización do novo inventario do Concello.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: presentan este sábado 4 de febreiro "Mulleres na guerrilla antifranquista galega", de Aurora Marco

Porto do Son, 31 de xaneiro de 2012. Segundo informou hoxe o novo coordinador de Barbantia e ex alcalde de Porto do Son, Pastor Rodríguez. este vindeiro sábado, 4 de febreiro, terá lugar na casa de cultura de Xuño a presentación do libro da profesora Aurora Marco titulado "Mulleres na guerrilla antifranquista galega". Nesta actividade tamén se acubilla a proxección do documental relacionado con esta investigación, "As Silenciadas", do director Pablo Ces.

O acto terá lugar este sábado, 4 de febreiro, ás 20:00 h. na Casa de Cultura de Xuño.

Memoria histórica recuperada

"Mulleres na guerrilla antifranquista galega" foi presentado en Santiago o pasado 14 de decembro de 2011 e en xaneiro continuarán as presentacións por diferentes lugares. As silenciadas, documental do que nos fixemos eco en Certo o pasado 30 de marzo, foi galardoado co premio ao mellor documental na categoría “Memoria i Justícia Universal”, no Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet.

 
Máis información sobre a autora e as súas diferentes obras en www.auroramarco.com

Diploma-gram

CAPA Mulleres na guerrilla.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: convocan un certame de contos para mozos ata 19 anos para darlle pulo a lendas da Barbanza

i_concurso_infantil_e_xuvenil_de-relatos.pdf Download this file

  • O prazo para presentarse comeza o 1 de febreiro e remata o 5 de marzo

Media_httpwwwarousano_ezhxe

Barbanza, 31 de xaneiro de 2012. Veñen de convocar o I Certame Infantil e Xuvenil Relatos  ”Letras na brétema”, co fin de promover a creación literaria e darlle pulo ás lendas de Barbanza entre os máis mozos. A teima dos relatos serán os mitos e lendas galegas, que poden ser reais ou ficticias pero deberán estar baseadas en feitos, personaxes populares ou tradicionais, ambientados -personaxes e lendas- na bisbarra da Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o sábado 4, conferencia sobre nutrición no Liceo

Noia_dieta

Noia, 31 de xaneiro de 2012.  O vindeiro sábado 4 de febreiro, na Sociedade Liceo de Noia, terá lugar unha charla que leva por título:"ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA E INTOLERANCIAS ALIMENTARIAS".Será impartida pola nutricionista e asesora dietética Lita Caamaño Lago a partires das 19:00 horas.

 



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o festival de murgas e comparsas volve ó martes de Entroido, con 6.000 euros en premios

  • Prazo para inscribirse ata o luns 13 de febreiro
  • O desfile será o 21 de febreiro, data na que cae Martes de Entroido este ano
  • 6.000 euros en premios. O máis importante será o primeiro premio para a Murga de Adultos, que se levará 1.000 euros
Media_httpfarm6static_fjvae

Ribeira, 31 de xaneiro de 2012.-
O Festival de Murgas e Comparsas do Entroido ribeirense trae nesta edición dúas importantes novidades con respecto a celebracións anteriores. A primeira delas é que, tras máis dunha década na que este desfile pagano se desenvolvía os domingos de Entroido, a partires deste ano vai regresar á data na que tradicionalmente adoitaba celebrarse, que é o martes de Entroido, facéndoo coincidir co festivo local. Xa que logo, o próximo Festival de Murgas e Comparsas desenvolverase o día 21 de febreiro.  

A outra das importantes novidades deste ano reside en que tamén se recuperará a concesión de premios en metálico. Así, establécese unha contía total de 3.800 euros para as gratificacións e de 2.200 € para os premios, repartíndose segundo os criterios recollidas nas bases do concurso. 

Outro dato que hai que salientar é que pódense presentar ao festival entidades, agrupacións ou asociacións de calquera punto da Comunidade Autónoma galega, e non só dos municipios de Arousa Norte como ata agora. O período de inscrición expira o 13 de febreiro. 

Media_httpfarm6static_ueicd

En canto as bases do Festival, establecen o seguinte: 

MARTES 21 de febreiro de 2012 

1.- Establécense dúas categorías de participación: 

            - Infantil: ata 15 anos (incluídos).

            - Adulto: dende os 16 anos (incluídos). 

2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as. 

3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido dunha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación. 

    3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades: 

      a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases. 

         b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións. 

         c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións. 

    Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival

4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía). 

5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral. 

6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.  

7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o LUNS 13 de febreiro do presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas. 

7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente e no caso das murgas da categoría adulta un representante que será membro do Xurado do Festival.  

8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar o pasarrúas.  

9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, as da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.  


Media_httpfarm6static_zeegi

10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades: 

    10.1.- Gratificacións por participación:  

          a) POR  CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

                 Máx. 200 € para cada Comparsa

    b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:  

    No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 €  (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

    Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

    10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios

    -          Primeiro Premio: 1.000,00 €

    -          Segundo Premio:  500,00 €

    -          Terceiro Premio:  350,00 € 

    -          Especial Premio Local: 350,00 €.

          (No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios

           establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

    10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e comparsas, non optarán a ningún premio. 

11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estará composto por seis membros: cinco profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena) e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo. Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios son individuais e indivisibles. 


Media_httpfarm6static_detys

12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización. 


Media_httpfarm6static_hwbnx

13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.  
 

Máis información: 

AUDITORIO MUNICIPAL

Praza dos Mariñeiros -RIVEIRA

Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com

www.riveira.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical