2.2.11

Natureza: dous naturalistas de Ribeira atopan unha nova clase de orquídea galega en Corrubedo, a Barlia robertiana

Con este descubrimento, o catálogo de especies de orquídea que medran en Galicia chega a 40. As máis próximas desta especie na península, tamén chamada orquídea xigante, están en montes de Asturias
Macro da flor da Barlia robertiana.
Autor: Xermán García Romai.

Ribeira, 2 de febreiro de 2011. Ata o pasado mes de xaneiro, os botánicos tiñan clasificadas 39 especies de orquídeas na Comunidade Galega. Dous fotógrafos e naturalistas ribeirenses, Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño, atoparon o pasado 26 de xaneiro, no Parque Natural de Corrubedo, unha nova especie para a flora galega, a Barlia robertiana, orquídea que, polo momento, non estaba rexistrada en Galicia.

O sorprendente deste achádego é que se produza nun lugar tan investigado como o Parque Natural de Corrubedo e nunha familia, a das orquídeas, moi estudada ata a data de hoxe, pero que non recibiu incorporacións de novas especies dende 1989, ano en que se pechou o catálogo de orquídeas de Galicia e a Barlia robertiana quedou fora desta clasificación, ó non haber constatación da súa existencia en Galicia. A lista das orquídeas galegas, só sufriu dende entón lixeiras variacións na súa clasificación entre diversos xéneros, pero non incorporara nada novo a este catálogo.

Outra vista diferente da orquídea (Barlia robertiana), faltaban uns minutos para o solpor.
Autor: Antonio Parada Mariño.

A familia das orquídeas en Galicia, composta agora por 40 especies, pasa xeralmente desapercibida para a poboación, xa que as plantas autóctonas nada teñen que ver no seu tamaño coas orquídeas tropicais, as que se poden atopar nas florerías. Así, o tamaño das súas flores, pode pasar dos 3-4cm dunha orquídea como a recén descuberta Barlia robertiana (a máis grande da Península Ibérica), ós 3-4mm do xénero Spiranthes, tamén presente en Corrubedo.

A Barlia robertiana, é tamén coñecida vulgarmente como orquidón ou orquídea xigante -en castelán, compañón- polo seu gran tamaño, xa que a planta pode acadar o metro de altura. Para os descubridores da especie, atopala nun lugar tan pouco humanizado como as dunas do Parque Natural de Corrubedo, e tan alonxado da súa distribución coñecida (a máis próxima nas montañas de Asturias), sinala claramente que a súa presenza pasou totalmente desapercibida durante todos estes anos para a comunidade científica, sendo Corrubedo o lugar onde atopou as condicións naturais precisas para a súa conservación. Ademais, o adiantado da súa floración con respecto a outras orquídeas, puido facer que os estudosos desta familia non a chegasen a atopar en Corrubedo, a pesares de que fai relativamente pouco tempo foi editada unha Guía das Orquídeas do Parque Natural de Corrubedo, na que non se sinala esta nova especie.

Os descubridores desta nova especie, Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño, están actualmente elaborando unha publicación para dar conta do seu achádego ante a comunidade científica e facendo un seguimento desta nova planta, para observar en que estado se atopa a súa poboación. Ambos pertencen ao grupo de Facebook "Fotógrafos e fotógrafas pola biodiversidade". É unha excelente noticia no Día Mundial dos Humidais, que se celebra hoxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: Portos de Galicia promete novo edificio de servizos que servirá tamén como sede do Náutico

Esta actuación sumarase á construción de dous novos pantaláns, que sumarán outras 50 prazas de amarre. Non dan datas de proxecto, nin remate nin comezo das obras.


Queiruga, Álvarez-Campana e Tomé Piñeiro en Santiago

Porto do Son, 2 de febreiro de 2011.- Portos de Galicia dotará ao Clube Náutico da localidade dun edificio de servizos e sede da entidade. Así llo trasladou o presidente do ente público, José Manuel Álvarez-Campana, ao presidente do clube, Manuel Queiruga, nun recente encontro no que lle trasladou tamén os avances relativos ao proxecto, xa anunciado, de instalación de dous novos pantaláns.

Esta nova dotación permitirá ao clube mellorar as súas condicións de traballo e reforzará a prestación de servizos náutico recreativos en Porto do Son. Para o seu deseño e execución, Portos de Galicia manterá un contacto e traballo directo co clube, coa intención de satisfacer as súas necesidades.

O proxecto de construción do edificio do clube náutico súmase a outro, xa en tramitación: a instalación de dous novos pantaláns que crearán 50 prazas de amarre mixtas, profesionales y náutico recreativas. Esta actuación implementará a seguridade do espazo portuario sonense, tanto para a flota alí albergada como de cara ao traballo ordinario que esta realiza.

Asimesmo, nestes días dará comezo a reposición do pavimento do viario da zona portuaria, na que Portos de Galicia investirá 60.000 euros, para contrarrestar o deterioro producido no firme polo tránsito de vehículos pesados. Dita actuación mellorará tamén as beirarrúas desta estrada.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe, preocupado pola "grave situación financieira do Concello" que auditou a Deputación

A Pobra do Caramiñal, 2 de febreiro de 2011. O Psoe pobrense comentou hoxe a situación financieira do Concello, ao que "tamén a Deputación da Coruña avisa, e nomeadamente ao equipo de goberno que preside o Sr. Maceiras, da magnitude económico-financeira e certifica a grave situación deste concello, cunha situación similar a anos anteriores, cun serio problema de liquidez”.

Segundo explican os socialistas, "a Deputación certifica que a situación é grave, 2009 é o quinto ano consecutivo que se liquida cun remanente de tesourería negativo alcanzando neste ano a súa cifra negativa máis elevada -2.024.571,41 euros, neste ano tamén se produce un incremento importante das operacións pendentes de aplicar o presuposto con respecto ó ano anterior o que vén a empeorar este déficit de tesourería”.

"Desgoberno e despilfarro"

Para a portavoz socialista e alcaldable para maio, Teresa García Guillán, "estes son os resultados de 12 anos de desgoberno, de despilfarro e de non racionalizar nin priorizar as necesidades dos veciños. Esa cacarexada boa xestión ten un resultado tan negativo que  fai que este concello nunca tivera cotas de endebedamento tan alto".

Seguindo coa análise da Deputación, os socialistas resaltan párrafos como o seguinte: "O pendente de pago mantense nunhas cifras elevadas en todo o período cun lixeiro incremento neste ano que alcanza a cantidade de 2.717.279,91 euros o que pon de manifesto un importante problema de liquidez no concello que ten que provocar necesariamente un atraso importante no pagamento das súas obrigas”.

Estes tecnicismos "non terían tanta transcendencia se detrás deles non existise unha realidade como que hai preto de 3 millón de euros de pagos pendentes, é dicir débedas con proveedores, con pequenas e medianas empresas, que están longo tempo sen cobrar, tendo en conta que soamente estamos a falar de gastos recoñecidos. Se estiveran contabilizados tódolos compromisos totais de pago, a situación seguro que tiña tintes máis dramáticos", aclaran dende o Psoe da Pobra do Caramiñal.

Solucións

"Un Plan de Saneamento non consiste só en reducir a débeda bancaria a conta de deber máis, a quen ten máis necesidade de cobrar, estamos a falar dos autónomos, as pymes e todas as empresas que prestan servizos ó concello. Cómpre un Plan serio e responsable que abarque a difícil realidade das contas locais: canto máis se prolongue esta situación, máis dolorosa e difícil será a solución. Este alcalde, coa actitude perseverante de inconsciencia vai hipotecar os exercicios futuros e supón unha importante irresponsabilidade nunha realidade tan difícil como a actual, na que as Administracións teñen que ser exemplo de cumprimento das súas obrigas, de austeridade e bo goberno", argumenta Teresa García.

Continúa o informe da Deputación explicando que “sorprende que o concello non aproveitara a medida especial de saneamento que ofrecía o RDL 5/2009 mediante a concertación dunha operación extraordinaria de endebedamento pola suma do remanente de tesourería negativo e das operacións pendentes de aplicar o presuposto, como maneira máis oportuna para sanear este déficit de tesourería”.

"Todos nos acordamos de varias comparecencias do alcalde ante os medios de comunicación en que primeiro anunciaba que se acollía o RDL e despois que non. Estas idas e vidas falan do esgotamento deste goberno e da falta de rigor e seriedade que lle merecen as contas públicas. Se fixera no seu momento o Plan de Reestruturación, suporía a aplicación dunha disciplina orzamentaria (baixo tutela) que tería paliado esta situación financeira que presenta o Concello. O que realmente conseguiron foi evitar a tutelaxe externa das contas con omisións incomprensibles non só para os servizos económicos da Deputación Provincial, que cualifican literalmente de “sorprendentes”, senón tamén para a propia Intervención Municipal, xa que non se rexen nin polo dictado dos técnicos nin polo interese público, e que supoñen o empobrecemento sistemático do noso concello", din os socialistas. 

Paradoiro de 200.000 euros

No informe da Deputación non se fai referencia ao paradoiro de 200.000 euros procedentes da monetarización do aproveitamento urbanístico do polígono 7, percibidos polo Concello en 2008 por un convenio urbanístico. Estes cartos, sobre os que xa se pediu información e que non se atopan en ningún lugar, teñen un destino legal específico sinalado nos artigos 177 da LOUGA e 39 da Lei o Solo estatal, e deberan estar integrados no inventario separado do Patrimonio Municipal do Solo.

Como xa advertira no seu día o interventor, proseguen os socialistas, "estes cartos non están corretamente contabilizados, polo que se impide a todo aquel que revise as contas públicas saber se foron ou non gastados, se se aplicaron ou non ao seu destino legal, ou se se empregaron indebidamente para realizar pagos fóra do seu obxecto".

"Simplemente, estes cartos non se sabe onde están, pero si se sabe que grazas á xestión económica do goberno de Maceiras, o Concello ten un saldo negativo case que 15 veces superior a eses 200.000 euros; o que ten o peto furado, calquera cousa que meta a perde", conclúe o Psoe da Pobra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: alumnos e mestres de Salceda de Caselas (Pontevedra) visitan este xoves o Museo Valle-Inclán


Tamén irán pola Ruta de Valle-Inclán, que inclúe a Casa Grande de Aguiar

A Pobra do Caramiñal, 2 de febreiro de 2011. Este xoves, día 3 de febreiro de 2011, un grupo de mozos, cos seus mestres, do centro de ensinanza Ies Salceda de Caselas, de Pontevedra, visitará as instalacións do Museo Valle-Inclán.
Serán arredor de 60 mozas e mozos que chegan dispostos a coñecer o itinerario máis completo posible de Valle na Pobra. A visita comezará nas instalacións do propio Museo Valle-Inclán hacia as 11:15 horas da mañá, onde os rapaces, ademais de coñecer as salas do edificio, teñen previsto facer uns recitados na entrada principal e na Sala Max Estrella. A continuación, todo o grupo fará un percorrido pola Ruta Valle-Inclán, pasando por lugares tan emblemáticos como Villa Eugenia, residencia do escritor entre 1921 e 1925, a farmacia Tato, ou o entorno dos pazos da Casa Grande de Aguiar e O Couto. Pero non rematarán aquí, posto que teñen previsto comer nas terras de Viana del Prior para pola tardiña subir ata o miradoiro da Curota, onde o escritor asistíu a tantas romarías e onde se ubica a súa efixie, para coñecer este entorno e as inigualables vistas sobre as terras do mar de Arousa. En todo momento estarán acompañados por persoal de Cultura da Pobra e do Museo Valle-Inclán.


O grupo de mestres que acompaña aos estudantes non é novo nesta visita ao Museo Valle-Inclán, pois xa o ano pasado acudeu a estas instalacións con alumnos do centro. Este ano veñen dispostos a ampliar o seu percorrido coa ruta vital e literaria e o ascenso ó Miradoiro da Curota.

Cifra de visitantes 2010


Tamén este xoves, no auditorio do Museo Valle-Inclán, directivos desta entidade darán a coñecer as estatísticas de visitantes do ano 2010. Unhas cifras que agardamos sexan máis baixas das que se agardan este ano, que cadra co 75 aniversario do falecemento do escritor. Un 2011 no que haberá moitas máis actividades que de costume arredor da súa figura, e na que colaborará a Xunta de Galicia e outros colectivos culturais.

Relacionadas:


Documental: "Este que veis aquí", sobre Valle. Rodouse na vila

Fotografía: "Coidando aos defuntiños", recolle varias fotos da ofrenda floral a Valle en Boisaca.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical