14.6.11

Rianxo: este venres, 17 de xuño, seminario de ximnasia abdominal hipopresiva

Disque aumenta a libido e tonifica os órganos sexuais, á parte de outras múltiples vantaxes

Rianxo, 14 de xuño de 2011. Este vindeiro venres, 17 de xuño, vai ter lugar no pavillón de Rianxo o primeiro Seminario de Reprocessing Soft Fitness, chamada sen anglicismos ximnasia abdominal hipopresiva. O seminario comeza ás oito e media da tarde e está destinado a todo tipo de público. Dura hora e media e ten un custe de 35 euros. Vai ser impartido polo licenciado en Actividades Físicas David Palleiro, que é experto nesta novidosa técnica que, a xulgar polo vídeo, tanto se asemella ás ancestrais ximnasias dos vellos faquires hindúes, que buscaban con ela masaxear os órganos internos e manter a raia ás tentacións.

Para inscribirse e informarse hai que acudir á piscina municipal de Rianxo (Teléfonos: 981860086/628349396) ou ao Servizo Municipal de Deportes (981.86.63.81).

Que é o Reprocessing Soft Fitness?

É un conxunto de técnicas posturales hipopresivas rítmicas e técnicas de xestión emocional asociadas á práctica fisico-deportiva fásica, realizadas coa finalidade de:

    * Normalizar a postura (prevención de lesións articulares e musculares.
    * Normalizar as variacións de presión abdominal durante o esforzo (prevención de lesións funcionais viscerais).
    * Normalizar o esquema emocional (mellorar problemas como a dificultade de concentración, trastornos do sono, tensión da competición, etc.).
    * Ter unha acción positiva durante o esforzo.

Non poden facer este seminario:

    Persoas hipertensas ou que tomen medicamentos para a tensión. Importante a tensión diastólica (normal 70-80 ml/hg).

    Embarazadas, aínda que 2 semanas antes de dar a luz é recomendable facer as posturas sen ser exercicios ritmados.

    Antes de deitarse, xa que incrementa o metabolismo.

    Despois de comer

    Sen antes ir ao baño (pis)

Beneficios

Reduce até un 10% a cintura en relaxación

Aumenta o ton da faixa abdominal

Reduce lumbalxias e pubalxias

Mellora o ton do chan pélvico

Mellora problemas tan importantes como a incontinencia urinaria, caida de órganos (prolapso) e disfuncións sexuais.

Mellora das curvaturas das costas aumentando o confort postural.

Aumenta a dopamina (pracer, sociabilidade, gozo e motivación para realizar certas actividades)

Aumenta a serotonina (benestar, estado de ánimo, rexeneración hepática, regulación da hormona do crecemento).

Incide positivamente sobre a dismenorrea ou menstruación dolorosa

Mellora o estrinximento (o que se chama en publicidade de produtos lácteos "a regularidade intestinal")

Mellora a arritmia cardíaca

Alteracións da  libido

Ansiedade

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este xoves 16, obradoiro de astronomía; o venres 17, saída nocturna para ver estrelas e o sábado, romaría no San Ramón con "A Chungatrona"

Cartel_2

  • Son actividades programadas pola asociación de pais "Loureda", do colexio do Castro
Media_httpfarm4static_gjckc

Haberá que agardar unha noite despexada para poder ver estrelas, planetas e satélites

Boiro, 14 de xuño de 2011. A APA Loureda organiza esta semana tres actividades, a cal máis interesante:

Xoves 16 de xuño

Obradoiro de Astronomía sobre as estrelas. En  colaboración coa Dirección do Centro,  ás 12:15h. no C. STª Mª do Castro, charla- conferencia para todo o alumnado do Centro sobre introducción á Astronomía: As estrelas e os planetas.

Venres 17 de xuño

Parte práctica do obradoiro do día anterior, cunha saída nocturna para ver as estrelas e poñer en práctica o escoitado na conferencia. Ös asistentes, á parte de entregarlles material práctico, poderán observar as estrelas e os planetas a través de telescopios.  Nesta ocasión, a actividade está dirixida tanto para pais/nais coma para os rapaces. As persoas interesadas en participar na actividade deben apuntarse na conserxería do Centro (data límite xoves 16 ás 13:00h).  Os menores deben ir acompañados dun adulto 

Sábado 18 de xuño

Terá lugar a romaría de socios que se recuperou e que se pretende que perdure no tempo, dado que é un día de ocio onde as familias poden convivir durante unhas horas de xeito divertido.

Programa da romaría:

          o 12:30h   Xuntanza e apertura da romaría na área de San Ramón

                              .. Actuación de Peter Punk “A Chungatrona”

          o 14:00h.  Xantar campeiro
          o 16:00h.  Actividades:

                              .. Ruta

Media_httpfarm5static_fbacf

Xogo da chave en Noia

                              .. Xogos cooperativos e tradicionais: Chave, corda, pano, brilé, trompos, etc

      As persoas interesadas en participar na actividade deben apuntarse na conserxería do Centro (data límite xoves 16 as 13:00h). Parte do custe do obradoiro, coma da actuación da romaría (Rede Cultural) están subvencionadas pola Deputación da Coruña.         

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: a denominación protexida "Mexillón de Galicia" querélase contra unha empresa de Mos por fraude

Media_httpfarm5static_fmbvb

Auténticos "mytilus galloprovincialis" servidos nunha tapa premiada en Boiro

Barbanza-Noia, 14 de xuño de 2011. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dando continuidade á campaña contra o fraude ao consumidor e de defensa da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia (que implicou non hai moito tempo a unha conserveira de Rianxo), vén de presentar unha querela criminal, que foi admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción de O Porriño, contra os representantes legais da empresa Thenaisie-Provôté, con sede en Mos, por comercializar mexillón foráneo como 'Mejillones de las Rías Gallegas'. Esta é a segunda querela que presenta o Consello Regullador contra unha conserveira por este mesmo motivo.

As mostras foron adquiridas aleatoriamente nun establecemento comercial baixo presencia notarial. Nas análises realizadas polo Laboratorio do Departamento de I+D+i do Consello Regulador identificouse que nas mostras comerciais compradas da marca
"Grandes Hoteles", da conserveira Thenaisie-Provôté, había latas nas que o 100% do seu contido correspondían a unha especie de mexillón "totalmente allea a Galicia". Co fin de garantir a imparcialidade e independencia das análises ante a Administración de Xustiza, optouse por realizar novas analíticas nun laboratorio externo, remitindo mostras ao Grupo de Investigación Xenomar do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de A Coruña. Os resultados das súas análises determinan que de cinco latas, a totalidade (100%) dos mexillóns envasados en dúas latas contiñan individuos do xénero "Perna Spp" totalmente alleo a Galicia. A especie existente en Galicia é "Mytilus galloprovincialis", e os individuos encontrados nas latas de "Grandes Hoteles", non só non corresponden á mesma especie, senón que son dun xénero taxonómico distinto.
A querela criminal, admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción do Porriño, indica que os feitos atópanse tipificados no Código Penal, nos seus artigos 282, que protexe os dereitos dos consumidores e a transparencia dos mercados, e no artigo 275, que protexe un dereito de propiedade industrial da titularidade do Consello Regulador, ao abeiro do disposto no vixente Regulamento da DOP e no propio artigo 13 do Regulamento (CE) 510/2006 de protección das DOP. Neste caso, Thenaisie-Provôté comercializa un producto e o publicita falseando características esenciais como é a especie de mexillón envasado e a súa orixe. Porén, a empresa xera un prexuízo ao conxunto dos consumidores, que pensan que están adquirindo Mexillón de Galicia cando en realidade están a recibir outra caste de xénero de bivalvo, de moi inferior calidade e que nin siquera é do xénero mytilus. Así mesmo está a facer unha competencia ilegal e a perxudicar a meirande parte das empresas transformadoras, que honestamente están a envasar mexillón 100% galego.

A querela tamén considera que a empresa incurre no delito tipificado no artigo 275 do Código Penal, que protexe o dereito da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para diferenciar o mexillón cultivado, elaborado e transformado en Galicia. Neste caso, Thenaisie-Provôté, coñecedora do valor da DOP Mexillón de Galicia, comercializa intencionadamente un producto foráneo coma se fose cultivado en Galicia.

A campaña vai seguir

O obxectivo que procura o Consello Regulador coas accións desta campaña é protexer os dereitos da sociedade en xeral e do consumidor en particular, e a defensa dos intereses das empresas e dos profesionais que viven do Mexillón de Galicia. "O prestixio e notoriedade do mexillón galego obrigan ao propio sector e á administración a garantir que o produto que chegue ao mercado identificado coma tal corresponda realmente ao molusco cultivado nas rías galegas, combatindo fraudes e falsificacións que non fan máis que prexudicar a consumidores, productores e transformadores, así como á imaxe de Galicia como cultivadora de primeira orde mundial deste molusco", aseguran dende o Consello Regulador, que continuará coa campaña de revisión do etiquetado, en especial ás mencións incompatibles coa DOP Mexillón de Galicia (Rías Gallegas, de las rías, etc). Así mesmo, seguirá a denunciar calquera fraude que detecte nos que as indicacións do etiquetado non se corresponda co contido envasado.
No caso de existir algún indicio ou evidencia de que algunha outra empresa esté envasando producto foráneo como se fose do cultivado nas Rías Galegas, aproveitándose do prestixio do mexillón galego, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia seguirá loitando contra estas prácticas fraudulentas. A DOP é a única garantía de que os consumidores están a mercar un producto 100% galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: composición do goberno municipal recén constituído. Doce concellerías e catro tenencias de alcaldía

Media_httpfarm6static_kdxic

Ribeira, 14 de xuño de 2011. Doce son as concellerías delegadas en que se vai estruturar o organigrama do novo goberno municipal de Ribeira que, baixo a presidencia do alcalde Manuel Ruiz Rivas, ten encomendada a responsabilidade de dirixir o Concello estes próximos catro anos.  

Á hora de realizar o reparto de competencias, procurouse a consecución dunha "homoxeneidade interna en canto ao conxunto de atribucións asumidas por cada concelleiro delegado, de tal xeito que a xestión e a prestación de servizos ao cidadán se efectúen baixo criterios de eficiencia e calidade". 

Esta é a relación de concellerías delegadas e edís responsables: 

  • Seguridade e Mobilidade Cidadá: Victor Reiriz Lampón
  • Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo: Vicente Mariño de Bricio
  • Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes: Anxo Orellán Fernández
  • Cultura: Elvira Pisos Arnoso.
  • Deportes e Atención Cidadá: Juan Luis Martínez Queiruga
  • Facenda, Administración Pública e Patrimonio: María Herminia Pouso Maneiro
  • Parque Natural e Medio Ambiente: Elvira Pereira Ageitos
  • Benestar Comunitario: Antonio Javier Jesús Freire Brión
  • Xuventude e Igualdade: Aroa Fernández Cadórniga
  • Infraestruturas e Urbanismo: María Dolores Elorduy Callón
  • Educación: Mª Carmen Vizcaya Sampedro
  • Enerxía e Novas Tecnoloxías: Manuel Emilio Pérez Outeiral

Catro dos concelleiros ostentarán tamén tenencias de alcaldía: 

    1. María Dolores Elorduy Callón
    2. Juan Luis Martínez Queiruga
    3. Vicente Mariño de Bricio
    4. Manuel Emilio Pérez Outeiral

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical