14.6.11

Mar: a denominación protexida "Mexillón de Galicia" querélase contra unha empresa de Mos por fraude

Media_httpfarm5static_fmbvb

Auténticos "mytilus galloprovincialis" servidos nunha tapa premiada en Boiro

Barbanza-Noia, 14 de xuño de 2011. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dando continuidade á campaña contra o fraude ao consumidor e de defensa da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia (que implicou non hai moito tempo a unha conserveira de Rianxo), vén de presentar unha querela criminal, que foi admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción de O Porriño, contra os representantes legais da empresa Thenaisie-Provôté, con sede en Mos, por comercializar mexillón foráneo como 'Mejillones de las Rías Gallegas'. Esta é a segunda querela que presenta o Consello Regullador contra unha conserveira por este mesmo motivo.

As mostras foron adquiridas aleatoriamente nun establecemento comercial baixo presencia notarial. Nas análises realizadas polo Laboratorio do Departamento de I+D+i do Consello Regulador identificouse que nas mostras comerciais compradas da marca
"Grandes Hoteles", da conserveira Thenaisie-Provôté, había latas nas que o 100% do seu contido correspondían a unha especie de mexillón "totalmente allea a Galicia". Co fin de garantir a imparcialidade e independencia das análises ante a Administración de Xustiza, optouse por realizar novas analíticas nun laboratorio externo, remitindo mostras ao Grupo de Investigación Xenomar do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de A Coruña. Os resultados das súas análises determinan que de cinco latas, a totalidade (100%) dos mexillóns envasados en dúas latas contiñan individuos do xénero "Perna Spp" totalmente alleo a Galicia. A especie existente en Galicia é "Mytilus galloprovincialis", e os individuos encontrados nas latas de "Grandes Hoteles", non só non corresponden á mesma especie, senón que son dun xénero taxonómico distinto.
A querela criminal, admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción do Porriño, indica que os feitos atópanse tipificados no Código Penal, nos seus artigos 282, que protexe os dereitos dos consumidores e a transparencia dos mercados, e no artigo 275, que protexe un dereito de propiedade industrial da titularidade do Consello Regulador, ao abeiro do disposto no vixente Regulamento da DOP e no propio artigo 13 do Regulamento (CE) 510/2006 de protección das DOP. Neste caso, Thenaisie-Provôté comercializa un producto e o publicita falseando características esenciais como é a especie de mexillón envasado e a súa orixe. Porén, a empresa xera un prexuízo ao conxunto dos consumidores, que pensan que están adquirindo Mexillón de Galicia cando en realidade están a recibir outra caste de xénero de bivalvo, de moi inferior calidade e que nin siquera é do xénero mytilus. Así mesmo está a facer unha competencia ilegal e a perxudicar a meirande parte das empresas transformadoras, que honestamente están a envasar mexillón 100% galego.

A querela tamén considera que a empresa incurre no delito tipificado no artigo 275 do Código Penal, que protexe o dereito da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para diferenciar o mexillón cultivado, elaborado e transformado en Galicia. Neste caso, Thenaisie-Provôté, coñecedora do valor da DOP Mexillón de Galicia, comercializa intencionadamente un producto foráneo coma se fose cultivado en Galicia.

A campaña vai seguir

O obxectivo que procura o Consello Regulador coas accións desta campaña é protexer os dereitos da sociedade en xeral e do consumidor en particular, e a defensa dos intereses das empresas e dos profesionais que viven do Mexillón de Galicia. "O prestixio e notoriedade do mexillón galego obrigan ao propio sector e á administración a garantir que o produto que chegue ao mercado identificado coma tal corresponda realmente ao molusco cultivado nas rías galegas, combatindo fraudes e falsificacións que non fan máis que prexudicar a consumidores, productores e transformadores, así como á imaxe de Galicia como cultivadora de primeira orde mundial deste molusco", aseguran dende o Consello Regulador, que continuará coa campaña de revisión do etiquetado, en especial ás mencións incompatibles coa DOP Mexillón de Galicia (Rías Gallegas, de las rías, etc). Así mesmo, seguirá a denunciar calquera fraude que detecte nos que as indicacións do etiquetado non se corresponda co contido envasado.
No caso de existir algún indicio ou evidencia de que algunha outra empresa esté envasando producto foráneo como se fose do cultivado nas Rías Galegas, aproveitándose do prestixio do mexillón galego, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia seguirá loitando contra estas prácticas fraudulentas. A DOP é a única garantía de que os consumidores están a mercar un producto 100% galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical