18.2.11

Ribeira: a web do Plaza presenta aos catro candidatos (dúas candidatas e dous candidatos) á alcaldía na Rede

Aquí tendes os Programas
www.manoloruiz.org

Manolo Ruiz Rivas

http://bng-ribeira.org/domi/

Dominga Brión

http://www.psoeribeira.es/

Andrés Fariña Cadenas

http://www.ipder.es/

Rosa García Pose

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: de novo ao Parlamento a petición de celadores no Hospital da Barbanza

O PSdeG apoia as reivindicacións do comité de empresa do Hospital do Barbanza e defenderá no Parlamento que a Xunta de Galicia tome unha decisión no primeiro trimestre deste ano para mellorar a situación do persoal pertencente ao centro hospitalario barbanzano

Ribeira, 18 de febreiro de 2011.  O Portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de rexistrar unha Proposición non de Lei no Parlamento para que a Xunta de Galicia incremente o cuadro de persoal no hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego está facendo oídos xordos diante das reivindicacións de moitos colectivos sociais do Barbanza e do propio Comité de Empresa do Hospital da Barbanza que demandan que se atenda a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.

O deputado socialista José Manuel Lage vén defendendo a través dunha serie de iniciativas parlamentarias que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego ten que escoitar aos usuarios e aos traballadores do hospital do Barbanza, e verá a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.

Destacou que “o hospital conta con bos profesionais que fan un magníficio traballo, e cabe recordar que son os traballadores e traballadoras os que están cubrindo as carencias de persoal con gran esforzo. Por iso é imprescindible que o goberno galego resolva o problema canto antes”.

Lage Tuñas recordou que “fai máis dun ano que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas para que non se deteriore a asistencia sanitaria”.

O deputado barbanzano dixo que “os socialistas facemos esta proposta con ánimo constructivo e co obxectivo de que a Xunta de Galicia abandone a pasividade neste asunto, xa que é preciso tomar decisións para mellorar a situación do persoal do Hospital do Barbanza”.

Lage Tuñas explicaba que “o Valedor do Pobo en marzo de 2010 xa instaba á Consellería de Sanidade a crear prazas específicas de celadores no recinto para evitar que os auxiliares de enfermaría realicen esas funcións.”

O deputado do PSdeG recordou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a casa de cultura da Atalaia acubilla obras do Premio de Isaac Díaz Pardo ata o


Porto do Son, 18 de febreiro de 2011. Na casa de cultura de Porto do Son poden verse, ata o 13 de marzo, obras do IX Premio de Artes Plásticas "Isaac Díaz Pardo", que forman parte dunha exposición itinerante que circula por toda Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: a Asociación Galega de Editores renderá unha homenaxe ao finado Xosé Agrelo Hermo na VI Noite da Edición

O gremio editorial galego celebrará o próximo 12 de marzo ás 20:00 horas a VI Noite da Edición, na Deputación de Lugo


O Concello de Muros adicoulle un busto a Agrelo en Esteiro o ano pasado

Noia, 18 de febreiro de 2011. A AGE homenaxea  no apartado da edición histórica ao que fora director da noiesa Editorial Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, así como ás dúas editorias que cumpren o seu XXV aniversario, Ir Indo Edicións e Hércules de Ediciones. Os editores nomearán socio de honra ao seu ex presidente Alfonso García Sanmartín.

Agrelo na Biblioteca Virtual Galega

Os premios divídense nas seguintes categorías:

Premio Ánxel Casal Ficción, Premio Ánxel Casal non ficción, Premio Ánxel Casal Teatro-Poesía, Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil, Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo, Premio Lois Tobío ao libro traducido, Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado, Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao mellor autor.

En total son 23 as obras editadas polo sector as que optan os Premios da Edición. Ademáis os autores Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro (quen tamén colaborou con Toxosoutos debuxando Os Barbanzóns) e Marcos Calveiro optan o Premio a mellor autor X.M.Álvarez Blázquez.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 25 abre a inscrición para o obradoiro de cociña e repostería de Entroido

Celébrase do martes 1 ao venres 4 de marzo. Só hai 20 prazas!

O enterro do Felipiño é o último acto do entroido ribeirense

Ribeira, 18 de febreiro de 2011. A Concellería de Cultura e Festexos organiza, dentro da programación do Entroido 2011, un Obradoiro de Cociña e Repostería de Carnaval. Hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para anotarse abrirá o vindeiro luns, día 21 de febreiro, e rematará o venres 25. 

Os interesados poderán  inscribirse no Auditorio Municipal en horario de 10 a 14 horas (teléfono 981 835 650). A inscrición é gratuíta e o único requisito para asistir é ter 16 ou máis anos de idade. 

Este obradoiro desenvolverase nas Aulas que o Departamento de Servizos Sociais ten habilitadas na rúa Cristóbal Colón entre o 1 e o 4 de marzo. O horario será de 19 a 21 horas.

Relacionada:


Murgas e comparsas: aberto prazo para anotarse ata o martes 22 de febreiro

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: programa completo de Entroido coas bases do concurso de comparsas

Ribeira: o Psoe presenta unha moción de apoio á flota adicada á bacaladilla


Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O grupo municipal socialista presentou unha moción, a tratar no vindeiro pleno, no que se pide explicitamente apoio para a flota que se adica á pesca da bacaladilla, que pode ser afectada de xeito letal se se cumpren as novas directivas da Unión Europea.

Moción íntegra:

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ribeira, a través do seu Portavoz e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, en base os motivos e consideracións seguintes:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A flota de arrastre de Ribeira, compóñena preto de 40 barcos que dan emprego directo a uns 500 traballadores; sendo o conxunto de postos de traballo, incluíndo os indirectos que dependen da actividade desta flota, arredor dos 3.000. Como é coñecido, no pasado mes de decembro, no Consello de Ministros da UE, adoptáronse acordos relativos aos TAC’s e cotas para o ano 2011 que, de seguir adiante, prexudicarían de xeito grave e irreversible ás empresas pesqueiras de arrastre da nosa cidade. O recorte en máis dun 93 % da cota de lirio (bacaladilla) para a zona onde traballa a nosa flota, pode supoñer a paralización desta importante actividade coa conseguinte perda de ingresos que afectarán de xeito moi importante a economía global do noso concello.
Coñecemos as inquedanzas da Sra. Ministra do Goberno de España sobre este importante problema. Mesmo na reunión có sector pesqueiro de Galicia celebrado en
Santiago o pasado día 19 de Xaneiro, dixo non estar disposta a admitir estas condicións
e corrixir esta situación o vindeiro día 24, na reunión do Consello de Ministros da UE. É por todo isto que o Grupo Municipal Socialista, formula a seguinte proposta de

MOCIÓN:

1. Mostrar o seu apoio incondicional á flota de arrastre do porto de Ribeira, recoñecendo que desenvolve unha actividade económica xeradora de centos de empregos na cidade, ante a decisión da Comisión Europea de reducir nun 93 % a cota de capturas de lirio. Consideramos que esta medida pode certamente provocar o amarre da flota de Ribeira ao non poder soportar os custes da actividade, baseada maiormente na pesca de bacaladilla.

2. Instar ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino (MMAMRM) a que renegocie á alza o TAC de lirio, ante a Comisión de Pesqueiras do Atlántico Nororiental (NEAFC), para adaptala a situación real do stock que, vistos os resultados da pesqueira no noso porto, non consideramos estea sobre-explotada de xeito que precise un recorte do 93 %.

3. Instar ao Goberno de España a que impulse un estudo actualizado a través do Instituto Español de Oceanografía, sobre a situación dos recursos pesqueiros nos caladoiros habituais da nosa flota, para coñecer a situación real desta e doutras especies de interese comercial.

4. Solicitar ao MMAMRM, a que propoña á Comisión Europea a que diferencie os stocks e os correspondentes TAC’s de bacaladilla, por zonas máis concretas. Non pode se-lo mesmo o estado das pesqueiras onde opera a flota dos países nórdicos ca a dos caladoiros litorais onde pesca a nosa flota.

5. Pedirlle ao MMAMRM, que argumente ante as autoridades comunitarias, a gran deferencia que existe entre os factorías arrastreiros do norte de Europa, dedicados a pesca de bacaladilla para o seu fileteado sen pel e sen espiñas (Skinned & bones less), cando non directamente para o converter en fariña para pensos animais, fronte o destino do lirio que pesca a nosa flota: enteiro e directamente para o consumo humano de familias con baixo poder adquisitivo.

6. Dar traslado deste acordo ao Goberno de España, para que actúe en consecuencia. Tamén á Xunta de Galicia para que estean informados do apoio do Concello de Ribeira ao seu sector pesqueiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: os socialistas aclararon cuestións referidas á política farmacéutica da Xunta e do Estado


A Pobra do Caramiñal, 18 de febreiro de 2011.- A Agrupación Socialista da Pobra organizou unha charla informativa o mércores pasado para todos os veciños sobre a política de xenéricos da Xunta de Galicia, tema de candente actualidade, e sobre a cal existe "un gran descoñecemento entre a cidadanía por mor da opacidade do goberno autonómico nesta materia", explicou o Psoe en nota de prensa. 

Entre os relatores da charla estiveron Teresa García Guillán, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista da Pobra e candidata á Alcaldía; José Manuel Lage Tuñas, deputado no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE; e a Francisco “Tuco” Cerviño González, deputado autonómico, médico especialista en nefroloxía, e ex xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC, antigo Hospital Juan Canalejo) e do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, que asumeu na súa cualidade de experto o groso da charla. 

Comezou Teresa García agradecendo a asistencia dos presentes a pesar do temporal, e criticando a postura política da Xunta de Galicia, defendendo que a Sanidade Pública debe ser unha para todas as rexións. Criticou así mesmo que o goberno autonómico obrigue aos pacientes a pagar a totalidade do prezo do medicamento se deciden optar polo seu medicamento habitual en lugar de aceptar a substitución obrigatoria do mesmo, sen ter dereito a unha redución do seu prezo equivalente ao custe que supón o xenérico para a Xunta. 

En segundo lugar interviu José Manuel Lage, que agradeceu á Agrupación Socialista da Pobra a celebración da charla informativa sobre unha cuestión de tanta actualidade, destacando que se trata dun tema “no que se precisa moita información e pouca demagoxia” para disipar incertezas.

Problemas no Hospital da Barbanza


Aproveitou a ocasión para falar da situación da sanidade pública na comarca do Barbanza, destacando que os socialistas xa denunciaron o peche das axendas no hospital comarcal, sinalando que “os socialistas defendemos e defenderemos sempre un sistema sanitario universal” e gratuíto, un logro a nivel estatal que “está no ADN das políticas socialistas”, tendente a unha cobertura sanitaria independente da conta bancaria e das propiedades de cada un. Sinalou así mesmo Lage que o responsable da xestión no día a día da Sanidade de Galicia é a Xunta de Galicia, pero que “o goberno galego parece que nunca é responsable de nada” desde que goberna o Partido Popular, ao que criticou a súa mala memoria lembrándolle que cando Núñez Feijoó estaba na oposición, segundo o seu criterio todos os males de Galicia eran culpa do presidente Touriño.

En terceiro lugar interviu Francisco Cerviño, quen subliñou que o gasto farmacéutico é un problema real endémico de España, que destina entre o 31% e o 32% do orzamento da Sanidade aos medicamentos, gastos que impiden o seu investimento en persoal e infraestruturas sanitarias,  cando a media da OCDE está entre o 15% e o 17%. 

Seguidamente fixo un breve repaso ás políticas socialistas na materia, que permitiron unha diminución progresiva da porcentaxe de gasto en medicamentos, até o punto de que 2010 foi o primeiro ano no que o gasto farmacéutico descendeu no conxunto de España, excepto no caso de tres Comunidades Autónomas nas que ascendeu, entre elas en Galicia cun incremento dun 3%. 

Destacou que como froito das negociacións da anterior Ministra de Sanidade coa farmaindustria e cos vendedores de medicamentos, e das que se mantén unha política de continuidade coa actual titular da carteira ministerial, se conseguiu unha baixada do prezo final do medicamento ao aceptar estes unha redución dos seus beneficios nun 3% en un 2%, respectivamente. 

Dados os efectos concorrentes das políticas públicas do goberno central, que se calcula que suporán un aforro de 122 millóns de euros anuais -cartos que se destinarán á mellora do sistema sanitario como propias do seu orzamento-, puxo en tela de xuízo as declaracións da conselleira Farjas no tocante ao aforro neto que se conseguiu coa aplicación da polémica política de xenéricos, toda vez que resulta difícil discernir que parte do aforro se corresponde ás medidas da Xunta de Galicia, e que parte ás políticas implementadas polo goberno socialista. 

Fixo referencia tamén a que as políticas do goberno estatal están dirixidas a solucionar a situación de infrafinanciamento crónico da sanidade pública, que se cifra nun 0,5% do PIB tras a redución de medio punto do PIB que realizou Zapatero eliminando de golpe o 50% do infrafinanciamento, até o momento no 1%; non obstante, a pesar deste infrafinanciamento, congratúlase Cerviño de que o sistema médico español resulta exemplar a todos os niveis, punteiro no tocante a transplantes e á cobertura sanitaria universal que considera un sistema redistribuidor da riqueza.

Inconstitucionalidade da Lei 12/2010, de 22 de decembro

Francisco Cerviño criticou duramente que o PP insista en autodenominarse o partido dos traballadores e acuse á vez ao goberno central de estar aliado coas multinacionais da farmacia, cousa que considera unha incoherencia do PP, toda vez que esquece que a industria farmacéutica en España sostén milleiros de postos de traballo, sobre todo en Madrid e en Cataluña. 

Considera que esta Lei galega si supón un aforro difícil de cuantificar pola concorrencia das medidas do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, pero á vez critica a Núñez Feijoó por facer unha lei contraria ás competencias do goberno galego, establecidas taxativamente pola Constitución Española de forma textual. 

Fundamenta a apreciación no dictame do Consello de Estado, que tilda a Lei galega de anticonstitucional entre outro motivos por vulnerar as competencias exclusivas do Estado ao establecer un catálogo de medicamentos distinto e independente do aprobado polo goberno central.

Destacou tamén o Sr. Cerviño na súa intervención, non exenta de cuestións técnicas que demostran o profundo coñecemento na materia que atesoura o relator, o lío que montaría o Partido Popular se isto o fixese Cataluña, parafraseando frases reaccionarias moi manidas pola dereita relativas á ruptura de España. 

Criticou tamén que a conselleira Farjas manifestase que levou a cuestión do catálogo galego ao Consello Interterritorial de Sanidade, no que están representadas todas as Comunidades Autónomas e o Goberno, cando na realidade o que fixo foi levar a proposta fóra da orde do día, imposibilitando o seu debate, e cando a tramitación parlamentaria da Lei xa se atopaba moi avanzada. 

Ao seu xuízo, a norma galega é unha vulneración burda das regras do xogo, que obriga por imperativo legal ao Presidente do Goberno a interpor contra a mesma un recurso de inconstitucionalidade. 

No tocante aos motivos que levaron ao goberno de Núñez Feijóo a aprobar unha Lei manifestamente anticonstitucional por vulneración das competencias exclusivas e excluíntes do Estado, destacou que non son outros que motivos de carácter político no sentido máis frívolo da palabra, no que non dubidou en adxectivar coma unha fanfarronada publicitaria tendente a fomentar a paranoia inventada polo PP de que o Goberno central está en contra de Galicia.

Dende a Agrupación Socialista da Pobra agradecen aos deputados José Manuel Lage Tuñas e a Francisco Cerviño González a súa presenza e participación nesta charla informativa, así coma ao nutrido grupo de asistentes que a pesar do temporal acudiron a este acto, entre os que se atopaban, entre outros simpatizantes socialistas e veciños, a deputada Marisol Soneira Tajes, portavoz socialista de Pesca.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: resultados desta sexta xornada de xadrez

O rianxeiro Néstor Martínez (esquerda) foi derrotado polo boirense Samuel Ozores


Rianxo, 18 de febreiro de 2011. Na primeira división, no grupo B, Sergio Arevalillo obtivo un punto para o Distribunosa-Xadrez Rianxo nun complicado desplazamento ante o equipo Cidade de Narón. Os resultados quedaron así no citado grupo B:

J. Ramón Pantin 1-0 Manuel Abuín
J.Carlos Berdullas 0-1 Sergio Arevalillo
J. Manuel Caneiro 1-0 Daniel Martinez
Pablo Fernandez 1-0 Manuel Castaño
Na próxima xornada, o sábado 19 de febreiro, o “Distribunosa Xadrez Rianxo” enfróntase na casa ao “Marquiño”.

Por outra banda, en terceira división, no grupo C, Alberto Hevia e Rogelio Ferrol conseguiron puntuar nos seus respectivos taboeiros, nun disputado derbi que quedou cun cómputo final favorable para o Pousada das Ánimas (Boiro). Os resultados quedaron deste xeito:

Alberto Hevia 1-0 Diego Piñeiro
Nestor Martinez 0-1 J. Manuel Ordoñez
Rogelio Ferrol 0.5-0.5 J. Luis Mouriño
J. Mendez Rial 0-1 Samuel Ozores

Na vindeira xornada, mañá sábado 19, Distribunosa B-Xadrez Rianxo viaxa a Santiago para baterse co “Escola USC”.

Outros resultados:
ESCOLA XADREZ RIANXO Vs ESCOLA USC
Daniel Fernández 0-1 Ramón Fernandez
Carlos Penas 1-0 Pedro Vieites
Luis Cernadas 0-1 Martin Pena
Marco Bravol 0-1 Sergio Rey

Na xornada de mañá, a “Escola Xadrez Rianxo” vai a Boiro para loitar no taboeiro co Hostal Miramar”.

Resultados totais:
Círculo Xadrez “Cidade de Narón” (3 ptos) Vs Distribunosa-xadrez Rianxo (1 pto)
1ª división (grupo b)

Distribunosa B-Xadrez Rianxo (1.5 ptos) Vs Pousada Das Ánimas (2.5 ptos)

3ª división (grupo c)
Escola Xadrez Rianxo (1 ptos) Vs Escola USC (3 ptos)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcaldable polo Psoe, Andrés Fariña, presentou unha batería de propostas para a cidade

Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O alcaldable socialista por Ribeira presentouse esta semana: trátase de Andrés Fariña (Ribeira, 1957), que desenvolveu a súa última tempada en política como concelleiro do Psoe en Santiago de Compostela.

O candidato socialista presenta na web do Psoe de Ribeira unha batería de propostas para "un cambio radical ue traslade ós ribeirenses a necesidade vital dunha cidade ordenada como elemento esencial para o benestar e o progreso sostible da sociedade". Fariña cualifica a actual situación de "totum revolutum" e comprométese "a traballar e intentar solucionar as preocupacións e propostas dos veciños para transformalas en proxectos acadables e sostibles".

Entre os puntos que salienta na súa liña de actuación, se os veciños o escollen para presidir a alcaldía, estaría integrar Ribeira no territorio de Barbanza "como unha cidade que participe no desenvolvemento comarcal e metropolitano"; que sexa escoitada nas institucións, activa nos foros europeos; que teña a mesma universalidade que a súa flota pesqueira e que Ribeira sexa "un concello ben armado funcionarialmente". Tamén promete "unha cidade para as persoas, de xeito que os veciños participen activamente no debate das estratexias de desenvolvemento, onde o sol sexa de novo un ben común que non quede secuestrado pola avaricia especulativa dun urbanismo sen método".

Ao longo dos próximos días darase a coñecer a lista do Psoe ribeirense que lidera Andrés Fariña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Consellería de Mar convoca novos permisos para extraer navalla e longueirón

Autorízase unha embarcación máis en Muros e tres novos barcos en Noia, con 2 mergulladores habilitados por embarcación


Nestas bisbarras, a navalla ten unha festa gastronómica en Aguiño

Noia-Muros, 18 de febreiro de 2011.- A Consellería do Mar outorgará catro novos permisos de explotación de navalla e longueirón na modalidade de mergullo en apnea nas Confrarías de Muros e Noia, dando resposta así ás solicitudes de ambos pósitos. Estes novos permisos súmanse aos 6 pérmex vixentes nesta modalidade na confraría de Muros e aos 3 que hai na actualidade no pósito noiés.

Para poder optar aos permisos de explotación, os solicitantes deben cumprir os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, e presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles dende hoxe. As solicitudes presentaranse no rexistro do Departamento Territorial da Consellería do Mar na Coruña ou en calquera rexistro público que teña convenio coa Xunta. Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración.

Con estes 4 novos pérmex, o departamento que dirixe Rosa Quintana, asegura a Xunta, "pon de manifesto a súa aposta pola xeración de actividade e o incremento dos postos de traballo para a incorporación de xente nova, especialmente nun contexto de crise económica". En xaneiro aprobouse a convocatoria de 45 novos pérmex nestas dúas confrarías, 40 para mariscadores a pé na de Noia e 5 novos permisos de explotación a pé para percebe na de Muros. Cabe lembrar que todas as prazas convócanse despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sostibilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical