Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O Portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de rexistrar unha Proposición non de Lei no Parlamento para que a Xunta de Galicia incremente o cuadro de persoal no hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego está facendo oídos xordos diante das reivindicacións de moitos colectivos sociais do Barbanza e do propio Comité de Empresa do Hospital da Barbanza que demandan que se atenda a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.
O deputado socialista José Manuel Lage vén defendendo a través dunha serie de iniciativas parlamentarias que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego ten que escoitar aos usuarios e aos traballadores do hospital do Barbanza, e verá a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.
Destacou que “o hospital conta con bos profesionais que fan un magníficio traballo, e cabe recordar que son os traballadores e traballadoras os que están cubrindo as carencias de persoal con gran esforzo. Por iso é imprescindible que o goberno galego resolva o problema canto antes”.
Lage Tuñas recordou que “fai máis dun ano que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas para que non se deteriore a asistencia sanitaria”.
O deputado barbanzano dixo que “os socialistas facemos esta proposta con ánimo constructivo e co obxectivo de que a Xunta de Galicia abandone a pasividade neste asunto, xa que é preciso tomar decisións para mellorar a situación do persoal do Hospital do Barbanza”.
Lage Tuñas explicaba que “o Valedor do Pobo en marzo de 2010 xa instaba á Consellería de Sanidade a crear prazas específicas de celadores no recinto para evitar que os auxiliares de enfermaría realicen esas funcións.”
O deputado do PSdeG recordou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario