10.2.11

A Pobra do Caramiñal: sinalan as numerosas deficiencias e desleixo da biblioteca municipal


A biblioteca da Pobra está adicada a Victoriano García Martí

A Pobra, 10 de febreiro de 2011. A Agrupación Socialista manifesta nunha nota de prensa o estado de abandono da biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal e esixe ao goberno local do PP "eficacia e responsabilidade na súa xestión".

Segundo os socialistas, "a biblioteca municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal, situada no segundo andar do número 25 da rúa Castelao, malia ser a única biblioteca municipal da vila, está a ser esquecida polo goberno local, que mostra coa súa deficiente xestión deste activo cultural unha política municipal completamente insensible ás necesidades e inquietudes culturais dos pobrenses e daqueles que nos visitan".

Manteñen dende este grupo político que "son moitos os veciños que, ante a falta de resposta do Concello, acoden a esta Agrupación Local a formular as súas queixas e suxestións, entre as que destaca unha queixa xeneralizada no tocante aos horarios de apertura, queixas relativas aos fondos bibliográficos, e queixas sobre deficiencias nas instalacións, que están a provocar unha perda de usuarios que demostra que o actual alcalde non ten un compromiso firme coa cultura na nosa vila".

Horarios de apertura

A biblioteca abre unicamente de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas e pecha as súas portas o sábado e o domingo. "Este horario impide que as persoas traballadoras poidan acceder á biblioteca os días laborables pola case mimética coincidencia co horario laboral, atopando as portas pechadas nos días de descanso semanal e nos días festivos. Asemade, resulta usual atopar a biblioteca pechada dentro do horario sen previo aviso do Concello, ás veces cunha simple nota na porta na que se modifican os horarios habituais, debido á incorrecta cobertura dos permisos, licencias e vacacións do persoal da biblioteca, cuxos dereitos laborais entran en conflito co dereito de acceso á cultura dos pobrenses pola incapacidade de xestión da Concelleira e o desinterese do goberno municipal; todo isto provoca que moitos estudantes se despracen ás bibliotecas dos concellos limítrofes en épocas de exames.

En definitiva, os horarios da biblioteca non están adaptados aos usuarios da mesma que fundamentalmente son os estudantes. Estes atópanse ca porta pechada e con horarios insuficientes na época que máis o necesitan, cando teñen que preparar exames", argumenta o Psoe pobrense.

Fondos bibliográficos e instalacións: agóchanse os libros en galego

"Resulta salientable que os libros en galego se atopan ocultos nunha planta superior, de difícil acceso e que conta soamente con tres postos de lectura, o que supón unha discriminación á cultura galega por parte do goberno do PP, e non existe un programa da Concellería responsable para que as novas adquisicións e actualizacións se seleccionen por temáticas segundo a interese dos usuarios", manifestan os socialistas, que engaden que "a biblioteca carece tamén dun arquivo bibliográfico permanente, de forma que os libros de uso cotiá comparten estante con outros de uso ocasional nunha competición cultural absurda que consume espazos da biblioteca, cuxos puntos de lectura xa están en pugna coas sombras dos usuarios que se proxectan sobre os libros por causa dunha incoherente distribución do mobiliario e das luminarias do teito. Carecen de catálogo para buscar libros e a iluminación é moi deficiente".

Ruídos exteriores, mala distribución e nula divulgación

A biblioteca de Ribeira, nun obradoiro de escritura
 
"Son destacables os ruídos producidos polas oficinas existentes no local de abaixo e no da planta superior, ademais do mal funcionamento da porta de entrada da biblioteca. Tamén pensamos que a distribución non é a adecuada xa que para chegar ata o bibliotecario tes que percorrer todo o local, e consecuentemente, molestas ás persoas que alí están estudando. Estas deficiencias únense a unha falta de accións de fomento da lectura por parte do goberno local, até o punto de que o PP converteu á Pobra do Caramiñal na única poboación do Barbanza que non organiza ningunha actividade na súa biblioteca, o que demostra que para o goberno local de Isaac Maceiras, unha biblioteca é un vulgar almacén de libros. Debe pensar este goberno do Sr. Maceiras que a cultura non dá moitos votos, pero a educación é o que nos iguala a todos e fainos libres", rematan dende o Psoe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe de Ribeira resposta a unhas declaracións de Ruiz Rivas no Parlamento


Manuel Ruiz Rivas, diana das críticas socialistas

Ribeira, 10 de febreiro de 2011. O Psoe de Ribeira resposta hoxe en nota de prensa a unhas declaracións que fixo o actual portavoz parlamentario do Partido Popular, e dende hoxe candidato á alcaldía ribeirense, Manuel Ruiz Rivas, sobre o acceso de determinada xente á política.

Os peores tempos do franquismo

O Psoe de Ribeira critica "enerxicamente as declaracións pronunciadas polo portavoz parlamentario do PP galego Manuel Ruiz. As súas trasnoitadas e arcaicas afirmacións ao dicir que parece que ao final o que queremos é que á política chegue Xoán sen Terra e Xoán sen Traballo, lémbrannos aos peores tempos do franquismo".

Segundo os socialistas, tales declaracións son "un insulto á democracia e para a maioría dos cidadáns aos que parece que o señor Ruiz quere privar do seu dereito a exercer a política por non ter grandes fortunas ou non pertencer a grandes familias. O feito de que o sr. Ruiz e o PP non teñan interese en que los cidadáns conozan a situación patrimonial dos seus parlamentarios e conselleiros seméllanos un fraco favor ao noso estado de Dereito. A política e as institucións teñen que ser exemplares á hora de promover valores democráticos. A transparencia institucional é fundamental para manter a confianza da veciñanza nas institucións e nos seus representantes. As trabas que o PP pon para que os cidadáns coñezan quen os goberna realmente, non son máis que a clara manifestación da falta de transparencia e ocultismo que profesa esa formación política".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe di que as oposicións do Sergas "foron adulteradas co consentimento do Goberno"

-Lage Tuñas afirmou hoxe que "tan limpas foron as oposicións do SERGAS que outro milagre fai que os que sacaron as notas màis altas renuncian às sùas prazas por solidariedade, non por ter sido beneficiados polo poder político do PP". "É boa verdade que a Sr. Farjas a xestión sanitaria non a mellorou pero pode que vaia camiño da beatificación por tantos milagres en tan corto espazo de tempo", ironizou

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2011.- O portavoz da Àrea Institucional do PSdeG ,José Manuel Lage, rexistrou hoxe unha nova iniciativa parlamentaria para preguntar polos responsables políticos das oposicións do SERGAS "que foron adulteradas baixo o manto protector do poder político do PP". Lage Tuñas constata que "as oposicións do SERGAS foron adulteradas baixo o manto protector do Goberno que preside Nùñez Feijóo."


"Tan limpas foron as oposicións do SERGAS que os que sacaron as notas màis altas renuncian às súas prazas por solidariedade, non por ter sido beneficiados polo poder político do PP", explicou, e foi sarcástico sobre "a limpeza das oposicións" nas que o Valedor do Pobo constatara a existencia de irregularidades despois das denuncias do PSdeG e dos representantes de persoal do SERGAS. Dixo que "o milagre das oposicións do SERGAS fai que os mellor puntuados renuncien, que ninguén pense que ten algo que ver as denuncias do PSdeG-PSOE nin o expediente aberto polo Valedor do Pobo".

Responsabilidades políticas

Lage Tuñas considera "fundamental" que o goberno galego explique quen foron os altos cargos da Xunta que deron cobertura "ao trapicheo de prazas de emprego pùblico no SERGAS". "O feito de que non existira ningùn tipo de control na sala onde se imprimiron os exames ou o feito de que un opositor se corrixira o seu propio exame son dúas perlas que amosan a impunidade e a falta de escrúpulos do PP na función pública galega", denuncia Lage Tuñas. Os socialistas galegos consideran "unha tomadura de pelo" para màis de 20.000 opositores as declaracións dos responsables da consellería negando a realidade. "Ou é que non é certo que un opositor se corrixiu o seu propio exame?", pregúntase o deputado socialista.

O segundo milagre

O parlamentario socialista maniféstase sorprendido polos milagres que suceden no SERGAS, "ao ver como os beneficiados nas oposicións por un milagre que os situou entre os mellor puntuados, agora noutro milagre renuncian ás prazas que lles corresponderían".

"Por unha banda a consellería de Sanidade instálase na mentira permanente para negar os feitos constatados en informes oficiais e por outra banda prodúcese o segundo milagre nas oposicións do SERGAS: renuncian às súas prazas aqueles que obtiveron as mellores puntuacións. Por qué renuncian se houbo tanta limpeza como quere soster a conselleira Farjas?"

O portavoz da Àrea Institucional do Grupo Socialista considera "insostible" a situación que están atravesando os procesos selectivos na Xunta e pide "que se remate coas malas prácticas".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: ademais da limpeza dos petróglifos, actuarase nunha mámoa e, máis tarde, no castro de Bexo


Imaxe do Castro de Bexo. Foto de Soledad Felloza. Vía Capítulo 0

Dodro, 10 de febreiro de 2011. A arqueóloga Beatriz Pereiras, que nestes intres está traballando na zona dos petróglifos de Bouza-Abadín, en Imo, avanzou a este xornal os novos proxectos que se van levar a cabo en vindeiras datas para conservar e divulgar o patrimonio pétreo de Dodro.

"Con respecto ás mámoas, xa temos o proxecto arqueolóxico da limpeza e acondicionamento das Mámoas da Mina de Balouta (en San Xián de Laíño) presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, proxecto que desenvolveremos a finais deste mes ou principios do mes de marzo (en canto rematemos cos petróglifos de Bouza Abadín). Esta actuación supón a limpeza (rozado) de dous túmulos megalíticos e do seu entorno inmediato, así como o seu acondicionamento por medio dun peche de madeira para cada mámoa e a instalación de sinais de dirección en diversos camiños que marquen a ruta a seguir para chegar ós xacementos, e sinais de identificación (co nome das mámoas) xunto ós túmulos. Para a realización desta actuación é preciso un control arqueolóxico (o cal terá lugar baixo a miña dirección) que evite incidencias negativas ou destrozos nos xacementos, ó mesmo tempo que unha labor de asesoramento na posta en valor dos mesmos", explicou Beatriz Pereiras Magariños.


No que respecta ó castro de Bexo, a intención do concello é, coma no caso dos petróglifos de Bouza Abadín e das Mámoas da Mina de Balouta, poñelo en valor por medio da limpeza de monte baixo e masa arbórea e acondicionamento (peche, sinalizacións, paneis explicativos, acondicionamento de camiños de acceso, etc.) do xacemento. "Debido a que esta intervención é de maior envergadura que as dúas anteriores, estase a tramitar actualmente a financiación da mesma, polo que estamos á espera do que se resolva ou acorde neste senso. Farase tamén por medio dun proxecto arqueolóxico que supoña o control do movemento de terras, o asesoramento na posta en valor do castro e o rexistro arqueolóxico correspondente (topografiado, fotografiado, debuxo arqueolóxico e demais", concretou a arqueóloga.

O Concello de Dodro tamén está a promover un traballo de recolla do patrimonio etnográfico municipal e de promoción do seu coñecemento por medio dunha presentación do ata agora inventariado "que terá lugar, esperamos, proximamente", concluíu.

Non se perdan a entrada sobre o Castro de Bexo en Capítulo 0, aquí

Relacionada:

petróglifo Bouza-Abadín en Imo Dodro sen inventariar
Limpeza de petróglifo: o sábado 12 de febreiro continúa en Imo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: recollida de libros infantiles a cargo de Novas Xeracións, este venres 11

Ribeira, 10 de febreiro de 2011.Novas Xeracións organiza este venres 11, durante todo o día, unha acción solidaria para agasallar libros infantís a unha ONGD. Integrantes desta formación xuvenil estarán na praza de Compostela (fronte ao Bar Plaza) recollendo todos os libros para nenos que os ribeirenses teñan a ben doar. Na fin de semana, estes libros serán entregados á súa vez no Pazo de Congresos de Santiago, na convención política que terá lugar alí.
Novas Xeracións pide a colaboración de todas as veciñas e veciños de Ribeira e convídaos a doar os seus libros entre as dez da mañá e as dúas da tarde e as cinco da tarde e as oito e media da noite.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello súmase ao ciclo de "Cine español en ruta", con filmes todos os venres de febreiro

Ribeira, 10 de febreiro de 2011. A Concellería de Cultura e Festexos ribeirense, en colaboración co Ministerio de Cultura súmase ao programa Cine Español en Ruta para poñer en valor a través do ciclo Febreiro de Cinema filmes laureados en distintos festivais e achegar á cidadanía o traballo artístico que de non ser por este tipo de programas quedaría no esquecemento. 

Unha proposta centrada nos venres de febreiro que dende o Auditorio Municipal, de xeito gratuíto (poderase retirar a entrada media hora antes da función), ofrécese como unha actividade lúdica e interesante dende o aspecto cultural para trasladar dende a dramática situación dunha violación infantil á doce melancolía dun grupo de mulleres pasando pola fantasía e o mundo dos soños ata o suspense e a dobre moral que deriva nunha serie de asasinatos. 

Programación

Venres 11 de febreiro, ás 21:00 h 

NACIDAS PARA SUFRIR

Dirixida por Miguel Albaladejo

Non recomendada a menores de 13 anos. 

Flora, de 72 anos, é unha solteirona dun pequeno pobo que sempre estivo ao coidado dos seus familiares máis anciáns. A súa única irmá morreu moi nova e deixoulle tres sobriñas orfas das que tamén tivo que ocuparse. As tres sobriñas medraron e fóronse do pobo e agora Flora está asustada porque chega o momento en que terán que coidar dela e teme que a leven á residencia onde traballa unha delas. A súa única salvación é Purita, unha moza que estivo axudándoa nos últimos anos a coidar dos seus parentes anciáns, e que é a única coa que se sinte en familia. 

Comedia estreada o 23/10/2009, cunha duración de 112 min. e coa participación de Adriana Ozores, Petra Martínez, Malena Alterio entre outras e outros. 

Venres 18 de febreiro, ás 21:00 h 

ELISA K

Dirixida por Judith Colell e Jordi Cadena

Non recomendada a menores de 13 anos. 

A Elisa, que cumprirá  once anos no verán, gústalle o seu novo vestido branco con lazos azuis. Pero falta moi pouco para que todo deixe de ter importancia. O amigo do seu pai fíxolle chorar e despois díxolle: "Se deixas de chorar regalareiche unha pulseira de prata". Ninguén se dá conta do que pasou. Elisa está un pouco estraña e nada máis. Ata que pasan catorce anos, catro meses e algúns días e chama á súa nai para dicirlle, asustada: "Axúdame, acabo de lembrar unha cousa arrepiante". 

Drama estreado o 20/09/2010, cunha duración de 90 min. e coa participación de Nausicaa Bonnín, Aina Clotet, Ricard Farré entre outras e outros. Premio especial do xurado do Festival de cine de San Sebastián 2010, cinco nominacións aos III Premios Gaudí da Academia Catalá de Cine, e nominación ao Goya ao Mellor Guión Adaptado 2011. 
 

Venres 25 de febreiro, ás 10:30 h 

VIAJE MÁGICO A ÁFRICA

Dirixida por Jordi Llompart

Recomendada a todos os públicos. 

Dirixida ao público infantil e alumnado de Educación Primaria dos colexios participantes no concurso escolar “Todos e todas somos Constitución 2010”. 

Tras o seu encontro cun neno bosquimán hospitalizado, Jana, unha nena de 10 anos, iniciará unha viaxe fantástica en busca do neno por África, a súa terra. Acompañada do seu cabalo alado, Jana coñecerá a Mel, o seu novo mellor amigo, e xuntos vivirán auténticas aventuras con animais, plantas e criaturas fantásticas. Coa axuda da súa Fada máxica, Jana cruzará os límites da imaxinación, aprenderá a vencer os obstáculos que se presentan no seu camiño cara ao mundo da imaxinación e os seres fantásticos da sabana africana. Esta é unha viaxe espiritual para os adultos e unha viaxe máxica para os nenos, cheo de misterios, aventuras e descubrimentos. Contén unha mensaxe profunda acerca da amizade, o amor, a paixón, a natureza e a imaxinación. 

Película de aventura, familiar e fantasía estreada o 07/05/2010 cunha duración de 90 minutos e coa participación de Leonor Watling, Adriá Collado, Verónica Blume, Eva Gerretsen entre outras e outros. Conta cun amplo palmarés de nominacións e distincións entre o que se atopa o Premio Gaudí 2011 aos Mellores Efectos Especiais
 

Venres 25 de febreiro, ás 21:00 h 

UN BUEN HOMBRE

Dirixida por Juan Martínez Moreno

Non recomendada a menores de 13 anos. 

Un día Fernando (Emilio Gutiérrez Caba) asasina á súa muller (Nathalie Poza) ante os ollos de Vicente (Tristán Ulloa), crime que desencadea unha complicada investigación por parte do tenente (Miguel de Lira). Fernando e Vicente son íntimos amigos, ademais de compañeiros de traballo na facultade de Dereito, e a visión casual do crime por parte do segundo desencadea unha serie de acontecementos que desvelan a dobre moral dos personaxes, mentres que tamén dan pé a unha serie de novos asasinatos...  

Drama/thriller estreado o 30/04/2009 cunha duración de 97 min.  e coa participación de Tristán Ulloa, Emilio Gutiérrez Caba, Nathalie Poza, Alberto Jiménez, Miguel de Lira entre outras e outros.  

Organiza: Concellería de Cultura e Festexos de Riveira

Colabora: Ministerio de Cultura - Cine Español en Ruta

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Centro de Información á Muller convoca a cuarta edición do concurso fotográfico "Se eu podo, ti tamén"

Noia, 10 de febreiro de 2011. A Concellería de Benestar, Igualdade e Mocidade organiza o IV Concurso de Fotografía "Se eu podo ti tamén", a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Bases:

PARTICIPANTES

Poderán participar no concurso todas aquelas persoas afeccionadas interesadas que o desexen. A participación no concurso é gratuíta e as bases están a disposición de todo o público no Centro de Información á Muller do Concello de Noia (CIM) ubicado no edificio de Servizos Sociais, na Rúa do Curro, nº 4.

TEMÁTICA DAS FOTOGRAFÍAS

As fotografías deberán tratar sobre a corresponsabilidade de homes e mulleres no espazo público, privado e/ou doméstico. Nelas poderán aparecer tanto persoas do sexo masculino como feminino, ou calquera outra imaxe que reflicta o espírito do concurso.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

Estará aberto dende a data de publicación das presentes bases no BOP ata as 14:00 horas do 3 de marzo de 2011.

PREMIOS ás tres mellores fotografías:

                   1º premio dotado cunha cantidade de…………………………… 300 €.

                  2º premio dotado cunha cantidade de…………………………… 200 €

                  3º premio dotado cunha cantidade de…………………………… 100 €

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical