Unha proposta centrada nos venres de febreiro que dende o Auditorio Municipal, de xeito gratuíto (poderase retirar a entrada media hora antes da función), ofrécese como unha actividade lúdica e interesante dende o aspecto cultural para trasladar dende a dramática situación dunha violación infantil á doce melancolía dun grupo de mulleres pasando pola fantasía e o mundo dos soños ata o suspense e a dobre moral que deriva nunha serie de asasinatos.
Programación
Venres 11 de febreiro, ás 21:00 h
NACIDAS PARA SUFRIR
Dirixida por Miguel Albaladejo
Non recomendada a menores de 13 anos.
Flora, de 72 anos, é unha solteirona dun pequeno pobo que sempre estivo ao coidado dos seus familiares máis anciáns. A súa única irmá morreu moi nova e deixoulle tres sobriñas orfas das que tamén tivo que ocuparse. As tres sobriñas medraron e fóronse do pobo e agora Flora está asustada porque chega o momento en que terán que coidar dela e teme que a leven á residencia onde traballa unha delas. A súa única salvación é Purita, unha moza que estivo axudándoa nos últimos anos a coidar dos seus parentes anciáns, e que é a única coa que se sinte en familia.
Comedia estreada o 23/10/2009, cunha duración de 112 min. e coa participación de Adriana Ozores, Petra Martínez, Malena Alterio entre outras e outros.
Venres 18 de febreiro, ás 21:00 h
ELISA K
Dirixida por Judith Colell e Jordi Cadena
Non recomendada a menores de 13 anos.
A Elisa, que cumprirá once anos no verán, gústalle o seu novo vestido branco con lazos azuis. Pero falta moi pouco para que todo deixe de ter importancia. O amigo do seu pai fíxolle chorar e despois díxolle: "Se deixas de chorar regalareiche unha pulseira de prata". Ninguén se dá conta do que pasou. Elisa está un pouco estraña e nada máis. Ata que pasan catorce anos, catro meses e algúns días e chama á súa nai para dicirlle, asustada: "Axúdame, acabo de lembrar unha cousa arrepiante".
Drama estreado o 20/09/2010, cunha duración de 90 min. e coa participación de Nausicaa Bonnín, Aina Clotet, Ricard Farré entre outras e outros. Premio especial do xurado do Festival de cine de San Sebastián 2010, cinco nominacións aos III Premios Gaudí da Academia Catalá de Cine, e nominación ao Goya ao Mellor Guión Adaptado 2011.
Venres 25 de febreiro, ás 10:30 h
VIAJE MÁGICO A ÁFRICA
Dirixida por Jordi Llompart
Recomendada a todos os públicos.
Dirixida ao público infantil e alumnado de Educación Primaria dos colexios participantes no concurso escolar “Todos e todas somos Constitución 2010”.
Tras o seu encontro cun neno bosquimán hospitalizado, Jana, unha nena de 10 anos, iniciará unha viaxe fantástica en busca do neno por África, a súa terra. Acompañada do seu cabalo alado, Jana coñecerá a Mel, o seu novo mellor amigo, e xuntos vivirán auténticas aventuras con animais, plantas e criaturas fantásticas. Coa axuda da súa Fada máxica, Jana cruzará os límites da imaxinación, aprenderá a vencer os obstáculos que se presentan no seu camiño cara ao mundo da imaxinación e os seres fantásticos da sabana africana. Esta é unha viaxe espiritual para os adultos e unha viaxe máxica para os nenos, cheo de misterios, aventuras e descubrimentos. Contén unha mensaxe profunda acerca da amizade, o amor, a paixón, a natureza e a imaxinación.
Película de aventura, familiar e fantasía estreada o 07/05/2010 cunha duración de 90 minutos e coa participación de Leonor Watling, Adriá Collado, Verónica Blume, Eva Gerretsen entre outras e outros. Conta cun amplo palmarés de nominacións e distincións entre o que se atopa o Premio Gaudí 2011 aos Mellores Efectos Especiais.
Venres 25 de febreiro, ás 21:00 h
UN BUEN HOMBRE
Dirixida por Juan Martínez Moreno
Non recomendada a menores de 13 anos.
Un día Fernando (Emilio Gutiérrez Caba) asasina á súa muller (Nathalie Poza) ante os ollos de Vicente (Tristán Ulloa), crime que desencadea unha complicada investigación por parte do tenente (Miguel de Lira). Fernando e Vicente son íntimos amigos, ademais de compañeiros de traballo na facultade de Dereito, e a visión casual do crime por parte do segundo desencadea unha serie de acontecementos que desvelan a dobre moral dos personaxes, mentres que tamén dan pé a unha serie de novos asasinatos...
Drama/thriller estreado o 30/04/2009 cunha duración de 97 min. e coa participación de Tristán Ulloa, Emilio Gutiérrez Caba, Nathalie Poza, Alberto Jiménez, Miguel de Lira entre outras e outros.
Organiza: Concellería de Cultura e Festexos de Riveira
Colabora: Ministerio de Cultura - Cine Español en Ruta
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario