19.2.10

Dodro: publicados premios e fotos do Entroido do martes 16

Día Internacional da Lingua Materna, o 21 de febreiro

Boiro: Abanqueiro enterra o Óso o domingo 21 de febreiro e dalle a despedida ao Antroido


Fotos do ano pasado tomadas por Diego Romero

O enterro do óso é unha tradición que se ven celebrando na parroquia de Abanqueiro (Boiro) dende hai máis de cen anos. Consiste nunha especie de acto funerario con moita retranca durante o cal se procede ao enterramento dunha cacheira de porco na horta do último que se casou en Abanqueiro. Con este enterramento faise unha festa con filloas, orellas e viño. O gasto corre a cargo do homenaxeado/a.



Neste ano hai un triple enterro. Por unha banda, Toño e a Silvia, recén casados. Tamén homenaxearán a José Blanco (“Cocó”) e a Lucita. E, por último, a Manolo (“o Panchiño”) e a Maruja, que neste ano 2010 celebran as súas vodas de ouro.

Esta celebración terá lugar o próximo domingo día 21. A partires das doce da mañá haberá a tradicional procesión de matraquillos e, ás catro da tarde procederase ao enterramento da cacheira de porco en cada unha das casas dos homenaxeados este ano.



Para a celebración deste día contarán cunha boa comida con churrasco, orellas e filloas que estarán acompañadas de refrescos e un bo viño para os máis grandes. Asemade, os máis pequenos poderán desfrutar dalgúns inchables.


Esta iniciativa está promovida, dende hai varios anos, por algunha da xente nova de Abanqueiro encabezada por Pepe Vidal.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Muros: a tramitación do carné vai moi atrasada, recoñécelle o Goberno ao Bng


Esteiro, Muros, sobre 1925. Foto de Ruth Matilda Anderson

EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO RECOÑECE IMPORTANTES ATRASOS NA TRAMITACIÓN DO DNI ELECTRÓNICO EN MUROS

 

Francisco Jorquera demanda que se incrementen os desprazamentos destas unidades ás zonas rurais porque nalgunhas as listas de espera son moi grandes

 

Madrid, 19 febreiro 2010 .- En resposta a unha iniciativa do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno recoñece que o tempo de espera para poder tramitar o DNI nas unidades móbiles que se desprazan a Muros e a outras zonas se incrementou notablemente.

 

O Goberno atribúe este importante incremento no tempo de espera á implantación do DNI electrónico. Estes equipos móbiles, que tamén atenden ás persoas con problemas de desprazamento, comezaron a emitir o novo DNI no mes de novembro de 2006, “momento no que debeu cambiar o procedemento que se viña aplicando para a tramitación do DNI do modelo anterior, para adoptar o que esixe o actual electrónico e a activación dos certificados contidos no seu chip”.

 

O tempo de tramitación pasou de 3 a 10 minutos

 

“Isto supuxo –engade- que os procesos que conlevan a tramitación do DNI electrónico, fundamentalmente a activación dos seus certificados, haxa que dedicar un mínimo de dez minutos a cada un deles, cando co anterior modelo se  realizaban nuns tres minutos por termo medio”.

 

Dous desprazamentos

 

Ademais, o Goberno recoñece na súa resposta ao BNG que xunto ao incremento do tempo de tramitación “o actual modelo obriga a que os equipos móbiles deban acudir aos núcleos de cobertura, hospitais, domicilios, ou lugares onde se leva a cabo a expedición, dúas veces por cada unha delas, -con anterior DNI abondaba un único desprazamento- xa que, cos medios técnicos actuais, non é posíbel a impresión da tarxeta-soporte no lugar onde se leve a cabo a tramitación e a legalidade vixente obriga a que a fase final de activación dos certificados electrónicos se realice necesariamente en presenza do titular do documento”.

 

“Estas circunstancias –conclúe a resposta do Goberno- propiciaron que os equipos móbiles non poidan atender, coa regularidade coa que o viñan facendo os núcleos de cobertura que cada un deles tiña asignado. Porén, estanse estudando os medios que permitan tramitar o DNI con máis fluidez”.

 

En Muros a lista de espera completouse en só unha hora

 

Ante esta resposta o deputado do BNG esíxelle ao Goberno que “incremente os desprazamentos destes equipos móbiles, xa que nalgúns casos non pasan nin cada mes polos seus núcleos de cobertura, como é o caso de Muros”.

 

Ademais, Francisco Jorquera demanda que “se destinen as partidas necesarias a investigación para que a expedición ou renovación do DNI se poida facer nun único desprazamento”.

 

O deputado do BNG advirte de que “nalgunhas localidades a lista de espera para obter o DNI electrónico é enorme, e temos que ter en conta que é un documento imprescindíbel para a vida diaria”. No caso concreto de Muros lembra que “a última vez que de desprazou o equipo até a localidade en só unha hora completouse a lista de espera”

 

Por último, Francisco Jorquera lembra que o DNI electrónico implantarase cada vez máis e “polo tanto temos que solucionar este problema porque a moita xente, especialmente a persoas maiores que viven no rural, o teren que aturar longa listas de espera e desprazárense varias veces até as unidades móbiles suponlles un importante trastorno”.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira e A Pobra: que lles vai pasar ao ser afectados como núcleos costeiros singulares?

Antiga cadea en A Pobra do Caramiñal

O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO QUE CUMPRA CO ACORDADO NO CONGRESO E REGULARICE A SITUACIÓN DOS NÚCLEOS COSTEIROS SINGULARES

Olaia Fernández Davila pide que o acordo ao que se chegou no Congreso sobre o núcleo de Marín, “consistente en que se volva a realizar un novo deslinde para que os afectados poidan presentar todas as alegacións e documentación necesaria”, se podería aplicar ao resto de núcleos costeiros afectados, entre eles A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Madrid, 19 febreiro 2010.- A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle esixe ao Goberno Central que cumpra coa solución acordada no Congreso para resolver a situación de inseguranza xurídica na que se atopan as vivendas situadas en núcleos singulares da costa galega, a menos de cen metros do litoral, e que non están recoñecidas como núcleos urbanos.

Davila lembraba que, no caso concreto de Marín, estas vivendas, “a pesar de estar construídas con anterioridade á Lei de Costas de 1988, non foron clasificadas como núcleo urbano no seu momento debido a erros administrativos na clasificación urbanística dada a estes núcleos nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Urbanístico do concello de Marín”. Isto ocasionou que estes núcleos singulares foran incluídos dentro da faixa de protección marítimo-terrestre, con importantes limitacións para os propietarios á hora de realizar reformas, rehabilitacións ou mesmo vender as súas vivendas.

Vista panorámica de Ribeira
 

Acordo do Congreso dos Deputados: iniciar un novo proceso de deslinde

Neste sentido, Olaia Fernández Davila lembra que a Comisión de Medio Ambiente do Congreso dos Deputados aprobou o pasado 30 de novembro unha proposición non de lei do BNG pola cal que se insta ao Goberno a “incoar un novo expediente de deslinde do tramo de costa que afecta aos núcleos de Marín no que se poidan aportar cantos informes, estudos e alegacións sexan precisos para que aos mencionados núcleos se lles poida aplicar, no seu caso, o réxime previsto no apartado 3 da disposición transitoria terceira da Lei 22/1988 de Costas , así como establecido no apartado 3 da disposición transitoria sétima e nos apartados 1 e 3 da disposición transitoria novena do Regulamento Xeral para o desenvolvemento e execución da devandita lei”.

En definitiva, unha vía que permitiría solucionar a situación de inseguridade xurídica deste núcleo reabrindo o proceso para corrixir os erros administrativos que impediron que no seu día foran clasificados polos concellos como núcleo urbano.

Posibilidade de aplicar esta solución aos outros núcleos de Galiza afectados

A este respecto, e ante as declaracións de responsábeis de Costas nas que advirten de que será moi difícil resolver a situación das casas situadas nos núcleos singulares do litoral non recoñecidos como urbanos, Olaia Fernández Davila pregúntalle ao Goberno polos pasos que deu e que prevé dar para cumprir coa iniciativa do BNG aprobada no Congreso dos Deputados.

Por último, a deputada do BNG pregunta se unha solución similar á acordada para o concello de Marín non se podería aplicar tamén a outras poboacións galegas afectadas polo mesmo problema en Redondela, Vilaboa, Ribeira, Gondomar, a Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Dumbría, Ponteceso ou Malpica.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: Villareto xa fixo o Camiño de Santiago en patíns por toda Arousa


Arousa Sur:

Para quen aínda non escoitara falar del, Andrés Villar (Villareto) é un alpinista de Noia que tamén se adica a facer retos subido en patíns (como Juancho Armental os fai a nado). En Certo falamos del cando abriu unha nova vía no pico Urriellu (http://certo.es/index.php?page=andres_villar)
O resto de retos, na súa canle de YouTube: http://www.youtube.com/user/villlareto

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Entrevista: Karl Rainer Birk, un alemán inventor e trotamundos con residencia en Boiro

Inventor, fotógrafo -pásmense coa fotografía que fixo antes que saíran as primeiras cámaras fotográficas-, buscador de petróleo, especialista en reloxos de sol... E un humor fino, como corresponde aos seres intelixentes. Todo un descubrimento, grazas a un lector de Certo!

Léana enteira en http://certo.es/index.php?page=k_rainer_birk
E miren os libros que recomenda. Se non os leron aínda, xa tardan.

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Reportaxe: obras en Vistipoi, ao pé do castelo de Burleu. Historia do Barbanza con encomenda para que haxa emenda

Vistipoi  é unha aldea da Barbanza cerca do Castelo de Burleu. Sen saber como, inspirou aos americanos para crear a súa famosa escola militar West Point.

Sitúo este relato neste inverosímil lugar para camuflarme diante das pragas que me poidan caer en forma de multas e outras sutís armas represoras coas que contan  as administracións locais e do estado. Falo por experiencia. Tamén teño que confesar que con esta pseudodemocracia declárome cismático, agnóstico, escéptico e ácrata. Ata onde me deixen, claro!

Os romanos construían grandes sumidoiros para conducir os regatos que baixaban das fontes para salvar ás corredoiras da erosión das augas, e conducilas ó mar.

Froállentos técnicos e incompetentes administradores locais, en vez de facer un gran colector que recolla ordenado todo o aramiage e tubarías dispersas polo subsolo, sementan o chan dunha confusa, complexa e perigosa maraña de tubaxe que cando algún destes tutos se atasca, hai que rebentar coas lousas de pedra, e con medio metro de formigón que lle verten por riba, enchendo de pó os locais comerciais e levantándolle os miolos á veciñanza co ruído das piquetas reumáticas.

Observamos con que “arte” están soterrando as liñas de R, Telefónica, auga, gas, luz e alcantarillado na Rúa do Médio en Vistipoi.

Tamén sorprende ver ó rústico vicindario, con que ansia esperan recibir o título de moi humanizada veciñanza outorgado por esta corporación ao rescatar á barriada do salvaxe canibalismo en que estaba inmersa, pasando de ter que saltar por riba da bosta, a taconear polas rúas de granito bruñido.

Dentro de pouco, ao menor atasco, empezarán a escarabellar nas lousas serradas, pegadas e axustadas co custo que estas avarías supoñen.

En Holanda vin como reparaban unha tubaxe debaixo de unha beirarrúa: sen ruídos, pó, nin rotura do enlousado. Cos mesmos adoquíns a modo de puzle, fóronos encamando sobre area, e, nun tris tras, levantaron, repararon e repuxeron o solado.

Coido que algúns ben saben destas técnicas para facer máis económica e doada calquera obra ou reparación, pero se cadra, interesa que construcións, arranxos e remendos sexan o máis custosas posibles. E isto pasa por que nós, os mansos, dóciles e paifocos, só temos dereito a ir coma pasmados a votar, pagar as obras e contemplar atónitos como os homes do casco levantan, enterran e volven a picar rúas, cañarías e  beirarrúas. Pero: pedir responsabilidades a técnicos nin a políticos? Diso nada!!

Quen é o redactor do proxecto? Quen é o supervisor das obras? Quen é o pedáneo responsable? É unha pantasma, unha alma en pena, un poltergeist. Quen se atreve a denunciar estas torpezas, estas chapuzas, estes insultos, esta maneira de soterrar os nosos impostos?

Coido que nos tempos que corren non é de recibo que estas humanizacións se desenrolen deste xeito, nin que teñan semellante custo, nin tal barbaridade de tempo de execución.

Chapuceiros deseñadores de rúas, edificios públicos, sumidoiros, prazas, parques, miradores e monumentos pululan fachendosos polas rúas dos pelouros sen que ninguén cuestione a súa responsabilidade ó ver como están a catapultar á esta noutrora xoia da Barbanza ós rankins das parroquias do feísmo, do horror circulatorio, aparcatorio, do cheiro dos rexistros e das augas, e dos verquidos que de vez en cando dan unha nota de cor á prateada cloaca portuaria.

Para ilustrar este cítrico relato, adxunto unhas gráficas estampas.


.- Monumento talvez, representando a “pétrea” mentalidade dunha poboación fisterrán. Fermosa escultura desprendida dunha canteira que debe representar o cerebro gris afectado por unha banda escura que probablemente signifique unha tara na aborixe raza magdaleniense oestrímnica. Hoxe, sueva-barbanzana.

.- Nesta outra, doada por uns irmáns dos membros da corporación municipal de Vistipoi, parece que amosa outro aperulado cerebro barbanzán metido nunha gaiola para que non medre, e así fosilizado permaneza ad vitam eternam a intelixencia da relevante raza dominante da touta.



.- Estas últimas representan o desenrolo da obra na Rúa do Medio coa súa enmarañada rede de tubaxe a modo de arterias e veas e flebíticas.

Domingo Regueira

PD. Un é escravo do que fala e dono do que cala.

A faneca, o chincho e a xouba, sen falar, acaban na tixola.

Ou sexa: tanto se falas, coma se non, podes acabar frito.


 

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical