19.2.10

Muros: a tramitación do carné vai moi atrasada, recoñécelle o Goberno ao Bng


Esteiro, Muros, sobre 1925. Foto de Ruth Matilda Anderson

EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO RECOÑECE IMPORTANTES ATRASOS NA TRAMITACIÓN DO DNI ELECTRÓNICO EN MUROS

 

Francisco Jorquera demanda que se incrementen os desprazamentos destas unidades ás zonas rurais porque nalgunhas as listas de espera son moi grandes

 

Madrid, 19 febreiro 2010 .- En resposta a unha iniciativa do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno recoñece que o tempo de espera para poder tramitar o DNI nas unidades móbiles que se desprazan a Muros e a outras zonas se incrementou notablemente.

 

O Goberno atribúe este importante incremento no tempo de espera á implantación do DNI electrónico. Estes equipos móbiles, que tamén atenden ás persoas con problemas de desprazamento, comezaron a emitir o novo DNI no mes de novembro de 2006, “momento no que debeu cambiar o procedemento que se viña aplicando para a tramitación do DNI do modelo anterior, para adoptar o que esixe o actual electrónico e a activación dos certificados contidos no seu chip”.

 

O tempo de tramitación pasou de 3 a 10 minutos

 

“Isto supuxo –engade- que os procesos que conlevan a tramitación do DNI electrónico, fundamentalmente a activación dos seus certificados, haxa que dedicar un mínimo de dez minutos a cada un deles, cando co anterior modelo se  realizaban nuns tres minutos por termo medio”.

 

Dous desprazamentos

 

Ademais, o Goberno recoñece na súa resposta ao BNG que xunto ao incremento do tempo de tramitación “o actual modelo obriga a que os equipos móbiles deban acudir aos núcleos de cobertura, hospitais, domicilios, ou lugares onde se leva a cabo a expedición, dúas veces por cada unha delas, -con anterior DNI abondaba un único desprazamento- xa que, cos medios técnicos actuais, non é posíbel a impresión da tarxeta-soporte no lugar onde se leve a cabo a tramitación e a legalidade vixente obriga a que a fase final de activación dos certificados electrónicos se realice necesariamente en presenza do titular do documento”.

 

“Estas circunstancias –conclúe a resposta do Goberno- propiciaron que os equipos móbiles non poidan atender, coa regularidade coa que o viñan facendo os núcleos de cobertura que cada un deles tiña asignado. Porén, estanse estudando os medios que permitan tramitar o DNI con máis fluidez”.

 

En Muros a lista de espera completouse en só unha hora

 

Ante esta resposta o deputado do BNG esíxelle ao Goberno que “incremente os desprazamentos destes equipos móbiles, xa que nalgúns casos non pasan nin cada mes polos seus núcleos de cobertura, como é o caso de Muros”.

 

Ademais, Francisco Jorquera demanda que “se destinen as partidas necesarias a investigación para que a expedición ou renovación do DNI se poida facer nun único desprazamento”.

 

O deputado do BNG advirte de que “nalgunhas localidades a lista de espera para obter o DNI electrónico é enorme, e temos que ter en conta que é un documento imprescindíbel para a vida diaria”. No caso concreto de Muros lembra que “a última vez que de desprazou o equipo até a localidade en só unha hora completouse a lista de espera”

 

Por último, Francisco Jorquera lembra que o DNI electrónico implantarase cada vez máis e “polo tanto temos que solucionar este problema porque a moita xente, especialmente a persoas maiores que viven no rural, o teren que aturar longa listas de espera e desprazárense varias veces até as unidades móbiles suponlles un importante trastorno”.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical