12.4.12

Xadrez: Jorge Méndez Rial, de 9 anos e militante no Distribunosa-Xadrez Rianxo, Campión Galego de Xadrez

Rianxo, 12 de abril de 2012. Un total de catorce xadrecistas do Club Distribunosa-Xadrez Rianxo participaron no Campionato Galego de Xadrez. Quedou como campión galego na categoría de menores d e10 anos o rianxeiro Jorge Méndez Rial, que ten agora 9 anos. Xa fora subcampión en SUB-8 en 2010, cando só tiña sete anos.

Media_httpfarm8static_yajgm

Relación de participantes do Club Distribunosa Xadrez Rianxo:
PARTICIPANTES
CATEGORÍA CLASIFICACIÓN
PUNTOS
Laureano Figueira Tembra
SUB-8
Posto-Nº 26
3
Mateo García Muiños
SUB-8
Posto-Nº 29
3
Mauro Riveiro Suárez
SUB-8
Posto-Nº 36
1
Jorge Méndez Rial
SUB-10
Posto-Nº 1
7
CAMPIÓN SUB-10 ANO-2012
CAMPIÓN SUB- 8 ANO-2010
Marco Bravo Rodríguez
SUB-10
Posto-Nº 37
4
Brais Rey Figueira
SUB-10
Posto-Nº 52
3
Xian Castaño Rodríguez
SUB-10
Posto-Nº 64
2
Javier Moares Galbán SUB-12
Posto-Nº 45
3
Daniel Fernández Romero
SUB-16
Posto-Nº 42
3
Tania Rey Vicente
SUB-16
Posto-Nº 46
3
Sara Sampano Rey
SUB-16
Posto-Nº 48
2
Nuria Domínguez Galban
SUB-16
Posto-Nº 51
1
Clara Rey Vicente
SUB-16
Posto-Nº 52
1
Manuel Castaño Ces
ABSOLUTO
Posto-Nº 69
1

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: avanzan as obras no colexio de Praia Xardín, que rematarán esta semana

  • A superdelegada Belén do Campo supervisou as obras de mellora do CEIP Praia Xardín, no que xa non era sen tempo que se actuara
  • Estanse a impulsar os traballos de acondicionamento da antiga casa do conserxe como novo equipamento para o centro

Boiro, 12 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio de educación infantil e primaria (CEIP) Praia Xardín, de Boiro, no que se continúa a realizar obras de mellora e acondicionamento de novos espazos cun investimento no que vai de curso de máis de 75.000 euros.

Do Campo percorreu as dependencias escolares acompañada polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, o alcalde da localidade, Juan José Dieste, o director do centro, José Manuel Vilas, e varios membros da Asociación de Pais e Nais de Alumnos. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da Consellería de Cultura e Educación, está a acometer na actualidade traballos para o acondicionamento da antiga casa do conserxe como novo equipamento para o centro, que ben podería destinarse a patio cuberto ou a biblioteca, segundo o acordo que adopte o consello escolar en breve. A actuación non está a afectar á vida diaria da comunidade educativa e avanza a bo ritmo, polo que, segundo as previsións do departamento autonómico, estará rematada esta mesma semana.

A consellería ten consignado para estas obras unha partida de 7.649 euros, aos que se suman outros 67.423 euros destinados ao longo deste ano a mellorar as instalacións educativas. Así, hai poucas semanas remataron as actuacións para reparar a cuberta do centro, a través da eliminación das goteiras, a retirada das tellas en mal estado e o illamento térmico. Ademais, procedeuse ao arranxo da instalación eléctrica e do pavimento dunha zona do comedor.

Coa execución deste proxecto, así como o peche na entrada do colexio que está a executar o Concello, quedan resoltas as deficiencias detectadas no centro escolar e que foran trasladadas polo alcalde la localidade á xefatura territorial. Deste xeito, a consellería dá mostra do seu interese por manter nas mellores condicións as instalacións educativas, que neste caso beneficiará aos 93 alumnos de Educación Infantil e os 251 de Primaria que estudan no CEIP Praia Xardín. “A Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas educativas, co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”, sinalou a delegada.

Tamén, en Boiro:


Música e roteiro: o venres 13, Curota Sound e Mustang. O 14, Boiroverde


Comunidade Aula de Linguas Vivas: comeza o luns 16 de abril


Roteiro con fotodenuncia: o 14 de abril, por Boiroverde


14 de abril: curso sobre independentismo galego en Aturuxo


Certame "Ramón Martínez López": prazo ata o venres 4 de maio

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o venres 13 de abril, "Ferramentas na Rede", iniciativa para empregar a lingua galega coas novas tecnoloxías

  •  Aberto gratuitamente para público maior de 16 anos na aula multimedia

[[posterous-content:pid___0]]Imaxes da presentación do programa FalaRedes en Compostela

Ribeira, 12 de abril de 2012.- A Aula Multimedia vai ser escenario no día de mañá, venres 13 de abril, da iniciativa Ferramentas na Rede: un curso dirixido á posta en valor do uso das novas tecnoloxías para a mellora do uso de galego.

Esta acción terá lugar de 20.30 a 22.30 horas e os participantes obterán información sobre as aplicacións que hoxe en día están a disposición en Internet para a mellora en competencia lingüística e para dar a coñecer a posibilidade e beneficios das ferramentas (software, dicionarios, blogues, páxinas de interese...) existentes en galego.

“Ferramentas na rede” desenvólvese en colaboración co profesor colaborador da Xunta de Galicia que está a impartir formación de adultos para a obtención dos títulos CELGA; e vai dirixida fundamentalmente ao seu alumnado, aínda que está aberta gratuitamente ao público maior de 16 anos en xeral que desexe achegarse polas instalacións situadas na avenida do Malecón, baixo a sede da Confraría de Pescadores.

Proxección audiovisual

A sesión completarase coa proxección do capítulo piloto da serie televisiva, Mareas Vivas, na que o alumnado poderá comprobar diferentes rexistros lingüísticos do galego e variedades dialectais; co que complementan a súa formación en lingua oral de cara a aprobaren os exames CELGA.

A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, será a formadora nesta aula.


O documento do ano pasado:[[posterous-content:pid___1]]https://twitter.com/#!/Certo/status/190025592643665921



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Pesca: a lonxa de Ribeira bate o récord de facturación en marzo con ventas por 4,5 millóns de euros

  • O volume de descargas ascendeu a 3,2 millóns de quilos
  • Estornino, castañeta, xarda, boga, pota e xurelo foron as principais especies capturadas
  • Por outra banda, o Psoe critica a falta de apoio do goberno do PP en Madrid á flota pesqueira destacada en Gabón


Media_httpfarm4static_femkh

Ribeira, 12 de abril de 2012.- A Lonxa Municipal acadou no pasado mes de marzo de 2012 o maior rexistro de facturación da súa historia, ao dar cabida a transaccións económicas por un importe global de 4.502.070 euros. Ata a data, o mellor mes en ventas da instalación portuaria tivera lugar en marzo de 2010, cando se rexistraron 4.250.000 euros.

Cómpre salientar así mesmo que as descargas de peixes, mariscos, equinodermos e demais especies mariñas ascenderon a un total de 3.214.293,59 euros e que o prezo medio foi de 1,40 euros por quilo. Como especies máis destacadas, hai que referirse en primeiro lugar ao estornino (tamén chamado cabalón) que obtivo transaccións por valor de 867.750 euros, cun volume de descargas de 842.131 quilos.

As seguintes especies en importancia foron a castañeta ou palometa (701.710 euros de facturación e 436.896 quilos), a xarda (arrastre: 609.297 euros e 637.866 quilos; artes varias: 5.437 euros e 4.656 quilos), a boga (399.028 euros e 470.289 quilos), a pota costeira (339.133 euros e 164.251 quilos) e o xurelo (arrastre: 102.521 euros e 79.390 quilos; cerco: 53.628 euros e 41.581 quilos; liña: 1.629 euros e 616 quilos).

Outras especies dignas de ser citadas polo seu rendemento económico foron o polbo (149.111 euros e 19.165 quilos), o congro (105.835 euros e 81.176 quilos), a pescada (pescadilla en artes varias: 74.501 quilos e 22.627 euros; pescadilla en arrastre: 32.815 euros e 13.875 quilos; merluza: en artes varias: 33.253 euros e 5.545 quilos; merluza en arrastre: 902 euros; 170 quilos) e o sargo (42.382 euros e 6.794 quilos), ademais da ameixa roxa (61.832 euros e 9.841 quilos) e o ourizo (48.654 euros e 17.840 quilos).

Arrastre: 75% do facturado

O 75% da facturación obtida en marzo estivo representando polo arrastre, reflectindo a importancia económica que ten esta flota para o porto de Riveira. Tamén efectuaron descargas no peirao de Santa Uxía (principalmente xarda e cabalón) varias embarcacións de arrastre con pavillón de Portugal e algunhas con base en portos da zona norte.

Hai que recordar que as embarcacións do cerco atópanse actualmente en caladoiros do norte á espera da comercialización do bocarte.

Problemas en Gabón

O senador e ex-alcalde socialista coruñés Javier Losada criticou a "nula resposta do Goberno de Rajoy" ao problema da flota pesqueira que opera en Gabón, toda vez que nunha resposta a unha pregunta escrita "é incapaz de definir e concretar medidas de apoio para o sector".

Polo visto, o Goberno de Madrid limitouse a sinalar que está realizando xestións a todos os niveis para conseguir que se retomen as negociacións, "pero non concreta que xestións nin cales son os obxetivos que marcan o punto de partida para afrontar unha negociación que resulte frutífera para o noso sector pesqueiro". Tampouco hai medidas para compensar, aliviar ou amortiguar o impacto das familias dos pescadores afectados polos problemas en Gabón, di o Psoe, que esixe unha "resposta inmediata e firme de apoio ás familias afectadas, maior compromiso e esforzo para retomar a negociación que posibilite unha solución áxil ao problema".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: Adega denuncia ante a fiscalía o emprego de lazos para exterminar lobos en Barbanza

  • Os lazos apareceron en Runs (Boiro) e foron denunciados tamén por Axena

12 de abril de 2012. Segundo explica hoxe en nota de prensa a asociación ecoloxista Adega, "perante a aparición de 25 lazos e varios exemplares de lobo mortos nos montes do Barbanza (parroquia de Runs, Boiro), ADEGA vén de denunciar diante da Fiscalía do TSXG estes feitos xa que poden constituir un delicto contra os recursos naturais atendendo ao artigo 336 do Código Penal. No entanto, en moitos montes do país estase a desenvolver unha auténtica persecución a morte do lobo, que alén destas salvaxes prácticas ilegais, ten tamén que enfrontarse a unha administración cómplice que deixou a súa xestión nas mans dos cazadores e ás informacións negativas sobre este cánido que aparecen dende hai meses nalgúns medios subvencionados. Con eses vimbios temos agora este cesto: entre os lazos asasinos, o chumbo dos cazadores, o desleixo da Xunta e a propaganda negativa, o lobo galego está a sufrir un exterminio legal e ilegal. ADEGA fai un chamado á cidadanía para denunciar este e outros atentados contra a nosa fauna perpetrados con lazos, trampas ou cebos envelenados. E para as denuncias sexan efectivas, compre seguir un Protocolo_LAZOS_E_CEBOS para garantir a validez das probas".

Escrito presentado

Á FISCALÍA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALIZA

Sr. D. Álvaro García Ortiz

Fiscal Delegado de medio ambiente, urbanismo, patrimonio histórico e incendios
de Galicia

Fins Eirexas Santamaría, con DNI 5XXXXXXXX-X, no seu nome e en representación de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) CIF 15044811, con domicilio a efectos de notificación na Travesa dos Basquiños 9, baixo, 15704 Santiago de Compostela, quere poñer no seu coñecemento os seguintes feitos que son obxecto de DENUNCIA:

FEITOS

Nos pasados días teñen aparecido e foron retirados polo SEPRONA 25 lazos na Serra do Barbanza, aparecendo nun deles un lobo con indicios de ter morto por atrapamento e graves síntomas de agonía e sufrimento durante varios días, así coma outro exemplar de cánido (descoñecéndose se se trata dun híbrido de lobo ou dun can) nas mesmas circunstancias.

Que preocupa fondamente está práctica ilegal que ten unha repercusión moi grave sobre a fauna e o medio ambiente, tratándose dun feito que por desgraza parece máis habitual na provincia de A Coruña e do que non semella existir unha eficacia administrativa que poña fin a este tipo de infracción, non só por incumprimento das disposicións administrativas, e polo tanto con responsabilidades administrativas, senón tamén por adquirir dimensións delictivas típicas amparadas polo Código Penal.

Que neste caso consta que por medio de ditos lazos se teñen producido ao menos 2 capturas de animais, unha segura de lobo, e outra dun can ou posible híbrido, e que polo número detectado nun corto espazo de territorio (de coma mínimo 25) constitúen uns feitos que por si solos presentan un risco potencial para o medio ambiente de carácter grave, semellante ao uso de velenos ou explosivos nos termos esixidos no artigo 336 do Código Penal.

Que segundo o informe “Distribución e aspectos poboacionais do Lobo Ibérico na Provincia de A Coruña e Pontevedra”, realizada por ARENA (ASESORES EN RECURSOS NATURAIS, S.L) para a Xunta de Galiza no ano 2003 (ver páx. 72-73), os datos que se proporcionan refírense a unha presenza de indicios insuficientes como para determinar un asentamento seguro dunha manda, especificándose simplemente a súa probabilidade, información que dende un punto de vista ecolóxico evidencia que dita especie, dentro deste espazo territorial, está a ter dificultades para o asentamento estable desta especie a nivel local, podendo concluírse que dita especie non resulta abundante e que, máis ben,  mantén as súa poboación en precario, incluso podendo tratarse de individuos que non constitúen manda e procedentes doutros territorios de cría que manteñen certa conectividade ecolóxica con esta Serra.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

1. Estes feitos poden ser constitutivos dun delito contra os recursos naturais do Código Penal:

“Artigo 336: O que, sen estar legalmente autorizado, empregue para a caza ou pesca veleno, medios explosivos ou artes de semellante eficacia destrutiva ou non selectiva para a fauna, será castigado coa pena de prisión de catro meses a dous anos ou multa de oito a vinte e catro meses e, en calquera caso, a de inhabilitación especial para profesión u oficio e inhabilitación especial para o exercicio do dereito a cazar ou pescar por tempo de un a tres anos. Se o dano causado fora de notoria importancia, impoñerase a pena de prisión antes mencionada na súa metade superior.”

2. Que segundo o establecido no Código Penal a colocación de lazos, aínda que non figura como tal, pode ser constitutivo do delito recollido anteriormente, atendendo a seguinte interpretación:

3. Que segundo a doutrina actual en materia de uso de lazos son varios os tribunais (ver sentencia da Audiencia Provincial de Huelva 25-9-2006 ARP 2007, 402; ou a de Córdoba sentencia núm. 309/2008 de 9 de decembro ARP 2009/526; ou de Lleida en su sentencia núm. 538/2004 de 29 de novembro JUR 2005/35560) que entenden que con respecto á colocación de lazos, estes poden ser usados con eficacia destrutiva indiscriminada, indicándose que : “os lazos nun lugar de paso de animais non fere nin selecciona senón que produce a morte case segura de calquera animal que quedase capturado no mesmo e elo, calquera que fose a súa especie, idade, sexo ou estado, incluso que poida estar catalogado como en situación de perigo ou extinción; integra o requisito da eficacia destrutiva indiscriminada, que neste caso vai acompañada tamén da de xeneralizada”.

4. Que as diferentes sentencias existentes en vinculación co artigo 336 do CP veñen a expresar que os lazos poden entenderse como artes de semellante eficacia destrutiva ao veleno ou explosivos, ben na súa calidade de medio de destrución masivo ou xeneralizado, ou ben pola súa eficacia indiscriminada para calquera especie ou animal. De feito algunhas sentencias comparan o uso do veleno co do lazo, argumentando que se algo caracteriza o uso do veleno para a caza é a imposibilidade de discriminar a especie de animal que se ve finalmente afectada polo mesmo, extremo que é plenamente compartido polo uso do lazo, xa que, en tales trampas, pode caer calquera animal converténdose así o lazo nun instrumento de semellante eficacia destrutiva indiscriminada da fauna. Outras sentencias estiman que para que os lazos se consideren como un medio de destrución semellante ao veleno ou ós explosivos, é preciso que teñan eficacia destrutiva indiscriminada de calquera animal, e ademais, xeneralizada ou masiva, considerando que cando o lazo é un medio de caza que non discrimina a especie non se consideraría un instrumento que poida ocasionar unha destrución xeneralizada;

5. E que con relación aos lazos, considerando tanto o seu tamaño, coma forma e características, e o número e o lugar no que se colocan, poden acadar unha real capacidade de incidencia para afectar á fauna.

6. Que vistos os apartados anteriores,  conclúese que os lazos poden equipararse a outras artes semellantes en eficacia destrutiva para a fauna, e capaces de orixinar efectos de destrución masiva ou xeneralizada, e de eficacia indiscriminada para calquera especie ou animal, tendo unha real capacidade de incidencia para lesionar ou matar a aquelas especies que poderían resultar afectadas.

Que ditos feitos tamén figuran contemplados coma infraccións nas seguintes normas administrativas:

7. Considerando que a Lei 4/1997 de Caza de Galiza recolle no seu artigo 22, sobre obrigacións dos titulares, que serán, entre outras medidas, deberes dos titulares do aproveitamento de terreos suxeitos a réxime especial  “responder da organización e correcta execución das actividades cinexéticas que leven a cabo” (ver letra e do artigo 22).

8. Que para a regulación e organización deste tipo de actividades cinexéticas a Lei dispón que os titulares deben contar con Plans de ordenación e aproveitamentos cinexéticos, segundo o disposto no artigo 44, e nos que se incluirán entre outros aspectos “un sistema de seguimento da propia planificación e unha previsión de mecanismos correctores” (apartado 2 letra .c), así coma “as accións de conservación das especies cinexéticas, así como, no seu caso, doutras especies silvestres”

9. Que o mesmo artigo recolle no seu apartado 4 que de comprobarse “que un plan de ordenación ou aproveitamento aprobado... se está aplicando indebidamente, previa incoación do oportuno expediente sancionador, poderá ser anulado ou suspendida cuatelarmente a actividade cinexética, sen prexuízo de que a Consellería con competencias emprenda as demais accións que correspondan contra o titular do TECOR e contra quen subscriba o plan, no seu caso".

10. Os incumprimentos das responsabilidades dos titulares dun TECOR cinexético en Réxime Especial, nas que se inclúen as medidas de conservación, medidas correctoras, segundo o artigo 24, establécese que “ante o incumprimento das condicións, obrigas, limitacións ou prohibicións establecidas nas autorizacións para o aproveitamento ou explotación de terreos suxeitos a réxime cinexético especial, a Consellería con competencias en materia de caza, previa audiencia dos titulares dos dereitos cinexéticos, poderá suspender cautelarmente o exercicio da caza nos mesmos ou iniciar expediente de anulación da declaración sen prexuízo da imposición das sancións que lles correspondan”.

11. Que o artigo 58, establece no seu punto 5, que será motivo de infracción grave “cazar empregando algún dos procedementos ou instrumentos relacionados no número 25 do artigo anterior (referido a infraccións leves: posuír sen autorización ou identificación lazos, trampas, cepos...), así coma calquera outro medio masivo ou non selectivo”.

12. Que sobre procedementos masivos e non selectivos de caza, o artigo 32 establece que “quedan prohibidos a tenza e utilización de tódolos procedementos de caza masivos ou non selectivos, así como aqueles que puidesen causar localmente a desaparición dunha especie cinexética ou indirectamente dunha especie incluída nalgún dos catálogos de especies ameazadas, ou alterar significativamente a estabilidade das súas poboacións e dos ecosistemas de que forman parte”.

13. Que segundo o artigo 56 as accións ou omisións que infrinxan o establecido na presente Lei darán lugar a responsabilidade de natureza administrativa, sen prexuízo da exixible na vía penal ou civil.

14. Que a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, establece no seu artigo 1, que dita lei establece o réxime xurídico básico en materia de medio ambiente, sendo a actividade cinexética unha especificidade dentro desta materia. Así o Capítulo IV do Título III estable a Protección das especies en relación coa caza e a pesca continental.

15. Que o artigo 62. apartado 2. establece que o exercicio da caza regularase de modo que queden garantidas a conservación e o fomento das especies autorizadas para este exercicio.

16. Que o artigo 62 apartado 3 establece que queda prohibidas, a tenza e emprego e comercialización de tódolos procedementos masivos ou non selectivos para a captura ou morte de animais, en particular os enumerados no Anexo VII, así como aqueles procedementos que poidan causas localmente a desaparición, ou turbar gravemente a tranquilidade das poboacións dunha especie.

17. Que dito Anexo VII, sobre procedementos para a captura ou morte de animais e modos de transporte que quedan prohibidos, recolle entre outros medios masivos ou non selectivos: as “trampas non selectivas no seu principio ou nas súas condicións de emprego”, ou os “cepos”, ou “lazos (só para aves), “trampas cepo”, “velenos”, ou “cebos envelenados”.

18. Que o artigo 62, no seu apartado 3 letra h establece que “cando se comprobe que a xestión cinexética desenvolta nunha finca afecte negativamente á renovación ou sostibilidade dos recursos, as Administracións Públicas competentes poderán suspender total ou parcialmente a vixencia dos dereitos de caza”.

Por todo o exposto, SOLICÍTASE que a Fiscalía:

1) Persónese no procedemento penal oportuno;

2) Proceda á apertura de dilixencias de investigación sobre os graves feitos acontecidos, adoitando aquelas medidas que permitan identificar aos responsables da colocación de ditos lazos e que tivo coma resultado a morte destes animais;

3) Así como investigar a existencia de responsabilidades por parte do titular do aproveitamento cinexético onde se teñen producido os feitos por incumprimento grave na vixilancia e conservación de dito terreo cinexético, incluso ordenando a suspensión cautelar de toda actividade cinexética se procede;

4) Ou de outros sectores produtivos gandeiros vencellados a estes montes, e propietarios ou Comunidade de Montes de ser o caso, e aparentemente beneficiados pola eliminación de carnívoros con respecto á depredación de gando;

5) Que investigue se existe unha inoperancia na aplicación da disciplina administrativa, tal como o abandono ou falta de dilixencia na función inspectora e de policía, no control e vixilancia no uso de métodos masivos e non selectivos que atentan contra a fauna, por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza de Galiza, ante a recorrencia destes feitos na provincia de A Coruña e a percepción de impunidade na que semellan actuar os responsables destes atentados contra o medio ambiente.

Asimesmo o Ministerio Fiscal, como garante da legalidade, pode instar á Xunta de Galiza a que tome as medidas oportunas para que realice unha función de policía e inspectora para unha adecuada xestión na ordenación dos recursos cinexéticos.

Compostela, 12 de abril de 2012

Asdo.: Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA


Antes, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Untitled

  • As oficinas de información turística de Ribeira rexistraron 704 visitantes de cinco nacionalidades distintas (a que falta é a española)
  • Pasaron case cen persoas máis que en 2011

 

Media_httpfarm3static_qukzy

A oficina do Malecón rexistrou 363 visitas

 

Ribeira, 12 de abril de 2012.- Un total de 704 visitantes pertencentes a cinco nacionalidades acudiron en demanda de información sobre os recursos do municipio a algunha das tres oficinas de turismo habilitadas durante esta Semana Santa. Así consta no balance de datos elaborados pola Concellería de Turismo do Concello, área que dirixe o edil Anxo Orellán.

En canto á oficina do Malecón, esta recibiu un total de 363 consultas efectuadas por parte de visitantes procedentes de Galicia (144), doutras Comunidades (203 persoas, pertencentes a Madrid, País Vasco, Castela e León, Asturias, Cataluña, Estremadura, Comunidade Valenciana e Canarias) e do exterior (16, de Alemaña, Inglaterra e Italia).

O segundo punto en número de visitas foi o Centro de Interpretación ubicado no parque Periurbano de San Roque, que recibiu a 256 visitantes. Dos mesmos, 166 provían de Galicia, 87 doutras Comunidades (Madrid, País Vasco, Asturias, Cataluña, Castela e León e Comunidade Valenciana) e 3 do exterior (Francia e Italia).

Polo que respecta á oficina de Xarás, recibiu 85 consultas de información turística, das cales 46 foron formuladas por visitantes galegos e 39 doutras Comunidades (Madrid, País Vasco, Andalucía, Castela e León, Aragón, Navarra, Asturias e Comunidade Valenciana).

A Concellería de Turismo considera positivos estes datos ao incrementarse o número de consultas recibidas con respecto ao ano pasado, na que se acadaron un total de 620.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres 13 de abril, concerto de jazz con Narci Rodríguez Trio

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical