30.1.11

Ribeira: o Psoe local renuncia a reclamar xudicialmente pola ocupación da súa sede


Acto dos socialistas de Ribeira. Imaxe de arquivo

Ribeira, 30 de xaneiro de 2011. O Partido Socialista de Ribeira informou hoxe en nota de prensa que, de resultas do acordo tomado en asemblea ordinaria do día de onte, 29 de xaneiro, e por asentimento de todos os militantes, renunciar ao dereito de reclamación de danos e prexuízos planteado pola asesoría xurídica, pola ocupación indebida da súa sede social. Afirma facelo "nun acto de xenerosidade e buscando a harmonía entre a familia socialista ribeirense".

Aínda así, e tendo en conta a titularidade da sede, que pertence ao Psoe a nivel federal, será a Executiva Federal a que tome a última decisión sobre ese particular, explicaron.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Portos: Ribeira e Cabo de Cruz, entre os primeiros que contarán con heliportos de emerxencias diurnas

Búscase reducir as sombras de cobertura de navegación aérea por falta de infraestruturas. Funcionarán como puntos de base supletorios


Porto de Cabo de Cruz, en Boiro

Barbanza, 30 de xaneiro de 2011.- Na súa aposta pola seguridade das zonas marítimas e a prestación de servizos auxiliares aos usuarios dos portos galegos e aos cidadáns das vilas marítimas, Portos de Galicia, ultima un proxecto de reforzo da actividade de navegación aérea na franxa costeira. O ente público está a ultimar a posta en marcha dun proxecto de habilitación de heliportos de emerxencias diurnas en puntos estratéxicos da costa.

Así, un total de once portos da xeografía galega contarán próximamente cunha destas instalacións, que permitirá reducir as actuais sombras de cobertura da navegación aérea, producidas pola falta de infraestruturas, a través da creación de bases supletorias para os helicópteros dentro das zonas portuarias. Aproveitando a superficie dos peiraos seleccionados, delimitarase unha zona para despegue e aterraxe destes aparatos, que permitirá reforzar o servizo nas zonas costeiras de relevancia destacada.

En concreto, os portos nos que comezará a posta en funcionamento deste proxecto serán os de Ribadeo, Burela, Ortigueira, Cedeira, Laxe, Camariñas, Muros, Ribeira, Cabo de Cruz, O Grove e A Guarda. Estas localidades pasarán a ter unha pequena base aérea de emerxencias diurnas que permitirá a execución de maniobras ou repostaxe a helicópteros que ata agora tiñan limitado o seu funcionamento polo mapa de bases existentes, agora incrementado.

Estas instalacións estarán autorizadas pola Axencia Aérea de Navegación, dependente do Ministerio de Fomento. Para a súa habilitación total, resta agora eliminar elementos do mobiliario urbán das zonas portuarias e colocar cataventos que faciliten as tarefas de despegue e aterraxe aos helicópteros. Así mesmo, nas próximas semanas procederase á marcación e sinalización da zona, para delimitar definitivamente e deixar listos para a súa entrada en funcionamento estes heliportos de emerxencias diurnos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical