13.8.12

Boiro: este domingo, 19 de agosto, IX Exaltación do Mexillón en Cabo de Cruz

Rianxo: este venres 17 de agosto actúa a de Santa Cruz de Ribadulla no Ciclo de Bandas de Música

Ciclo_de_bandas_2012_sta_cruz


Rianxo, 13 de agosto de 2012. A Escola de Música de Rianxo organiza este verán xunto co Concello de Rianxo o seu VIII Ciclo de Bandas - Concello de Rianxo.

O terceiro concerto terá lugar esta fin de semana dentro da programación do Verán Cultural 2012.

  • NOITE DE ZARZUELA
  • CONCERTO DA BANDA DE MÚSICA DE SANTA CRUZ DE RIBADULLA
  • Director: José Rodríguez Ramos
  • Soprano: Aída López
  • Tenor: Diego Neira
    • DÍA: venres 17 de agosto
    • HORA: 21:30 h
    • LUGAR: Praza Rafael Dieste

    O resto de bandas participantes son:

    BANDA DA ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO 

    UNHA NOITE DE AMOR CON LELA
    25 DE AGOSTO ÁS 21H30 NA PRAZA RAFAEL DIESTE

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: listas as rúas Torreiro, Baniarrego, Fontenova e Transversal en Corrubedo

  •  Están todas nos arredores da área portuaria

 

Ribeira, 13 de agosto de 2012.- O Concello informa de que xa está rematada a actuación dirixida á humanización e recuperación do casco histórico de Corrubedo e que afectaba a catro rúas situadas nas inmediacións da área portuaria: trátase das rúas do Torreiro, Bandiarrego, Fonte Nova e transversal a Fonte Nova. En todas estas vías procedeuse á pavimentación, saneamento e renovación de pluviais.

 

As rúas citadas caracterízanse por posuír numerosas vivendas nas súas marxes e rexistran unha grande afluencia de peóns para acceder ás praias da zona (principalmente O Prado).

 

Co fin de adecuar e humanizar a zona de actuación, demoleuse o pavimento e colocouse lousas de granito combinadas con adoquíns de granito abuxardado. Ademais, puxéronse colectores de PVC compacto para residuos fecais e colectores de PVC corrugado para augas pluviais.

 

O orzamento desta actuación ascendeu a 121.038,90 euros e o prazo de execución foi de 4 meses. A empresa Nemesio Ordóñez foi a adxudicataria da obra, que se enmarcou dentro do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS 2011) da Deputación de A Coruña.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Lajareu por Barlovento celebra este sábado 18 o trofeo "Dorna de prata"

  • Dentro da programación da Semana do Mar

Imaxe do blog de Lajareu por Barlovento, en http://lajareu.blogspot.com.es/
 

Ribeira, 13 de agosto de 2012.- Dentro do programa da Semana do Mar e como actividade complementaria da feira Artemar Ribeira, a asociación cultural Lajareu por Barlovento organiza para este sábado día 18 de agosto a súa tradicional Regata do Carme ‘Trofeo Dorna de Prata”, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello.

Como é sabido, dende a constitución da citada asociación foi interese da mesma a recuperación da antiga Regata do Carme que disputaban os mariñeiros de Santa Uxía nas datas da festividade dende mediados dos anos cincuenta.

Con tal motivo, a entidade chegou a un acordo de colaboración co Concello que permitiu instituír o Trofeo Dorna de Prata, buscando que a participación doutros pobos da ría fose o máis numerosa posible así como a potenciación da relación dos pobos mariñeiros onde a dorna, como embarcación emblemática galega, aínda forma parte do seu patrimonio vivo.

O trofeo da Dorna de Prata consiste nunha figura labrada en prata dunha dorna coa fasquía típica das dornas desta banda da ría. Conséquena en depósito por un ano o club ou asociación de regatistas en que as súas tres primeiras dornas acaden a mellor puntuación.

Regulamentación

As inscricións –que son gratuítas- poderán realizarse no local social da asociación Lajareu por Barlovento, sito no peirao deportivo, ou na embarcación do xuiz de regata.

A data límite para apuntarse é o día 18 agosto, ata a primeira pitada antes da saída da proba. Ás 12 do mediodía abrirase a oficina de regatas e iniciarase o rexistro dos participantes. Ás 16.30 horas dará inicio a regata, cuxa hora de remate prevese para as 19.30 horas. A continuación terá lugar a entrega de trofeos.

En canto aos premios, porase en xogo a referida Dorna de Prata, que se entregará en depósito ao club vencedor e será exhibida en depósito no Concello correspondente por un tempo dun ano. Ademais, entregarase un trofeo a cada un dos tripulantes das cinco primeiras dornas clasificadas e un recordo da regata a todos os participantes.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: Compromiso X Galicia critica a PP e PSOE polo "esquecemento" deste concello á hora de gobernar

Fotodarolda


Muros, 13 de agosto de 2012. A precampaña segue quentándose en toda Galicia, e estas bisbarras non ían ser menos. Logo dos mítines que Feijóo e conselleiros do PP lanzan en cada inauguración que poden, tamén os partidos pequenos, como é o caso de Compromiso X Galicia, queren dar a coñecer aos cidadáns as súas propostas. O pasado venres en Muros foi esta formación recén creada a que fixo unha valoración da situación política a nivel comarcal e nacional. Manuel González, membro da executiva nacional de Compromiso X Galicia, explicou que esta formación conta con representación institucional en Lousame, en Outes e en Muros e sinalou que en todas as localidades da comarca existen agrupacións locais que xa levan certo tempo en funcionamento.

Henrique Monteagudo foi quen fixo unha exposición sobre o espírito de Compromiso X Galicia. Apuntou "a necesidade de que sexan os cidadáns sen clara vocación política os que a través deste novo partido tomen as rendas, xa que os partidos tradicionais (PP, PSOE E BNG) non foron capaces". Comentou ademais que Compromiso preséntase como "a casa común dos galeguistas e dos transformadores, collendo as achegas do galeguismo político e o soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora". Monteagudo asegurou que Compromiso impulsará a rexeneración da vida pública e a reforma das institucións e promoverá a participación cidadá na política, "asumindo como principios básicos a responsabilidade, a transparencia e a esixencia ética no desempeño de cargos públicos".

Tanto o PP como o Psoe se esquenceron de Muros

Por último, María Xosé Alfonso, portavoz e concelleira do Grupo Nacionalista de Muros e integrante de Compromiso X Galicia, presentou a realidade do concello. En primeiro lugar criticou a "falta de compromiso do goberno de Núñez Feijóo con Muros, xa que asegurou que “en Muros, como non goberna o PP, a Xunta esquécese dos compromisos adquiridos con este concello”. O primeiro olvido é o centro de día, construído hai xa bastante tempo e que non está en funcionamento. Outro exemplo deste esquecemento é a escola infantil que pese a ter todos os procedementos burocráticos avanzados segue sen poñerse en marcha. Pero non atacou só ao PP, senón que asegurou que "o goberno de Caridade González tamén se esqueceu deste noso concello de Muros” Puxo como exemplo desta parálise do goberno municipal socialista os orzamentos aprobados o pasado mes, "nos que grazas a abstención dos concelleiros nacionalistas se puideron aprobar". Dixo que se abstiveran porque aceptaron case todos os cambios que se plantexaban pola banda dos nacionalistas. Ademais, a concelleira nacionalista criticou o prezo dos amarres e comprometeuse a buscar unha solución a este problema que trae de cabeza a varios usuarios do porto muradano.

Máis información de Compromiso X Galicia:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: este martes 14, na Pobra, ás 20:30, acto lúdico-informativo en defensa da sanidade pública


O Cantón da Leña é onde está a estatua de Valle, ao pé do museo do escritor

A Pobra, 13 de agosto de 2012. Mañá, martes 14 de agosto, ás 20.30 horas, na praza do Cantón da Leña, vai ter lugar un novo acto lúdico-informativo da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca da Barbanza.

Como noutros actos semellantes, explicarán como nos afecta o decreto 16/2012 de abril a toda a cidadanía.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello pide que non desaparezan as oficinas liquidadoras dos Rexistros da Propiedade

PROPOSTA ALCALDIA.pdf Download this file


Outro dos servizos que pode cambiar coas novas propostas é o dos xulgados, pero desta volta Noia veríase beneficiada

Noia, 13 de agosto de 2012. A Xunta de Goberno Local deste Concello, que se vai a celebrar esta semana, adoptará, entre outros acordos, o relativo á esixencia á Xunta de Galicia da permanencia da Oficina Liquidadora do Rexistro da Propiedade de Noia.

A Xunta, segundo explica o Concello en nota de prensa, "ten a intención de non proceder á renovación do convenio que expira o 31 de decembro deste ano, en virtude do cal, os Rexistros da Propiedade prestaban os servizos, entre outros, de oficinas liquidadoras de diferentes tasas e impostos. Esta medida afectaríalle a todos os Rexistros da Propiedade, excepto aos das cidades da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago. De proceder por parte do goberno galego á desaparición destas oficinas liquidadoras o Rexistro da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarca pasarán a ser meros receptores, obrigando aos veciños interesados a acudir ás cidades antes citadas para realizar os trámites relacionados coa liquidación, ademais de perder o resto dos servizos que se lles viñan prestando".

En contra do equilibrio territorial


Para o tripartito noiés, "trátase dunha medida que vai claramente en contra do proceso de comarcalización dos servizos, e do equilibrio territorial, e demostra o nulo interese do goberno galego polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca, nas vilas e nas aldeas; poñendo de manifesto un xeito de facer política que priva aos cidadáns destes lugares de disfrutar de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades".

No acordo que se vai adoptar na Xunta de Goberno Local a celebrar no día de mañá, ínstase á Xunta de GaliCIa a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, e que se renoven os convenios asinados até agora, nomeadamente o lle afecta a Noia.

Pode que tamén lle interese:


San Bartolomeu 2012: do xoves 23 ao domingo 26 de agosto


Fotografía: "De Sanxenxo ao Sáhara", no claustro en agosto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical