Muros, 13 de agosto de 2012. A precampaña segue quentándose en toda Galicia, e estas bisbarras non ían ser menos. Logo dos mítines que Feijóo e conselleiros do PP lanzan en cada inauguración que poden, tamén os partidos pequenos, como é o caso de Compromiso X Galicia, queren dar a coñecer aos cidadáns as súas propostas. O pasado venres en Muros foi esta formación recén creada a que fixo unha valoración da situación política a nivel comarcal e nacional. Manuel González, membro da executiva nacional de Compromiso X Galicia, explicou que esta formación conta con representación institucional en Lousame, en Outes e en Muros e sinalou que en todas as localidades da comarca existen agrupacións locais que xa levan certo tempo en funcionamento.
Henrique Monteagudo foi quen fixo unha exposición sobre o espírito de Compromiso X Galicia. Apuntou "a necesidade de que sexan os cidadáns sen clara vocación política os que a través deste novo partido tomen as rendas, xa que os partidos tradicionais (PP, PSOE E BNG) non foron capaces". Comentou ademais que Compromiso preséntase como "a casa común dos galeguistas e dos transformadores, collendo as achegas do galeguismo político e o soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora". Monteagudo asegurou que Compromiso impulsará a rexeneración da vida pública e a reforma das institucións e promoverá a participación cidadá na política, "asumindo como principios básicos a responsabilidade, a transparencia e a esixencia ética no desempeño de cargos públicos".
Tanto o PP como o Psoe se esquenceron de Muros
Por último, María Xosé Alfonso, portavoz e concelleira do Grupo Nacionalista de Muros e integrante de Compromiso X Galicia, presentou a realidade do concello. En primeiro lugar criticou a "falta de compromiso do goberno de Núñez Feijóo con Muros, xa que asegurou que “en Muros, como non goberna o PP, a Xunta esquécese dos compromisos adquiridos con este concello”. O primeiro olvido é o centro de día, construído hai xa bastante tempo e que non está en funcionamento. Outro exemplo deste esquecemento é a escola infantil que pese a ter todos os procedementos burocráticos avanzados segue sen poñerse en marcha. Pero non atacou só ao PP, senón que asegurou que "o goberno de Caridade González tamén se esqueceu deste noso concello de Muros” Puxo como exemplo desta parálise do goberno municipal socialista os orzamentos aprobados o pasado mes, "nos que grazas a abstención dos concelleiros nacionalistas se puideron aprobar". Dixo que se abstiveran porque aceptaron case todos os cambios que se plantexaban pola banda dos nacionalistas. Ademais, a concelleira nacionalista criticou o prezo dos amarres e comprometeuse a buscar unha solución a este problema que trae de cabeza a varios usuarios do porto muradano.
Máis información de Compromiso X Galicia:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario