22.12.10

Ribeira: este domingo 26, partido benéfico para recadar fondos para loitar contra a esclerose múltiple

Ribeira: rematados os obradoiros de cociña de nadal e arte floral, con entrega de diplomas



Alumnado do obradoiro de cociña

Ribeira, 22 de decembro de 2010.A área de Cultura e Festexos organizou varios obradoiros dentro da programación do Nadal Cultural 2010, entre os que se atopan os de Arte Floral e Decoración e o de Cociña e Repostería de Nadal. O primeiro foi impartido por Maribel Losada e o segundo por Ana Domínguez.

No de Arte Floral, que rematou onte, participaron 24 alumnas e no de Cociña que rematará mañá están a participar 26 alumnas e alumnos, xa que aínda que as prazas eran dun máximo de 20 persoas esta área non quixo deixar a ninguén dos preinscritos fóra do obradoiro e admitiu a todos os anotados no prazo; isto é sinal da boa acollida das actividades que como novidade se introducíron este ano no programa do Nadal Cultural ribeirense.


Entrega de diplomas no obradoiro de cociña


A entrega de diplomas aos asistentes que acudisen ao menos tres das catro xornadas dos obradoiros foi realizada por parte de Luciano Fernández Martínez, que tamén entregou como agasallo un gorriño do Pai Noel serigrafiado co escudo de Ribeira e o logo do Auditorio coa lenda "Bo Nadal".



Alumnas de Arte Floral

No obradoiro de Arte Floral realizáronse todo tipo de elementos decorativos con flores secas e frescas, material de refugallo, adornos de Nadal, papeis, froitas, etc; preto dun cento de centros, ramos, camiños de mesa, coronas, nacementos... ao longo das catro xornadas de taller. Rematou onte, martes 21 de decembro, cuns doces de Nadal e cava.

O obradoiro de Cociña e Repostería de Nadal rematará mañá xoves 23 ás 21:30 h cunha degustación dos produtos realizados no propio taller, até o de agora xa realizaron todo tipo de entrantes, entremeses, primeiros e segundos pratos, postres e doces típicos destas festas, así como trucos para o correcto cocido, asado, dorado, decoración... dos distintos pratos orientados a Nadal, Aninovo e Reis.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Xosé Deira, confirmado de novo como candidato á alcaldía polos nacionalistas


Boiro, 22 de decembro de 2010. A asemblea do BNG de Boiro confía unha vez máis en Xosé Deira para encabezar o proxecto do nacionalismo en Boiro. Ademais a asemblea, segundo informou Daniel Ermo, responsable local do Bng, "valorou moi positivamente o traballo desempregado tanto polo alcalde como pola actual equipa de goberno e agarda incrementar os apoios da cidadanía para conseguir ser o partido máis votado do concello, posto que nos anteriores comicios se quedou a tan só 12 votos dese obxectivo. O BNG parte coas mellores expectativas de goberno, neste caso".

Unhas poucas louvanzas...

Para os nacionalistas boirenses, Xosé Deira "é a persoa que aglutina maiores consensos dentro da cidadanía ao tempo que representa á perfección o proxecto transformador do BNG. O noso candidato é a mellor opción porque reúne carisma, capacidade de diálogo e xestión, e non está supedidato a ningún interese económico nin persoal. Iso, xunto coa equipa que estamos deseñando, será a garantía de liderado do BNG e faranos medrar en apoio e implantación entre a cidadanía".

Os froitos de oito anos de goberno nacionalista "están á vista", aseguran dende o Bng de Boiro, "porque desde que estamos gobérnase doutro xeito: transparencia absoluta no funcionamento da administración, contacto continuo coa cidanía, control exhaustivo do gasto (uns hipotecaron o concello e outros agora pagamos) e inversións pensando nas persoas e nas clases mais desfavorecidas: galescola, centro de día, praza de usos múltiples, iniciativas locais de emprego, etc. Por iso o mandato do BNG pódese resumir en transparencia, participación e cidadanía".

...e moito optimismo electoral

Igualmente o BNG de Boiro manifesta que o actual contexto político "é moi favorábel para que a frente nacionalista entre no goberno dos catro concellos da nosa comarca e anima a todo o mundo a apoiar esta oportunidade histórica".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Patrimonio autorizou intervencións de restauración no pazo e finca de Goiáns, que comezan en 2011

Comezarase pola recuperación paisaxística da contorna, cos seus xardíns orixinais, e pola substitución dos deteriorados tellados


Os tellados, logo de tantos anos de agarda, están desfeitiños

Boiro, 22 de decembro de 2010. A Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, aprobou onte martes, nunha sesión á que asistiu o alcalde de Boiro, D. Xosé Deira Triñanes, as primeiras intervencións de restauración no Pazo e a finca de Goiáns proxectadas polo goberno de Boiro. Trátase dos proxectos Recuperación paisaxística do contorno do Pazo – Torre de Goiáns e Substitución da cuberta do Pazo de Goiáns, que recollen unha serie de actuacións prioritarias para evitar, en primeiro lugar, o deterioro do edificio. Ambos proxectos, cuxa acometida se iniciará a principios de ano, unha vez que xa se conta co permiso de Patrimonio, están dotados de importantes partidas orzamentarias xestionadas polo goberno de Boiro diante doutros organismos.

Medio millón de euros para cambiar teitos

Deste xeito, e a través dunha enmenda aos orzamentos xerais do Estado para o 2011,  xa se consignou unha partida orzamentaria de 500.000 euros para executar o proxecto que inclúe a substitución da teitume de todo o inmoble, incluída a capela e os lagares. Esta primeira intervención recolle tamén a colocación de tódalas fiestras e portas, realizadas en materiais acordes co entorno, que preservarán a súa singularidade.

Por outra banda, o “Proxecto de Recuperación Paisaxística do Pazo- Torre de Goiáns” financiarase cos outros 204. 000 euros logrados da Deputación da Coruña, a través do Plan de Cooperación cos Concellos 2008 – 2011 (PCC), Esta actuación agrúpase en dous aspectos principais:

-  Tarefas de limpeza e desbroce da parcela sobre a que se centra a actuación, xa que polo paso dos anos, atópase claramente degradado. Esta actuación, que implica tarefas mecanizadas e manuais, en función da accesibilidade da zona, abarca case 48.000 metros cadrados, centrados na parte norte e sur do terreo do pazo.

- Una vez limpo e con posibilidade de acceso, acometeranse as tarefas de renovación e de recuperación dos muros perimetrais da parcela, incluídos os elementos de forxa de portas e peches menores. Na actualidade, a parcela do pazo dispón de 1.972 metros lineais de muros de mampostería ordinaria de granito, con alturas variables entre os 1,5 e os 4,5 metros cadrados, obténdose unha superficie de case 5.000 metros cadrados. Deste total, preténdese a actuación nas partes que presentan derrubes parciais, para recuperar o seu aspecto orixinal. En total se pretende a recuperación de 700 metros cadrados de muros de mampostería de granito.

O desleixo actual (imaxe deste mes de decembro) asilvestrou moito pazo e xardíns

-  Recuperación dos xardíns orixinais, de traza afrancesada, principalmente mediante a recuperación dos setos de arbustos que delimitaban as áreas axardinadas. Preténdese a recuperación de 200 metros lineais de distintos tipos de arbustos. Igualmente, xunto coa actuación nos setos dos xardíns, preténdese a recuperación das trazas orixinais dos camiños, de clara influencia nos típicos tridentes dos xardíns franceses do século XVIII, recuperando así paisaxisticamente o pazo de Goiáns, facendo posible un percorrido a pé tal e como foi definido orixinariamente.

Cómpre lembrar que, ademais destes investimentos logrados doutras administracións, o Goberno central destinou 4 millóns de euros ao Concello de Boiro para a compra do conxunto histórico, de tal xeito que non supuxo ningún desembolso ás arcas municipais do Concello, aclaran dende o equipo de goberno.

Antes publicamos:


Pazo de Goiáns: xa é público. Discurso do alcalde

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical