9.12.10

Política: Novas Xeracións do Partido Popular de Ribeira organiza unha campaña a prol da movida e hostalería local

Ribeira, 9 de decembro de 2010. Logo das continuas mobilizacións de Psoe e Bng contra a retirada do servizo do Noitebús, as Novas Xeracións de Partido Popular, alomenos en Ribeira, contraatacan.
"Os Xóvenes ribeirenses somos quen de opinar sobre a irrealidade que certos partidos nos están obrigando a tragar. Queremos dar unha alternativa moi lóxica e necesaria para a nosa cidade. O lema é “QUE DEIXEN DE MAREARNOS, QUÉDATE DE MARCHA EN RIVEIRA”, xa que contamos coa mellor Hosteleria, co mellor Concello e cos mellores Xóvenes", explican os mozos do Partido Popular de Ribeira no seu blog.

Blog de Novas Xeracións de Ribeira:
http://www.nuevasgeneracionesriveira.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este sábado 11 inaugúrase o centro social de Abanqueiro, bautizado como "A Fieiteira"

O investimento realizado é de 1.157.775 euros. Tamén se inaugura o parque biosaudable que está ao pé


Boiro, 9 de decembro de 2010. O Concello de Boiro inaugurará este sábado, día 11 de decembro, ás oito da tarde, o centro social multiusos e o parque biosaudable da parroquia de Abanqueiro, un acto no que están convidados a participar tódolos veciños e que contará coa colaboración de distintas entidades da parroquia. Agárdase ao grupo de gaitas Brincadeir@s e ao grupo de baile da Anpa de Abanqueiro, que actuarán durante a mesma. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, será o encargado de descubrir a placa conmemorativa, co nome de “Centro Social A Fieiteira”, referente ao lugar no que está emprazado.

O investimento realizado neste novo servizo, así como no parque biosaudable anexo ao Centro Social, é de preto de 1.158.000 euros, aportados por Xunta (Consellerías de Presidencia e Cultura) e Deputación da Coruña, a través de distintos programas. Esta cantidade inclúe tamén o mobiliario e a urbanización exterior do edificio.

O Centro Social e Multiusos “A Fieiteira”, explican dende o Concello, "é un moderno e funcional edificio que cubrirá unha importante necesidade nesta parroquia, que conta cunha forte tradición asociativa, e contribuirá a dinamizar a vida sociocultural da mesma". O edificio conta cunha pranta baixa de 446 metros cadrados, na que destacan o salón de actos, con capacidade para algo máis dun cento de persoas, e a cafetería. No primeiro andar sitúase a biblioteca, con máis de 300 metros cadrados, e dúas aulas de distintas dimensións.

Parque biosaudable

Polo que respecta ao parque biosaudable, vén completar a rede de instalacións realizadas en distintas parroquias e destinadas á práctica de deporte, sobre todo por parte da xente maior, ao aire libre, pois únese aos xa existentes no paseo marítimo de Barraña, paseo marítimo de Escarabote e Cabo de Cruz.

Cabe lembrar, igualmente, que o Centro Social de Abanqueiro pasa a formar parte da Rede Boirense de Centros Sociais, unha aposta do executivo boirense por dotar a tódalas parroquias deste tipo de servizos, a través da cal se puxeron en marcha os de Cures, Cespón, Moimenta e Ponte Beluso.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o terceiro encontro da Aula Galega de Saxofón, esta fin de semana

Ribeira, 9 de decembro de 2010. A vindeira fin de semana do 11 e 12 de decembro terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de o terceiro encontro do curso 2010/2011 da Aula Galega de Saxofón. 

Saxofonistas de toda Galicia acoden ao conservatorio local para seguir perfeccionando e ampliando os seus coñecementos co mestre invitado Rodrigo Vila (profesor do Conservatorio Superior das Illas Baleares). Esta actividade, que é pioneira en Galicia ,ten como responsable de organización a José Fungueiriño Ramos, profesor de saxofón do conservatorio profesional  de música de Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: actividades culturais programadas para este mes de decembro


Noia, 9 de decembro de 2010. A programación cultural na vila noiesa continúa este mes, logo da intensa actividade cinéfila que conlevou a Mostra de Curtas ata o pasado domingo 5. O próximo acto será este venres 10 de decembro, e entra dentro do capítulo de conmemoracións e memoria histórica, neste caso musical.

Ás nove da noite terá lugar, na rúa Corredoira de Luis Cadarso, unha homenaxe ao músico noiés Prudencio Romo, fundador de Los Tamara. Descubrirase unha placa co seu nome, ás dez da noite, que é o que levará o local de ensaio do Concello de Noia.

Non coñece a Prudencio Romo? Ten moita información sobre el na Galipedia, aquí.


Este sábado, día 11 de decembro, ás sete da tarde, Festival de Nadal da Escola de Danzas "Noela", no teatro Coliseo Noela.

O domingo, día 12 de decembro, cinema para nenos, con "Pérez, o ratiño dos teus soños", segunda parte. Comeza ás seis da tarde, tamén no Coliseo Noela.

Xa para a fin de semana do venres 17 está previsto o programa de Extensión Cultural para a terceira idade, do que se informará no seu día.

O sábado 18 de decembro hai teatro para nenos. Chega "Caramuxo Teatro" a poñer en escea "Os Bolechas", baseada nos debuxos do autor dos Barbanzóns, Pepe Carreiro. Tamén é ás seis da tarde, organizada por Agadic.

O domingo 19 de decembro está programado o concerto de Nadal da Banda de Música de Noia. Comeza ás sete e media da tarde no Coliseo Noela.

O 22 de decembro, mércores -o día da Lotaría- ten lugar un concerto dos profesores e alumnos do Conservatorio. Será ás oito e media da tarde no Coliseo.

O 23, xoves, de novo cinema para pequenos. Desta volta proxectarase "El lince perdido", ás seis da tarde no Coliseo.

O domingo 26 de decembro, teatro para nenos. Chega "Matapiollos Teatro" ao Coliseo Noela a representar "Flis-Fli-Ris-Rás", dende as seis da tarde. Organiza Agadic.

O luns 27, xa no medio das vacacións escolares de Nadal, títeres para cativos. "Galitoon" representa, ás seis da tarde, a obra "Rosalía, a pulga que escribía". Organiza Agadic.

O martes 28 de decembro "Títeres Trompicallo" pon en escea "Violeta Coletas contra as salchichas, gulp!". Tamén ás seis e organizado por Agadic.

O mércores 29, contacontos para nenos baixo o título "Contos no ar". Ás seis da tarde, dentro da programación cultural a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

O xoves 30 de decembro, cinema para nenos coa cinta "Mi monstruo y yo". Ás seis da tarde tamén no Noela.

Exposición:

Pode ver obra de Pío Costa aquí

Do 16 de decembro ao 14 de xaneiro, entre o Coliseo e a Casa da Cultura "Avilés de Taramancos", retrospectiva de Pío Costa. Colabora a Deputación de A Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: conferencia sobre os beneficios do propóleo, este xoves 9 no auditorio do Museo de Valle


O propóleo é un derivado do traballo das abellas nas árbores

A Pobra do Caramiñal, 9 de decembro de 2010. Hoxe, xoves 9 de decembro, ás cinco da tarde, está programada unha charla sobre os beneficios dos propóleos, un produto natural procedente das abellas que aumenta as defensas do organismo humano e prevén varias doenzas.

A ponente será Noelia Solar Alonso. Organiza unha marca de produtos dietéticos e a asociación Madoan (Mulleres en Igualdade). Colabora o Concello.

Web de Madoan:
http://madoan.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Bng informa aos veciños sobre a nova Lei de Augas en Cespón este venres 10


Centro social de Cespón

Boiro, 9 de decembro de 2010.O BNG de Boiro organiza unha charla informativa este venres 10 de Nadal, ás 20.30 horas no Centro Social de Cespón, para informar do contido da nova Lei de Augas que vai aprobar a Xunta de Galicia. Estarán no acto presentes Rosana Pérez, deputada provincial nacionalista; o alcalde de Boiro, Xosé Deira e Xoán León, concelleiro de Urbanismo boirense.

Relacionada:


Ribeira: o Bng informa aos veciños sobre a Lei de Augas ante a "brutal suba"


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical