Noia, 9 de decembro de 2010. A programación cultural na vila noiesa continúa este mes, logo da intensa actividade cinéfila que conlevou a Mostra de Curtas ata o pasado domingo 5. O próximo acto será este venres 10 de decembro, e entra dentro do capítulo de conmemoracións e memoria histórica, neste caso musical. Ás nove da noite terá lugar, na rúa Corredoira de Luis Cadarso, unha homenaxe ao músico noiés Prudencio Romo, fundador de Los Tamara. Descubrirase unha placa co seu nome, ás dez da noite, que é o que levará o local de ensaio do Concello de Noia.
Non coñece a Prudencio Romo? Ten moita información sobre el na Galipedia, aquí.
Este sábado, día 11 de decembro, ás sete da tarde, Festival de Nadal da Escola de Danzas "Noela", no teatro Coliseo Noela. O domingo, día 12 de decembro, cinema para nenos, con "Pérez, o ratiño dos teus soños", segunda parte. Comeza ás seis da tarde, tamén no Coliseo Noela. Xa para a fin de semana do venres 17 está previsto o programa de Extensión Cultural para a terceira idade, do que se informará no seu día. O sábado 18 de decembro hai teatro para nenos. Chega "Caramuxo Teatro" a poñer en escea "Os Bolechas", baseada nos debuxos do autor dos Barbanzóns, Pepe Carreiro. Tamén é ás seis da tarde, organizada por Agadic. O domingo 19 de decembro está programado o concerto de Nadal da Banda de Música de Noia. Comeza ás sete e media da tarde no Coliseo Noela. O 22 de decembro, mércores -o día da Lotaría- ten lugar un concerto dos profesores e alumnos do Conservatorio. Será ás oito e media da tarde no Coliseo. O 23, xoves, de novo cinema para pequenos. Desta volta proxectarase "El lince perdido", ás seis da tarde no Coliseo. O domingo 26 de decembro, teatro para nenos. Chega "Matapiollos Teatro" ao Coliseo Noela a representar "Flis-Fli-Ris-Rás", dende as seis da tarde. Organiza Agadic. O luns 27, xa no medio das vacacións escolares de Nadal, títeres para cativos. "Galitoon" representa, ás seis da tarde, a obra "Rosalía, a pulga que escribía". Organiza Agadic. O martes 28 de decembro "Títeres Trompicallo" pon en escea "Violeta Coletas contra as salchichas, gulp!". Tamén ás seis e organizado por Agadic. O mércores 29, contacontos para nenos baixo o título "Contos no ar". Ás seis da tarde, dentro da programación cultural a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).O xoves 30 de decembro, cinema para nenos coa cinta "Mi monstruo y yo". Ás seis da tarde tamén no Noela.
Do 16 de decembro ao 14 de xaneiro, entre o Coliseo e a Casa da Cultura "Avilés de Taramancos", retrospectiva de Pío Costa. Colabora a Deputación de A Coruña.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario