18.3.10

Fotografía: soños infantís plasmados en imaxe, por Tim Macpherson

Dodro: organizan visita á Cidade da Cultura de Santiago e á Escola Galega de Consumo o 31 de marzo

A Pobra: Alfonso Rueda recibiu o Escudo de Prata do municipio nunha visita esta mañá

O conselleiro salientou a importancia das administracións municipais e compromete o apoio da Xunta no seu fornecemento

Pola mañá, Alfonso Rueda estivo tamén na sesión do Consello da Xunta en Santiago

A Pobra do Caramiñal, 18 de marzo de 2010.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Concello da Pobra do Caramiñal, onde foi recibido polo seu alcalde, Isaac Maceiras, quen lle fixo entrega do Escudo de Prata do municipio pobrense.

Rueda agradeceu a distinción e destacou que este sinal de afecto é o escudo dun concello universal, que serviu de inspiración a Valle Inclán, un dos máis sobresaíntes escritores galegos, e que ao longo do tempo ten sabido manter a súa identidade e a súa beleza cun urbanismo respectuoso co medio.

O conselleiro fixo un eloxio da actividade dos concellos galegos, dos que dixo que son espazos idóneos para prestar bos servizos públicos e facer boa política, sen distinción de cores e con compromiso, proximidade aos cidadáns e sendo exemplo de aproveitamento eficiente dos recursos escasos.

Nese sentido, o titular de Presidencia recordou que son precisamente os concellos as administracións que peor o están a pasar na actual situación de crise económica e comprometeu o apoio da Xunta no fornecemento dos municipios, como quedou exemplificado coa habilitación para este ano 2010 dun fondo extraordinario de máis de 18 millóns de euros, que permitirá que ningún concello galego reciba este ano nin un euro menos do que recibiu en 2009 do Fondo de Cooperación Local.

Así mesmo, destacou os consensos acadados cos representantes dos concellos, a Fegamp, a prol dun novo modelo de desenvolvemento urbanístico e para negociar o sistema de financiamento para os vindeiros anos. Tamén fixo mención aos apoios singulares que leva a cabo a Consellería para axudar aos concellos na mellora dos seus servizos, que no caso da Pobra do Caramiñal se ten exemplificado nas obras na sede da Policía Local e en melloras no arquivo municipal.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: organizan roteiro de sendeirismo polos Chans do Barbanza o vindeiro sábado 27 de marzo


Nas chans do Barbanza pódense atopar "sorpresas" coma ésta

Rianxo, 18 de marzo de 2010. O Servizo de Deportes do Concello organiza o vindeiro sábado, 27 de marzo, unha rota de Sendeirismo polos Chans do Barbanza. O nivel de dificultade do percorrido é medio-alto. A rota, que ten unha distancia de 15 quilómetros, comeza no Iroite e remata no Monte Curota. Durante o percorrido visitarase a Arca do Barbanza, Outeiriño redondo, Casota do Páramo e outros lugares de interese arqueolóxico ou paisaxístico.

Vistas dende o monte Curota

O tempo estimado que levará percorrer a rota é de cinco horas aproximadamente. O límite de prazas é de 50.
Esta actividade vai dirixida a adultos e ten un custe de 3€.  Mais información e inscricións no Servizo de Deportes ou nos pavillóns polideportivos.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: bases do XVIII concurso literario das Letras Galegas 2010, só para escolares


   Ribeira, 18 de marzo de 2009.- O Concello vén de facer públicas as bases para participar na 19ª edición do Concurso Literario Letras Galegas 2010, que nesta ocasión está dedicado a Uxío Novoneyra. Poderán concorrer neste certame, que está coorganizado polas Concellerías de Educación e de Cultura, todos os escolares do municipio con idades comprendidas entre 7 e 13 anos.

 

Establécense dúas categorías (de 7 a 10 anos e de 10 a 13 anos), en cada unha das cales hai tres modalidades: poesía, prosa e cómic.

 

O tema é orixinal e libre e a extensión da obra debe ter como máximo 25 versos en poesía, e 2 folios en prosa e cómic.

 

Os traballos irán co título, sen sinatura e con pseudónimo. Nun sobre aparte farase constar o título e o pseudónimo e dentro del irá o nome do alumno, a idade, o curso e o colexio ao que pertence. Os traballos e o sobre serán introducidos conxuntamente nun sobre maior que levará por fóra a modalidade, categoría e lema identificador.


Auditorio municipal de Ribeira

 

As obras deberán entregarse no Auditorio Municipal de Riveira entre o 1 e o 30 de abril (ambos días inclusive).

 

Comunicaránselles aos colexios as obras gañadoras e a entrega de premios celebrarase en acto público no Auditorio Municipal o 18 de maio cun espectáculo literario ao que asistirá alumnado dos colexios gañadores e/ou participantes neste certame.

 

Os premios constarán de lotes de libros aos tres mellores traballos de cada categoría, que serán valorados por un xurado constituído ao efecto.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: actos litúrxicos de Semana Santa do 20 de marzo ao 4 de abril


Foto:  Diego Romero. Imaxe da procesión da Virxe das Dores en Lampón

 

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: urxen substituír a zona de xogo do colexio de Asados


O BNG de Rianxo reclama a urxente substitución dos columpios do Colexio de Asados

A estrutura xeral desta zona de xogo está abaneando e os elementos de madeira como barrotes e varias táboas do conxunto romperon e están estragadas. Hai máis dun ano que o BNG pediu a súa substitución por outros bambáns.

Rianxo, 18 de marzo de 2010. (Nota íntegra do Bng) Ao longo deste mandato e o anterior desde o BNG fixemos especial fincapé na necesidade de realizar un DIAGNÓSTICO E UN PLAN DE AMAÑOS DE ZONAS DE XOGO INFANTÍS. O BNG consideraba e considera urxente iniciar unha completa diagnose do estado actual das instalacións e realizar un plan de choque municipal de mínimos para acometer reparacións urxentes. O tempo vai pasando sen que o executivo realice como era a demanda do BNG unha completa avaliación das áreas de xogo rianxeira para ilas axeitando á normativa ( Decreto da Xunta 245/2003) e priorizar as actuacións derivadas do estudo. Mentres teremos que ir denunciando unha a unha as intervencións necesarias.

A Deputación aprobou un Plan especial de parques infantís no ano 2009 para colaborar cos concellos nesta tarefa e que se concretou coa reforma tal e como nós propuxemos da zona de xogo do Auditorio, ademais dos existentes na zona da Martela. Pero non pode quedar aí o esforzo investidor do Concello: debe saír ao paso doutras áreas prioritarias polo seu emprego diario. Este sería o caso do Colexio de Asados que hoxe se denuncia e que esixe unha pronta actuación municipal sobre un parque infantil empregado a diario no recreo polos escolares, que xa foi froito de moitas reparacións de urxencia e que está claramente degradado e debe ser substituído. Non debería acabar o curso escolar sen que se cambie por outros elementos adaptados ás normas que garantan a seguridade dos rapaces e rapazas de Asados.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: "O Espertar Musical da Primavera", concerto este domingo 21 de marzo

O Concerto "O Espertar Musical da Primavera" terá lugar o vindeiro domingo 21 de marzo ás 12:30, no Auditorio de Rianxo.

Nesta ocasión haberá oportunidade de escoitar á Agrupación Instrumental da Escola de Música de Rianxo e á Banda da Escola de Música de Rianxo interpretando o seguinte programa:


Agrupación Instrumental da Escola de Música de Rianxo

*Storybrook Mountain (Robert Sheldon)

*Whale Warriors (Brian Balmages)


Banda da Escola de Música de Rianxo

*Algona Overtura (Jan van der Roost)

*Alma de Dios (José Serrano)

*A Vision of Majestic (James Swearingen)

*Tío Alberola (Ferrer Ferrán)


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical