11.5.11

Ribeira: o obradoiro de emprego Airoas está a impartir un módulo de Sensibilización Ambiental

Ribeira, 11 de maio de 2011. O Obradoiro de Emprego Airoas comezou a impartir o Módulo de Sensibilización Ambiental o pasado venres 29 de abril, cunha ponencia no salón de actos do Parque Periurbano de San Roque, coa colaboración externa do biólogo Juan José Sampedro Reiriz.

A esta presentación, que se fixo amena e moi participativa, asistiron tódolos alumnos-traballadores de Airoas. O seu obxectivo xeral é introducir ao alumnado no coñecemento dos principais problemas medioambientais, tanto a nivel xeral como no ámbito laboral, e a súa aplicación na especialidade profesional.

Na  primeira xornada distinguíronse tres partes fundamentais:

.- Exposición e explicación de conceptos básicos  como son medioambiente, ecoloxía, cadena trófica, ecosistema, recursos naturais, hábitat, biodiversidade, pegada ecolóxica, cambio climático, contaminación e desenvolvemento sostible.

.- Os efectos da actividade humana sobre o medio. Déronse a coñecer as consecuencias irreversibles da nosa acción sobre o medioambiente, e como o ser humano muda o estado natural coas consecuencias que disto se derivan, e que non só van afectar ao medioambiente natural, senón tamén ao medio urbano e ao noso traballo, á saúde e á economía.

.- Posibles solución e actitudes a seguir tanto a nivel social-individual e a nivel das administracións ( competencias da UE, do Estado, Xunta, Concellos)


 Os  obxectivos didácticos que se pretenderon  acadar son  entre outros, os seguintes:

   1. Comprender a definición de medioambiente e achegarse ao coñecemento dos principais problemas medioambientais. 
   2. Obter un nivel de sensibilización e de respecto polo medioambiente desde un punto de vista científico.
   3. Comprender a diferencia entre recursos naturais renovables e non renovables, así como do tempo preciso para recuperalos, por medio dun exemplo práctico: cando estamos facendo uso dunha enerxía (o petróleo) que precisa millóns de anos para producirse e unhas poucas horas para consumirse.
  4. Coñecer o concepto de sucesión natural, e comprender como muda logo dunha alteración do medioambiente.
   5. Aplicar á especialidade profesional os conceptos adquiridos co desenvolvemento de boas prácticas medioambientais no traballo.
   6. Achegarse aos aspectos legais  da figura da responsabilidade medioambiental e a necesidade da sostibilidade ambiental, principalmente: a Lei de responsabilidade medioambiental,a lei de residuos e  os estudos de impacto ambiental.

Utilizando tódolos conceptos básicos explicados,e mediante exemplos da nosa realidade máis próxima chegouse a comprender e a sensibilizar sobre o noso compartamento  cara aos efectos sobre o cambio climático e maila contaminación nas súas diferentes formas.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: organizan barranquismo, rafting e puenting no programa "Aventúrate 2011"

Ribeira: vara un rorcual mozo de 11,5 metros entre Balieiros e punta Corgo

Ribeira, 11 de maio de 2011. Unha balea varou na pasada madrugada nas costas de Corrubedo, concretamente entre a praia de Balieiros e a punta do Corgo. O Cemma xa inspeccionou o mamífero: trátase dun rorcual xoven de 11,5 metros de lonxitude e unhas 15 toneladas de peso. O Concello estuda alternativas para retirar ao animal por terra.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres 13, Luis Cobos e Jabon Blue en concerto contra o alcohol

Ribeira, 11 de maio de 2011.- Este venres 13 hai unha intensa xornada dedicada á prevención e sensibilización dos veciños sobre seguridade viaria e, con tal motivo, a céntrica praza de España de Ribeira vai dar cabida a un conxunto de actividades ao longo de todo o día, entre as cales o prato forte será o concerto que o compositor Luis Cobos e a banda local Jabon Blue ofrecerán a partir das once da noite.

Para explicar os pormenores da xornada déronse cita no auditorio o director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, o director de Agadic (Asociación Galega de Industrias Culturais), Juan Carlos Fernández Fasero, e os edís municipais de Xuventude e Cultura, Vicente García e Luciano Fernández, respectivamente.

Ovidio Rodeiro lembrou que esta actuación forma parte da Campaña Libre (Libre de Alcol, Libre de Preocupacións) iniciada no 2009 pola súa Dirección Xeral para sensibilizar á mocidade sobre a importancia de que cando saian de marcha e consuman alcol non collan o coche. Precisamente, a formación musical Jabon Blue é a embaixadora desta campaña no 2011, tras gravar un videoclip do seu tema “Flores en la Carretera” coa intención de seres emitido nos locais nocturnos das principais zonas de marcha de Galicia á hora do peche. Para esa gravación o grupo que lidera Javi Maneiro contou coa colaboración de Luis Cobos e de artistas tan recoñecidos como Manuel Manquiña.
http://youtu.be/VJQ122X285Y

O programa deste venres:

      De 10.30 a 13 horas.- Entre 600 e 700 alumnos de Secundaria e ESO dos distintos centros educativos de Ribeira participarán nun Parque Móbil de Seguridade Viaria da DXT, consistente nun circuíto de karts dun tamaño semellante ao dun campo de fútbol sala, con sinais de tráfico, semáforos, etc...

      Ademais, haberá un karaoke en pantalla xigante de tecnoloxía LED de última xeración para que os rapaces teñan a oportunidade de cantar a canción “Flores en la Carretera” mentres se emite o videoclip.

      Tamén haberá inchables e unha exposición sobre seguridade viaria que estará formada por distintos medios subministrados polos Bombeiros de Ribeira, Protección Civil e a Policía.

      De 16 a 18 horas.- As accións antes descritas estarán abertas gratuitamente a todos os cidadáns que queiran achegarse ata a Praza de España.

      De 22 a 23 horas.- 150 moteiros pertencentes aos distintos clubs da comarca percorrerán as rúas de Ribeira portando fachos acendidos. A peregrinación comezará na explanada situada ao lado do Club Náutico de Ribeira e desembocará na praza de España cunha concentración antes do inicio do concerto.

      Desde as 23 horas.- O prato forte da xornada: concerto na praza de España con actuación en primeiro lugar do compositor Luis Cobos, quen estará acompañado de 28 músicos galegos, ademais dalgún artistas invitado, como Rosa Cedrón. Esta parte durará uns 25/30 minutos.

      A continuación, Luis Cobos e Jabon Blue compartirán escenario durante dous ou tres cancións, unha das cales será o tema “Flores en la Carretera“.

      Actuación de Jabon Blue, que dará remate ao acontecemento.

Juan Carlos Fernández Fasero salientou na súa intervención que non é doado ver en Galicia unha actuación na que coincidan á vez nun mesmo escenario unha formación pop rock e unha formación de cámara, polo que felicitou a Ribeira por ter esta oportunidade.

O concelleiro de Xuventude, Vicente García, lembrou que a participación de Jabon Blue na Campaña Libre foi posible despois de que no pasado verán, e precisamente en Ribeira, o vocalista Javi Maneiro coincidira con Ovidio Rodeiro durante a celebración do Día Internacional de Xuventude.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Maio Cultural enche o auditorio con cinema, música, libros e teatro

Media_httpfarm5static_mbhyr


Rianxo, 11 de maio de 2011. Durante este mes de maio non vai ser todo mitins e eleccións: dende a Área de Educación e Cultura vai desenvolverse o programa "Maio Cultural 2011", onde se realizarán determinadas propostas culturais no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

A programación é a seguinte:

  • SÁBADO 14-12.00 h Proxección e coloquio Hipótese con ás: Galicia de Velo, presentación do traballo de Margarita Ledo sobre a película de Carlos Velo.
  • MARTES 17- 20.00 h. Festival Mozart Orquestra de Mulleres da Orquestra Sinfónica de Galicia.
  • VENRES 27 - 20.30 h Presentación da Voz de Barbantia e do libro O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio de Fidel Vidal.
  • SÁBADO 28 - 19.00 h Presentación do libro Cadro Artístico: Airiños 75 Aniversario.
  • DOMINGO 29 - 20.30 h Teatro Casa Hamlet, coa obra Se non queres casar o mesmo me dá sobre textos de Álvaro Cunqueiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado comeza o VI trofeo "Cidade de Riveira" de fútbol afeccionado, cuxa final é o 21 de maio

Ribeira, 11 de maio de 2011. Este sábado día 14 de maio comezará a disputarse o VI Trofeo Cidade de Riveira de Fútbol Afeccionado, con participación de todos os equipos federados do Concello de Ribeira. O trofeo disputarase por sistema de eliminatoria directa a partido único. En caso de empate lanzaranse penaltis sen necesidade de prórroga. 

A entrada para cada partido será gratuíta. 

Os partidos xogaranse ás 17 horas (cinco da tarde):

      1) OLVEIRA – ATL OLEIROS NO CAMPO DAS DUNAS

      2) X AGUIÑO—SALVORA  NO CAMPO DA TASCA

      3) C PALMEIRA - CD ARTES NO NOVO ESTADIO S F PALMEIRA

      4) EXENTO CUARTOS DE FINAL ATL RIVEIRA 

Os partidos de semifinais xogaranse o martes 17 de maio, ás 17 horas, entre os vendedores dos enfrontamentos 1-2 e 3-4, e a final o 21 de maio ás 17 horas na Fieiteira.  Cabe lembrar que o Atlético Riveira é o vixente gañador do trofeo despois de derrotar ao Xuventú Aguiño por 5-1. 

Os gañadores das anteriores edicións foron: 

      2006 ATL OLEIROS

      2007 ATL RIVEIRA

      2008 OLEIROS

      2009 ATL RIVEIRA

      2010 ATL RIVEIRA

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o venres 20 de maio, seminario sobre Tuenti para familias

Boiro: 110 presentados ao certame literario "Ramón Martínez López" na súa cuarta edición

Boiro, 11 de maio de 2011. Presentáronse 101 traballos ao certame "Ramón Martínez López", que alcanza este ano a súa cuarta edición. Setenta e oito destes traballos son na modalidade de narrativa e os restantes 23 en poesía. O xurado está formado por Isabel Santos, Antonio Piñeiro, Sabela Hermo e Mª Dolores Olveira. O fallo do xurado será a finais de maio.

Club de lectura: un libro de Zweig

No club de lectura da Biblioteca Municipal de Boiro están nestes momentos a ler o libro “Novela de ajedrez” de Stefan Zweig. O venres 20 de maio ás 23.00 horas comentarase o libro, facendo una sesión especial do club no que se fará unha saída para observación das constelacións celestes. O seguinte libro será “A morte en Venecia” de Thomas Mann, o xoves 2 de xuño ás 19.30 horas  comentarase o libro e verán a película baseada nese libro que dirixiu Luchino Visconti. Con este libro pecha a tempada o club de lectura ata o mes de setembro.

Exposición de instrumentos musicais antigos

 

Este xoves 12 de maio alumnos do colexio Santa Baia visitarán, tamén na casa de cultura "Ramón Martínez López", unha mostra de instrumentos musicais antigos que promove o grupo "Os Menestreis". Os escolares estarán co concelleiro de Cultura actual, Xerardo Piñeiro.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a Banda Municipal de Música homenaxea a López Calo polas Letras Galegas

Jose_lopez_calo

Lousame, 11 de maio de 2011. A Banda Municipal de Música de Lousame, xunto coa Concellería de Cultura do Concello de Lousame, organiza o día 17 de maio ás 5 da tarde unha homenaxe ao eminente musicólogo, vinculado a este concello, José López Calo. O acto celebrarase na Casa da Cultura de Portobravo e irá seguido dun concerto ás 6 e media da tarde na Praza do Concello a cargo da Banda de Música de Padrón e rematará coa actuación da Banda Municipal de Música de Lousame. 

Quen é López Calo?

José López Calo é unha figura clave no estudio e análise da música a nivel español. De formación eclesiástica titulouse en  Musicoloxía no Pontificio Instituto de Música Sagrada de Roma e é Catedrático de Historia da Música na Universidade de Santiago de Compostela. Ten escrito máis de 60 libros de musicoloxía e artigos nas principais revistas de musicoloxía del mundo, así como en enciclopedias e nos principais diccionarios de música do mundo. Atesora numerosas distincións entre as que destacan o seu nomeamento como Académico Numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia das Artes de San Fernando. Ten a Medalla de Ouro ó Mérito das Belas Artes, que S. M. el Rey lle impuxo en maio de 1989. En 2002 a Xunta de Galicia outorgoullele o Premio das Letras e Artes de Galicia. Nacido en Nebra (Porto do Son), pasou a súa infancia no Concello de Lousame, onde aínda reside parte da súa familia na parroquia de Vilacoba. 

No acto de homenaxe falarase da súa figura, proxectarase un video e inaugurarase unha exposición con parte dos seus traballos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical