25.2.12

Ribeira: orde do día do pleno do luns 27 de febreiro

Pleno Febreiro.doc Download this file



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: crónica e fotos oficiais da VII Gala do Deporte

  • O soño de ter un ribeirense olímpico planeou onte no Auditorio
  • Galardoados e premiadas nas distintas categorías amosaron que o municipio e a comarca está a destacar no eido deportivo

Ribeira, 25 de febreiro de 2012.- Un Auditorio Municipal totalmente repleto viviu na noite de onte a celebración da VII Gala do Deporte de Ribeira, coa que a Concello quixo render un máis que merecido homenaxe aos deportistas e clubs –amén doutras persoas e entidades- máis sobresaíntes do pasado curso 2011 e, ademais, que serviu como unha vibrante demostración da puxanza que no transcurso dos últimos anos ten alcanzado o deporte no concello en moi distintas modalidades, ata o punto de que non se dubidou en exclamar dende o escenario que “o soño de ter algún deportista olímpico en Ribeira está cada vez máis preto de converterse en realidade”, segundo referiu o concelleiro Juan Luis Martínez Queiruga e despois referendou na intervención final o alcalde Manuel Ruiz Rivas.  

Media_httpfarm8static_gruwf

Todas as imaxes da Gala feitas polo Concello, unha a unha, aquí

O programa desta edición gañou en vistosidade con respecto a edicións anteriores ao intercalar actuacións artísticas e proxeccións audiovisuais entre os distintos bloques nos que se desenvolveron a entrega de premios: 16  categorías e 6 mencións especiais. Para facer entrega dos galardóns déronse cita –demais dos dous membros do Goberno Local anteditos- moi distintas autoridades e persoeiros, como o senador José Luis Torres Colomer ou o xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández, así como os Fillos Adoptivos Ramiro Carregal e Magdalena Bringas, o mítico futbolista José Manuel Parada Alvite Suco, o presidente de Cogami Anxo Queiruga, a presidenta de Ambar Milagros Rey,... 

Emotiva homenaxe

A Gala, de dúas horas de duración, dou comezo coas mencións especiais, entre as cales o momento máis emotivo aconteceu cando a dona e máis os tres fillos do finado José Fraga Cores foron agasallados e recibiron o aplauso unánime do público asistente ante o tributo que se lle quixo render a este ribeirense entrañable, vinculado ao Atlético Riveira dende a súa fundación no ano 1968 a través de distintos postos e cargos. As outras mencións especiais foron recibidas polo futbolista internacional Verónica Boquete, o directivo do Atlético Riveira Ricardo Pérez Vidal, a vicepresidenta do Xuventú Aguiño Rosa Vidal Fernández, o gran baloncestista profesional Fran Crujeiras e José Manuel de la Iglesia, que contribuíu grandemente ao desenvolvmento do atletismo entre as persoas con discapacidade do municipio e da comarca. 

Despois tocoulle o turno ás distincións a entidades e clubs, nas que foron premiadas o Colexio Bayón na categoría de Mellor Centro Educativo na Promoción do Deporte Escolar (recolleu o galardón o seu director Vicente Fernández) o Sálvora Club de Fútbol como Mellor Entidade na Promoción do Deporte Base e Deporte para Todos (recolleron o presidente Ramón Martínez e o directivo Juan MillánI), o Atlético Riveira Categoría Sénior como Mellor Equipo Masculino (recolleron o presidente Alberto Villaverde e o capitán Álvaro Calo), o equipo junior do Club Natación Riveira como Mellor Equipo Feminino (recolleu unha representación formada por Yaiza Blanco, Laura Otero, Elena Pérez e Andrea Gómez) e o Club Natural Sport Videlgi como Mellor Club Local (recolleron o presidente José Francisco Agrelo, a vicepresidenta Nita Casanova e o adestrador Osiris Romay). 

Intermedio

Acto seguido chegou o intermedio da Gala, no que alumnas da Escola Municipal de Danza Contemporánea ofreceron dúas interpretacións corografiadas polo profesor e cofundador da mítica escola Nova Galega de Danza, Vicente Colomer (antes, ao inicio do acto, actuaran un dúo de trompetas do Conservatorio de Ribeira e a Aula Galega de Saxofón). 

Unha vez finalizada a actuación de danza, deuse paso aos recoñecementos a adestradores, árbitros e colaboradores, nos que foron obsequiados: como Mellor Adestrador, Juan Carlos Brión Lema, do Club Natación Riveira (recolleu o premio un dos seus fillos por estar aquel en plena celebración do Campionato de España que se está a disputar en Pontevedra); como Mellor Xuíz Árbitro Vicente Fiel (de fútbol e fútbol sala, dende o ano 1983); como Mellor Evento Deportivo o campamento Soño Olímpico que promove o Club Natural Sport Videlgi (recolleron os galardóns Carolina Fernández e Gabino Cobas); na categoría de Patrocinio Deportivo, Conresa, empresa patrocinadora do Xuventú Aguiño (recolleu o seu director xerente Juan Carlos Cobas); e na de Mellor Labor Informativo, La Voz de Galicia, cuxa delegación en Riveira celebra 25 anos (recolleu o delegado Ramón Ares). 

Recoñecementos individuais

Finalmente chegaría o momento dos recoñecementos individuais. Na categoría de Mellor Deportista Femenina con Discapacidade foron galardoadas as integrantes do programa Vela para Todos da Asociación Ambar, formado por Montserrat Queiruga, Mª Carmen Pérez, Mª Bonisú Paz e Ana Mª Martínez. Como Mellor Deportista Masculino con Discapacidade premiouse ao taekwondista Alejandro Vidal. A continuación unha das categorías máis dificultosas para o xurado: a de Mellor Deportista Revelación Feminina, na que o premio foi recibido de xeito compartido pola atleta especialista en triple salto Ana Peleteiro e a nadadora María Vilas (quen por estar nos campionatos nacionais en Pontevedra non puido recoller o trofeo e o fixo no seu nome o presidente do Club Natación Riveira José Antonio Prada). Pola súa parte, o Mellor Deportista Revelación Masculina sería Adriano Jiménez, combatente do Clun Natural Sport Videlgi. 

Como Mellor Deportista Feminina e Mellor Deportista Masculino foron distinguidos a atleta Virgina Villar (recolleu a súa nai) e o taekwondista Javier Sieira). 

Para poñer o punto final á Gala, o presidente do Atlético Riveira Alberto Villaverde dirixiuse aos espectadores no nome dos premiados para agradecer estas distincións.  

Por último, o alcalde Manuel Ruiz destacou como, de contar unicamente con equipos de fútbol e un incipiente club de baloncesto non hai tantos, “hoxe contamos con campións de España e de Europa e con medallistas mundiais” en numerosa disciplinas, e resaltou a crecente implicación das mulleres no mundo do deporte, sen esquecerse tampouco dos logros acadados polas persoas con diversidade funcional. “Espero ver moi pronto algún olímpico de Ribeira”, rematou. 

Apostilla da redacción de Certo: Agardamos que nunha destas os nosos políticos pidan tamén que saia "pronto algún premio Nobel" dos seus concellos. Mais para iso hai que investir en I+D+I, priorizar o coñecemento sobre o lúdico. En España non se concede un premio Nobel relacionado coa ciencia dende 1959 (Severo Ochoa) e só hai dous (o outro foi o de Ramón y Cajal) neste sector do coñecemento. Máis información aquí

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o obradoiro de inglés para maiores acolle a 40 ribeirenses

  • Haberá dous grupos de vinte e comezarán o luns vindeiro
Media_httpfarm3static_iwjgb

Ribeira, 25 de febreiro de 2012. O Concello vai ofrecer dentro do Programa de Dinamización dos Nosos Maiores, dependente da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social, un novo obradoiro de iniciación ao inglés que comezará a ser ofrecido a partir do luns da vindeira semana. 

Na acción participarán 40 maiores de Ribeira distribuídos en dous grupos de 20 persoas cada un. Cunha hora de duración, as clases desenvolveranse todos os luns, de 10 a 11 e de 11.15 a 12.15 horas (segundo o grupo que sexa) nas aulas da Casa do Mar de Ribeira. O taller finalizará a finais de maio. 

Esta nova iniciativa será impartida por persoas do Voluntariado Social e pretende que servir para que os maiores do concello poidan adquirir unhas nocións básicas sobre o idioma máis implantado nas relacións internacionais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: van duplicar a superficie da escola infantil ao tempo da súa reforma

Planos Gardería.pdf Download this file

  • Sairá a licitación en abril. Xa adxudicaron a redacción do proxecto, que inclúe subir un novo andar

Media_httpfarm7static_qhtre


Ribeira, 25 de febreiro de 2012.- O Concello informou onte de que no vindeiro mes de abril vai saír a licitación polo procedemento de urxencia a ampliación da escola infantil municipal: un proxecto cifrado en 740.000 euros dos cales 444.000 serán aportados pola Concellería de Traballo e Benestar e 296.000 polo propio Concello. En virtude das obras, a gardería vai ver duplicada a súa superficie, pasando dos 907 metros cadrados existentes na actualidade a un total de 1.811, sen contar coa Aula Multimedia de Ribeira que será encravada no andar semisoto da infraestrutura. 

Cómpre dicir tamén que xa foi adxudicada a redacción do proxecto de execución desta actuación á empresa 2C Arquitectos. Este contempla a elevación do edificio actual cunha planta adicional que se sumaría ás plantas baixa e semisoto xa existentes.  

Esta planta adicional –primeiro andar- terá unha superficie de 776 metros cadrados dos cales 265 estarán destinados a unha terraza ao aire libre. Este andar albergará 5 aulas dirixidas aos nenos e nenas de entre 2 e 3 anos, e contará cun acceso independente mediante rampa a unha zona axardinada. Así mesmo, estará conectado co resto do inmoble mediante escaleiras e ascensor.  

Con 907 metros cadrados de superficie, a planta baixa (que da cabida á escola infantil actual) vai ser redistribuída en 8 aulas para nenos e nenas de 0 a 1 e de 1 a 2 anos, así como nun espazo multiuso; mentres que a planta semisoto dará cabida a vestiarios e despachos nun espazo de 128 metros (ademais da xa citada Aula Multimedia con outros case 200 metros).

Fachada acristalada

Por outra parte, grazas ás obras de reforma mudarase en gran medida a fisonomía exterior do inmoble, ao contar a planta de nova factura cunha fachada acristalada. 

De acordo coa planificación establecida, e co obxecto de causar os menores inconvenientes posibles, está previsto que as obras teñan lugar durante os tres meses de verán: xullo, agosto e setembro, nos cales por motivos elementais de seguridade a escola estará pechada. 

O Executivo xa está a estudar diversas alternativas para aloxar durante estes tres meses ao meirande número de meniños que sexa factible. 

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Fotografía: Ámbar convoca o certame "Vivindo na comunidade 2012"

Presentación do concurso de Fotografía “Vivindo na comunidade” 2012

 

Directivos da Asociación AMBAR presentaron, no Centro de Recursos da Barbanza, o concurso de Fotografía “Vivindo na comunidade” 2012.

A temática do concurso versa sobre as persoas con diversidade funcional vivindo na comunidade.

 

O obxectivo do concurso é que as fotografías presentadas axuden a fortalecer a percepción de como as persoas con diversidade funcional viven e como están a participar dentro das súas comunidades, nos seus barrios, pobos, aldeas, nos mesmos contextos que os demais cidadáns. Deberán amosar como viven as persoas con diversidade funcional, xunto coas súas familias, amigos, compañeiros, veciños, etc. para así poder comprender os retos e os éxitos que atopan estas persoas en España.

 

Na roda de prensa, na que estiveron presentes a presidenta, Milagros Rey, o vicepresidente, José Antonio Chouza, e a vogal Luisa Rodríguez, fixéronse públicas as bases do concurso, así como os patrocinadores do mesmo, ós que agradeceron a súa colaboración nesta iniciativa.

 

bases.pdf Download this file

cartel.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical