- Sairá a licitación en abril. Xa adxudicaron a redacción do proxecto, que inclúe subir un novo andar
Ribeira, 25 de febreiro de 2012.- O Concello informou onte de que no vindeiro mes de abril vai saír a licitación polo procedemento de urxencia a ampliación da escola infantil municipal: un proxecto cifrado en 740.000 euros dos cales 444.000 serán aportados pola Concellería de Traballo e Benestar e 296.000 polo propio Concello. En virtude das obras, a gardería vai ver duplicada a súa superficie, pasando dos 907 metros cadrados existentes na actualidade a un total de 1.811, sen contar coa Aula Multimedia de Ribeira que será encravada no andar semisoto da infraestrutura.
Cómpre dicir tamén que xa foi adxudicada a redacción do proxecto de execución desta actuación á empresa 2C Arquitectos. Este contempla a elevación do edificio actual cunha planta adicional que se sumaría ás plantas baixa e semisoto xa existentes.
Esta planta adicional –primeiro andar- terá unha superficie de 776 metros cadrados dos cales 265 estarán destinados a unha terraza ao aire libre. Este andar albergará 5 aulas dirixidas aos nenos e nenas de entre 2 e 3 anos, e contará cun acceso independente mediante rampa a unha zona axardinada. Así mesmo, estará conectado co resto do inmoble mediante escaleiras e ascensor.
Con 907 metros cadrados de superficie, a planta baixa (que da cabida á escola infantil actual) vai ser redistribuída en 8 aulas para nenos e nenas de 0 a 1 e de 1 a 2 anos, así como nun espazo multiuso; mentres que a planta semisoto dará cabida a vestiarios e despachos nun espazo de 128 metros (ademais da xa citada Aula Multimedia con outros case 200 metros).
Fachada acristalada
Por outra parte, grazas ás obras de reforma mudarase en gran medida a fisonomía exterior do inmoble, ao contar a planta de nova factura cunha fachada acristalada.
De acordo coa planificación establecida, e co obxecto de causar os menores inconvenientes posibles, está previsto que as obras teñan lugar durante os tres meses de verán: xullo, agosto e setembro, nos cales por motivos elementais de seguridade a escola estará pechada.
O Executivo xa está a estudar diversas alternativas para aloxar durante estes tres meses ao meirande número de meniños que sexa factible.
Pode que tamén lle interese:
- Ribeira: convenio para axudar a pobres
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario