19.7.11

Ribeira: as deportistas María Vilas, Ana Peleteiro e Adrián Jiménez, recibidos no Concello tralos seus últimos éxitos internacionais

Ribeira, 19 de xullo de 2011.- Arroupados por compañeiros de club, adestradores, directivos, amigos e familiares, os deportistas ribeirenses María Vilas, Ana Peleteiro e Adrián Jiménez foron obxecto dunha recepción oficial no salón plenario da Casa Consistorial a cargo do alcalde Manuel Ruiz Rivas, despois dos extraordinarios éxitos deportivos acadados por aqueles hai dúas fins de semana en distintos campionatos internacionais.  

No transcurso da fin de semana do 8 ao 10 de xullo, a nadadora do Club Natación Riveira María Vilas proclamouse campiona de Europa na distancia de 1.500 metros en categoría junior; Ana Peleteiro, da Asociación Deportiva AD Barbanza de A Pobra, acadou un terceiro posto en triple salto no Campionato Mundial de Atletismo, tamén en categoría junior; mentres que o loitador Adrián Jiménez, do club Natural Sport, logrou o terceiro posto na categoría cadete do Campionato de Europa de Taekwondo. 

Tanto o primeiro edil riveirense como o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga, tamén presente na recepción, cualificaron de “histórico” ese fin de semana ante os excepcionais resultados en campionatos mundiais e europeos. 

Ruiz Rivas fixo fincapé na súa intervención en que os responsables destes éxitos son en primeiro lugar os propios deportistas coa súa capacidade e adestramento e, en segundo lugar, moita xente que está arredor: os adestradores e directivos, dos que destacou o seu altruismo, e sobre todo os seus familiares, “que sempre están aí nos momentos difíciles”. 

O rexedor destacou a extraordinaria evolución que está a rexistrar o mundo do deporte no municipio nas últimas décadas e comprometeu a axuda do Concello aos clubs que representan a Riveira para que incluso nestes tempos de crise poidan seguir medrando no ámbito deportivo. Especialmente salientou a traxectoria desenvolvida polo Club Natación Riveira e o Natural Sport, namentres que no deporte do atletismo recoñeceu ter unha “espiña cravada”. 

Olimpíadas

Así mesmo, manifestou que agora hai que ir polo seguinte reto, consistente  en que  algún deportista de Riveira poida participar nun campionato do mundo absoluto ou incluso unhas olimpíadas. “Isto podería parecer un sono fai moitos anos –afirmou- pero con deportistas coa calidade dos tres que hoxe homenaxeamos pode converterse nunha realidade, quizais non en Londres, pero si máis adiante”. 

Manuel Ruiz entregou a cada un dos deportistas laureados unha placa en recoñecemento dos seus éxitos e un chándal co escudo do Concello bordado. 

María Vilas, Ana Peleteiro e Adrián Jiménez quixeron salientar e agradecer a axuda recibida dos seus adestradores e familiares na súas respectivas carreiras deportivas.

Relacionadas:


Ribeira: recepción no Concello ao Sálvora polos seus trunfos


  Recepción Corea do Sur: unha potencia mundial en taekwondo


Ribeira: novas escolas deportivas de triatlón e mountain bike

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: programada unha excursión ás Cíes o venres 29 de xullo

Media_httpfarm2static_qrowj

A Pobra, 19 de xullo de 2011. O Concello da Pobra do Caramiñal organiza unha Excursión as Illas Cies o vindeiro VENRES 29 DE XULLO DE 2011

A mesma consiste nunha viaxe en Catamarán que sairá do muelle náutico da Pobra do Caramiñal ás 9 da mañá, para pasar todo o día nas Illas.

A chegada unha guía estará esperando ao grupo para facer un percorrido pola mesma. O regreso está estimado para as 18.00 h.

Para máis información poden dirixirse as oficinas do Concello ou a Oficina de Turismo, sita no Parque do Castelo, ou chamando ao teléfono 981843281


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: continúa a pingueira de visitas do centro de España ao museo de Valle

A Pobra, 19 de xullo de 2011. Chegou hoxe un novo grupo de visitantes dende Madrid ao Museo Valle-Inclán. Logo de percorrer o minúsculo casco pobrense e ver a grandiosa Ría de Arousa dende a Curota, achegáronse ao museo adicado ao creador do esperpento. Desta volta foron 35 persoas que, de novo recibidos pola técnica do Museo, Begoña Olveira, puideron ollar as pegadas dun escritor que semella máis aprezado polos académicos casteláns que polos galegos.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cinco operativos da Brilat, con 15 soldados en total, vixían os montes de Barbanza e Noia

  • O xeneral xefe de Pontevedra visitou ao alcalde ribeirense esta mañá
  • Está a visitar a todos os alcaldes da zona, e xa estivo cos de Porto do Son e Noia

Ribeira, 19 de xullo de 2011. O xeneral xefe da Brilat de Pontevedra, José Antonio Alonso Miranda, efectuou esta mañá unha visita de cortesía ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que garda relación co operativo contraincendios de que forma parte a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable. 

O xeneral Alonso explicou que a súa presenza na zona responde a saudar aos alcaldes do contorno (xa estivo cos rexedores de Noia e Porto do Son) e ten como intención tamén observar a pé de campo como traballan as patrullas e visitar os centros de coordinación. 

O mando da Brilat informou de que están operando actualmente nos montes de Barbanza e Muros cinco patrullas formadas por tres compoñentes cada unha. Actúan cunha dobre misión: por unha parte realizan un labor de vixilancia dos montes ante posibles brotes de incendio e en segundo lugar manteñen unha presenza disuasoria que evite que algunhas persoas planten lume intencionadamente. 

O seu campamento base está situado no EVA 10 e á hora de patrullar están en permanente contacto e coordinación cos Distritos Forestais e coa Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural. 

Alonso Miranda explicou así mesmo que se poderían incrementar as cinco patrullas dispostas na zona no caso de que así se requirise por evolucionar as condicións en negativo. 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas agradeceu ao xeneral Alonso que tivese a deferencia de achegarse ao concello e explicou que é unha satisfacción poder expresar no nome de Ribeira a súa grande gratitude tanto polo labor que a Brilat está facendo na zona como, de xeito máis extensivo, polos labores de carácter humanitario que están a realizar en moitos puntos do planeta con risco das súas vidas.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o martes 26 de xullo, charla coloquio sobre narcotráfico, con integrantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico

Ribeira, 19 de xullo de 2011. O vindeiro martes, 26 de xullo, ás sete da tarde, terá lugar nos locais do Liceo Marítimo de Ribeira unha charla coloquio baixo o epígrafe "A loita contra  o narcotráfico e as súas consecuencias". Falarán varios integrantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico, entre os que destacan o seu presidente actual, José Manuel Siso Bartomé, e un membro da directiva, Lorenzo Santos.
Media_httpwwwfundacio_bgsfs

A Fundación contra o Narcotráfico ten unha ampla representación social nos seus compoñentes, pois hai dende curas ata profesores, psicólogos, xornalistas, comerciantes, peixeiros, amas de casa ou sindicalistas. O presidente de honor é o xornalista e escritor de Vilagarcía Felipe Teijeiro Suárez, autor do célebre libro "La operación Nécora", na que, ademais dos principais capos galegos, saía o xuíz estrela entón e defenestrado agora, Baltasar Garzón.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xa hai edificios con contedores para recoller aceite usado de cociña

Recollida Aceite Usado.doc Download this file

Ribeira, 19 de xullo de 2011. Cincuenta días despois de emprender dende a Área de Medio Ambiente do Concello unha campaña de promoción de recollida de aceite vexetal usado en colaboración coas comunidades de veciños do municipio, xa se están a dar os primeiros froitos e, de feito, tres edificios de vivendas radicados na cidade de Ribeira xa dispoñen dende o pasado xuño de contedores específicos para a recollida de aceite sen que o servizo lles implique custo económico algún.  

Concretamente, os tres edificios están localizados na avenida da Coruña (nº 77), na rúa 9 de Agosto (nº 97) e na rúa do Noro (nº2), que solicitou dous contedores en lugar dun. Cada un destes recipientes teñen unhas dimensións de 28 cm. de ancho por 60 cm. de alto e unha capacidade de 50-55 kg. 

Xestoras de comunidades

Co fin de seguir difundindo este servizo, o Concello enviou recentemente unha comunicación a entidades xestoras de comunidades de veciños, algunhas das cales xa amosaron o seu interese en recibir máis información para ser exposta ás correspondentes comunidades. 

A Concellería que dirixe Elvira Pereira Ageitos aproveita para facer un chamamento a todas as comunidades de propietarios que estean interesadas en contar con estes envases. Tan só se teñen que poñer en contacto co Departamento Municipal de Medio Ambiente, que se encargará de efectuar as xestións oportunas para a instalación nos inmobles dos citados contedores.  

A empresa Protección Medioambiental, S.L., é a encargada da recollida e posterior reciclaxe do aceite usado. A frecuencia do servizo vai determinada polo enchido dos contedores, garantindo a súa recollida sempre que sexan requiridos polas comunidades de veciños adheridos. 
 

A recollida de aceite vexetal usado contribúe a reducir o impacto ambiental que provoca o seu vertido na rede de sumidoiros, permitindo alargar a vida útil dos colectores e tubaxes que forman parte da mesma.

Pode que tamén lle interese:


Festa da Dorna: programa, do 20 ao 30 de xullo

Sanidade: charla sobre a xaqueca este mércores 20 en Ribeira


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical