
Noia, porto da BarquiñaNoia, 28 de xuño de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage expuso hoxe a posición socialista sobre a moción conxunta de PP e BNG presentada o pasado venres no pleno do concello de Noia e dixo que “é a primeira vez que vexo dous grupos políticos pedindo que non se fagan inversións nun pobo. É insólito, debería caerlles a cara de vergonza. Os cidadáns deben saber que o candidato do PP de Noia é un irresponsable político”. Lage Tuñas considera que “o candidato do PP de Noia está inhabillitado para volver ser alcalde. Non coñezo ningún responsable público que firmara un documento (MOCIÓN), como fixo el, para pedir que o Goberno non faga inversións no seu pobo. Quedou inhabilitado socialmente, porque puxo por diante intereses diferentes aos intereses xerais de Noia, como é a limpeza e a rexeneración da ría”. O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento entende que o candidato do PP de Noia non representa o sentir da maioría dos votantes do PP, “e está actuando en dirección contraria ao que quere a inmensa maioría do pobo de Noia.” Dende o PSdeG-PSOE consideran “vergonzoso” que o candidato popular de Noia pida paralizar a rexeneración da ría e a eliminación da escollera. Lage Tuñas di que “o candidato do PP fai o contrario do que lle piden os seus votantes, que queren que se limpe a ría e se aproveite a inversión do goberno de España”. O deputado noiés do PSdeG afirma que “todo proxecto é mellorable, pero agora o que toca é aproveitar o proxecto de Costas e rexenerar a ría. Xa haberá tempo para introducir melloras ou facer segundas ou terceiras fases, pero non perdamos de vista que fai máis de 40 anos que Noia leva agardando que algún goberno se acorde de nós, e é agora cun goberno socialista no concello e outro no goberno de España cando é posible e cando hai unha partida económica importante para facer a limpeza da ría e retirar a escollera”. ”Os socialistas co alcalde á cabeza imos seguir traballando para que o Goberno de España invirta en Noia e poidamos levar adiante o proxecto de Costas que permitirá incrementar a producción marisqueira e limpar a ría, devolvéndoa a un estado natural”, subliñou o político noiés, quen tamén lembrou que ”o Goberno socialista de España, a través de Costas, está traballando para que o ano 2011 sexa o ano no que Noia poida comezar a súa recuperación ambiental coa limpeza da ría, e tamén o despegue económico froito do marisqueo e do turismo”.



Escollera: Si, ou non?
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia