Ribeira, 5 de outubro de 2011. A Asociación para a Promoción da Maternidade, Crianza e Lactancia Materna de Ribeira, Achuchar, celebra este venres 7 de outubro a Semana Mundial da Lactancia, con varios actos no colexio de Frións. Será a partir das cinco e media da tarde (17:30) e trátase de actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos. En primeiro lugar haberá unha charla informativa sobre a ximnasia hipopresiva, un método bastante novidoso para fortalecer abdominais e chan pélvico, zonas do corpo das nais que adoitan quedar "aqueladas" logo do parto. Será impartida por Natalia Gantes Mella, licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e tamén especialista en actividade física para a muller, tanto no empreñamento como no postparto.
Para os nenos haberá animación a cárrego da compañía A Run Run (xogos e enredos).
Ribeira, 5 de outubro de 2011.Segundo explicou hoxe en nota de prensa o director do IES Leliadoura, Óscar Núñez, "no IES Leliadoura temos alumnado con necesidades educativas especiais e adaptación curricular individualizada escolarizados nas aulas da ESO e que precisan de apoio de profesorado das especialidades de pedagoxía terapéutica (PT) e de audición e linguaxe (AL). Desde sempre este centro contou con dous profesores de PT para realizar este apoio na ESO. Asemade desde 2006 abriuse unha aula especifica que escolariza a alumnado gravemente afectado. Este curso esta aula ten 4 usuarios (1 máis que o curso anterior), 3 alumnas e un alumno, e é atendida por dúas profesoras. Este curso a Consellería de Educación asignou ao centro unha profesora de AL e unha única profesora de PT (en lugar das dúas coas que viñamos contando en cursos anteriores). Por isto, temporalmente e mentres a Consellería non asignara a segunda praza de PT, tomouse a decisión de que a aula específica tivera un horario atención máis reducido, de 10:00 a 13:00".
Segunda praza de Pedagoxía Teraéutica, sen cubrir
"Despois de agardar durante o primeiro mes do curso por esta asignación pendente, a Administración Educativa informounos finalmente esta semana, e para a nosa sorpresa e indignación, de que esa segunda praza de PT non se vai cubrir durante este curso", explican dende o Leliadoura,onde sosteñen que "a principal consecuencia deste recorte será que no noso centro non dispoñamos de suficiente profesorado especializado para cubrir as necesidades do alumnado que máis dificultades ten no aprendizaxe. Por este motivo tamén, a Dirección do centro, oído o departamento de Orientación, tomou a decisión de voltar ampliar co horario que lle corresponde a aula especifica en detrimento da atención do alumnado con outras necesidades educativas especiais escolarizados na ESO que non van poder ser atendidos no apoio e reforzo que necesitan".
Repulsa polo recorte e posibles medidas de protesta
"Como segunda medida, a Dirección xunto co departamento de Orientación, queremos manifestar e difundir a nosa repulsa ante este último recorte da Administración, sobre todo cando desde a Consellería se informou durante todo o pasado mes de setembro que non habería recortes neste profesorado especializado (PT e AL). Neste sentido pódese citar literalmente a web da Consellería de Educación:
"A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria garante a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención ao apoio aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa – pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe, entre outros-, así como o mantemento da calidade do ensino co curso que comeza este mes de setembro." (Máis información en http://www.edu.xunta.es/web/node/3148
Unha vez informada a comunidade educativa, dende o IES Leliadoura non se descartan futuras medidas contra o citado recorte", rematan.
Gaiola de salmóns. Imaxe de Que pasa na Costa, aquí Muros-Noia, 5 de outubro de 2011. O BNG vén de rexistrar no parlamento galego unha pregunta sobre a aparición de centos de salmón mortos na ría de Muros e Noia. A explicación máis verosímil, en canto a súa orixe, é que procedan da gaiola que a empresa North West Food ten fondeada nesta ría, destinada á cría desta especie e que ten provocado unha moi importante contestación social por parte de mariscadores, mariñeiros e mexilloeiros. Lembran os do BNG da comarca de Muros e Noia que xa se pronunciaron en contra da instalación destas gaiolas por entender que non existen garantías de que non teñan afectación sobre a riquísima biodiversidade dos nosos estuarios e por apostar, ademais, por un xeito de explotación dos nosos recursos pouco sostíbel socialmente e alonxado da práctica habitual no noso territorio, ao realizarse por parte dunha empresa multinacional. Por esa razón, o BNG realizará na Comisión de Pesca e Marisqueo as seguintes preguntas:‐ Que información posúe a Consellería do Mar sobre o feito relatado? ‐ Que accións ten previsto realizar para investigar dito feito e as súas consecuencias? ‐ Que medidas prevé a consellería tomar tanto no apartado da contaminación como no referido á responsabilidade da empresa North West Food, se ao final se confirma dita responsabilidade?Antes, en Certo:
Lage Tuñas cre que o goberno galego "coa súa oposición a este proxecto está negándolle á bisbarra do Barbanza un centro necesario que foi demandado por colectivos sociais e profesionais socio-sanitarios"
O PSdeG recordou que “o proxecto chegou a adxudicarse en 2009 polo goberno galego que preside Feijóo cun orzamento de casi un millón de euros e despois anularon o proxecto e desbotaron a súa recuperación”.
Ribeira conta cun centro de día de Alzheimer, pero non cun centro de saúde mental
Ribeira, 5 de outubro de 2011. O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, interviu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento, para defender unha Proposición Non de Lei, para reclamar ao Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo a recuperación do proxecto do Centro de Saúde Mental de Ribeira.
A iniciativa tiña por obxecto dar unha resposta axeitada no ámbito da saúde mental, tal e como teñen demandado profesionais e colectivos sociais de Ribeira e do conxunto da bisbarra.
O deputado socialista defendía tamén na súa iniciativa incluír unha partida económica no orzamento do ano 2012 para poder executar o proxecto do Centro de Saúde Mental de Ribeira. No debate da iniciativa Lage Tuñas trasladoulle ao Partido Popular a posibilidade de chegar a un acordo facilitando que a financiación fose plurianual e que se executara o proxecto en función dos recursos económicos dispoñibles, comezando en 2012. O PP rexeitou a proposta e votou en contra a pesares dos esforzos para lograr un acordo que fixo o deputado socialista rebaixando a súa petición inicial co obxecto de conseguir sacar adiante o proxecto do centro de saúde mental.
José Manuel Lage dixo na comisión que “á vista dos feitos o Goberno de Feijóo amosa nulo interese por dotar ao Barbanza con este centro de saúde mental”.
O deputado noiés explicou que “esta proposta non é nin un capricho meu nin unha iniciativa de parte senón que responde á demanda dos profesionais e dos colectivos socais, e ademais conta con amplio respaldo de grupos políticos locais e comarcais”.
Lage Tuñas recordou na súa intervención que na pasada lexislatura o anterior Goberno da Xunta de Galicia presidido por Emilio Pérez Touriño proxectou a construcción dun centro de saúde mental no concello de Ribeira e que foi xa baixo o goberno de Feijóo cando se adxudicou a obra de construción. A obra foi adxudicada en agosto de 2009 á empresa Construcións en Pedras Sigrás S. L. segundo se reflicte no Diario Oficial de Galicia do pasado 1 de setembro de 2009, cun prazo de execución de trece meses e medio e un orzamento de 986.574 euros. Sinalou ademais que neste centro tamén se tiña pensado integrar á Unidade de Asistencia a Drogodependentes (UAD).
A posteriori- tal e como explicou Lage Tuñas na comisión- o Goberno de Feijoo paralizou a adxudicación da unidade de saúde mental de Ribeira ao comezo do ano 2010, por un problema relacionado cos terreos onde se ía situar o citado servizo.
O deputado socialista dixo que “goberna o PP no concello de Ribeira, goberna o PP na Xunta, quero crer que se tivesen interese en sacar adiante o proxecto non terían dificultade para salvar o problema que xurdiu cos terreos”.
Non nas prioridades de Feijóo
Así as cousas, critica que no mes de abril de 2010 o Goberno galego presidido por Alberto Núñez Feijóo “desentendíase do proxecto e valoraba cuberta a asistencia a través da rede existente.”
Denunciou que “despois de moitas promesas e compromisos o citado servizo non está dentro das prioridades do actual Goberno galego, como poidemos ver hoxe, xa que eu facilítolles que cheguemos a un acordo entre os grupos parlamentarios con tal de conseguir que se faga o centro de saúde Mental”.
Despois de que o PP rexeitara calquera acordo, Lage Tuñas manifestou que “fomos flexibles nos prazos e na financiación pero o PP non tivo interese ningún en chegar a un acordo. Limitáronse a decir que non, e iso é moi triste”.
O Concello de Ribeira mete unha rifa solidaria na Festa do Maior, que é o 23 de outubro
En Boiro, este venres 7 de outubro, na rúa peonil, actuación benéfica con Mar Davila e gaiteiros Arume
Unha deseñadora, Eva Outeiral, deseñou unha blusa para vendela e doar todo á causa de Paula, que xa está a ser tratada en Alemania da súa falta de óso sacro
Barbanza, 5 de outubro de 2011.- O Concello de Ribeira quere unirse aos actos de colaboración e apoio que están a xurdir por toda a comarca de Barbanza en axuda da pequena Paula, a veciña de Boiro que naceu sen sacro e está a ser tratada en Alemania.
Para tal fin, o Executivo local decidiu que no transcurso da sexta edición da Xuntanza dos Maiores de Ribeira teña lugar unha rifa solidaria coa que recadar fondos que contribúan a axudar á nena e á súa familia.
Cabe recordar que a festa terá lugar este 23 de outubro nunha nova ubicación: a céntrica praza de España, segundo anunciou hai uns días o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio.
Dende hoxe mércores os maiores interesados xa poden retirar as súas entradas na Casa Consistorial (nas dependencias de Tesourería). O prezo son 15 euros. O evento combinará o clásico xantar multitudinario con música e baile, todo elo a resgardo nunha carpa por si houbera incidencias meteorolóxicas. Na edición do ano pasado congregáronse máis dun millar e medio de participantes.
Festival benéfico en Boiro este venres 7
Por outra banda, este venres 7 de outubro, está prevista unha actuación benéfica para Paula a cargo da cantante Mar Davila e o grupo de gaitas Arume de Boiro. Comezará ás dez da noite na rúa Santos Mieites (a peonil, detrás do Concello). Está organizada por cafetería Ría de Arousa, bar Plaza e Cafetería 3,14, todas ubicadas nesa rúa. O caché de Mar Davila é integramente para Paula e o grupo de gaitas Arume colabora de xeito desinteresado. Haberá furna para colaborar con donativos Precisan traxes de Pai Noel e Nai Noel, para calendario solidario Tamén informan de que precisan traxes de Pai e Nai Noel, coa intención de tomar unhas imaxes para o "Calendario Solidario por Paula". Os organizadores desta acción precisan tamén once empresas que se queiran publicitar neste calendario, que non sexan de hostalería.
Ata unha deseñadora puxo o seu gran
Para poder colaborar co caso de Paula, a deseñadora Eva Outeiral deseñou unha blusa de satén branco cun broche conformado por follas de seda, organza e veludo. O seu prezo é de 99 euros, que se van destinar integramente á conta de Paula. Para todos os que queiran vela, probala ou adquirila, está á venta en LuzDoVilar. Máis información en: http://www.facebook.com/PaulaNecesitaAyudahttp://www.youtube.com/watch?v=1K0Qyd3F3gQ
A Pobra do Caramiñal, 5 de outubro de 2011. O pasado luns 3 de outubro tivo lugar a presentación dunha nova edición das xornadas culturais dedicadas a don Ramón María del Valle-Inclán, edición que este ano se convirte na número XIII e se corresponde co 75 aniversario do falecemento do escritor. No acto estiveron presentes a presidenta da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán, Paola García Paz, a secretaria do mesmo grupo, Dolores Devesa, e a Concelleira de Cultura, Encarna González Montemuíño.
Desde o día 4, data en que se inaugura a mostra “As Comedias Bárbaras e o teatro” na Casa da Cultura de Raquel Soler, ata o día 31 deste mes de outubro, vaise suceder un amplo abano de actos, entre os que hai que salientar, ademais da citada exposición, a proxección de dúas películas baseadas en obras do escritor: “Divinas Palabras” e “Tirano Banderas”, e un concerto o día 28 a cargo do músico Teo Cardalda, coñecido no seu día como compoñente do grupo “Cómplices”, no que o artista interpretará algúns poemas de don Ramón musicados por el mesmo. A xa tradicional ofrenda na Praza Cantón da Leña, ante a escultura de Valle-Inclán, terá lugar o día 30 ás 12:30 h. e contará coa presenza de autoridades locais e de varias institucións, ademais de membros da familia Valle-Inclán.
Programa de actividades completo:
DÍA 4 : Inauguración exposición “As Comedias Bárbaras e o teatro”
Casa da Cultura Raquel Soler
Del 4 al 21 de octubre
DÍA 13: Proxección da película “ Divinas palabras “
Auditorio del Museo Valle-Inclán ás 20:30 h.
DÍA 14: Proxección da película “ Tirano Banderas“
Auditorio do Museo Valle-Inclán ás 20:30 h.
DÍA 21: Presentación do libro “Anacaona. El fin de una raza”
De Ramón Carredano Cobas
Coa presenza da monologuista Isabel Veiras
Auditorio do Museo Valle-Inclán ás 20:30 h
DÍA 28: Concerto Teo Cardalda
Teatro Elma ás 21:00 h.
DÍA 30: Ofrenda floral de homenaxe a Valle-Inclán.
Praza do Cantón da Leña ás 12:30 h.
Acompañado polo Grupo de gaitas XIADA
e o grupo de pandereteiras LUMINARIA da Pobra do Caramiñal.
DÍA 30: Grupo de teatro “Bradomín” da Asociación Amas de Casa da Pobra
Presentación da representación “Levadas polo vento”
No Teatro Elma ás 20:00 h
DÍA 31: Magosto organizado pola Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán
Amenizado polo dúo de gaitas “MALVASÍA” de Ribeira
Na Praza Maura e Rúa Unión a partir das 20:00 h
Amigos do Museo Valle-Inclán, o Museo Valle-Inclán e o concello da Pobra do Caramiñal agradecen a súa colaboración a todas as partes colaboradoras e convidan a todos os vecinos a participar destas xornadas.
EXPOSICIÓN “AS COMEDIAS BÁRBARAS E O TEATRO”
O martes, 4 de outubro, tivo lugar na Casa da Cultura Raquel Soler a Inauguración da mostra “As Comedias Bárbaras e o teatro”, programada por iniciativa da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán. Estará aberta ó público ata o vindeiro día 21.
Trátase dunha exposición que quere achegar ó público a relación que a famosa triloxía de Valle-Inclán, ambientada sobre todo na Pobra do Caramiñal, tivo e ten co mundo do teatro. Componse de varias partes: na primeira ofrécense uns trazos biográficos sobre o escritor, o nacemento das Comedias Bárbaras e unha breve reseña sobre as mesmas; un segundo contido no que se explica que son os figuríns e se ofrece unha mostra deles asinadas por Pedro Moreno que pertencen ó fondo da Familia Valle-Inclán Alsina depositado no Museo da Pobra; e unha derradeira parte de carteis e fotografías de representacións tetrais sobre as os tres títulos que compoñen a triloxía, onde as coleccións correspondentes a “Águila de Blasón” e “Romance de lobos” pertencen ó mesmo fondo da familia Valle-Inclán Alsina, e a correspondente a “Cara de Plata”, foi cedida de xeito desinteresado polo Centro de Documentación Teatral para esta mostra e para engrosar os fondos museísticos.
Amigos do Museo agradece a tódalas partes implicadas nesta exposicióna súa colaboración: o Concello da Pobra do Carmiñal, o Museo Valle-Inclán, a familia Valle-Inclán Alsina e o Centro de Documentación Teatral.
Esta nova manifestación cultural foi inaugurada ás 20:30 h. pola concelleira de cultura Encarna González Montemuíño, acompañada polo concelleiro de turismo, Jeús Dieste, a concelleira de Servizos Sociais, Balbina Lojo, e a Secretaria de Amigos do Museo Valle-Inclán, Dolores Devesa Casais.
Rianxo, 5 de outubro de 2011. Este venres, 7 de outubro, ás 20:00 horas, terá lugar no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo, a presentación do libro "Dr. Ángel Baltar Cortés (1868- 1934) Maestro de Cirujanos" do autor Fernando J. Ponte Hernando. Contará coa participación de Xavier Baltar, Xosé Luís Axeitos -secretario da Real Academia Galega- e o alcalde, o nacionalista Adolfo Muíños Sánchez.
Un gran médico cirúrxico galego pero mal poeta (entre as súas estrofas adicoulle varias a Castelao e á Virxe da Guadalupe). Era de Padrón mais con forte ligazón familiar a Rianxo -Xavier Baltar, un dos presentadores, é parente seu-. Ademais de cirurxián foi inventor de aparatos médicos, como se encarga de explicar o autor do libro que se vai presentar no documento seguinte:Pode que tamén lle interese:
O deputado de BNG engadiu que mentres a Xunta permite “un campamento ilegal” na Illa de Ons, quer impedir o asentamento dos seus veciños
Ribeira, 5 de outubro de 2011. O portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira formulou onte unha pregunta en Comisión sobre a prohibición do exercicio da pesca e o marisqueo no ámbito denominado “Parque Nacional das Illas Atlánticas”. Na súa intervención, o nacionalista acusou á Consellería do Mar de manter “un dobre raseiro” por amosarse en contra dos asentamentos humanos na Illa de Ons e o tempo manter un “campamento xuvenil ilegal”.
O nacionalista afirmou que existen zonas nas que se prohibe a actividade pesqueira e marisqueira e noutras restrinxe as condicións de usos o que –na súa opinión- “non ten ningún sentido” xa que a propia consellaría do Mar ten establecido “ cupos de captura, topes e vedas de especies reguladas”.
Trala resposta do Director de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón que afirmou a inexistencia de calquera prohibición para desenvolver a actividade pesqueira e marisqueira, o deputado do BNG afirmou que “o Partido popular considera o parque como temático e incompatible coa pesca e o marisqueo” e reiterou que esta actividade desenvolvese na zona “desde hai séculos” e ten demostrado que poden convivir “a conservación da natureza coa actividade pesqueira e marisqueira”.
O deputado do BNG apelou tamén á conservación de miles de postos de traballo e a un caladoiro que representa o 60% da actividade que desenvolve a flota de baixura das Rías Baixas e acusou de “mentir” a García Borregón por afirmar que na actualidade non existen ningunha restrición na zona para a activade pesqueira e marisqueira.
O sábado, no cinema local, proxeción ás dez da noite
Serie de fotos de cando se rodou o documental. Non o busquen, o castro xa non está
Porto do Son, 5 de outubro de 2011. O documental sobre a cultura castrexa que se rodou nas bisbarras de Barbanza e Noia o ano pasado, por Explora Films, e titulado "El legado celta" estréase a vindeira fin de semana. O venres 14 será presentado á prensa, ás once da mañá, e a continuación será proxectado no cinema de Porto do Son. Para todos os interesados haberá un pase ao día seguinte, ás dez da noite, tamén no cinema de Porto do Son.
No documental achégase a historia do Noroeste da Península Ibérica dende a época megalítica ata a romanización da cultura castrexa. Entre outras cuestións, preténdese respostar ao que sucedía na Gallaecia mentres se estaba a construír Stonehenge, que significado tiñan as antas, de quen se defendían os construtores dos castros amurallados, se existiu realmente unha cultura celta nestas terras, cal era o fluxo de intercambios no Atlántico norte ou que se agochaba detrás do símbolo da C invertida.
En Certo falamos no seu día da rodaxe, e mesmo o noso colaborador Xurxo Ayán participou como asesor neste documental, sobre o que escribiu: