- Lage Tuñas cre que o goberno galego "coa súa oposición a este proxecto está negándolle á bisbarra do Barbanza un centro necesario que foi demandado por colectivos sociais e profesionais socio-sanitarios"
- O PSdeG recordou que “o proxecto chegou a adxudicarse en 2009 polo goberno galego que preside Feijóo cun orzamento de casi un millón de euros e despois anularon o proxecto e desbotaron a súa recuperación”.
Ribeira conta cun centro de día de Alzheimer, pero non cun centro de saúde mental
Ribeira, 5 de outubro de 2011. O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, interviu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento, para defender unha Proposición Non de Lei, para reclamar ao Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo a recuperación do proxecto do Centro de Saúde Mental de Ribeira.
A iniciativa tiña por obxecto dar unha resposta axeitada no ámbito da saúde mental, tal e como teñen demandado profesionais e colectivos sociais de Ribeira e do conxunto da bisbarra.
O deputado socialista defendía tamén na súa iniciativa incluír unha partida económica no orzamento do ano 2012 para poder executar o proxecto do Centro de Saúde Mental de Ribeira. No debate da iniciativa Lage Tuñas trasladoulle ao Partido Popular a posibilidade de chegar a un acordo facilitando que a financiación fose plurianual e que se executara o proxecto en función dos recursos económicos dispoñibles, comezando en 2012. O PP rexeitou a proposta e votou en contra a pesares dos esforzos para lograr un acordo que fixo o deputado socialista rebaixando a súa petición inicial co obxecto de conseguir sacar adiante o proxecto do centro de saúde mental.
José Manuel Lage dixo na comisión que “á vista dos feitos o Goberno de Feijóo amosa nulo interese por dotar ao Barbanza con este centro de saúde mental”.
O deputado noiés explicou que “esta proposta non é nin un capricho meu nin unha iniciativa de parte senón que responde á demanda dos profesionais e dos colectivos socais, e ademais conta con amplio respaldo de grupos políticos locais e comarcais”.
Lage Tuñas recordou na súa intervención que na pasada lexislatura o anterior Goberno da Xunta de Galicia presidido por Emilio Pérez Touriño proxectou a construcción dun centro de saúde mental no concello de Ribeira e que foi xa baixo o goberno de Feijóo cando se adxudicou a obra de construción. A obra foi adxudicada en agosto de 2009 á empresa Construcións en Pedras Sigrás S. L. segundo se reflicte no Diario Oficial de Galicia do pasado 1 de setembro de 2009, cun prazo de execución de trece meses e medio e un orzamento de 986.574 euros. Sinalou ademais que neste centro tamén se tiña pensado integrar á Unidade de Asistencia a Drogodependentes (UAD).
A posteriori- tal e como explicou Lage Tuñas na comisión- o Goberno de Feijoo paralizou a adxudicación da unidade de saúde mental de Ribeira ao comezo do ano 2010, por un problema relacionado cos terreos onde se ía situar o citado servizo.
O deputado socialista dixo que “goberna o PP no concello de Ribeira, goberna o PP na Xunta, quero crer que se tivesen interese en sacar adiante o proxecto non terían dificultade para salvar o problema que xurdiu cos terreos”.
Non nas prioridades de Feijóo
Así as cousas, critica que no mes de abril de 2010 o Goberno galego presidido por Alberto Núñez Feijóo “desentendíase do proxecto e valoraba cuberta a asistencia a través da rede existente.”
Denunciou que “despois de moitas promesas e compromisos o citado servizo non está dentro das prioridades do actual Goberno galego, como poidemos ver hoxe, xa que eu facilítolles que cheguemos a un acordo entre os grupos parlamentarios con tal de conseguir que se faga o centro de saúde Mental”.
Despois de que o PP rexeitara calquera acordo, Lage Tuñas manifestou que “fomos flexibles nos prazos e na financiación pero o PP non tivo interese ningún en chegar a un acordo. Limitáronse a decir que non, e iso é moi triste”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario