14.1.11

Boiro: reelexido Juan Jesús Ares como candidato a alcalde polo Psoe en maio de 2011

A Agrupación Socialista de Boiro elixe a Juan Jesús Ares como candidato para os vindeiros comicios


Boiro, 14 de xaneiro de 2011. A Agrupación Socialista de Boiro celebrou na xornada deste venres 14 de xaneiro unha asemblea extraordinaria na que se produciu  a escolla do cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais, a celebrar, se non pasa nada, o 22 de maio de 2011. Os membros da asemblea depositaron, segundo o secretario de Organización do Psoe boirense, Jorge Campaña "a súa confianza no bo saber facer do actual Secretario Xeral do PsdeG de Boiro, Juan Jesús Ares, quen saiu elixido por unanimidade".

"Dende a asemblea confíase en poder liderar o futuro Goberno Municipal dado, fundamentalmente, ao traballo que se veu facendo nestes últimos anos", engade, e informa de que proximamente "celebrarase un acto no que se realizará a presentación oficial de tódolos compoñentes da lista para os comicios municipais ao conxunto dos boirenses".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: ratificados os cabezas de cartel para as municipais polo Bng na bisbarra Muros-Noia


Ánxela Franco, alcaldable polo Bng en Porto do Son

Noia, 14 de xaneiro de 2011. O Consello Comarcal do BNG de Muros e Noia ratificou hoxe venres 14 de xaneiro aos candidatos que concorrerán como cabezas de lista da organización nos seis concellos da comarca. Catro dos candidatos repetirán como número 1 nas súas respectivas localidades, en concreto: Xosé Ramón Riomao en Outes; Xoan Xosé Blanco en Mazaricos; Bieito González en Noia e Ánxela Franco en Porto do Son. As novidades nas cabezas de lista veñen da man de María Xosé Alfonso, que será a candidata no concello de Muros e Antón Ageitos, en Lousame.

Antón Ageitos, independente e cabeza de lista do Bng en Lousame

O responsábel comarcal do BNG, Manuel González, indicou que "o BNG caracterízase por exercer a democracia plena neste tipo de procesos de tal maneira que son as asembleas locais quenes deciden, sen inxerencia algunha, as candidaturas. Dese xeito, o BNG convértese na primeira organización política que elixe os cabezas de lista en tódolos concellos da comarca".

As aspiracións do BNG nos comicios municipais do domingo 22 de maio aio son as de mellorar os resultados en todos e cada un dos concellos da comarca, consolidando as posicións de goberno alí onde agora as ostenta, Muros e Porto do Son, e loitando por elas no resto dos concellos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: novos arranxos para o Coliseo Noela, que contará con climatización, ascensor, porta contra-incendios e sistema antipánico

Cultura destinará 305.000 euros ás obras, cofinanciadas con fondos Feder e Fondos de Común Inversión (FCI)

O aforo do Coliseo é de 342 localidades

Noia, 14 de xaneiro de 2011. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación do contrato de obras de acondicionamento e reparación do Teatro Coliseo Noela en Noia. As actuacións terán un orzamento base de 304.923 euros, que serán cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no seu 70%, e o Fondo de Común Inversión para o restante 30%. As obras de acondicionamento e reparación terán un prazo máximo de execución de 8 meses e un mínimo de 6.

As actuacións recollidas no proxecto teñen como obxectivo a rehabilitación do edificio, reparación de desperfectos e dotación de elementos que faciliten o uso do mesmo. As obras consistirán especificamente na reparación da cuberta, das pinturas e estucos, dos falsos teitos e da carpintería de madeira; a adaptación da varanda ao Código Técnico da Edificación e a instalación dun sistema de climatización, un ascensor, unha porta contra incendios e sistema antipánico en todas as portas.

As últimas obras no Coliseo foron recentes e ascenderon a case 50.000 euros

O Teatro Coliseo Noela, inaugurado en 1921, atópase nun entorno urbano, na rúa do Curro, preto da igrexa de San Martiño na vila de Noia. Trátase dunha construción da segunda década do século XX, de estilo modernista. O edificio está formado por dous corpos, con cinco arcos na parte inferior que se corresponden a ocos na parte superior. No centro da fachada sobresaen elementos verticais xeométricos de carácter ornamental. A planta do edificio é rectangular cunha escaleira ovalada no seu interior.

O edificio tamén ten sala para exposicións

No seu comezo dedicaba a súa actividade a zarzuelas, teatro, conferencias e concertos ata o ano 1966, cando foi destinado exclusivamente a espectáculos de cine ata 1986. O edificio Teatro Coliseo Noela volveu a abrir as súas portas o 23 de xullo de 1999. Cun aforo de 342 localidades, na actualidade dedícase a espectáculos de teatro, concertos, cine, congresos, música e danza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

2011 jornada hosteleria noia0 falaron

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical