16.8.12

A Pobra: voltan denunciar as malas condicións do campo do Cadreche


Imaxe do 1 de maio de 2011

Pobra.- 16, agosto 2012. En xullo do ano pasado o alcalde e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, inauguraban "a bombo e platillo", denuncia o Psoe pobrense,  o campo de fútbol de Cadreche. A obra foi financiada na súa totalidade pola Deputación e a Xunta de Galicia cunha inversión de 776.950 euros. "Estamos a falar dunha obra que soamente leva un ano en uso e presenta numerosas deficiencias que xa o verán pasado denunciamos e que se fai caso omiso as reivindicacións dos usuarios do campo", apunta Teresa García, portavoz dos socialistas pobrenses.

Sinala ademais que as instalacións adoecen dunha falta total de material e de condicións axeitadas para práctica deportiva e sinala que é preciso dar solucións a unha serie de carencias que deben de corrixirse:

    • Falta de porterías móbiles, dotadas de rodas para evitar danar a herba artificial. As actuais son as que había no campo do Xobre, xa deterioradas.
    • Mellora da rede perimetral, para evitar a saída dos balóns, xa que cada equipo perde diariamente un número importante deles. Neste punto hai que destacar que xa houbo algunhas lesións cando os rapaces van polos desniveis a recoller os balóns. Para elevar a rede perimetral o equipo de goberno pretende aproveitar uns postes da luz, (que xa están amoreados nun lateral do aparcadoiro), apaño insuficiente porque os balóns continuarían saíndo do recinto por non dar a altura necesaria. A rede perimetral debe ter unha altura duns 15 metros aproximadamente.
    • Iluminación insuficiente para a práctica deportiva. Os focos divisasen desde calquera lugar do pobo pero no campo os xogadores ven sombras.
    • O campo de Cadreche carece de gradas e os banquillos adquiríronos de segunda man, colocándoos sobre unha plataforma de cemento, de tal maneira que poden causar accidentes aos xogadores.
    • O acceso ó campo é intransitable no verán, no inverno é unha lameira, que se non se ten coidado terminará por danar o céspede artificial.
    • Ninguén entende como os vestiarios se fixeron o outro lado da entrada o campo. No inverno, con choiva, os nenos teñen que cruzar todo o campo para chegar ao aparcadoiro, xunto aos pais. Os vestiarios son pequenos e insuficientes. Falla de auga quente suficiente para o aseo dos xogadores. Da limpeza dos mesmos encárganse os clubs.
    • A rede perimetral xa está deteriorada porque os rapaces soben por ela para acceder ó campo porque non se dispón dun empregado municipal encargado da instalación. A medida de seguridade que ten a porta da entrada, é un candado.
    • A valla que circunda o campo non conta con proteccións para evitar danos aos xogadores.

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: licitan o arranxo da rúa Vionta de Aguiño

  • O orzamento é de 337.416 euros a executar en cinco meses
Riveira, 16 de agosto de 2012.- Tal e como publica hoxe o BOP, o Concello de Riveira informa da licitación da obra de pavimentación e renovación da Rúa Vionta en Aguiño. O orzamento para realiza-lo proxecto ascende a 337.416 euros e o prazo de execución son 5 meses.

A rúa Vionta é unha das vías máis céntricas da parroquia. A día de hoxe, a súa calzada está feita en aglomerado asfáltico e conta con dous carrís, aínda que un adoita estar ocupado por vehículos estacionados en liña. Non existe beirarrúa en toda a lonxitude da vía, apreciándose unicamente algún tramo curto con formigón e baldosa hidráulica nos seus extremos e no resto só un bordillo de formigón que delimita un espazo para o tránsito peonil de ancho moi reducido e sen pavimentar.

O obxectivo fundamental do proxecto é a reordenación da rúa Vionta que xeito que os peóns poidan transitar por ela de forma cómoda e segura, sen que teñan que circular pola calzada conxuntamente cos vehículos. Ademais, preténdese establecer unha banda diferenciada para aparcamentos en liña, co que a circulación será máis fluída. Por todo isto, vaise implantar un único sentido de circulación, dispoñendo un carril de circulación de 3,75 metros de anchura mínima e unha banda de aparcamentos en liña de 2,25 metros. Por cada marxe da rúa e ao longo da mesma, disporase unha beirrarrúa.

Servizos

En canto á renovación do saneamento, no apartado de abastecemento eliminarase a tubaxe existente de fibrocemento que será suplantada por dous liñas de auga potable (unha debaixo de cada beirarrúa) formadas por tubaxes de polietileno de alta densidade. Instalarase unha nova liña de saneamento formada por 284 metros de colector de PVC liso e 6 metros de tubaxe de fundición dúctil. E disporase unha rede de pluviais formada por colectores de PVC corrugado de 295 metros de lonxitude.

Ademais, substituirase toda a rede aérea de alumeado por canalización soterrada para lograr un menor impacto visual e cada 25 metros se situará un punto de luz. Tamén de colocarán alcorques e bancos de madeira tratada.

A obra enmárcase dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS 2012). O prazo para a presentación de ofertas é de 26 días naturais a partir do seguinte ao da publicación no boletín provincial.





Licitación Rúa Vionta.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un cento de persoas esta fin de semana no cuarto de século do grupo Tahúme

Ribeira, 16 de agosto de 2012. A edil de Cultura, Elvira Pisos, e os mestres de baile e pandeireta da asociación Tahúme, Fran Sieira e Agustina Queiruga, presentaron os actos cos que se pretende festexar o 25º aniversario do grupo.

Así, durante os días 18 -este sábado vindeiro- e 19 -domingo- desenvolverase, a partir das 22 horas, no pavillón de Coroso os actos conmemorativos da asociación. O sábado, 70 antigos integrantes da asociación realizarán un espectáculo de dúas horas de música e baile tradicional galego, amosando as mellores danzas coas que o grupo conseguiu alcanzar importantes recoñecementos en Galicia. Quico Cadaval será o encargado de presentar a cerimonia, que tamén contará coa participación da Asociación Xuvenil Rebuldaina.

No domingo, o grupo invitado A.C. Traspés de Vigo realizará un espectáculo de folclore “De serán en Romaría”, no que se poderá ver a cómo é a danza galega na actualidade.

Tanto a edil como os representantes do colectivo quixeron animar á cidadanía da comarca a que se involucre nesta iniciativa, que forma parte dos actos da Semana do Mar.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xa na Sala Museo a medalla de prata dunha das Heroínas de Sálvora

Ribeira, 16 de agosto de 2012. Dentro da programación da Semana do Mar, a Sala Museo Municipal alberga xa a medalla de prata de salvamento concedida a unha das heroínas de Sálvora, Josefa Parada, condecoración que foi doada o pasado mes aos fondos do museo.

O tenente de alcalde Juan Luis Martínez, a edil de Cultura Elvira Pisos, e a directora do museo, Pilar Casas, presentaron hoxe, xunto con José Parada, a medalla de prata de Salvamento concedida pola Cámara de Comercio de Pontevedra á valente muller.

Josefa Parada Crujeiras tivo o arroxo de saír, na noite do 1 ao 2 de xaneiro de 1921, coa súa dorna para rescatar algunha das vítimas do naufraxio do vapor Santa Isabel, no que chegaron a morrer máis de 200 persoas.

Agradecemento

Juan Luis Martínez agradeceu expresamente a José Parada o feito de que doara a condecoración e salientou o feito de que no 2013 contarase cunha exposición temporal dun ano que abordará a historia do barco vapor Santa Isabel, desde a súa construción nos asteleiros de Matagorda, Puerto Real (Cádiz) ata o seu afundimento en Sálvora, mostrando imaxes e pezas que non se viron ata o momento, como é o caso dos planos que recollen as sucesivas etapas de construción do buque.

José Parada, veciño afincado en EEUU, asegurou que moitos dos detalles que coñece sobre o naufraxio lle foron contados nas moitas conversacións de sobremesa que escoitou, sobre todo por parte de seu pai, no seu fogar. A condecoración exhíbese xunto con outra peza alusiva á traxedia do Santa Isabel: a dunha campá pertencente á embarcación.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: este sábado 18, xornadas de formación de adestradores do Sálvora en Ribeira


Pose, adestrador do Betanzos, é natural de Carreira

Ribeira, 16 de agosto de 2012. Este vindeiro sábado 18 de Agosto de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 no Campo Municipal de A Fieteira o Sálvora realizará unha xornada de formación para os seus adestradores que será impartida polo adestrador do Betanzos CF José Manuel Pose Santamaría, que estará acompañado polo adestrador de porteiros Angel Rico e o preparador físico Cristian Fernández que desempeñan estas función no equipo adestrado polo preparador ribeirense na Terceira división.

Estas xornadas enmárcanse dentro da política da directiva do clube, encabezada por Ramón Martínez que é, na medida das súas posibilidades, poder darlle aos seus adestradores novos métodos de traballo de cara a poder ofrecer aos/ás nenos/as a mellor formación posible. Nesta xornada participaran todos os adestradores que están inmersos en todos os equipos do clube desde Prebenxamíns ata Seniors.

A elección de Jose Manuel Pose (Vilar-Carreira 1977) para impartir esta xornada está motivada a que é un adestrador nado en Ribeira e que tras iniciarse en equipos de Fútbol Base como Montañeros CF pasou a adestrar  a equipos de categoría seniors coma o Atlético Arteixo, Dorneda CF e SD O Val e está realizando desde mediados da temporada pasada as funcións de adestrador do Betanzos CF na 3ª división. Polo tanto consideran desde a directiva que é a persona idónea para poder ofrecer, xunto o seu equipo de traballo, unha formación axeitada para que os adestradores poidan aplicar no traballo de formación que fai o Sálvora.

Desde a directiva agradecen a este equipo de traballo, capitaneado por Jose Manuel Pose, tódalas facilidades que deron desde que lle presentaron a proposta para vir a ensinar unha parte dos seus coñecementos os adestradores deste pequeno clube.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: integrantes da Xunta Xestora e Estatutos da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza

Estatutos da CRMH da Barbanza.pdf Download this file

Ribeira, 16 de agosto de 2012. O pasado luns 13 de agosto, tivo lugar a asemblea constituínte da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Barbanza. Desta asemblea saíu electa unha Xunta Xestora que administrará a Comisión ate o próximo día 10 de setembro que terá lugar a Asemblea de aprobación de estatutos e elección da Xunta Directiva que administrará a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Barbanza.

A Xunta Xestora que saíu electa desta Asemblea está formada por:
• Xan Ermida (Presidente).
• Adrián Romay (Secretario).
• Xosé Alberte Lorenzo (Tesoureiro).
• Xosé Deira (Vocal).
• Aldolfo Muiños (Vocal).
• Xoan Pastor Rodríguez (Vocal).
• Xosé Antonio Pérez Fernández (Vocal).

Tanto dende a Asemblea como desta Xunta Xestora animan a que se una máis xente a esta iniciativa e que asista a próxima Asemblea que se celebrará o próximo 10 de setembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Casa do Mar de Ribeira.


Na información hai unha copia dos estautos por se alguén quixera alegar ou modificar algo, segundo explicou Xosé Alberte Lorenzo Álvarez, o tesoureiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Carta aberta: a Víctor Santamaría, presidente de ADIA en Artes, de Fernando Picón

CARTA ABERTA A VICTOR SANTAMARÍA.docx Download this file

Nota de Certo: como é habitual neste medio, publicamos o que nos chega e dende fontes case sempre solventes. E, como é normal, quen queira réplica, ten todo o dereito.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical