6.10.10

Internet: a difusión da lingua #galega en Twitter deixou hoxe, entre as catro e cinco da tarde, unha pegada histórica

A galega para 145 millóns de usuarios

Creado e xestionado por Henrique Sanfiz | 17 de setembro ás 17:58

Etiquetado como Twitter, lingua, galega

Tentouse posicionar e divulgar o conceito de lingua galega entre os 145 millóns de usuarios de twitter. Buscouse dar a coñecer a existencia do noso idioma no mundo, un xeito máis de lograr prestixialo.
Esta proposta trataba de visibilizar a lingua galega no mundo a través da súa presenza no twitter, rede social que conta con 145 millóns de usuarios, segundo dados de comezos deste mes de setembro. O obxectivo foi posicionar o hashtag #galega entre os "trending topics" (temas do momento) en Twitter.

A proposta foi que se divulgase a iniciativa entre os usuarios de twitter (ou xente disposta a darse de alta nesa rede) a se enviaran twits con ese hashtag o dia 6 de outubro entre as 4 e as 5 da tarde, conmemorando así os 103 anos dende que Manuel Lugrís falou en galego por primeira vez nun mitin político celebrado en Betanzos.

Na iniciativa puidéronse implicar tamén a internautas de Portugal e Brasil, divulgando alí que é a lingua galega as súas orixes, e onde situamos a Galicia.

Por suposto tamén a toda América Latina e aos galegos residentes en calquera parte do mundo.

Estudos optimistas indicaban que bastan con 500 usuarios e 1200 twits para aparecer na lista dos 10 "trending topics" de Twitter. Os bibliotecarios fixeran no pasado mes de agosto unha iniciativa similar e non lograron aparecer a pesar de superar esa cifra.

Logrouse poñer #galega como o tema do momento durante esa hora en España (e como o quinto hashtag do día), con máis de 1300 twits feitos por case 300 usuarios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: publicado o regulamento de uso das pistas deportivas de Barraña, que hai que cumprir dende o 18 de outubro

Boiro, 6 de outubro de 2010. O Concello de Boiro vén de aprobar a normativa pola que, a partir do vindeiro día 18 de outubro, se rexerá o uso das pistas deportivas de Barraña, inauguradas a principios do mes de agosto.

A Concelleira de Deportes, Dores Torrado Ares, manifestou a súa satisfacción polo elevado número de veciños que están a utilizar estas infraestruturas deportivas: “Estamos moi contentos pola acollida e o grado de satisfacción coas instalacións que nos trasladan os usuarios”, declarou a concelleira, quen engadiu que dita normativa é unha ferramenta que permitirá “que as pistas poidan ser utilizadas polo maior número de usuarios posible e nas condicións máis óptimas que sexa posible”. Cabe sinalar que a pista que está a rexistrar unha maior demanda é a de tenis, e que a normativa foi consensuada co Club de Tenis local.

Como ata o de agora, o uso das pistas continuará a ser de carácter gratuíto. O recinto deportivo construído na avenida da Constitución foi financiado con cargo ao Plan E do Goberno central, cun investimento de 218.160 euros. Trátase de tres novas pistas, que contan co equipamento completo e as medidas estándar para a práctica de fútbol sala, tenis e baloncesto.


Curso para futuros coidadores de enfermos de Alzheimer

Por outra banda, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro informou que está a organizar un curso de Atención sociosanitaria a enfermos de Alzheimer, dedicado a aqueles/as profesionais que traballan, ou teñen pensado traballar, en programas relacionados coa xerontoloxía.

O obxectivo principal do curso é o de ensinar ás/ós participantes a aplicación das técnicas e os coidados auxiliares de enfermería segundo as necesidades biolóxicas, psicolóxicas e sociais que o maior sofre na enfermidade do Alzheimer nos diferentes ámbitos de atención.

Trataranse os seguintes módulos:

    * ATENCIÓN XERIÁTRICA
    * HIXIENE ALIMENTARIA
    * ATENCIÓN A ENFERMOS DE ALZHÉIMER

Terá unha duración de 200 horas, teóricas e prácticas, mais non indicaron data aínda. O número de prazas é limitado. Todas aquelas persoas interesadas en participar no dito deberanse anotar no departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro, achegando a seguinte documentación:

    * Fotocopia DNI
    * Certificado de vida laboral
    * Tarxeta do paro, se é o caso.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o venres abre as súas portas a "lan Party Uxíanet 1.0", a 1000 megas de velocidade


A Party máis grande de Galicia faise en Santiago. Imaxe no flickr de ReMuS_87

Ribeira, 6 de outubro de 2010. Multitude de charlas pensadas para o público en xeral, xogos, concursos ou plataformas de baile para os que estean inscritos, ou incluso unha exposición, integran o programa de actividades que se desenvolverán no marco da lan party Uxíanet 1.0., que promove o Concello de Ribeira. O evento abrirá as súas portas no pavillón de Coroso este venres 8 de outubro ás 10 horas e prolongarase de xeito ininterrompido ata o domingo 10 ás 22 horas (os participantes poderán entrar e saír as veces que queiran).

Cabe lembrar que mañá xoves remata o prazo de preinscrición en virtude do cal os interesados poden anotarse na party por un importe de 20 euros (a través da páxina web http://www.uxianet.com). Unha vez comece o evento, a entrada en porta pasará a valer 25 euros.

A celebración está  destinada a toda aquela xente afeccionada á informática que desexe compartir coñecementos, curiosidades e contidos con outras persoas das súas mesmas inquietudes. Non estará permitida a venda de alcohol no interior do recinto. A party contará cunha rede interna a unha velocidade dun Ghz  e cun servidor interno de intercambio de aquivos. 

O primeiro portátil da historia

Segundo a Wikipedia, o Osbourne 1 foi o primeiro portátil da Historia (1981)

Un dos apartados máis atractivos do acontecemento será a Extranet, é dicir, a parte pública que poderá ser visitada por todas as persoas que así o desexen. Aí haberá unha exposición de curiosidades da informática que contará, entre outras curiosidades, con 2 unidades do primeiro portátil que se fabricou (en 1984 e pesaba 11 kilos).

Tamén estarán abertas ao público as charlas que se desenvolverán.

O venres ás 19.00 horas terá lugar unha ponencia titulada “Mellora de equipos informáticos”, na que se explicará o mellor xeito de sacarlle partido a ordenadores que están quedando anticuados.

O sábado contará  con dúas ponencias: ás 12 do mediodía terá lugar unha charla sobre “Utilización da cámara dixital” (consellos e trucos para facer boas fotos), mentres que ás 17 horas terá lugar unha segunda conferencia sobre “Programas de retoque fotográfico”.
 
Por último, o domingo ás 17 horas terá lugar unha conferencia sobre “Linux e Software Libre”.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: Adega denuncia que Ecoembes e a Xunta están a sabotear a planta de compostaxe "por reciclar demasiado"


Ecoembes é a empresa que xestiona o contedor amarelo

6 de outubro de 2010. Segundo informa hoxe a asociación ecoloxista galega Adega, "ECOEMBES, o sistema de xestión do contentor amarelo, pretende pagar só unha parte dos materiais reciclados nas plantas de tratamento. ECOEMBES quere evitar o pago de todo o plástico tipo film (PEBD) que supere a media estatal de reciclaxe, utilizando trécolas contables e contradicindo a  Lei de Envases. A lei 11/1997 di que “os Sistemas Integrados de Xestión deben pagar os materiais recuperados das plantas de tratamento” en función de parámetros de calidade e non de cantidade. A planta do Barbanza recibiu en 2009 un [pdf]  Certificado (39 Kb) (precisamente de ECOEMBES) acreditando que é a instalación coa maior taxa de recuperación por habitante do estado. Agora ECOEMBES, coa connivencia da Xunta, pretende subvertir a filosofía do "punto verde" que premia a recuperación de envases pola de "se reciclas demasiado, non cobras".

ECOEMBES é un Sistema Integrado de Xestión sen ánimo de lucro mediante o que as empresas produtoras de envases e as envasadoras deben pagar unha determinada cantidade por cada envase que poñen no mercado, cartos que se empregan en pagar ás plantas de tratamento polos materiais reciclados. Deste xeito as instalacións que máis e mellor reciclan (como a do Barbanza) son as que máis cobran: a maior reciclado, maiores ingresos. Porén, ECOEMBES pretende subvertir este principio básico de estímulo á reciclaxe para cadrar así as súas contas, reducindo a cantidade de materiais suxeitos a pago e perxudicando á planta de Lousame en beneficio de SOGAMA, cuxas taxas de recuperación son ridículas.

Salarios desorbitantes e xestión nefasta

Aínda sendo unha entidade sen ánimo de lucro, sinala Adega, "11 altos directivos de ECOEMBES encabezados polo presidente de Coca-Cola España, perciben salarios desorbitantes (2,76 millóns de € segundo a Memoria Anual de 2009, páxina 80) o que supón sobresoldos de 250.000 € brutos anuais por cabeza, é dicir case 3 veces máis que Rodríguez Zapatero. Cómpre ter en conta que en 2009, ECOEMBES tivo un déficit de 60 millóns de €, o que provocou unha suba do 35% da cuota anual aos produtores de envases. No entanto, e malia á crise e o déficit, os salarios dos directivos incrementáronse nun 60% (en 2008 foron de 1,66 millóns de €). Alguén quere máis mostras da nefasta xestión de ECOEMBES?"

ECOEMBES, sempre segundo Adega, "pretende tamén incluir as excusas para escatimar o pago dos materiais reciclados na negociación dun convenio marco de 5 anos coa actual Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. Mediante este convenio, ECOEMBES quere oficializar estas cláusulas abusivas e ilegais para aforrarse custos e de paso, poñer en risco a viabilidade económica da Mancomunidade do Barbanza. Ante esta situación, o Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental Justo de Benito amosouse complacido cos termos do convenio, afirmando ademais diante do Comité de Empresa da planta de Lousame que “non pensan mover un dedo para cambiar a situación”.

Resulta lamentábel que os actuais responsábeis da Xunta de Galiza inhíbanse de actuar fronte á cobiza e as ilegalidades de ECOEMBES e permitan que se poña en risco a viabilidade da planta de compostaxe do Barbanza, a máis eficiente do estado. Sen dúbida este desleixo responde á clara intención de dificultar a supervivencia dos sistemas alternativos a SOGAMA, para achantar o camiño á incineración.

ADEGA insta á Xunta de Galiza a que non acepte as cláusulas ilegais que ECOEMBES quere incluir no convenio para afogar a aqueles sistemas que millor reciclan. A Xunta debería facer valer os principios da Lei Galega de Residuos que promoven a reciclaxe e a compostaxe e aplicar a Lei de Envases 11/1997, en troques de ser cómplice da cobiza de ECOEMBES. Neste senso, e de materializarse o convenio nestas condicións, non descartamos acudir á xustiza en defensa da legalidade. Queremos manifestar tamén o noso apoio ás accións e mobilizacións convocadas polo Comité de Empresa da planta de Lousame, para denunciar as consecuencias das políticas de ECOEMBES e da Xunta sobre o futuro da planta de compostaxe máis eficiente do estado.

Web de referencia
http://adega.info

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: alumnos do programa Comenius do "Félix Muriel" voltaron da illa de Kos, en Grecia

Rianxo, 6 de outubro de 2010. Un grupo de alumnos e profesores do IES "Félix Muriel" regresou o pasado sábado da illa grega de Kos, coñecida por ser o berce de Hipócrates, o pai da mediciña moderna, e que se atopa moi perto da costa turca e da antiga Halicarnassos, onde seica estivo situado o templo de Artemisa, considerado unha das sete marabillas do mundo antigo.

Antiga ágora de Kos. Foto da Wikipedia

En Kos tivo lugar o 3º encontro do Programa G.A.T.E.-Comenius, no que cooperan centros de Nordhom (Alemaña), Korczyna (Polonia), Kos (Grecia) e Rianxo, e ten como obxectivo principal a convivencia e a intercomprensión entre alumnado e profesorado de catro rexións fronteirizas  europeas.

O fomento do traballo en común e a idea de intercambio lingüístico-cultural plasmouse desta volta na confección dun glosario en dez linguas europeas, entre elas o galego, que comezou a elaborarse en Kos e que estará rematado antes da derradeira reunión en Nordhom, Alemaña, no vindeiro mes de maio de 2011. Tamén se intercambiaron  en Kos os folletos publicitarios das catro áreas xeógraficas implicadas nos que os centros traballaron desde a anterior reunión.

Segundo explica a coordinadora do programa "Comenius" do instituto rianxeiro, a profesora Rosa María Suárez Redondo, "foi esta unha grande oportunidade da que tiraron proveito os alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo, tanto aqueles que, pola modalidade dos seus estudos,  contactaran previamente coa lingua e cultura clásicas como os que manifestaron querer proseguir a súa formación no Bacharelato Internacional. Cómpre salientar, ademais do excelente ambiente de traballo en común, a desbordante hospitalidade grega, que se manifestou na familiaridade e facilidade no trato persoal e na constante preocupación para que a estancia na illa fora do maior agrado posible para todos os membros do grupo".


Illa de Kos na Wikipedia, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 8 de outubro, Airiños representa "Os vellos non deben de namorarse"

Ribeira, 6 de outubro de 2010. O vindeiro venres día 8 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Ribeira representarase a obra de teatro OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE, a cargo do grupo de teatro AIRIÑOS. Esta representación está enmarcada dentro do Programa de Ocio e Tempo Libre da Asociación AMBAR, e financiada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A obra estará aberta a socios familiares e público en xeral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a vila acolle este venres unha das actuacións do XXI Festival Internacional de Música de Pulso e Púa "Cidade de Cristal"

O certame desenvólvese entre a vila noiesa e A Coruña, Betanzos, Carballo, Culleredo, Pontedeume, Cambre, Cee, Oleiros, Arzúa, Bergondo, Negreira e Sada

Irina Kazimirskaia e Los Trovadores de Logroño. Máis información aquí

Noia, 6 de outubro de 2010. Este venres, 8 de outubro, Noia acolle un dos recitais do XXI Festival Internacional de Música de Pulso e Púa "Cidade de Cristal". Actuará Irina Kazimirskaia e Los Trovadores de Logroño. Terá lugar ás oito e media da tarde no Coliseo Noela, con asistencia libre e gratuita. 

Un total de trece concellos da provincia da Coruña acollen este ano o ciclo de concertos da vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Música de Pulso e Púa “Cidade de Cristal”, unha iniciativa que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Os concertos celébranse entre o 6 e o 10 de outubro na Coruña, Betanzos, Carballo, Culleredo, Pontedeume, Cambre, Cee, Oleiros, Noia, Arzúa, Bergondo, Negreira e Sada. A Deputación da Coruña apostou nestes últimos anos pola potenciación deste festival, que nun principio circunscribíase unicamente á cidade da Coruña e que agora esténdese a numerosos concellos da provincia. Nos seus 21 anos de historia, o Festival Internacional de Música de Pulso e Púa “Cidade de Cristal” trouxo á provincia coruñesa a agrupacións musicais de numerosos países do mundo, fomentando o intercambio cultural entre os pobos e simbolizando a universalidade da linguaxe musical.

Por se quere e pode asistir a algún dos outros concertos, ademais do de Noia, a programación completa é a seguinte:

Mércores, 6 outubro
A Coruña

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia (Brasil)

Salón de Actos do Conservatorio Profesional de Música de A Coruña 19,00 horas
 Jam session night – trae o teu instrumento

Sporting Club Casino da Coruña
23,00 horas

Xoves, 7 outubro

A Coruña

Trío Colombita de Bogotá (Colombia)

Praza de Azcárraga
12,00 horas
 
Betanzos

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia (Brasil)

Auditorio Municipal de Cultura
20,30 horas
 
Carballo

Trío Colombita de Bogotá (Colombia)
Pazo da Cultura
20,30 horas
 
Culleredo

Dúo Fabio Gallucci & Antonio Pilato de Ischia – Nápoles (Italia)

Igrexa Santiago do Burgo
20,30 horas
 
Pontedeume

Irina Kazimirskaia & Los Trovadores de Logroño ( España)
Casa da Cultura
20,30 horas
 

Venres, 8 outubro
 
Cambre

Dúo Fabio Gallucci & Antonio Pilato de Ischia – Nápoles (Italia)

Igrexa de Santa María de Cambre
20,30 horas
 
Cee

Trío Colombita de Bogotá (Colombia)

Salón de Actos do Concello
20,00 horas
 
Oleiros

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia (Brasil)

Auditorio C.C. A Fábrica en Perillo

20,30  horas
Noia

Irina Kazimirskaia & Los Trovadores de Logroño ( España)

Auditorio - Coliseo Noela
20,30 horas

Sábado 9 outubro
 
A Coruña

Irina Kazimirskaia & Los Trovadores de Logroño ( España)
Praza das Bárbaras
12,00 horas
 
Arzúa

Trío Colombita de Bogotá (Colombia)
Capela da Madalena
20,00 horas
 
Bergondo

Dúo Fabio Gallucci & Antonio Pilato de Ischia – Nápoles (Italia)
Mosteiro de Bergondo
19,00 horas
 
Negreira

Irina Kazimirskaia & Los Trovadores de Logroño ( España)
Capela do Cotón
21,00 horas
 
Sada

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia ( Brasil)
Casa da Cultura
20,00 horas
 

Domingo 10 outubro
ACTO DE CLAUSURA
 
A Coruña

Dúo Fabio Gallucci & Antonio Pilato de Ischia – Nápoles (Italia)

Trío Colombita de Bogotá (Colombia)

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia ( Brasil)

Irina Kazimirskaia & Los Trovadores de Logroño ( España)

Orquestra de Alumnos da Agrupación Musical Albéniz

Orquestra da Agrupación Musical Albéniz da Coruña- Grupo de voces Millenium

Actuación final conxunta da Orquestra da Agrupación Musical Albéniz e os grupos do festival
Teatro Rosalía de Castro
12,00 horas
 
A Coruña

Reco do Bandolim & Choro Livre de Brasilia ( Brasil)
Sporting Club Casino da Coruña
20,00 horas

Relacionada:


Cultura: programación de outubro en Noia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a sétima Mostra de Teatro Afeccionado comeza este domingo 10 de outubro cunha obra de Candelexas

Lousame, 6 de outubro de 2010. O Concello de Lousame organiza por sétimo ano consecutivo a Mostra de Teatro Afeccionado. Dende o domingo 10 de outubro, en que se ofrece a obra "Faladoiro no Banco", do grupo noiés Candelexas, ata o domingo 7 de novembro. Todas as funcións son ás  19.00 horas na Casa da Cultura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical