6.10.10

Boiro: publicado o regulamento de uso das pistas deportivas de Barraña, que hai que cumprir dende o 18 de outubro

Boiro, 6 de outubro de 2010. O Concello de Boiro vén de aprobar a normativa pola que, a partir do vindeiro día 18 de outubro, se rexerá o uso das pistas deportivas de Barraña, inauguradas a principios do mes de agosto.

A Concelleira de Deportes, Dores Torrado Ares, manifestou a súa satisfacción polo elevado número de veciños que están a utilizar estas infraestruturas deportivas: “Estamos moi contentos pola acollida e o grado de satisfacción coas instalacións que nos trasladan os usuarios”, declarou a concelleira, quen engadiu que dita normativa é unha ferramenta que permitirá “que as pistas poidan ser utilizadas polo maior número de usuarios posible e nas condicións máis óptimas que sexa posible”. Cabe sinalar que a pista que está a rexistrar unha maior demanda é a de tenis, e que a normativa foi consensuada co Club de Tenis local.

Como ata o de agora, o uso das pistas continuará a ser de carácter gratuíto. O recinto deportivo construído na avenida da Constitución foi financiado con cargo ao Plan E do Goberno central, cun investimento de 218.160 euros. Trátase de tres novas pistas, que contan co equipamento completo e as medidas estándar para a práctica de fútbol sala, tenis e baloncesto.


Curso para futuros coidadores de enfermos de Alzheimer

Por outra banda, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro informou que está a organizar un curso de Atención sociosanitaria a enfermos de Alzheimer, dedicado a aqueles/as profesionais que traballan, ou teñen pensado traballar, en programas relacionados coa xerontoloxía.

O obxectivo principal do curso é o de ensinar ás/ós participantes a aplicación das técnicas e os coidados auxiliares de enfermería segundo as necesidades biolóxicas, psicolóxicas e sociais que o maior sofre na enfermidade do Alzheimer nos diferentes ámbitos de atención.

Trataranse os seguintes módulos:

    * ATENCIÓN XERIÁTRICA
    * HIXIENE ALIMENTARIA
    * ATENCIÓN A ENFERMOS DE ALZHÉIMER

Terá unha duración de 200 horas, teóricas e prácticas, mais non indicaron data aínda. O número de prazas é limitado. Todas aquelas persoas interesadas en participar no dito deberanse anotar no departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro, achegando a seguinte documentación:

    * Fotocopia DNI
    * Certificado de vida laboral
    * Tarxeta do paro, se é o caso.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical