Teresa García Guillán é a máxima responsable dos socialistas pobrensesA Pobra, 20 de novembro de 2010. O Psoe presentou unha moción, rexistrada con data 3 de novembro, referida ás deficiencias nos centros educativos da municipalidade. Tamén se refire na súa nota de prensa á carta da Concellería de Educación da Pobra ás familias que participaban na actividade madrugadores.
Segundo os socialistas, "a aposta deste goberno municipal pola educación como eixo principal da acción de goberno é mera palabrería e propaganda: tratan de repetila mil veces a ver se conseguen que o creamos. Están a potenciar políticas regresivas tales como a suspensión do programa Madrugadores".
Asegura o Psoe que "na Pobra vai ser suspendido o programa Madrugadores pese ás declaracións e propaganda despregadas non hai moito tempo polo Alcalde e a responsable do programa. Os pais souberon o día 19 de novembro que o próximo xoves, día 25 ,queda suspendido o servizo. A comunicación fíxoa a concelleira de Educación a través dunha carta na que argumenta que debido a non reunir o número mínimo de persoas necesarias para manter a actividade que se ven na obriga de deixar de ofertar a actividade". (A carta referida vai adxunta a esta nova).
O número de nenos adscritos ao programa Madrugadores durante este curso é o mesmo que utilizaban este servizo o curso pasado. "Polo tanto, a escusa promovida desde o concello non é crible nin convence a ninguén: o que fai é causar prexuízos aos pais e obrigalos a encontrar en tempo récord persoas coas que poder deixar os fillos, de tal maneira que poidan conciliar a vida familiar coa laboral", sosteñen os socialistas pobrenses, que consideran isto "Un novo ataque á consolidación do Estado do Benestar e de afianzar un sistema educativo público de calidade e excelencia, xustamente cando máis se necesita".
Deficiencias sen arranxar en colexios
Por outra banda, os socialistas denuncian que o perímetro do colexio Salustiano Rey Eiras está aberto ao carecer de reixa metálica. Din que se limpou a maleza que facía de cerre perimetral "e polo visto o concello carece de recursos para pagar unha miserable reixa porque a colocación correría a cargo dos funcionarios da brigada de obras. Temos cartos para facer fillos adoptivos e gastar en pompa e boato pero néganse ao máis necesario e imprescindible".
Tamén lamentan as condicións do terreo que linda coa piscina e co colexio, cheo de maleza. "A nula prevención contra os incendios que está a facer este concello cos edificios públicos é imposible entendela. Este Alcalde insta a particulares a que manteñan as súas propiedades limpas conforme á lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, e permite que os terreos adxacentes a un centro de ensino público e unha piscina municipal corran risco de incendio. Inaudito, salvo que dita lei lle sirva de escusa para perseguir a algúns veciños que non lle gustan ou que entenden que non os votan", conclúen.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia