17.8.11

Ribeira: do venres 19 ao domingo 21 de agosto, V edición da Feira Artesanal e Mariñeira

  • Agárdanse un cento de postos e paradas
  • A feira estará amenizada por actividades que van dende o circo á pirotecnia, pasando por xogos infantís, teatro e música
Ribeira, 17 de agosto de 2011.- Un cento de postos e paradas participarán os vindeiros días 19, 20 e 21 de agosto na quinta edición da Feira Artesanal e Mariñeira de Riveira na que ademais da parte expositiva daranse cita todo tipo actividades de rúa, música tradicional galega e portuguesa, teatro e circo ambulante, contacontos, zancudos, xigantes e cabezudos, xogos infantís, pirotecnia, e outras accións que encherán o acontecemento de divertimento e animación. 

Os concelleiros de Comercio e Turismo, Anxo Orellán, e de Cultura, Elvira Pisos, foron os encargados de explicar polo miúdo o programa desta feira e destacaron a gran implicación recibida por parte de comerciantes e hostaleiros nesta convocatoria. Tamén interviron na presentación os técnicos municipais Unai González e Chiki Durán. 

Sobre a parte expositiva, Elvira Pisos destacou que este ano houbo o dobre de solicitudes que postos se concederon, pois a organización preferiu priorizar “a calidade e diversidade de postos e produtos a ofrecer antes que a cantidade”. Estes stands proceden de lugares como Francia, Portugal, Marrocos, Arxentina, Brasil, Cuba, India e de boa parte de España como Andalucía, Valencia, Cataluña, Asturias, Estremadura, A Rioxa, Castela A Mancha, etc... o que vén  consolidar esta feira como referente en Galicia e en España.  

En canto ao lugar de celebración, nesta edición cambia o itinerario e primarase a zona do Malecón en canto a área expositiva, pois é intención do Concello seguir abrindo o evento ao mar para resaltar a súa temática. Non obstante, tamén se emprazará en zonas peonís como a rúa de Santa Uxía e haberá actividades no entorno da Igrexa parroquial, nas prazas do Concello, Pablo Neruda, de Vigo ou de Ourense, etc... ademais do propio Malecón. 

Concurso de escaparatismo

Segundo referiu Anxo Orellán, esta feira vai supoñer un impulso ao turismo e ao comercio da cidade, e para este fin cóntase coa colaboración da Asociación de Empresarios e do Centro Comercial Aberto Viamare. Unha das novidades desta edición será un concurso de escaparatismo de temática artesanal e mariñeira na que participarán sete establecementos. 

Rutas de tapeo mariñeiro e de cócteis

Outra das novas iniciativas promovidas foi a de involucrar a hostalería local a través de dúas actividades: unha ruta de tapeo mariñeiro (os bares e cafeterías inscritos porán a disposición dos clientes tapas realizadas con produtos do mar) e unha ruta de cócteis da feira (que ofrece a posibilidade de degustar un cóctel propio e único en cada establecemento participante, todos eles con nomes mariñeiros: dorna, galerna, rompente mariña... e así ata 20 variedades). 

Moitos establecementos organizarán ademais actividades paralelas como concertos, exposicións, menús mariñeiros, conxuros de queimadas.... Ademais, algúns establecementos comerciais participarán na parte expositiva da feira ou ben abrirán os seus locais a fin de semana para aproveitarse do tirón de visitantes que se prevé recibir. 

En canto aos elencos que se encargarán de animar as rúas durante a feira, cabe destacar entre eles Confusión de Toledo (con ogros xigantes, figuras...), Al-Folk (formación musical arábigo-andaluz), o grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira, Bom-Bom (teatro ambulante, encantadores de serpes...), Tuttis Catraputtis (grupo de música tradicional portuguesa), Cenáculo Teatro (circo e animación de rúa), Pista Activa (acrobacias, clown, malabares...), A Roda (circo) e Atraspies Circo (espectáculo circense). 

A organización quixo destacar tamén a implicación de distintas asociacións do municipio, como as Amas de Casa ou “Riveira escríbese con v” e convidar á xente que acuda a feira a vestirse de época para darlle máis sabor mariñeiro á feira.

 


Programa da Feira Artesanal e Mariñeira.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este xoves, 18 de agosto, concerto de clausura do I Curso de Saxofón

Concerto_curso_i_saxofon_a4

Rianxo, 17 de agosto de 2011. A Escola de Música de Rianxo comprácese en convidar a todo o mundo ao:
  • CONCERTO CLAUSURA DO I CURSO DE SAXOFÓN
  • MESTRE: Adrián Pais Abuín
  • DÍA: xoves 18 de agosto
  • HORA: 20.30 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo
Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o venres 26 de agosto, presentación do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria"

O BNG EN COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA, ORGANIZA A PRESENTACIÓN DO LIBRO TITULADO “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria” QUE SE VAI A CELEBRAR O VENRES DIA 26 DE AGOSTO A PARTIR DAS 20:30 HORAS, NO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DO ESPÍRITO SANTO (antigo matadeiro municipal)

Noia, 17 de agosto de 2011. Este ano ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional. Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.

No 15 de Xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, co título: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora.

O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX. Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado. 
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.

O acto contará coa presencia do autor, Francisco Rodríguez que estará acompañado polo tamén profesor e crítico literario Xavier Castro.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 19, concerto de Nordestin@s no auditorio, no programa "Galicia é Música"

Rianxo, 17 de agosto de 2011. Este venres 19 de agosto, o grupo Nordestin@s dará un concerto ás dez da noite no auditorio, dentro das "Noites de folc" de Rianxo e traídos polo programa da Consellería de Cultura co gallo do 2011 como Ano da Música, dentro do programa concreto "Galicia é música". 

Dúas voces galegas de máxima actualidade: Guadi Galego Berrogüetto, Espido) e Ugia Pedreira (Chouteira, Marful, Acróbata) fan castelos de area con composicións propias, rodeada do salitre do repertorio mariñeiro do Norte. Todo isto vai envolto coas harmonías contemporáneas, a elegancia e o talento dun dos mellores músicos de jazz da península, o pianista Abe Rábade.

O público interesado poderá retira-las invitacións (2 Por persoa) no propio Auditorio unha hora antes do concerto.

Certame "Aleivosía", o sábado 20

* IX CERTAME BAILE E MUSICA TRADICIONAL ALEIVOSÍA - Sábado 20 - 21.00 h - Praza Castelao
Chega unha nova edición do xa tradicional Certame de Música e Baile organizado pola ASOCIACIÓN CULTURAL FOGO FATUO de Rianxo.
Na mesma, ademáis da participación das diversas agrupacións xurdidas da Escolas de Baile e Pandereta da propia asociación, nesta edición contarán coa Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, en Laracha, como agrupación convidada.


ga-nordestinas-promo.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o sábado 27 de agosto, roteiro de subida ao Monte Muralla

Media_httpfarm4static_jhtrt

Vistas dende Pico Muralla á Ría de Arousa

Rianxo, 17 de agosto de 2011. O Servizo de Deportes organiza para vindeiro 27 de agosto, sábado, a subida ao Monte Muralla. Trátase dunha ruta de 14 quilómetros, de dificultade media-alta e cunha duración estimada de 5 horas. O punto de encontro será as 8:15 h. nas Miráns (Araño). Prevén saír ás 8:30 horas.

A actividade vai dirixida a maiores de 16 anos. A participación de menores desta idade (obrigatoriamente acompañados dun adulto) así coma a de maiores de 60 anos requirirá de autorización previa do Servizo de Deportes.

A inscrición é obrigatoria e poderá formalizarse na oficina do Servizo de Deportes (981.86.63.81), por correo electrónico (deportes@concelloderianxo.es) ou nos pavillóns polideportivos municipais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical