6.9.10

Lingua galega: a Xunta concedeu subvencións para manter servizos lingüísticos en varios concellos e crear un en Porto do Son


No Concello de Porto do Son vaise crear un servizo lingüístico

Barbanza-Noia, 6 de setembro de 2010. Un total de 107 concellos de Galicia recibirán as subvencións que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina a promover a dinamización do galego desde o ámbito local. Isto supón 43 localidades beneficiarias máis que na anterior convocatoria, na que recibiron estas axudas os 63 concellos solicitantes, ademais das catro deputacións.

Nas áreas de Barbanza e Noia, os concellos favorecidos son:

Concello de Outes: Mantemento do servizo lingüístico 8.081,38 €

Concello de Boiro: Mantemento do servizo lingüístico 8.467,60 €

Concello de Muros: Mantemento do servizo lingüístico 7.849,64 €

Concello de Dodro: Mantemento do servizo lingüístico 7.772,40 €

Concello de Ribeira: Mantemento do servizo lingüístico 8.622,08 €

Concello de Porto do Son: Creación dun servizo lingüístico 8.235,86 €

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de facer pública na súa web a asignación das axudas, destinadas á creación e ao mantemento dun servizo lingüístico nos concellos, así como a subvencionar a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega desenvolvidos desde o ámbito local.

Maior impacto económico para os concellos

A convocatoria deste ano mantén a dotación orzamentaria da anterior, un total de 602.668 euros, mentres que se incrementa o impacto económico para os concellos. Fronte a orde de subvencións anterior, a que vén de resolverse non contempla as deputacións como beneficiarias, xa que estas recibirán axudas económicas en materia de dinamización lingüística a través doutras vías de colaboración coa secretaría xeral.

23 concellos solicitaron as axudas agrupados

A convocatoria para a concesión destas axudas supón un importante cambio cualitativo respecto de ordes anteriores, xa que, por primeira vez, puideron optar ás subvencións concellos agrupados que acadaran unha poboación igual ou superior a 3.000 habitantes.Na convocatoria de axudas déuselles prioridade a estas agrupacións

Modalidades de axuda e criterios de valoración

Os 107 concellos beneficiarios recibirán axudas segundo as seguintes modalidades das que consta a convocatoria. En primeiro lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico dun concello. En segundo lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico de dous ou máis concellos agrupados. A terceira modalidade é o mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local. E, finalmente, contémplanse subvencións para o desenvolvemento de actividades e/ou programas de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

Na valoración das solicitudes presentadas tivéronse en conta diversos parámetros, como o poboacional, a consideración estratéxica dos concellos (segundo o tipo de hábitat, o índice de desgaleguización e a continuidade do servizo), as características das actividades de dinamización e a súa adecuación aos ámbitos de actuación que se priorizan na orde e a colaboración con outras entidades no desenvolvemento dos programas de dinamización.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: "Coñece o país" levou a case un cento de veciños á Ribeira Sacra

Dodro, 6 de setembro de 2010. O pasado sábado, 4 de setembro, 95 veciños e veciñas do concello de Dodro viaxaron á Ribeira Sacra dentro do programa de saídas "Coñece o país" que puxo en marcha o nacionalista e responsable da área de Cultura, Anxo Franco.

Nesta ocasión puideron apreciar a natureza salvaxe dos cañóns do Sil, que percorreron en catamarán. A continuación visitaron o mosteiro de Santo Estevo, onde ademáis da súa arquitectura visitaron a exposición de afiadores. Xa en Luintra xantaron o menú típico do lugar: empanada, polbo, carne de vitela ao caldeiro e bica. Pola tarde, ao tratarse dunha terra famosa polo seu viño, visitaron a adega "Regina Viarum" e como remate visitaron a vila de Monforte. Alí, o alcalde de Monforte, o nacionalista Severino Rodríguez Díaz, recibiu ao grupo, dándolles a benvida e ensinándolles eses lugares de Monforte menos habitualmente visitados polos turistas pero realmente interesantes. Durante o percorrido foi explicándolles tamén ao grupo cómo Monforte comezou a vivir de cara ao río e cómo se está a rehabilitar o casco antigo, onde ese mesmo día se estaba a celebrar unha festa xudía, con postos de artesanía (destacaba especialmente o de seda) onde se podía apreciar cómo traballaban os artesáns, e mesmo aprender a facelo.


Xa de volta en Dodro, Anxo Franco deu por finalizado o ciclo de saídas de verán.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación Francisco Lorenzo de Aguiño organiza este ano a Romaxe de Crentes en Monterroso

Ribeira, 6 de setembro de 2010. O próximo sábado día 11 de setembro celebrarase a XXXIII Romaxe de crentes galegos. Desta volta será no Concello de Monterroso (Lugo). Toda a información no cartel.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: es muller? queres ser emprendedora? Organizan un curso en setembro para ti...

Rianxo: o Bng presenta unha moción para crear unha brigada de conservación e limpeza do rural

Rianxo, 6 de setembro de 2010. Os nacionalistas de Rianxo explican que "ao longo de varios meses vímonos facendo eco de diferentes reclamacións veciñais nas que se demandaba limpeza e diferentes actuacións en espazos do rural. Incluso foi obxecto de debate nesta corporación anteriormente, co recoñecemento desta situación por parte do señor alcalde. Achacouse á falta de persoal, a falta de subvencións para contratar operarios por parte da Xunta... Fóron varias as explicacións para xustificar unha situación de progresivo abandono apenas solucionado puntualmente cando é a festa dunha parroquia ou lugar".

Para o Bng rianxeiro, hai dúas posibilidades para resolver o asunto. "Ou facer que as comisións de festas programen dúas festas parroquiais ao ano para obrigar á presenza deses operarios municipais para a limpeza xeral, ou asumir desde xa o executivo a necesidade imperiosa de realizar un mantemento moito máis intensivo dos viais, camiños e zonas de xogo.Precísase unha nova planificación dos recursos humanos e de tempo que se están a destinar a mantemento de xardinería e á limpeza viaria redistribuíndoos, de non poder crear unha brigada específica de traballo no rural para acometer eses traballos referenciados".

Ademais, salientan que "non son só os viais competencia municipal, tamén estradas doutras administracións deben ser obxecto de atención, estrada Asados-Burés, ou Rianxo-Isorna entre outros e a eles deberá dirixirse tamén o concello".

O Grupo Municipal do BNG presentará en pleno unha moción e solicita o apoio da Corporación Municipal para a adopción dos seguintes

A C O R D OS :

  1. Crear unha brigada de conservación e limpeza do rural especificamente dirixida á limpeza e desbroce.

  2. De non poder facelo redistribución e nova planificación dos recursos humanos e de tempo que se están a destinar a mantemento de xardinería e á limpeza no rural.

  3. Garantir dúas limpezas anuais nos viais do concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: O club de remo Cabo de Cruz, gañador da XXII Bandeira de Traíñas "Deputación da Coruña"

Fernández Moreda e José Luis Vergara entregaron os premios aos oito equipos participantes nesta veterana competición
O Club de remo Cabo de Cruz, gañador da XXII Bandeira de Traíñas "Deputación da Coruña", celebrada hoxe en Cedeira
05/09/2010

O Club de Remo Cabo de Cruz foi o gañador da XXII edición da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”, celebrada este mediodía na ría de Cedeira, e que contou coa asistencia do presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, do alcalde da localidade, José Luis Vergara, e de representantes da Federación Galega de Remo, entidade que se encargou da organización do evento.

O presidente da Deputación foi o encargado de entregar a Bandeira aos gañadores da proba, que consistiu en 6 largos e cinco ciabogas, e que se celebrou nunha das rías máis pequenas de Galicia, o que permitiu ao numeroso público asistente seguir a totalidade da regata.

Fernández Moreda e José Luis Vergara foron tamén os responsables de entregar os premios en metálico ás restantes traíñas participantes na proba, que chegaron á meta coa seguinte clasificación:

1.          Club de Remo Cabo de Cruz ............. 3.400 euros

2.          Club de Regatas Perillo................. 2.200 euros

3.          Club de Remo de Ares.....................1.900 euros

4.          Asociación Deportiva Esteirana...........1.600 euros

5.          Club de Remo da Pobra....................1.300 euros

6.          Club de Remo A Cabana.................. 1.050 euros

7.          Club de Remo de Rianxo................... 850 euros

8.          Sociedade Deportiva As Xubias........... 750 euros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical