6.9.10

Lingua galega: a Xunta concedeu subvencións para manter servizos lingüísticos en varios concellos e crear un en Porto do Son


No Concello de Porto do Son vaise crear un servizo lingüístico

Barbanza-Noia, 6 de setembro de 2010. Un total de 107 concellos de Galicia recibirán as subvencións que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina a promover a dinamización do galego desde o ámbito local. Isto supón 43 localidades beneficiarias máis que na anterior convocatoria, na que recibiron estas axudas os 63 concellos solicitantes, ademais das catro deputacións.

Nas áreas de Barbanza e Noia, os concellos favorecidos son:

Concello de Outes: Mantemento do servizo lingüístico 8.081,38 €

Concello de Boiro: Mantemento do servizo lingüístico 8.467,60 €

Concello de Muros: Mantemento do servizo lingüístico 7.849,64 €

Concello de Dodro: Mantemento do servizo lingüístico 7.772,40 €

Concello de Ribeira: Mantemento do servizo lingüístico 8.622,08 €

Concello de Porto do Son: Creación dun servizo lingüístico 8.235,86 €

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de facer pública na súa web a asignación das axudas, destinadas á creación e ao mantemento dun servizo lingüístico nos concellos, así como a subvencionar a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega desenvolvidos desde o ámbito local.

Maior impacto económico para os concellos

A convocatoria deste ano mantén a dotación orzamentaria da anterior, un total de 602.668 euros, mentres que se incrementa o impacto económico para os concellos. Fronte a orde de subvencións anterior, a que vén de resolverse non contempla as deputacións como beneficiarias, xa que estas recibirán axudas económicas en materia de dinamización lingüística a través doutras vías de colaboración coa secretaría xeral.

23 concellos solicitaron as axudas agrupados

A convocatoria para a concesión destas axudas supón un importante cambio cualitativo respecto de ordes anteriores, xa que, por primeira vez, puideron optar ás subvencións concellos agrupados que acadaran unha poboación igual ou superior a 3.000 habitantes.Na convocatoria de axudas déuselles prioridade a estas agrupacións

Modalidades de axuda e criterios de valoración

Os 107 concellos beneficiarios recibirán axudas segundo as seguintes modalidades das que consta a convocatoria. En primeiro lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico dun concello. En segundo lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico de dous ou máis concellos agrupados. A terceira modalidade é o mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local. E, finalmente, contémplanse subvencións para o desenvolvemento de actividades e/ou programas de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

Na valoración das solicitudes presentadas tivéronse en conta diversos parámetros, como o poboacional, a consideración estratéxica dos concellos (segundo o tipo de hábitat, o índice de desgaleguización e a continuidade do servizo), as características das actividades de dinamización e a súa adecuación aos ámbitos de actuación que se priorizan na orde e a colaboración con outras entidades no desenvolvemento dos programas de dinamización.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical