- Agradécelle este xesto a todos os grupos, pero en especial á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza
O escudo da Capitanía Marítima retirouse en 2009 pero dende entón apenas se fixo nada
Ribeira, 7 de marzo de 2013. Ante a nova da creación dunha comisión para cumprir a coñecida Lei da Memoria Histórica no concello de Ribeira, da que van formar parte polo menos un representante de cada un dos partidos con representación municipal (PP, BNG, PSOE e IPdR), a Asociación Cultural Altofalante quere mostrar a súa satisfacción. "Un dos nosos obxectivos como colectivo é a defensa da memoria histórica, que non é máis que a busca consciente de entroncar co noso pasado de xeito xusto e limpo. Nesta liña, en repetidas ocasións nos temos dirixido ao señor alcalde solicitando a retirada da simboloxía fascista do noso concello", sinala Carlos Lixó, presidente de Altofalante.
"Por isto facemos explícito o noso agradecemento ao grupo do BNG, que presentou en decembro de 2012 unha solicitude para que o Concello cumpra e faga efectiva a Lei de Memoria Histórica, e tamén ao resto dos grupos municipais pola unanimidade acadada arredor deste tema. Todas as ribeirás e todos os ribeiráns debemos felicitarnos por iso. De calquera xeito, a pesar da maior ou menor predisposición que poidan presentar os partidos políticos sobre a cuestión, é a presión da xente organizada de xeito autónomo, neste caso na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, quen co seu traballo e coa súa forza fan que esta loita poida ir adiante. A demanda do cumprimento desta lei no noso concello (e en toda Galiza e no Estado español) está a pé de rúa. Nós queremos sumarnos a eles e manifestar o noso apoio a calquera iniciativa orientada cara á eliminación de elementos de honra e exaltación de persoas ou valores antidemócratas e fascistas", remata.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario