20.6.10

Porto do Son: pagamento a expropiados pola mellora estrada Cee-Ribeira o 12 e 13 de xullo

Os veciños afectados terán que trasladarse ata a casa consistorial do concello de Porto do Son. Os donos das fincas cos números da 1 ata a 37 deberán comparecer vindeiro luns, 12 de xullo, das 10.00 ás 13.00 horas; mentres que o martes, 13 de xullo, no mesmo horario, deberán presentarse os propietarios das fincas que van dende o número 38 ata o final


A previsión da Consellería de medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é iniciar as obras no ano 2011

Porto do Son, 20 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia o proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados polas proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada Cee-Ribeira (AC-550) no treito de concentración de accidentes situado entre os puntos quilométricos 98+900 e o 99+800, no termo municipal do Porto do Son. Os vindeiros días 12 e 13 de xullo procederase ao levantamento de actas previas á ocupación. Os veciños afectados por esta actuación terán que trasladarse ata a Casa Consistorial de Porto do Son. Na primeira quenda, (luns, 12 de xullo, das 10,00 ás 13,00 horas) asistirán os titulares das fincas cos números da 1 ata a 37, e ao día seguinte os propietarios das fincas que van dende o número 38 ata o final.



Documentos necesarios
Ao acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome. Deberán presentar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poden facerse acompañar pola súa conta, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de Rois, Lousame e Brión e no Servizo de Estradas da Coruña (Praza Luís Seoane, s/n 8ª planta, 15071 A Coruña).

En cumprimento do artigo 56 da Lei de Expropiación Forzosa, ábrese a información pública durante un prazo de 15 días, a partir de mañá, e ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente. A finalidade é que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo de Estradas da Coruña as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola ocupación.

Obxectivo das obras
O obxectivo deste proxecto é a realización de obras de construción de beirarrúas e aparcamentos, mellora e reordenación de interseccións e rehabilitación de superficie do firme coa finalidade de mellora de seguridade na estrada AC-550, nun treito próximo ao un quilómetro de lonxitude.

Cómpre sinalar que esta actuación realizase baixo a declaración de urxencia, porque o motivo da súa materialización é eliminar un treito de concentración de accidentes, evitando riscos innecesarios para os veciños do Porto do Son, que circulan por esta vía para acceder ás súas vivendas e algúns servizos públicos.

De xeito paralelo, a Xunta de Galicia traballa na licitación dunha asistencia técnica para iniciar o proceso de expropiación. A previsión é iniciar as obras no ano 2011.



O proxecto
A mellora de seguridade viaria na estrada AC-550 no treito comprendido entre os pk 98+900 e 99+800 consiste esencialmente no acondicionamento da travesía de poboación e a mellora de interseccións para eliminar o treito de concentración de accidentes neste punto da estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia. O orzamento reservado polo departamento que dirixe Agustín Hernández ascende a máis de 921.000 euros.

A lonxitude do treito no que se vai a actuar é de 900 metros e ao seu remate esta zona terá unha sección tipo de máis de 10 metros, xa que constará de dous carrís de 3,30 metros cada un, dúas beiravías de 0,50 metros cada unha e dúas beirarrúas de 2 metros cada unidade. Para a materialización destas obras será necesario escavar máis de 2.000 metros cúbicos de terra e empregar 1.500 toneladas de mestura bituminosa en quente. Tamén se executarán os traballos de restauración paisaxística, de drenaxe lonxitudinal e transversal e de sinalización e balizamento. Os preto de 10.000 veciños de Porto do Son veranse afectados por estas obras durante seis meses, mentres que a poboación servida ao remate da actuación será de 37.385 habitantes de Porto do Son e Ribeira.

O 4 de febreiro de 2010 publicamos...

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Lingua galega: dende a capital americana do polo frito, "Vive o galego"

Zan Hoffmann -usuario zanstones de Youtube- compuxo este tema en defensa do idioma e fixo o vídeo -tan mareante como a canción- na Serra da Capelada, ao pé do santuario de San Andrés de Teixido. "Inspired by modern and historic Galego language prosecution I was inspired to write this Galego language anthem", argumenta.
Lyrics:
Galego translation by Ana Belén Barrera:
Vive o galego!
Esta é a historia dun home que é po,
cuxo nome, se o dis, deixa mal sabor de boca.
Un día embebedouse co poder e,
drogado pola desconfianza,
tratou de borrar das bocas da súa xente
as verbas coas que falaban dos seus mundos e das súas vidas
Dixo: para avanzar cara o futuro, a vosa lingua ten que morrer
E este home esmagou o que non puido destruír
Pero as verbas dun pobo resisten unha vida de odio e rancor
Agora el é po, e a lingua está viva
Franco está morto mais vive a Galiza
Franco non puido co galego, aínda que o intentou.
Este conto non rematou no setenta e cinco
Ao inferno co estado!!!
Fala galego para que sobreviva"
Quen é Zan Hoffman?

O seu MySpace: http://www.myspace.com/zanhoffmanlive
E a súa estadía por estas terras en http://zhspain.blogspot.com
(vía Vieiros)

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Dodro: I roteiro "Pensa Nao" e I Trofeo de Xadrez "Concello de Dodro"

Anxo Angueira explicoulles "Pensa Nao" aos camiñantes do roteiro literario

Dodro, 20 de xuño de 2010. A Concellaría de Desenvolvemento Local pola mañá e a concellaría de Cultura e Patrimonio pola tarde completaron un sábado 19 de xuño cheo de actividades en Dodro. 

Pola mañá a Concellaría de Desenvolvemento Local que dirixe o nacionalista Guillermo González Baleirón organizou o roteiro literario Pensa Nao, baseado na novela de igual título que discorre por terras de Laíño, do escritor de Manselle Anxo Angueira, que foi quen lle narrou aos asistentes aspectos importantes da novela en relación ao roteiro que se estaba a facer. 

O roteiro percorre uns 8 quilómetros e fixérono unhas 30 persoas

Fixeron o percorrido, duns oito quilómetros de lonxitude, unhas trinta persoas, e todas elas recibiron unha camiseta do propio roteiro antes da súa saída. 

O roteiro pasa polas carballeiras do Pazo de Hermida

Xa pola tarde celebrouse na localidade de Lestrobe o I Torneo de Xadrez Concello de Dodro, patrocinado pola Concellaría de Cultura e no que colaborou na súa organización o Clube de Xadrez de Padrón. En total participaron trinta e dous xogadores. O torneo celebrouse co sistema suizo de seis rondas.

Participantes no I Trofeo de Xadrez "Concello de Dodro"

Nunha clasificación final moi apretada, o campión foi Manuel Abuín Boullón, con 5,5 puntos, seguido de Antonio Susavila con 5 puntos e por Jesús Rodríguez con 4,5 puntos. A cada un deles foilles entregado un trofeo, e ao resto dos participantes unha medalla, con mención especial para os primeiros tres clasificados das categorías sub-8, sub-10 e sub-14, ademáis do primeiro premio ao máis veterano, ao xogador local e feminino. 

O nacionalista Anxo Franco valorou "moi positivamente esta experiencia, xa que era o primeiro torneo de xadrez organizado polo Concello de Dodro e superáronse todas as previsión iniciais de participación".

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical